Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

30/8/10

Valoración das festas

Os socialistas rexeitan as declaracións machistas e “casposas” do concelleiro Jaime Ramos
O xa tradicional rexeite do PP cara a Festa da Auga resulta indignante. Se o PP quere aportar algo ás festas, que apoie a histórica demanda de Vilagarcía de non ser despreciada polos gobernos autonómicos do PP en comparación coas festas do Albariño.

Vilagarcía de Arousa, 30 de agosto de 2010.- O Partido Socialista de Vilagarcía sitúase entre a sorpresa e a indignación ante as declaracións feitas polo concelleiro do PP Jaime Ramos en representación da súa formación política, sobre o conxunto de actividades en Vilagarcía durante a época de festas locais.

En primeiro lugar, os socialistas consideramos que a postura do PP de considerar que festexos como a Festa da Auga ou o Combate Naval, que atraen a Vilagarcía a decenas de miles de persoas, non estiveron á altura da cidade semella un delirio fora de lugar. É ben certo, como todo o mundo sabe, que a dereita política vilagarciana está dende sempre abertamente en contra da Festa da Auga, e que cando o PP gobernou este Concello fixo grandes esforzos por prescindir dela, superados daquela pola forza dos organizadores e o apoio cidadán. Hoxe é un dos buques insignia das festas de San Roque, a pesar do PP. A afluencia de público que a disfruta, coa súa repercusión económica na cidade, é o seu maior aval ante o que parece que Ramos pecha os ollos. Pero as festas de Vilagarcía teñen moito mais, e se Jaime Ramos tivera a ben ter preguntado aos veciños, comprobaría como este ano recórdase como un dos de maior número de xente na rúa.

Sen embargo resulta pasmoso que o mais importante para o PP de Vilagarcía é recuperar a elección da raíña das festas e criticar, con tintes fóbicos totalmente rexeitables, algúns elementos puntuais do desfile de carrozas. Os socialistas consideramos que, máis alá de apostas escénicas moi concretas sobre as que reflexionar para continuamente mellorar no futuro, a xa superada (por fortuna) elección da raíña das festas respondía a unha casposa e retrógrada concepción machista da sociedade, que parece que todavía non foi superada polo PP, que concibe á muller como elemento de exhibición. Invitamos os socialistas ao PP, e particularmente ao señor Ramos, a que supere esas arcaicas posturas e se una a unha sociedade avanzada, para a que as súas declaracións supoñen un retroceso. Esperamos que o señor Fole, presidente do PP e responsable último das declaracións do señor Ramos, pida desculpas por esta desafortunada aparición pública do concelleiro do seu grupo municipal.

Sen embargo, e aproveitando a valoración que Jaime Ramos fixo sobre os concertos en Vilagarcía, os socialistas queremos recordarlle cal podía ser a súa aportación. En Vilagarcía superouse a crítica situación económica xeral, que non permitía grandes inversións, cunha bagaxe de actuacións musicais que, como todo o mundo comprobou, foron atractivas para moitos sectores da poboación. Pero non estaría de más que o PP apoiara dunha vez por todas a demanda xa histórica de Vilagarcía de non ser despreciada polos gobernos do PP na Xunta de Galicia en comparación coas festas do Albariño. Na vila cambadesa, a “niña bonita” do PP, as subvencións e axudas públicas para as festas caen a mans cheas, mentres en Vilagarcía seguimos a esperar por un trato xusto, coa complicidade sangrante e ofensiva tanto do señor Ramos, como do presidente do PP Tomás Fole e da deputada Marta Rodríguez.

Esperamos que o señor Ramos, e o seu dirixente Tomás Fole, teñan a ben reflexionar sobre a súa posición sobre as festas e, se ben teñen toda a lexitimidade para platenxar as críticas que consideren oportunas, entendan a súa pertenza á sociedade do século XXI e non anhelen outras épocas que, por fortuna, deixamos atrás.

