Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

30/4/13

O PSdeG de Vilagarcía censura a actitude “déspota” do Alcalde Tomás Fole, exemplarizada coa súa actuación de onte no Pleno


Os socialistas consideran “bochornosa” a idea de dar orde á Policía Local de controlar o acceso ao Pleno Municipal dos veciños

Os “desaires” e a “horrorosa educación” amosada cara outros concelleiros, cando se tratou a situación do concelleiro de cultura, fan a Fole cómplice da situación e Tania García pídelle que cese a Francisco González

Vilagarcía de Arousa, 30 de abril de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía cargaron hoxe duramente contra a actitude do Alcalde no Pleno Municipal de onte, no que se viviron escenas “de auténtica vergoña allea” ante a posición tomada por Fole e o grupo de goberno.
O control riguroso de acceso dos veciños ao Pleno é un punto de crítica para os representantes do PSdeG. A voceira do grupo socialista, Tania García, apuntou que resultou “bochornoso” ver aos membros da Policía Local, que teñen moito traballo por facer moito máis produtivo, controlando o acceso ao Pleno coma se fora unha festa con invitados á que só poden acceder algunas persoas e outras non”. Para García, “o Pleno de Vilagarcía é un Pleno que acostuma a ter participación veciñal cando hai cuestións que o merecen, porque os colectivos e os cidadáns de Vilagarcía queren ser parte activa das decisión sobre a nosa vila. Eso non pode ser motivo de intimidación pedindo nomes e controlando accesos arbitrariamente”. Para a voceira do PSdeG “por moita actividade e reclamacións que existan nos Plenos, o control previo con identificación é unha medida desproporcionada”. “Dá a sensación de que se lle quere facer saber aos veciños que se alguén quere ir dicir algo ao Pleno, o Goberno Local vai saber quen é”, apuntou Tania García, e plantexou que “nestes tempos en que as institucións e a representación cidadá está en tela de xuízo, semella unha visión moi cortoplacista pretender coartar a asistencia e participación da cidadanía a estas institucións. Este só xenera un maior desapego e unha maior sensación de afastamento. Este Goberno Local está alimentando a sensación de non ser representante de ninguén”. “Resultou bochornoso” concluíu García.
“Despotismo estrellado”
Pero sen dúbida, a cuestión que mais ofendeu ao grupo socialista foi a actitude tomada polo Alcalde no punto referido á petición de comparecencia do concelleiro de cultura, Francisco González, para que explique os datos feitos públicos polo Partido Socialista sobre os 150.000€ cobrados en subvencións para a súa asociación Dobre Espazo. Ademais os socialistas xa manifestaron as súas dúbidas sobre algunas actividades concretas como o chamado Feirón Solidario, polo que a asociación de González recibíu case 5.000€ en axudas públicas e que segundo a asociación foi celebrado o 3 de xullo de 2011 en Vilagarcía pero do que non consta en ningures a súa realización, e sobre o que o propio Francisco González recoñeceu que “realizouse en outro lugar” aínda que non soubo explicar onde.
Todas estas cuestións, e outras referidas ao aínda concelleiro de cultura, merecen unha comparecencia segundo interpretan os socialistas e así foi plantexado ao Pleno. Non entanto, a actitude do Alcalde neste punto da orde do día “sobrepasou as liñas do aceptable”, segundo manifestan dende a formación socialista. Tania García espuxo que “lamentablemente, ante unha situación na que é preciso clarexar todo o posible, o Alcalde decidíu salir en defensa do seu concelleiro e facelo polo método PP: insultar e descalificar aos demais”. Referiuse García a actitude “belixerante e ofensiva” que tivo Fole cara os concelleiros socialistas, e que “cruzou a liña da decencia” cando atacou ao concelleiro Miro Serén increpándolle que participara do feito de facer públicas as informacións sobre Francisco González, e comparándoo con que o Alcalde tamén podería “estudiar os comportamentos de Serén como mestre no seu traballo”. Esta apelación é considerada polo propio Serén como “unha perda de papeles absoluta” e, ao igual que xa fixo no Pleno, abríu a invitación a Fole “para que estudie con total detalle a miña labor profesional, a que fale con calquera compañeiro, a que analice as contas do centro que dirixo número por número, céntimo por céntimo”. Para Serén “as mencións, xa non esporádicas, ao meu traballo, que Fole fai cando existe unha crítica respecto das responsabilidades políticas do Goberno, son inaceptables e unha mistura de temas que comeza a ser indecente”. Apuntou Serén que Fole se comporta como un “déspota”, mais aclarou que “non ilustrado polo saber, senón estrellado pola súa incapacidade”. Tania García definíu a actuación de Fole onte como un “descarrilamento argumental” no que amosou unha “horrorosa educación” e certos “desaires impropios dun representante público”. Para os socialistas, Fole ten dúas opcións “ou reclama de Francisco González a súa dimisión dado o silencio e a imposibilidade de explicar todo o referente á suma desorbitada de subvencións públicas opacamente xustificadas, ou se convirte en cómplice e será igual de responsable que o concelleiro”. Os socialistas advirten de que “no caso de que a situación de González se agrave, agravarase tamén a do Alcalde”. Tania García concluíu “ou Fole lle pide o cese a González, ou nós teremos que pedirlle a dimisión aos dous”. 

