Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

19/12/13

Tania García recrimina a Fole que continúe a ofrecer un carrusel de excusas para xustificar a súa incapacidade

A voceira socialista considera “fora de lugar” que Fole pretenda xustificar a súa política fiscal e impositiva culpando ás personas que non teñen recursos para pagar tasas e impostos, e agarda que esto non supoña o aviso para iniciar procesos de embargos

García pregúntase que ocorría con estos casos nos dous anteriores orzamentos de Fole

Vilagarcía de Arousa, 19 de decembro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García Sanmartín, acusou hoxe ao Alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, de “continuar a ofrecer un carrusel de excusas para xustificar a súa propia incapacidade”, con respecto á xestión municipal. García Sanmartín considera que Fole “está máis preocupado de buscar desculpas que de dar respostas. Así o fixo cando pasou dous anos chorando porque as arcas do Concello supostamente estaban baleiras, pero resulta que esas xestións de anteriores Gobernos que el utilizaba como excusa deixaron libres mais de 600.000€ que agora se utilizarán para investimentos, como o propio equipo de goberno tivo que recoñecer”.

 As argumentacións públicas feitas por Tomás Fole sobre a repercusión que os índices de morosidade teñen nas contas actuais do Concello non soamente non convencen aos socialistas, senón que as consideran “inapropiadas”. Dende o PSdeG exponen, en primeiro lugar, que os impagos en tasas e impostos que xeneran a morosidade veñen dados pola situación de dificultade dos veciños e familias que non poden afrontar os pagos. En segundo lugar, os socialistas apuntan aos orzamentos dos anos que leva gobernando Tomás Fole e pregúntanse por qué non levou a pleno esta cuestión se tan preocupante era para o Alcalde, e García Sanmartín non deixa de preguntarse “¿acaso é que nestes dous anos non se produciu ningún impago que vaia repercutir nos orzamentos da vindeira lexislatura?”. O que si asegurou Tania García é que “na vindeira lexislatura, os socialistas non utilizaremos estas estratexias da confusión e das herdanzas. Os gobernos deben buscar solucións, non excusas, e a eso nos adicaremos.”

Dende o PSdeG, sen embargo, manifestan sentirse preocupados “atendendo aos precedentes e ás maneiras de gobernar de Fole”, porque todo parece apuntar a que o Alcalde está preparando o terreo para xustificar a esixencia de cobro ás familias e veciños que non teñen recursos para facer frente aos pagos. “A morosidade, na maioría dos casos, dase por dificultades para afrontar pagos de determinadas tasas e impostos. Os recentes anos de crise, especialmente, están deixando un amplo índice de morosidade coas administración que provén de familias con poucos recursos”. García Sanmartín apuntou que “un Alcalde que sube indiscriminadamente impostos como o IBI, sen atender a razóns sociais, semella non estar sensibilizado coas dificultades que os veciños están a pasar”, e por iso os socialistas temen que o Goberno Local poida pretender recaudar as débedas, o que levaría a embargos a persoas que xa non teñen moito. “Confiamos en que non den ese paso”, afirmou con preocupación Tania García.

Finalmente, dende as filas socialistas lembran que esta problemática da morosidade xa foi tentada de abordar polo seu grupo municipal con varias iniciativas. Os socialistas presentaron ao Pleno unha moción para que se fraccionaran os pagos de distintas tasas e impostos municipais, o que contribuiría a diminuir a morosidad por facilitar os métodos de pago, pero o Goberno Local a rexeitou e votou en contra. Tamén lembran que solicitaron en anteriores plenos municipais un informe de morosidade ao Goberno Local. García láiase de que non recibiran aínda ningunha resposta. 

12/12/13

Alegacións presentadas polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE ás Ordenanzas Fiscais.

ALEGACIÓNS:

  • Conxelación de todos impostos, taxas e prezos públicos. Non aplicación da subida do 1,8%
  • Bonificación do 3% en todos os impostos, taxas e prezos públicos por domiciliación bancaria
  • Ordenanza Fiscal nº I.2 Reguladoras do Imposto sobre Bens Inmobles:
    • Taxa impositiva do 0,52%
    • Bonificacións do 50% a unidades familiares cuns ingresos per cápita sexan inferiores ao SMI do ano en curso
    • Bonificacións do 100% a unidades familiares cuns ingresos per cápita sexan inferiores á metade do SMI do ano en curso
    • FAMILIAS NUMEROSAS, bonificación do 90% da cota íntegra do imposto os suxeitos pasivos (pai, nai ou titor) titulares de familia numerosa, relativa á vivenda que constitúa a residencia habitual da familia, sempre e cando cumpran coas seguintes condicións:
a)     Contar con ingresos netos per cápita, no exercicio da solicitude, inferiores ao SMI do ano en curso
b)    Que a súa residencia habitual sexa vivenda de protección oficial e non dispoña de máis bens ou propiedades urbanas.

o   Tratándose de inmobles de uso residencial que se atopen desocupados con carácter permanente, por cumprir as condicións que se determinen regulamentariamente, esixirase un recargo sobre a cota líquida do imposto dun 50%. O recargo devengarase o 31 de decembro e liquidarase anualmente polo Concello, unha vez contrastada a desocupación do inmoble, xuntamente co acto administrativo polo que aquela sexa declarada.