25/8/10

Toma de posesión como concelleira de Tania García

O pasado xoves día 26 celebrouse o pleno ordinario do mes de agosto do Concello de Vilagarcía. Como é habitual, a sesión tivo lugar ás 18.00h no salón de plenos do edificio do Concello.

O primeiro punto da orde do día foi a toma de posesión como concelleira da compañeira Tania García, que xa forma parte do grupo municipal socialista e do Goberno Municipal despois da renuncia por motivos persoais de Dolores Couso. A nosa compañeira, e secretaria xeral desta agrupación de Vilagarcía, Tania García sustitúe a Dolores Couso pola rigurosa continuación da orde da lista da candidatura presentada nas eleccións municipais de 2007, e asume as competencias da anterior compañeira: limpeza, parques e xardíns.

Dende este espazo desexámoslle á nosa nova representante no pleno municipal unha boa andaina e un bo facer nas súas responsabilidades, que a ben seguro desenvolverá satisfactoriamente.

Asimesmo, queremos facer constar o noso agradecemento á compañeira Dolores Couso, pola súa dedicación ao servizo público e a súa vontade de participar no traballo para os demais que supón a política local.

23/8/10

Salarios públicos

Tomás Fole cae na hipocresía para tentar atacar ao Goberno Local
O voceiro do PP en Vilagarcía pretende utilizar os soldos públicos como arma arroxadiza, cando él mesmo cobra tanto como a alcaldesa de Vilagarcía por un posto de traballo que pagamos todos e do que non se coñece nin onde está o seu despacho
Os socialistas instamos a Tomás Fole a que faga público o seu salario e os seus resultados da súa labor no IPESPO

Vilagarcía de Arousa, 23 de agosto de 2010.- A comisión executiva do PsdeG – PSOE de Vilagarcía de Arousa considera totalmente desafortunadas as declaracións feitas nos pasados días polo voceiro do PP nesta vila, Tomás Fole, sobre os salarios e e retribucións das persoas que dedican seu tempo á función pública. Os socialistas consideramos que non é para nada positivo entrar en debates demagóxicos e estériles, xa que o ataque neste sentido a persoas que exercen o servicio público soamente por facelo dende posturas políticamente distintas, acaba por repercutir negativamente sobre toda a valía do sistema en xeral. Nos tempos nos que estamos, os socialistas estimamos que é máis necesaria a colaboración que o enfrontamento, e menos se o que propicia este é o descrédito dunha labor que, alomenos dende esta formación política, seguimos considerando imprescindible.

Resulta desesperanzador que o señor Fole tente menoscabar o esforzo que fan as persoas que se dedican ao mesmo que él, acerten ou se equivoquen, teñan bos resultados ou lle saian mal as cousas, apelando para eso a manipulacións dos datos con intencións electoralistas. Efectivamente, os soldos cobrados polos concelleiros en Vilagarcía son públicos, igual que o foron cando o señor Fole estaba liberado durante catro anos e nos que non o escoitamos queixarse, e son os cidadáns co seo voto e a súa forza social os que valorarán se están ben invertidos ou non.

En todo caso cabe recordarlle ao señor Fole que os concelleiros de Vilagarcía son elixidos democráticamente, e a súa labor e os seus honorarios están por iso totalmente lexitimados. ¿Pódese dicir o mesmo de Tomás Fole? Non pensamos así dende o Partido Socialista xa que foi colocado a dedo por Rafael Louzán, presidindo un chiringuito chamado IPESPO do que non lle deixan presentar os actos públicos pero do que cobra tanto como a alcaldesa de Vilagarcía, e máis que calquera dos concelleiros que critica. Esa é a realidade do señor Fole, ao que instamos dende o PsdeG agora a que faga públicos os resultados, os obxectidos conseguidos e incluso onde está o seu despacho, xa que o salario que lle paga a Deputación de Pontevedra sae dos cartos de todos e temos dereito a coñecer se fai algo productivo, ou se soamente se dedica a pasear por Vilagarcía para deixarse ver.