27/4/13

Os socialistas confían en que se aprobe a súa petición de comparecencia do concelleiro de cultura para dar explicacións sobre os 150.000€ cobrados en subvencións


Tania García pídelle que faga pública a memoria e os gastos do Feirón Solidario e o Organigrama da Directiva da asociación.
Os socialistas solicitan que non se aplique a Ordenanza de circulación polos erros detectados no texto normativo e no formulario de solicitude das tarxetas de residente.

Vilagarcía de Arousa, 27 de abril de 2013.- Os socialistas solicitaron esta semana por escrito a comparecencia do concelleiro delegado de cultura, Francisco González, que será sometida a votación no pleno do luns. Dende o PSdeG confían en que esta solicitude sexa aprobada xa que, a pesares da gravidade do caso, o concelleiro de cultura apenas deu explicacións e soamentes se centrou en criticar á voceira socialista e o Alcalde desapareceu desta cuestión e quedouse nun silencio que Tania García definiu como “sospeitosamente cómplice”.  De ser aprobada a solicitude, o concelleiro, deberá comparecer na sesión plenaria correspondente ao mes de maio. Os socialistas consideran necesario que o “concelleiro clarexe todas as actividades polas que a súa asociación cobrou axudas públicas por valor de 150.000€”. De maneira especial o PSdeG considera necesario “que sexa esclarecido o relativo a actividade Feirón Solidario, subvencionada con máis de 4.500€ pola Xunta de Galicia, e que o Concelleiro a día de hoxe non sabe dicir nin onde nin cando se fixo, en contra do que di a propia páxina web de Dobre Espacio que ubica a actividade en Vilagarcía o pasado 03 de xullo de 2011”, sinalou Tania García evidenciando a contradicción. Os socialistas manifestan seguir tendo dúbidas sobre a vinculación de Francisco González coa devandita asociación, polo que lle solicitan que faga público o organigrama actual da directiva deste colectivo xa que el é o único representante coñecido ata o de agora, a pesares dos esforzos de Fran González por intentar desvincularse unha vez destapado o asunto.