  • Ordenanza Fiscal nº I.5 Reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica:
Incremento dun 15% nos vehículos de 16 hasta 19,99 cabalos fiscais
Incremento dun 25% nos vehículos de 20 ou máis cabalos fiscais


  • Ordenanza Fiscal nº III.4 Reguladora do prezo público pola utilización da Escola Municipal de Música:


Bonificacións do 50% a unidades familiares cuns ingresos per cápita sexan inferiores ao SMI do ano en curso

26/11/13

O PSdeG denuncia que os orzamentos son a constatación de que Fole pretende facer a súa campaña electoral a costa de sangrar ás familias

Os socialistas critican a constante suba de tasas e impostos en dous anos, sen melloras nos servicios, para que agora aparezan fondos para investir por arte de maxia

O recorte en axudas ás entidades sociais que están sendo os que sosteñen ás familias ante a desidia da administración, merece o voto en contra que xa anunciou Tania García

Vilagarcía de Arousa, 25 de novembro de 2013.- Tania García, voceira municipal do Partido Socialista de Vilagarcía, anunciou hoxe o voto negativo do seu grupo municipal no vindeiro pleno aos orzamentos do Concello. Os socialistas votarán en contra da proposta do Goberno Local porque, segundo argumentou García Sanmartín, “hai que ter moito estómago para facer algo que non sexa rexeitalos”.

A voceira socialista desgranou as liñas básicas do orzamento, e deixou en evidencia que “Fole pretende facer a súa campaña electoral do intento de relección a base de sangrar ás familias e aos que máis o necesitan”. Tania García apoia esta afirmación no feito constatable de que “durante dous anos os veciños e veciñas de Vilagarcía vimos sufrindo subas inmisericordes de taxas e impostos, sen que iso repercutirá nunha mellora dos servizos. Agora, sen embargo, e a pesares dos terribles e duros augurios que Fole non deixou de lanzar, resulta que comezan a aparecer fondos para investimentos por arte de maxia”. García Sanmartín considera “unha evidencia” que a situación “nunca estivo como Fole a dibuxou, e se alarmou foi para xustificar unhas medidas durísimas das que agora vemos o resultado: facer caixa para ter diñeiro para investir a medida que se acerquen as eleccións”. “Debería de preocuparse menos por iso, porque intente o que intente xa lle adianto que o seu Goberno ten punto final no 2015”, concluiu.

Dende o PSdeG consideran que nesta proposta de orzamentos, ademáis da percepción de que as familias estiveron pagando para que Fole faga a súa campaña, hai cuestións que non poden ser aceptables. Principalmente, os socialistas consideran “inaceptable” que se recorten sustancialmente as axudas a ONGs e colectivos de acción social, pois “son os que están servindo de red ante as grandes dificultades que pasan moitas persoas”. Os representantes socialistas creen que é posible asumir a falta de certos investimentos se iso repercute en reforzar a acción que levan a cabo entidades sociais que axudan aos desfavorecidos ou ás que apoian a colectivos con necesidades especiais. Tania García sinalou que no eido social, “a Xunta está a abandoar á súa sorte a moitas organizacións que están, precisamente, facendo o que a propia Xunta debería de facer e non fai”, e por iso considera que “Fole vai polo camiño de Feijóo e Rajoy, e aplica a misma receta”.


Os socialistas anuncian que votarán en contra destes orzamentos no vindeiro pleno, e García Sanmartín explicou que presentarán alegacións no periodo que se abra para tal fin. Descartan dende o PSdeG a presentación de alternativa neste vindeiro pleno, porque a pesares de ter presentado propostas sempre, nunca ninguna delas foi tida en conta polo Goberno Local. “Con vergoña allea lembramos cando eu mesma propuxen aumentar en 70.000€ o apartado de servizos sociais nos últimos orzamentos, e Fole negouse a facelo dicindo que en Vilagarcía non había necesidades. Xa todos sabemos o que ocorreu”, sinalou Tania García apuntando a que meses despois o propio Goberno Local tivo que levar a pleno un aumento da partida para servizos sociais de 70.000€. 

