Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

12/11/12

MOCIÓN MUNICIPAL DESAFIUZAMENTOS


MOCIÓN MUNICIPAL DESAFIUZAMENTOS


O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta esta MOCIÓN, en base á seguinte


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


Co estalido da crise e o aumento do paro centenares de milleiros de familias chegaron a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades básicas.
Segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, entre 2007 e 2010 producíronse no Estado español preto de 300.000 execucións hipotecarias e as previsións din que entre 2011 e 2012 pódese chegar á cifra de 500.000.

Cando esto sucede as familias non só se enfrentan á perda da súa vivenda senón tamén a unha condena financieira de por vida: a entidade bancaria interpón unha demanda e iníciase o proceso de execución hipotecaria que remata coa subasta do inmoble. Se a subasta queda deserta (cosa que no actual contexto de crise sucede en máis do 90% dos casos), coa lei vixente a entidade bancaria adxudícase a vivenda polo 50% do seu valor de tasación e segue reclamando o pago da débeda restante, máis os intereses e as costas xudiciais, ás persoas en situación de insolvencia mediante o embargo de nóminas, contas, etc. así como embargos aos avalistas. É dicir, ademais de perder a vivenda, milleiros de familias enfróntanse a unha condena financieira de por vida que se traduce nunha condena á exclusión social e á economía sumerxida.

Esta lexislación que permite que as entidades financieiras se adxudiquen as vivendas polo 50% do valor de tasación non só é anómala e non ten comparativa coas lexislacións doutros países do noso entorno, senón que ademais era descoñecida polas familias cando asinaron os contratos hipotecarios. Feito que se suma á publicidade enganosa coa que se comercializaron a meirande parte desas hipotecas, á sobrevalorización nas tasacións e ao linguaxe de difícil comprensión utilizado non contratos que, agora se descubre que en moitos casos agochaba todo tipo de cláusulas abusivas, como é o caso das cláusulas solo.

Consideramos inadmisible e totalmente inxusto que nun Estado social e democrático de dereito, todas as consecuencias da crise recaian sobre a parte máis vulnerable do contrato hipotecario e en cambio as entidades financieiras, en boa medida responsables da actual crise, estean a recibir axudas millonarias que saen dos impostos, sen ter que asumir ningunha responsabilidade ao mesmo tempo que seguen a xenerar miles de millóns de beneficios anuais.

Todo o aquí o exposto vulnera o actual marco xurídico, posto que o dereito á vivenda é un mandato constitucional, especialmente recollido no artigo 47 da Constitución española que di: “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo ese dereito”, pero tamén no artigo 33 que limita claramente o dereito á propiedade privada ao cumprimento da súa función social (e que a día de hoxe estase incumprindo sistematicamente nas vivendas baleiras acumuladas por bancos e caixas) ou no artigo 24 que garantiza a tutela xudicial (vulnerados nos procesos de execucións bancarias onde se produce clara indenfensión) así como os compromisos xurídicos en materia de dereito á vivenda asumidos polo Estado español ao ratificar tratados internacionais vinculantes, como son, entre outros, a Declaración Universal de Dereitos Humáns (Artigo 25) e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (Artigo 11), especialmente a partires da súa Observación Xeral nº 4 - que concreta o contido do dereito a unha vivenda adecuada - e a Observación Xeral nº 7 - que define os desaloxos forzosos como unha das principais vulneracións do dereito á vivenda.

É certo que estamos falando dunha normativa de competencia estatal, pero cuios efectos dramáticos concrétanse no ámbito municipal, posto que aos concellos a onde se dirixen maioritariamente as persoas e as familias afectadas en busca de axuda. Así os concellos se convirten en dobremente perxudicados: en primeiro lugar porque vulnéranse os dereitos fundamentais dos seus cidadáns, en segundo porque, en pleno contexto de crise, cando os recursos son máis escasos ca nunca, reciben todas as peticións de axuda das persoas e famillias con poucos ou ningún recurso.