Ordenanza de circulación

Os socialistas solicitaranlle tamén ao Alcalde que non aplique a Ordenanza de circulación, ante a avalancha de protestas que está xenerando entre os veciños e diferentes colectivos de Vilagarcía. Consideran necesario que se abra un debate para estudiar as propostas cidadáns, dos comerciantes, etc. Os socialistas recórdanlle ademais ao Alcalde que o texto publicado no BOP, entre outros erros que dende o PSdeG prefiren atribuir a un descuido, non contempla unha alegación presentada no seu día polo Grupo Socialista que recollía un requisito que tamén ten que ser incluído no Formulario de solicitude da Tarxeta de residente: contemplar as habituais situacións nas que unha persoa usa un automóvil que está a nome de outro. “¿Cómo pretende obrigar a estar en posesión da tarxeta de residente cando tanto a normativa como o propio formulario de solicitude conteñen importantes erros? pregúntase Tania García. “Unha vez máis pedímoslle ao Alcalde sentido común, que parece ser o menos común dos sentidos deste Goberno, para que paralice a aplicación da normativa e teña a ben atender ás demandas de particulares, comunidades de veciños e comerciantes”. 


23/4/13

O Partido Socialista solicita a comparecencia no Pleno Municipal de Fran González e levará o tema ao Parlamento de Galicia


Os socialistas pedirán información sobre a subvención concedida a Dobre Espacio para o Feirón Solidario

Vilagarcía de Arousa, 23 de abril de 2013.- O Grupo Municipal Socialista de Vilagarcía rexistrou onte no Concello a petición de comparecencia no Pleno Municipal do concelleiro de cultura Francisco González polo caso da captación de subvencións. Os socialistas consideran absolutamente insuficientes as explicacións dadas ata o de agora polo concelleiro, e valoran que o único que conseguiron foi crear mais incertidumes e dar maior sensación de oscurantismo sobre o procedimento e a lexitimidade dos 150.000 cobrados nos últimos 8 anos por Dobre Espazo, asociación xuvenil que veu presidindo o citado González.
Por toda a situación creada, dende o grupo socialista estiman “imprescindible” que o concelleiro de cultura ofreza explicacións no Pleno, nas que esperan que de “algunha explicación mínimamente convincente” sobre o ocurrido. “A gravidade do asunto”, explicou Tania García, “merece algo mais que unha rolda de prensa na que en vez de explicar as propias actividades se intente descalificar a outros”. Concluiu García que “dende o PSdeG estamos deseosos de que exista unha clara e nítida explicación para aclarar todas as dúbidas que a cidadanía ten agora sobre as actividades de Francisco González dende a súa asociación. Sería o mellor que podería ocorrer. Pero se non existe tal explicación, imos pensar que é que non existe”.

Nestas valoracións feitas hoxe por Tania García, tamén houbo referencias á contradicción do concelleiro entre a súa actividade dende o asociacionismo fronte á súa acción no Concello apuntando que “o concelleiro de cultura está a plantexar normativas que obrigan a desenbolsar cartos propios aos colectivos culturais e xuvenís do Concello de Vilagarcía, aos grupos de música de rapaces… e todo fundamentado no criterio de que A cultura non se subvenciona. E resulta que o actual concelleiro é o rei da subvención”.

Os socialistas adiantaron tamén que levarán o caso ao Parlamento, e o Grupo Socialista no Hórreo formulará unha pregunta parlamentaria sobre a subvención concedida a Dobre Espacio para o Feirón Solidario. Esta actividade resulta “paradigmática da activdade de Dobre Espacio”, segundo os socialistas. Lembraron que o concelleiro remitiu á web da propia asociación para comprobar todas as explicacións e xustificacións das actividades realizadas, que no caso do Feirón indica ter sido celebrada o 3 de xullo de 2011 en Vilagarcía. Non entanto, non existe ningunha información que avale que tal actividade se celebrou, e o propio Francisco González terminou por recoñecer, na súa propia comparecencia en rolda de prensa, que non se tivera realizado en Vilagarcía aínda que “non recordaba” onde se fixera. Para o desenvolvimento de este suposto Feirón Solidario, Dobre Espazo cobrou unha subvención de casi 5.000€. Dende o PSdeG xa reclamaban onte que González presentara memoria da actividade e memoria económica xustificativa da súa realización.