14/11/13

O Partido Socialista considera que a resolución xudicial que revoca a actuación de Tomás Fole na sanción a un empresario de hostelería é “bochornosa” para o Concello

Piden ao Alcalde que reflexione sobre o feito de que “a súa teima persoal de usar a administración como arma contra os que lle caen mal vaille costar cartos aos veciños”

Preguntan que vai ocorrer agora cos locais que acataron e cumpriron unha sanción que agora comproban que era inxusta e arbitraria

Anuncian que insistirán na solicitude de información que, por agora, “o Alcalde non está a facilitar no prazo legal establecido” para saber se houbo falsedade de documentos públicos que puideran ocultar que había máis locais implicados dos que foron sancionados

Vilagarcía de Arousa, 14 de novembro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía valorou hoxe a resolución xudicial que foi emitida onte mércores que resolveu revocar a decisión que tomou o Alcalde de Vilagarcía de ditar sanción de 600 euros e peche do negocio durante un mes, contra un empresario de hostalería por causa do incumprimento de horarios na Festa da Auga de 2012. Os socialistas consideran “moi grave” que un xuíz teña que revocar unha decisión desta índole, que segundo a voceira socialista Tania García, “agora se comproba que foi desmedida, errónea no seu procedemento e falta de todo rigor”. Para os socialistas a situación resultante deixa en evidencia a actuación do propio Fole, “quen dirixiu todo este procedemento de maneira personalísima” e que consideran que estivo ao frente do caso “por enemistade persoal”. Así, dende o PSdeG queren chamar á reflexión sobre o feito de que “non se pode utilizar a administración, como se de un sheriff do Antigo Oeste se tratase, para ir contra determinadas persoas por cuestión persoais”, e García aproveitou para apuntar que “as teimas persoais de Fole fan que o Concello, ou sexa todos nos os contribuíntes, teñamos que devolver a sanción, máis os intereses, e pagar as costas do xuizo”. “Os ataques de autoridade de Fole pagámolos todos”, sentenciou.

Mais non quedou aí a crítica sobre o procedemento que fixeron os representantes socialistas. A propia Tania García preguntouse “que vai ocorrer agora cos locais que tamén foron sancionados, cumpriron e pagaron as súas sancións, e agoran comproban que a sanción non se axustaba á legalidade”. Para os socialistas, pechar un negocio nestes tempos merece ser unha decisión “moi meditada e xustificada”, cousa que neste caso non ocurre como ditaminou o xulgado.

Pero por se fora pouco grave esta situación, dende o PSdeG lembran que o xuízo que se levou a cabo deixou tamén moitas sombras de dúbidas sobre a xestión administrativa do procedemento por parte do Alcalde, xa que foi coñecido que houbo ún informe policial do que existen dúas versións distintas. Esta discrepancia podería levar ata o caso de que puidera ter sido manipulado intencionalmente para ser presentado como unha proba falsa, facendo ademáis que algúns locais se viran afectados e outros non pola mesma medida. Estas sospeitas de manipulación de informes e de arbitrariedade nas decisión son “moi perigosas” segundo explicou Tania García, quen indicou que “a información que manexamos é que o informe incluía a moitos máis locais na mesma situación, que incluso poderían chegar a ser máis do dobre dos que se sancionaron finalmente, e o Alcalde decidíu personalmente sancionar só a algúns, aos que lle caían mal, e despois pretendeu ocultalo todo”. Para comprobar esta información, os socialistas exponen que “xa lle pedimos hai uns días a Fole que el mesmo explicara a situación para tranquilidade de todos. Como non o fixo, nós mesmos solicitamos por escrito este informe do que, pasados cinco días, debe sernos entregada unha copia. Como tampouco esto ocorreu, insistiremos na solicitude porque se os documentos que poden aclarar a situación están sendo agochados por Fole, a cousa da que pensar…”, suxeríu a voceira socialista que lembrou que “está obrigado, por lei, a entregar o informe. Lembrámolo para evitar tentacións…”. Os socialistas apuntan que todo este embrollo amosa que a xestión que fixo o bipartito da Festa da Auga 2012 foi “desastrosa”, e que non se pode lexislar “contra” os veciños, senón que debería sentarse a escoitar máis, especialmente aos hostaleiros neste caso.

8/11/13

Os socialistas pedirán explicacións “urxentes e claras” sobre a “gravísima” sospeita de imparcialidade e posible manipulación de documentos oficiais por parte de Tomás Fole

A voceira municipal Tania García solicitará hoxe por escrito copia do informe da policía local do día 16 de agosto de 2012, a partir do que se abren os expedientes sancionadores a varios locais de hostalería.

Suxiren ao Alcalde que faga público dito informe, se é que non ten nada que ocultar

Vilagarcía de Arousa, 8 de outubro de 2013.- O Partido Socialista valorou hoxe como “gravísima” a sospeita que asola ao Goberno Municipal de Vilagarcía de que puideron ser alterados e manipulados informes policiais para xustificar e levar a cabo sancións de maneira arbitraria e deliberada. Os socialistas recollen a información publicada hoxe nos distintos medios de comunicación locais nos que se fai referencia ao xuizo aberto entre o Concello e o propietario dun local de hostalería, a raíz da sanción recibida por este local por supostas irregularidades durante a celebración do Día do Auga do pasado 2012. Esta información desvela que os representantes legais do local hostaleiro presentaron documentación que, presuntamente, evidencia que foi alterado o informe policial que deu pé a que o Alcalde impuxera unha sanción pola que ordenou pechar durante un mes ao citado local. A alteración deste informe suporía a ocultación de información alí incluida, e que desvelaba que non era o único local que estaría na mesma situación, co que se poría en evidencia que, ademáis da gravidade que supón a alteración dun informe, tamén existiría arbitrariedade na decisión para tomala en contra dun local pero non doutros.