O que o señor Fole debería de facer é traballar, e propoñer alternativas cando considera que a xestión do Goberno de Vilagarcía non é boa nalgún aspecto. Por agora, os cidadáns seguen a esperar a primeira vez que Fole aporta algo positivo, e non recurre á hipocresía de máis baixo nivel menospreciando a labor dos que, alomenos, traballan en política e non viven dela sen dar un pau ao auga.

7/8/10

Obras do AVE en Galicia, e resposta ás declaracións de EU-IU

O PsdeG de Vilagarcía defenden os prazos comprometidos polo Ministro José Blanco para as obras do AVE.
As obras do AVE en Vilagarcía repercutirán en beneficios para os vilagarciáns.
Os socialistas recórdanlle a Juan Fajardo o seu sistemático posicionamento co PP contra o goberno de progreso en Vilagarcía.


Vilagarcía de Arousa, 07 de agosto de 2010.- A situación das obras do AVE en Galicia, e particularmente en Vilagarcía, supoñen un tema de total interese para o Partido Socialista. Nese sentido, os socialistas entendemos a situación económica actual e os resultados que provoca. Aínda así, as recentes informacións que o Ministerio de Fomento está a dar sobre os investimentos en Galicia resultan esperanzadoras, pois o esforzo estase a ver plasmado no mantemento de moitos destes investimentos e tratando de cumprir os prazos posibles. De maneira concreta sobre as obras do AVE, o Ministro José Blanco traballou no aumento dos presupostos ata 256 millóns de euros este ano, e fixo públicos os datos para os vindeiros anos, nos que o AVE estará listo Galicia invertindo cerca de 800 millóns de euros en total.

A pesares da comprensión que merece a situación actual, e a actuación de Fomento que está a afrontar a crise tentando de manter o máximo posible dos investimentos e dos prazos, resulta desquiciante escoitar algunhas posturas delirantes que pretenden acadar un protagonismo inexistente a través da verborrea barata. O portavoz de EU en Vilagarcía, Juan Fajardo, ven de realizar unhas declaracións totalmente irrespetuosas, faltas de toda educación contra persoas, pretendendo camuflalas de opinión política. Non obstante, e demostrando moi pouco coñecemento do asunto que trata, ante os anuncios xa mencionados do ministerio de Fomento, Juan Fajardo eleva unha protesta polas obras do AVE en Vilagarcía na que non aporta ningunha proposta nin idea. Non escoitamos a Fajardo apoiar a creación de empleo coas propias obras do AVE no seu momento, pero si agora pretende capitalizar unha queixa sen dar ningunha solución.

O señor Fajardo, eso si, manifesta a súa dúbida sobre as actuacións previstas en colaboración co Ministerio de Fomento en Pinar do Rei. Neste sentido debería de preocuparse de saber o que ocurre no seu Concello, e tería coñecemento de que o Goberno Municipal está a negociar coa empresa os prazos e os servizos no entorno de Pinar do Rei que suporán un importante beneficio para Vilagarcía, e que ao longo desta semana daranse a coñecer.

O que resulta definitivamente desesperanzador é a actitude sobre o que Fajardo chama unha “pinza entre o PSOE e o PP”. EU de Vilagarcía, e particularmente Juan Fajardo, xa están hoxe en día totalmente deslexitimados pola cidadanía para falar de eso. EU converteuse na esquerda que desexan dende o PP: contribue máis que nadie á inestabilidade política do Goberno Municipal e faille o xogo sucio á dereita, pero no momento en que tiveron que dar o paso de gobernar mostraron a súa total falta de responsabilidade. Sería recomendable que o señor Fajardo contabilizase as veces que votou igual que o PP no Pleno de Vilagarcía, e así amosaríanos a todos realmente cal é a súa función: servir de brazo executor dos populares, sen que todavía teñamos claro cal é a súa contraprestación.