22/4/13

O Partido Socialista considera “escandaloso” que o concelleiro Fran González se contradiga nas explicacións sobre as actividades de Dobre Espacio e non saiba nin onde se realizou o Feirón polo que cobrou case 5.000€


O concelleiro afirmou este sábado non ser presidente do Fexuga dende que é concelleiro, mais exerceu como tal en actos desenvolvidos en A Coruña este mesmo febreiro

Os socialistas piden a dimisión do Concelleiro por considerar que non está lexitimado para xestionar diñeiro público

Vilagarcía de Arousa, 22 de abril de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía valorou esta mañá as explicacións ofrecidas polo aínda concelleiro de cultura, Fran González, tanto sobre o entramado de asociacións que conforman o Fexuga e que presentan grandes volúmenes de subvencións públicas recibidas sen aparentes xustificacións axeitadas, como pola propia asociación Dobre Espacio de Vilagarcía que resulta unha das máis profundamente involucradas neste caso.

Ao respecto da situación e das explicacións obtidas, dende o Partido Socialista valoraron hoxe como “escandaloso” que existan “graves contradiccións” nas explicacións ofrecidas polo concelleiro. En primero lugar apuntan ao intento de separarse na relación que mantén o ata de agora concelleiro de cultura de Vilagarcía coa federación Fexuga, afirmando que non é presidente dende que é concelleiro. Sen embargo, en actos públicos nos que a federación participou este pasado febreiro aínda Fran González era o responsable de Fexuga ante institucións e medios de comunicación, recollido incluso na web do propio Concello herculino.


A mesma afirmación fixo González sobre a presidencia de Dobre Espacio, sen aportar sen embargo ningunha documentación que acredite tal afirmación, e sen informar dunha suposta nova directiva do ente. “¿Por qué non asistíu á rolda de prensa o actual ou a actual presidente da Dobre Espacio?” Se preguntan os socialistas.

Sen embargo, e a pesares destes fallidos intentos de soltar lastre, os socialistas creen que Fran González non soubo dar explicacións ás cuestión graves que están agora pendentes sobre a súa xestión ao frente de Dobre Espacio e de Fexuga. Valoran dende o PSdeG que González apenas foi quen de explicar cómo é posible que xustifique algunas actividades polas que recibíu subvención con fotos na sede do PP de Vilagarcía ou en cenas de mitins do propio partido.

Feirón Solidario
Mais, a pesares de todo, o PSdeG de Vilagarcía considera como “especialmente grave” a incapacidade do actual concelleiro de explicar o referente ao Feirón Solidario. Esta actividade, segundo consta na web da propia asociación Dobre Espacio, foi realizada en Vilagarcía o 3 de xullo de 2011 (http://www.dobrespacio.es/feiron.html). “Só é preciso unha búsqueda nas hemerotecas para comprobar que non hai ningunha referencia desta actividade. O concelleiro volve a mentir unha vez máis; segundo dixo na rolda de prensa, non se fixo en Vilagarcía en contra do que di a súa propia páxina web”. Aínda mais, se preguntan como se explica cunha actividade organizada un 3 de xullo plantexe ter sido realizada cos estudantes de secundaria, nunha época non lectiva. Os socialistas conclúen sobre este asunto que “agora xa todos, e el o primeiro, sabemos que minte, por iso pedímoslle que faga pública a memoria desta actividade e a xustificación económica presentada na Xunta pola percepción dos case 5.000€ cobrados pola mesma”.

En todo caso, para o Partido Socialista a situación de Fran González é insostible e a incapacidade para explicar unha labor tan opaca e unha tan extraña xestión de recursos públicos debería significar a súa dimisión ou, no caso de non presentala, que o Alcalde tome as medidas oportunas para afastalo da súa actual actividade como concelleiro de cultura.