A voceira municipal socialista, Tania García, manifestou hoxe a súa intención de personarse hoxe mesmo no Concello para solicitar o devandito informe, e aproveitou para esixir “explicacións urxentes e claras” ao Alcalde Tomás Fole, xa que considerou que falsear documentos oficiais suporía “cruzar a liña máis vermella”. Considera García que debería ser o propio Alcalde o que fixera público o citado informe, para amosar que non hai nada raro e que non ten nada que ocultar. A actitude do Alcalde, sen embargo, non sorprendería de todo aos socialistas, que lembran que xa existiron “certas incongruencias e rarezas” sobre documentación relacionada co mesmo departamento cando se quixo saber quen deu a orde, inédita ata o momento, de identificar co DNI ás persoas que acudían a un pleno municipal. Para García, resulta “sorprendente e bochornoso” que se puidera dar o caso de que “se estivesen falseando documentos oficiais para perxudicar a algúns ao tempo que se presume públicamente de facer a vista gorda para facilitar obras sen licenza en terreos públicos portuarios a outros”.


Dende o Partido Socialista apuntan que “é necesario recuperar o sentido común”, e apuntan a que están “preocupados” pola dirección que está tomando o Goberno de Vilagarcía cando quedan en evidencia “día si e día tamén” actuacións que amosan unha “total falta de criterio e do mínimo sentido da responsabilidade”. Tania García apuntou que “semella existir a conciencia de que as cousas se teñen que facer a golpe de puntos suspensivos, como dixo o propio Goberno Local, e perdeu o sentido da mesura e a normalidade”. E esixíulle ao Alcalde, como máxima autoridade neste municipio, “o exquisito cumprimento das leis  e para todos por igual”. Concluíu.

30/10/13

O Grupo Municipal Socialista considera “moi preocupante” a concienciación da concelleira de cultura sobre a actividade que se desenvolve en Vilagarcía

Tania García sostén a idea manifestada no Pleno sobre a pouca actividade cultural da localidade

Sinalan dende o PSdeG que a meirande parte da programación cultural está composta de actividades que fan os colectivos e artistas aos que o propio Goberno Municipal maltrata

Vilagarcía de Arousa, 30 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal Socialista do Concello de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García, valorou hoxe como “moi preocupante” a conciencia amosada sobre a actividade cultura da localidade que manifestou a concelleira do ramo, Rocío Llovo, no Pleno Municipal do pasado luns. Llovo chegou a reprochar, durante o pleno, ao grupo socialista que puideran considerar “cultura”  o “ir de copas a Cambados”. García Sanmartín apuntou hoxe que “é difícil explicar cousas cobre cultura a quen sempre a perseguíu” e sinalou que “en Vilagarcía hai hoxe menos programación cultural da que había, e a que hai débese en moita parte a colectivos, entidades privadas ou aos propio creadores que buscan a súa propia maneira de expoñer e amosar as súas composicións e creacións”. Colectivos culturais e creadores que de xeito maioritario son críticos coa xestión cultural da nosa vila e que se opuxeron frontalmente ao Regulamento do Uso de Instalacións Culturais aprobado polo bipartito PP-IVIL fai uns meses que cercena e maltrata a actividade cultural en Vilagarcía.”. García tamén insistíu na idea apuntada no Pleno do luns de que “Cambados e especialmente A Illa de Arousa teñen collido a dianteira claramente sobre Vilagarcía na programación e dinamización do eido cultural.”

A voceira socialista desgranou a situación plantexando que “hai moitos locais de hostalería que apostan moito máis claramente pola cultura local que o propio Goberno Municipal”, sinalando especialmente aos grupos máis novos “que non atopan xestos nin apostas por parte do seu Concello”. García Sanmartín non quixo deixar pasar a ocasión de aclararlle ao Goberno Municipal que “este Goberno leva tres persoas distintas en dous anos ao fronte da Concellería de Cultura porque Fole non ten ningún interese en promover a súa dinamización. O único que puxo algunha idea referente ao modelo cultural que desexaba foi o fulminado Francisco González, que defendeu que a cultura non debía ser subvencionada mentras el falseaba documentación de subvencións”, lembrando o caso do fraude de subvencións no que o exconcelleiro se apropiou de case 5.000€ falseando una subvención pública.

Tania García insistíu no asunto indicando que “a pouca programación que fomenta o propio Goberno Municipal é elitista e lonxe da realidade dos veciños e veciñas” e puxo como exemplo o concerto principal das festas de San Roque “que foi de pago para todos e todas menos para os membros do Goberno Municipal e os seus amigos, a conta de 60 invitacións que se facilitaron ao Concello protocolariamente e das que Fole e Llovo dispuxeron ao seu interese”. A programación elitista continúa, como apuntou a representante do PSdeG, “organizando actividades dirixidas a nenos que valen un mínimo de 20€ a entrada”.