A perda da vivenda priva ao individuo ou á familia de toda residencia e, a súa vez, a ausencia de residencia exclúeos de toda vía administrativa, conlenvando por elo a perda de dereitos, impedindo ás persoas afectadas realizarse tanto profesional como familiarmente.

Como consecuencia do anterior, os desafiuzamentos- aínda máis cando supoñen o mantemento da débeda- conlevan altos niveis de dramatismo, inseguridade e desprotección das persoas, por todo isto


ACÓRDASE:


1º.- Solicitar ao Goberno de España que aprobe unha modificación da regulación hipotecaria que inclúa a figura da dazón en pago, de maneira que, nos casos de vivenda habitual, se o banco executa a hipoteca e se queda coa vivenda, a totalidade da débeda (hipoteca, intereses e costas xudiciais) quede liquidada.


2º.- Instar ao Goberno de España a aprobar unha moratoria ou implementar as medidas necesarias para paralizar os desafiuzamentos das familias en situación de insolvencia sobrevida e involuntaria. Para os milleiros de desafiuzamentos xa producidos, que se aproben con carácter de urxencia medidas necesarias destinadas a que milleiros de vivendas baleiras que están a acumular as entidades financieiras como consecuencia deses embargos sexan postos inmediatamente a disposición das familias desafiuzadas e sen recursos en réxime de aluguer social, non superando nunca o 30% da renda familiar dispoñible.

3º.- Máis alá da medidas de competencia estatal, o Concello de Vilagarcía comprométese a cancelar todas as contas bancarias de titularidade municipal en entidades que executen un só desafiuzamento no termo municipal de Vilagarcía, a poñer a disposición dos afectados por execucións hipotecarias os servizos xurídicos municipais, a non autorizar a presenza da Policía local en  ningún acto de desaloxo por desafiuzamento e a garantir os realoxo digno das familias afectadas.


4º.- Dar traslado destes acordos ao Consello de Ministros en especial ao Ministerio de Xustiza e ao Ministerio de Economía, así como aos grupos parlamentarios no Congreso e no Senado, ao Parlamento de Galicia e ás Plataformas de afectados polo desafiuzamentos e ás Asociacións de Veciños de Vilagarcía de Arousa.






En Vilagarcía de Arousa, 12 de novembro de 2012

7/11/12

OS SOCIALISTAS DE VILAGARCÍA SORPRÉNDENSE DE QUE O ALCALDE TOMÁS FOLE SOLICITE AGORA AXUDA SOBRE QUE FACER CON FEXDEGA, O SEU PROXECTO ELECTORAL ESTRELA


A situación actual da Fundación Fexdega foi responsabilidade do Goberno Local que aceptou cargar cun recinto que a Xunta non quería