20/4/13

A asociación xuvenil do concelleiro de Cultura pertence a un entramado de entidades adicadas a obter subvencións públicas


O conxunto de asociacións conforman o FEXUGA, un ente que en 2011 obtivo 1 de cada 3 € que a Xunta de Galicia destinou a colectivos xuvenís en toda Galicia

As diversas asociacións están vinculadas a membros do PP en distintos concellos, sen que se coñezan actividades de relevancia como ocorre con Dobre Espacio en Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, 20 de abril de 2013.- A asociación xuvenil Dobre Espacio que preside o actual concelleiro de cultura de Vilagarcía Francisco González, que sen actividade especialmente coñecida obtivo 150.000€ de subvencións nos últimos anos xustificadas moitas delas con actividades feitas na sede do PP de Vilagarcía, ou en actos políticos dos populares, non é un caso aillado. O propio concelleiro Francisco González foi presidente do FEXUGA (Federación de Entidades e Asociacións Xuvenís e Prestadoras de Servizos á Xuventude de Galicia; www.fexuga.es), que é un entramado de 32 asociacións xuvenís, ubicadas en distintos lugares de Galicia, e que no ano 2011 ingresaron un de cada tres euros do orzamento da Xunta de Galicia para entidades xuvenís.

A presidencia de Francisco González desta federación (FEXUGA) outorga unha nova dimensión deste caso, ao amplificar a relevancia do xa sabido onte sobre a asociación Dobre Espacio. Dende o PSdeG alertan, ademais, de que moitas das asociacións pertencentes a esta federación están directamente vinculadas a cargos de Novas Xeracións ou directamente do PP en localidades como A Estrada, Lugo, Marín, ou Cabanas. Sen embargo, e a pesares desta aparente dispersión das entidades e as súas supostas actividades, non parece haber actuacións de relevancia nas distintas poboacións, ao igual que ocorre con moitos dos eventos que Dobre Espacio supostamente organizou en Vilagarcía como o Feirón Solidario que a entidade xustifica como celebrado en Vilagarcía o 3 de xullo de 2011, e polo que a asociación de Fran González ingresou unha subvención pública de máis de 4.000€.

A escalofriante dimensión deste asunto leva aos socialistas a valorar que o Concelleiro de Cultura de Vilagarcía non está lexitimado para o exercicio da súa función pública e debería dimitir. Especialmente os socialistas destacan a súa actitude e posicionamento contra os colectivos culturais de Vilagarcía, aos que está a condear a pagar pola utilización de espacios públicos e aos que estrangula coa deficitaria xestión cultural e xuvenil no Concello.

Dende o PSdeG consideran imprescindible que o Alcalde tome posición no asunto e resolva a situación de gravísima ilexitimidade na que o concelleiro queda colocado, e aposte por eliminar a sensación da dobre moral do PP, e en particular de Fran González, que mentres adica unha man a recortar e afogar a todos os colectivos do Concello, adica a outra a recolectar diñeiro público para ese entramado opaco de colectivos.

18/4/13

Os socialistas pregúntalle ao Goberno local polos motivos da paralización das obras de canalización do Río na praia


Cuestiónanse se o motivo é a falta de varias das autorizacións precisas para a execución da obra

Tania García tras consultar o expediente do proxecto constatou que faltan aínda as autorizacións da Consellería de medio ambiente e infraestruturas, Augas de Galicia e Autoridade Portuaria

Vilagarcía de Arousa, 17 de abril de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía pídenlle explicacións ao Goberno bipartito PP-IVIL sobre a paralización das obras do Río “da Tripeira” que comezaron a executarse despois da Semana Santa, pero que actualmente levan varios días paradas. A portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Tania García, pregúntase se o motivo da paralización das obras está na falta de varias das autorizacións necesarias para executar as obras. O pasado martes día 16 García tamén representante no Consello de Xerencia de Urbanismo, despois de varios intentos frustados dende a Alcaldía, accedeu finalmente ao expediente e puido comprobar que aínda faltan os correspondentes informes da Consellería de medio ambiente e infraestruturas, titular da rúa Rosalía de Castro, Augas de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, xa que as obras afectan a terreos da súa titularidade. Ese día a única autorización que aparece no expediente é a de Ministerio (Costas del Estado). Para os socialistas é gravísimo que máis de dous anos despois da sinatura do convenio entre o Concello de Vilagarcía e o Ministerio de Fomento o proxecto aínda non dispoña de todas as autorizacións precisas. “Esta obra tan necesaria para evitar un dos principais puntos de vertido, quedou asinada con Fomento, sendo Alcaldesa, Dolores García”, recordou a socialista Tania García. “O Alcalde, que tanto prometeu en campaña mellorar as condicións da praia, tivo este proxecto máis de dous anos nun caixón e agora a piques de iniciarse a época estival, a execución das obras sofre unha paralización. Instámoslle ao Alcalde a que espabile el para espabilar os trámites para rematar as obras coa maior brevidade posible.” Concluíu