García Sanmartín, non entanto, asume que “o PP ten un problema coa cultura, porque é moi difícil xestionar ben algo non que non se cre. Así ocurre o que ocurre coa subida do IVE cultural ata o 21%, por obra e gracia do señor Montoro, e así o modelo da cultura local que Fole deseñou para Vilagarcía era o dun estafador de cartos públicos”. 

25/10/13

Tania García sinala a Fole que os case 600.000€ que se utilizarán en novos investimentos son remanentes de anteriores lexislaturas

A voceira socialista recrimínalle ao Alcalde que “leve dous anos dicindo a todos que dende que empezou a gobernar non hai cartos por culpa de herdanzas, e agora apareza milagrosamente máis de medio millón de euros”
García considera “innecesario” que máis dun 20% deses fondos se adiquen á informática do Concello, “o área mais beneficiada xa nos últimos orzamentos municipais”.

Vilagarcía de Arousa, 25 de outubro de 2013.- Tania García, voceira municipal do grupo socialista no Concello de Vilagarcía, valorou hoxe o investimento de case 600.000€ que se vai aprobar no vindeiro pleno Municipal e apuntou que sobre eses cartos que “son remanentes que quedaron para o Concello de Vilagarcía despois da xestión de anteriores gobernos municipais”. García fixo estas declaracións valorando que “o Alcalde cansouse de queixarse, a todos e por todos os medios, de que non tiña fondos para investir dende que chegou ao Goberno Municipal, e culpou de eso á xa famosa herdanza recibida. Pois esa herdanza é a que permite agora facer este investimento, debería decilo tamén”. Considera a voceira socialista que “cando un entra nesa triste dinámica de botar balóns fora e pretender botarlle sempre a culpa a outro das propias carencias, debe ser consciente de que tamén hai que recoñecer os méritos e os éxitos”.
A representante do PSdeG plantexou tamén que “moitos veciños se preguntarán por que aparecen agora estes fondos e non con anterioridade, cando se reclamaron para moitas necesidades municipais”. En liña con este argumento os socialistas discuten tamén o destino final destas partidas pois, según interpretan a partires do coñecido estes días, “a distribución de fondos non responde ás necesidades reais dos veciños”. Tania García considerou que “na situación socio-económica na que vivimos parece natural facer unha aposta forte por servizos sociais, e pola axuda ás familias que máis o necesitan a través de apoios nas necesidades básicas”. Sen embargo, e como alertan dende o PSdeG, máis dun 20% destas novas partidas vaise dirixir ao departamento de infromática do Concello de Vilagarcía. “Consideramos que eso é innecesario”, apunta García, quen lembrou que nos últimos orzamentos municipais a partida para a sección de informática do Concello víu aumentada a súa partida xa nun 66% sendo o área con maior subida porcentual de todas as partidas orzamentarias. Pola contra, a pesares desta dinámica, “aínda non hai claros avances no grande paso que necesitamos en camiñar cara a administración dixital plena”. 

19/10/13

O Partido Socialista lamenta a perda de inversión que supón o fracaso de Fole na xestión do plan Luz Salgada

Os socialistas lembran que Fole deixou correr varios meses o asunto e só en setembro de 2011 comezou a facer xestións

Dende o PSdeG concretan a perda na falta de fondos para investir no Parque da Xunqueira, a Praza de abastos,  ou incluso non saneamento do río do Con

Vilagarcía de Arousa 19 de outubro de 2013.- A perda dos fondos de Luz Salgada supón, segundo entenden dende o Partido Socialista de Vilagarcía, “unha dura noticia para Vilagarcía” en palabras da súa voceira municipal Tania García. García lamentou esta nova e concretou que a perda destes fondos supón a perda de oportunidades de investimento como a mellora do parque de A Xunqueira e da Praza de abastos, así como a posibilidade de investir no saneamento do río do Con entre outras opcións.


Dende o PSdeG de Vilagarcía consideran que a xestión global de Luz Salgada incurríu en erros que levaron a esta perda dos fondos, pero apuntan de entre todos eles á “vagancia e incapacidade” do Alcalde Tomás Fole. Lembra Tania García que Fole “chegou á alcaldía en xuño de 2011 urxindo a actuar con respecto aos fondos de Luz Salgada, e advertindo da premura dos prazos que limitaban o marxe de acción ao mes de maio de 2012, pero non fixo nada ata o 14 de setembro de 2011 no que remitiron un primeiro escrito que adoecía de falta de concreción. A seguinte acción foi xa en abril de 2012 e o seguinte ao borde da finalización do prazo. Os socialistas comprobaron con sorpresa no expediente que no propio mes de maio de 2012 o alcalde solicita unha prórroga das obras cando non se iniciara ningunha”, recopilou a voceira socialista. Os socialistas pídenlle ao alcalde que faga público o expediente da Luz Salgada e explique os prazos e as xestións realizadas dende a súa chegada ao goberno para evitar a perda do crédito. Apuntan como posible explicación deste revés que “Fole pensou que o PP ía chegar ao Goberno do Estado e resolverlle o problema a el, sen facer nada mais”, e segundo interpretan dende o PSdeG “este Alcalde víuse incapaz de resolver un problema e ficou agardando a que os problemas pasaran”.  Non lles colle por sorpresa esta ineficaz xestión de Tomás Fole e recordan que tamén “entre el e Louzán perderon a subvención de máis dun millón e medio de euros para as obras no entorno do Río Matosiños, sobre a que aínda seguen dando voltas intentando botarlle a culpa a outros”, concluíu a voceira municipal, Tania García.