Vilagarcía de Arousa, 7 de novembro de 2012.- O Partido Socialista de Vilagarcía observa con estupor a reacción desmedida do Alcalde Tomás Fole ante os comentarios feitos pola portavoz socialista no Concello, Tania García, en relación á situación e xestión do recinto de Fexdega neste fin de semana coa coincidencia de un circo co único salón ferial deste ano. Resulta obvio que a xestión municipal neste punto foi errática e deslabazada, pois non é natural que nas únicas datas en que Fexdega teña ocupación (e para máis gravidade, un proxecto empresarial local) se facilite a instalación dun circo no aparcamento da parte dianteira do recinto eliminando estacionamentos, dificultando a accesibilidade, limitando a visibilidade do recinto, xerando malos olores pola presenza de animais, etc. Os socialistas xa propuxeron que o circo se ubicase na explanada do Ramal, lugar máis apropiado por seren un parking menos utilizado durante o inverno e por non estar rodeado de vivendas.
O que semella é que o Alcalde Fole está a requerir axuda sobre o que o Goberno Local debe facer con Fexdega, se cadra porque está a percibir que o que foi o seu grande proxecto electoral ten, cada día, máis buratos. En primeiro lugar cabe lembrarlle ao señor Fole que o que pon a Fexdega nesta situación actual é el mesmo, dende que favorece que a Xunta se desentenda de todo endosando a responsabilidade ao Concello de Vilagarcía. O natural tería sido contribuír e sumarse a unha decisión conxunta para todos os recintos feriais de Galicia, que si é un debate necesario. Pero as ansias faraónicas levaron ao entón candidato Fole a comprometerse a asumir un recinto que conleva un gasto inasumible para o Concello (en subvención directa máis que o albergue de Cruz Vermella e o comedor de Cáritas xuntos), mentras outros recintos feriais de Galicia seguen a ser subvencionados polo ente autonómico. E non se olvide Fole de que esta decisión implicou o despido dos 4 traballadores que tiña a Fundación traballando alí, e que eran realmente os motores da organización de eventos e actividades. E para exemplo a perda da Feria Multisectorial, polo nulo interés do Goberno e a ausencia de traballadores que a podían activar. Dende logo non están os tempos para macroproxectos sen definición e para deixar perder postos de traballo por un capricho.

Realmente ao final do proxecto o Alcalde está a desvelar as súas intencións dende o inicio que parecen ser privatizar a xestión dun espacio privilexiado a un prezo increíble de 1€ por m2 ao mes, para un negocio do eido deportivo nun recinto xa adicado ao deporte (o cal favorece a carteira de clientes do futuro negocio, máis privilexio aínda). Esto tampouco é o proxecto que estaba deseñado para Fexdega e, dende logo, non ten o apoio dos socialistas. Pero é dunha desfachatez absoluta que Fole recrimine agora aos representantes da Fundación de Deportes que non aportaran ideas sobre o tema, cando foi precisamente este órgano municipal o ninguneado polo Goberno Local, e esta Fundación tivo que ser convocada por petición dos clubes porque, en palabras da actual Presidenta da Fundación Elena Suárez “esto era unha decisión que tiña que ser tomada polo Goberno Municipal e así foi, non consideramos ter que plantexala á Fundación de Deportes”.

Os socialistas veñen de hai tempo apostando por unha concepción de Fexdega como recinto multiusos, no que se debe seguir explotando a realización de ferias como recurso (e para o que fan falta os traballadores que foron despedidos), e que tivo grande actividade con xerentes que apostaron realmente por traballar este organismo e non para pasar por el só para cobrar un soldo como o popular Juan Luis Callón. Ademáis Fexdega permite a actividade de prospección para a celebración de eventos deportivos, congresuais, empresariais, etc. no seu interior, sen establecer ninguna actividade fixa e permanente que invalide calquera outra proposta.

Que o Alcalde deixe de facer cada semana unha cousa con Fexdega e que non torpedee os proxectos feriais nen a aqueles que os promoven. Así poderíase traballar entre todos en resolver unha situación que el mesmo convirteu en problemática, sen que serva de excusa para que algunha empresa teña un negocio privilexiado e sen que dimita ningún concelleiro máis. 

2/11/12

Convocatoria Asemblea Extraordinaria


Estimad@ compañeir@, coa vontade de compartir espazos e tempos de debate do partido pola presente convocámoste á

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA
Coa seguinte orde do día:
1.      Constitución da asemblea e elección de Mesa.
2.      Análise e debate sobre os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro

Data: xoves 8 de novembro de 2012
Hora: 20.00h en primeira convocatoria e 20.30h en segunda convocatoria
Lugar: sede do partido. Rúa Castelao 18, entrechán.

Pola importancia dos asuntos a tratar, esperamos a túa presencia.
Recibe un saúdo

                                                                                  
Julio Torrado Quintela                                                                      Argimiro Serén Mera
Secretario de Organización                                                              Secretario Xeral