17/4/13

Os socialistas levarán ao pleno unha moción solicitando o arranxo das deficiencias do CEIP A Lomba


Reclaman a elaboración dun informe por parte dos técnicos municipais sobre as problemáticas do edificio

Culpan ao Goberno local de despreocupación absoluta sobre o estado dos centros en Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, 17 de abril de 2013.- Os socialistas presentaron no día de onte unha moción para debatir no vindeiro Pleno do 29 de abril, referida ao estado do CEIP A Lomba e as deficiencias que se están a detectar e sobre as que os país e nais levan alertando hai tempo.

Os socialistas, facéndose eco da preocupación da comunidade escolar, buscan o acordo de toda a Corporación para que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, arranxe de inmediato as deficiencias no centro. Pero ademais, coma xa fixeron no pasado mes de xaneiro no caso do CEIP Arealonga, instan ao Goberno Local á elaboración dun informe por parte dos técnicos municipais sobre as problemáticas que presenta o edificio, aínda que manifestaron ter poucas esperanzas tendo en conta que no que respecta ao CEIP Arealonga o bipartito PP-IVIL votou en contra do acordo.

Nesta ocasión é a propia ANPA do CEIP A Lomba a que incluso está disposta a sufragar do seu peto un informe técnico do estado do edificio, polo perigo que pode supoñer para os seus fillos a non actuación sobre tales deficiencias. Para os socialistas isto amosa a total despreocupación do Goberno local que, lonxe de poñer os medios municipais a disposición dos afectados, condena a asociación a sufragar cos seus recursos un informe técnico sobre unha instalación tan fundamental como un centro escolar.

Dende o PSdeG de Vilagarcía consideran esta situación como unha máis das evidencias da nula xestión do Goberno local que, mentras varios centros de ensino adoecen de serias deficiencias (Carril, Arealonga, A Lomba, a aula de educación física de Rubiáns, a compartida por A Lomba e Arealonga, …) o Goberno mira para outro lado, non utiliza os medios municipais e non dá traslado destas deficiencias á Consellería.

13/4/13

Os socialistas denuncian deficiencias nos servizos municipais pola falta de persona con motivo da xornada laboral de fin de semana


Os socialistas pretenden evitar absurdas situacións como traballadores desbrozando un domingo pola tarde, cando podían facelo o luns pola mañá.

O PsdeG defende a implantanción de brigadas de garda para circunstancias excepcionais pero non de maneira ordinaria

Vilagacía de Arousa, 12 de abril de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía alerta da existencia de deficiencias nos servizos municipais durante a xornada ordinaria, debido principalmente á falta de efectivos nalgunhas áreas como electricidade, medio ambiente, xardíns, Auditorio ou a Fundación de Deportes. Os socialistas, tras estudar os servizos nos que se detectan tales necesidades, conclúen que a razón do problema está na implantación de brigadas polas tardes para realizar tarefas que deberían realizarse principalmente en horario de mañá e que deixan sen persoal ás cuadrillas de mañá.