11/10/13

O Alcalde de Vilagarcía volve a impedir o acceso dos representantes do PSdeG ao PXOM un día despois de anunciar nos medios que non habería problema para consultalo

Os concelleiros Tania García e Lino Mouriño non puidieron acceder hoxe á proposta do novo Catálogo de Bens a Conservar, e foron informados de que tiñan que solicitar autorización por escrito


Os socialistas atribúen este caos a unha xestión “descabezada e sen criterio” do Goberno Local “que está a falar a través dos medios de comunicación en vez de tomar decisión reais”.


Vilagarcía de Arousa, 11 de outubro de 2013.- Ante a preocupación xurdida pola presentación inicial do PXOM á que asistiron os representantes dos partidos políticos esta semana no Concello de Vilagarcía, os membros do PSdeG denunciaron no seu momento que o Alcalde Tomás Fole non facilitara unha copia do documento para poder traballar con detalle e profundidade para poder facer aportacións a un proxecto que os socialistas consideran “unha ferramenta fundamental para deseñar a Vilagarcía dos próximos tempos”. Os socialistas consideraron esta medida absolutamente fóra de lugar e así o manifestaron publicamente. Ante o aluvión de críticas recibidas, o Alcalde Tomás Fole anunciou no día de onte a través dos medios de comunicación, aínda que sen comunicalo formalmente aos grupos políticos, que estes poderían acceder sen ningún tipo de problema ou restrición ao documento para poder estudialo.

Os concelleiros socialistas Tania García e Lino Mouriño pretenderon esta mesma mañá acceder á proposta do novo Catálogo de Bens a Conservar, documento que acompaña e forma parte do Plan Xeral, ao fío da dispoñibilidade que anunciou o Alcalde de Vilagarcía. Sen embargo, e sorpresivamente, atopáronse cun novo impedimento xa que non tiveron a oportunidade de consultar o que pretendían. Para facelo precisarán presentar unha solicitude por escrito de autorización ante o propio Alcalde, quen terá a potestade de decidir se o autoriza ou non. Os socialistas, por voz da súa voceira Tania García, manifestaron hoxe que “entender a este Alcalde resulta xa imposible, e intentalo é malo para a saúde. Primeiro négase a facilitar copia dun documento tan importante coma o PXOM ante a súa pretensión de modificalo. Logo, para saír do paso ante as críticas recibidas, anuncia que permite tal acceso, e agora resulta que non é así como anunciou e hai que pedirlle autorización para que o permita consultar e esperar a que teña a ben facelo ou non”. García apuntou que “os concelleiros, sexamos do partido que sexamos, fumos votados polos cidadáns para representalos na labor política. A consulta de documentos como o PXOM non pode quedar a expensas de que a alguén, sexa Alcalde ou o que sexa, teña un día benévolo ou non”. “O exercicio da nosa labor como oposición é un dereito, e sen embargo parece que este Alcalde pensa que el ten algún tipo de privilexio para decidir cando o podemos exercer e cando non”, manifestou contundentemente a voceira socialista.

Os concelleiros do PSdeG pretendían esta mañá consultar o Catálogo de Bens a Conservar, “preocupados pola situación de algúns inmobles en particular, e para comprobar que non se alteraron algunhas catalogacións”, indicaron os concelleiros sobre unha labor que, segundo apunta a situación, terá que esperar a que Tomás Fole decida aprobar ou non a solicitude que García e Mouriño presentaron inmediatamente.

Os representantes do PSdeG consideran que “este Goberno Local, que en dous anos destrozou negativamente calquera previsión sobre a súa xestión, está tan roto e falto de dirección e criterio que xa non cumpre un día o que anuncia o día anterior”, e apuntaron a que esta contradición entre o anunciado polo Alcalde e o comprobado hoxe en instalacións municipais non é aillado. “Xa estamos vendo esta mesma semana como hai concelleiras que anuncian flexibilidade cunhas normas mentras a Alcaldía anuncia que terá firmeza co seu cumprimento” en referencia á aplicación da ordenanza de terrazas en certas zonas do centro de Vilagarcía. “O peor de todo” resumíu Tania García “é que este desbaraxuste leva a Vilagarcía a estar nun desbaraxuste constante, onde todo o mundo sabe que hai un Alcalde ao que lle queda todo moi grande, sen capacidade de decisión, e que ten un equipo de goberno cheo de parches e divisións internas, sen dirección e sen ninguén con criterio para dirixir”. “E a consecuencia é unha Vilagarcía nun estado absoluto de deixadez e abandono”, sentenciou.

8/10/13

O Partido Socialista denuncia que o Alcalde négase a facilitar unha copia do PXOM, ao que califican de “irreal e insostible”

Dende o PSdeG asómbranse de que o Alcalde presuma de non ter aportado moito a un documento que os socialistas consideran “estratéxicamente vital para o futuro de Vilagarcía”.


Despois da breve presentación de diapositivas á que asistiron hoxe, creen que o proxecto merece moitas modificacións e un estudo a fondo para garantizar a dotación de máis zonas verdes e reflexionar sobre o volumen de nova construción

Vilagarcía de Arousa, 8 de outubro de 2013.- Os socialistas asistiron hoxe a unha presentación reducida en breves diapositivas do futuro Plan Xeral de Ordenación Urbanística, que ao final resultou ser a única información que recibirán sobre o proxecto ata que sexa remitido á Xunta de Galicia e devolto para a súa aprobación inicial. Tania García, voceira municipal socialista, constatou este feito ao recibir unha negativa do Alcalde ante a solicitude dunha copia do Plan sen maior motivo. Fole remitíu aos socialistas á fase de exposición pública coma outro particular. Tania García apuntou que “queira ou non queira o Alcalde, os concelleiros de Vilagarcía representamos tamén aos veciños e non é concebible que se nos impida o acceso a unha documentación como o PXOM”.

Esta negativa do Alcalde a facilitar información supón para os socialistas un “oscurantismo asombroso”, e pregúntanse cal é o problema de que diversos puntos de vista poidan contribuír e aportar sobre a planificación estratéxica de Vilagarcía como cidade de futuro. Os socialistas valoran o PXOM como unha ferramenta imprescindible e fundamental no deseño da cidade, que vai definir os proxectos futuros e as grandes decisión globais que afecten ao desenvolvemento social e económico dos vindeiros anos. Polo tanto consideran que merece un procedemento aberto e participativo, e non entenden “como se pode concebir de maneira tan limitada a planificación futura da poboación como para intentar poñer trabas aos representantes dos cidadáns”. Dada esta perspectiva esencial que os socialistas atribúen ao PXOM, consideran chamativo que o propio Alcalde valorase na xuntanza desta mañá que “apenas participou na redacción”, o cal supón a asunción de que “non houbo decisión nin proxección sobre a idea de Vilagarcía que ten Fole” apuntou García. “É posible que o Alcalde non aportara moito sobre a idea da Vilagarcía do futuro porque, sinxelamente, non ten ideas sobre cara onde debe ir Vilagarcía. O sorprendente é que pretenda presumir delo e que non nos permita, aos que si as temos, que as aportemos”, sentenciou a voceira socialista.

Da breve presentación en diapositivas de power point recibida hoxe, os socialistas tiraron algunhas ideas que creen que deben ser analizadas con detimento. Por un lado estiman que Vilagarcía debe apostar por un crecemento sostible, principalmente dende o punto de vista ecolóxico. I é que consideran os representantes do PSdeG que Vilagarcía debe apostar pola creación dun maior número de zonas verdes, non entanto o novo PXOM pretendería deixar esta aposta a mercede da iniciativa privada, a través de novas construcións e a obriga que estas teñen de liberar espacio para a dotación de zonas verdes. “Se non hai moita máis construción non haberá máis zonas verdes, e unha cousa non pode depender da outra”, apuntou Tania García.

Outra cuestión referida á construción de vivendas foi apuntada pola voceira socialista, quen aproveitou o dato de que Vilagarcía é unha das poboacións de España con maior número de vivendas sen ocupar para criticar que o PXOM, segundo se lles trasladou esta mañá, prevé a construción de 6.600 novas vivendas nos vindeiros 12 anos. Este volumen “non representa a necesidade real de Vilagarcía, xa que non semella necesaria tal cantidade de vivendas dada a situación”, afirmou Tania García. “Os intereses aquí representados non son os dos cidadáns, e non se responde ás previsións de crecemento demográfico de Vilagarcía que apuntan a un aumento da poboación en 4.000 persoas, aproximadamente, nestes vindeiros 12 anos”. 

4/10/13

Os socialistas solicitan unha xuntanza urxente entre comerciantes, praceiros e todos os grupos da Corporación

Os socialistas proporán acordar un calendario consensuado de apertura de festivos entre comerciantes e praceiros


“Pola súa falta de diálogo e descoordinación, o Goberno Local acaba de abrir outra fronte·”, salientou a voceira municipal, Tania García

Vilagarcía de Arousa, 04 de outubro de 2013.-O bipartito PP-IVIL acaba de abir unha nova fronte de problemas con colectivos de Vilagarcía debido a súa errática xestión. Nesta ocasión, a falta de diálogo cos comerciantes e a decisión unilateral do Goberno local de permitir a celebración do mercadillo o vindeiro 12 de outubro acaba de xerar un importante malestar entre os comerciantes.