Os socialistas denuncian así que o sistema que o Goberno Local está a por en marcha perde todo sentido se se utilizan horarios tan extraordinarios como o domingo pola tarde para facer labores que perfectamente se podían desenvolver en horario normal de mañá. A voceira municipal do PSdeG, Tania García, comentou ao respecto que “é normal que existan necesidades que non poden cubrirse únicamente pola mañá, e que o Concello deba ter a capacidade de desenvolver a súa labor tamén en horarios distintos como as tardes ou incluso o fin de semana, pero isto pódese conquerir mantendo brigadas de garda. O que non é comprensible é que se alteren todos os horarios para terminar enviando a un grupo de traballadores a desbrozar un domingo pola tarde, causando incluso problemas aos veciños”. Segundo interpretan os socialistas, o conflito do Goberno Local cos traballadores municipais está levando a decisións que perxudican á calidade do servizo global dos traballadores do Concello aos cidadáns. Dende o PSdeG apuntan a que o Alcalde “deixe de afrontar os temas como unha oportunidade para impoñer a súa autoridade, e trate de dialogar para resolver con sentido común os problemas que el mesmo crea”.

García resumíu a posición dos socialistas indicando que “non podemos diminuír os servizos cando son máis efectivos e menos molestos para os cidadáns, que é no horario ordinario de mañá. Os servizos municipais teñen que estar a disposición cando son necesarios, e con capacidade para afrontar as situacións extraordinarias. Pero o que non podemos é convertir estas situacións extraordinarias e cotiás, porque entón resulta ineficientes”. Por outra banda, os socialitas tamén denuncian que a pesares desta nova organización implantada polo Goberno Local, queda sen cubrir unha das demandas máis importantes da poboación como é a apertura das oficinas municipais cando menos unha tarde á semana.

Os socialistas, como xa o fixeron por escrito, solicitan unha vez máis diálogo ao Goberno local e instan ao Alcalde a convocar coa maior brevidade posible unha Xunta de voceiros, para falar deste e doutros importantes na axenda política como é Luz Salgada, as obras da praia, etc.

10/4/13

O PSdeG de Vilagarcía conmemorará o Día da República


Celebrarán un acto aberto á participación cidadá o domingo día 14, ás 13h, ante o monumento Rosas Rotas do parque Miguel Hernández

Os socialistas dan continuidade así a un acto que veñen celebrando durante anos

Vilagarcía de Arousa, 10 de abril de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía celebrará o vindeiro domingo 14 de abril, ás 13h, ante o monumento Rosas Rotas do parque Miguel Hernández de Vilagarcía un acto en conmemoración do Día da República, en recordo do 14 de abril de 1931 que foi o día en que se proclamou a Segunda República Española. O acto consistirá nunha ofrenda floral á escultura que lembra aos asesinados durante o franquismo en Vilagarcía pola súa defensa da República e as liberdades, contará tamén con algunha aportación artística e será aberto á participación activa de calquera cidadán que queira asistir e, incluso, tomar parte activa na conmemoración.

Os socialistas de Vilagarcía dan continuidade así a un acto que veñen celebrando durante anos, do que destacaron que “é un acto en recordo dunha época próspera e de liberdades, como foi a Segunda República”. Dende o PSdeG consideran “toda unha oportunidade” esta conmemoración “para non esquecer que aquela foi unha época na que se produciron cambios en España que hoxe están asumidos, como a subordinación do poder militar ante o poder civil, pero que tamén, tristemente, hoxe a dereita política está a poñer en dúbida outros avances e dereitos nos que a Segunda República foi pioneira e incluso máis comprensiva coas necesidades sociais”. Así, os socialistas apuntan a decisións daquel período como “a separación Iglesia – Estado en todos os niveis, o impulso á universalización da educación e da cultura como elemento de avance social, as medidas para outorgar máis capacidade de decisión aos traballadores do sector primario sobre o seu traballo, a consecución de dereitos como as vacacións pagadas ou a consolidación do dereito á folga”.

Dende a agrupación de Vilagarcía son conscientes de que a situación actual da monarquía propicia a renovación do debate sobre o modelo de Estado, e consideran que “así debe ser, e así o debemos entender”, polo que agardan unha amplia participación.