As claves deste novo fracaso político do bipartito conservador están na falta de diálogo e negociación entre as partes, alimentada coa total descoordinación entre os concelleiros responsables. “Parécenos unha absoluta incongruencia que o sector do comercio recaia nun concelleiro e a xestión da Praza de abastos e do mercadillo dependa de outro. Estas son as consecuencias de ter un goberno de dimisións e parches” sinalou a voceira municipal, Tania García, en clara alusión á división de responsabilidades entre Tarrío e Llovo, neste caso.

Os socialistas consideran necesario impor un pouco de cordura no problema e solicitan, coa maior brevidade posible, a celebración dunha xuntanza entre os colectivos implicados, o Goberno e o resto dos grupos da Corporación, “sobre todo para que os socialistas podamos aportar sensatez e responsabilidade ao asunto”, e enmendar así o papel do Goberno Local para maior tranquilidade do sector.

Os socialistas levarían a súa proposta a esta xuntanza, que pasa por consensuar un calendario entre comerciantes e praceiros de apertura dos seus negocios, buscando o máximo interese e beneficio para ambas partes.

30/9/13

O PSdeG de Vilagarcía celebra a inclusión de Tania García na dirección galega do partido

Consideran que a elección de García amosa a valoración positiva que se fai en Galicia do traballo da agrupación de Vilagarcía

Aplauden o inicio desta nova etapa de reforzamento do partido para ser útiles de cara a sociedade, e suscriben as verbas do novo secretario xeral Gómez Besteiro: “Volve o PSdeG”

Vilagarcía de Arousa, 30 de setembro de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía amosan hoxe a súa satisfacción polo paso adiante que o PSdeG ven de simbolizar onte coa ratificación de Gómez Besteiro como secretario xeral do partido, e que confían en que suporá a recuperación do Partido Socialista como alternativa real ás políticas da dereita do PP que está a afundir Galicia.

O novo secretario xeral, elexido oficialmente onte despois de gañar un proceso de primarias culminado o pasado día 7, presentou ao Congreso ademáis a renovación dos cargos de dirección do partido a nivel galego, e nesa nova dirección quixo contar coa voceira municipal de Vilagarcía, Tania García, quen formará parte nos vindeiros catro anos da dirección do PSdeG tendo a específica tarefa de coordinar o área de servizos sociais. García, traballadora social de profesión, aproveitou o nomeamento para apuntar que “os servizos sociais están sendo un dos sustentos principais de moitas situacións de dificultades deste país, e son unha das puntas de lanza da política socialista fronte a un PP que está a recortar precisamente onde as familias mais o necesitan”. A socialista dirixiu os seus dardos contra a reforma da lei de bases de réxime local, que “deixa aos concellos con moita menos capacidade operativa en cuestións tan básicas como os servizos sociais. Os concellos son o punto de contacto coa realidade deste país, e son os que coñecen as situacións que viven as familias. Por iso deben ser reforzados e non debilitados. O PP pretende regular unha situación que non coñece e que non lle importa, porque nunca tiveron nin teñen interese en axudar a quen mais o necesita”.

Dende a agrupación local manifestaron a súa satisfacción pola inclusión de García na dirección galega, e o secretario xeral Miro Serén manifestou onte ao finalizar o congreso do PSdeG que “é unha honra que o traballo que estamos a facer en Vilagarcía, de defensa das persoas e de axuda a quen mais o necesita, de protección dos valores fundamentais e de esixir unha democracia máis transparente deixando en evidencia aos que non a practican, se vexa recoñecida así. A nosa voceira municipal é un referente que simboliza este traballo, e que o propio Gómez Besteiro amosase o seu interese por contar con ela nesta dirección galega dai que queramos traballar aínda máis”. Serén destacou o recoñecemento continuo que se fai a esta agrupación, e a Tania García en particular, da que apuntou que está a recibir constantemente requerimentos para labores de gran responsabilidade no partido, “ás que adica un gran esforzo que resulta en grandísimos resultados”, e quixo destacar que o fai “sen soldos, nen sobresoldos, nen fraudes de subvencións”. 

21/9/13

García tilda o “catastrazo de Fole” de “inxusto e inxustificado” e critica que o diñeiro recaudado “gástese logo en concertos elitistas”

Os socialistas solicitaron formalmente a contabilidade das festas de San Roque 2013

Dende o PSdeG alertan de que o incremento do IBI pode chegar nalgúns casos case ao 100%

Vilagarcía de Arousa, 21 de setembro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía considera “inxusto”, segundo palabras da voceira municipal Tania García, a política económica aplicada polo Goberno Local de Vilagarcía, e pon como exemplo o gasto nas festas patronais de San Roque fronte o incremento do IBI pola revisión catastral aprobada polo bipartito conservador.

Tania García anunciou hoxe que solicitou, no nome do grupo municipal socialista, a contabilidade das festas patronais de San Roque 2013, e que o seu grupo estudiará a documentación que reciban. García plantexou sobre a información xa publicada que resulta “inxustificable” que o Goberno Local gastase 37.000€ nun so concerto e que aínda así fora de pago para os cidadáns a 15€ por entrada. Esta situación é considerada para os socialistas como “elitista”, pois inviste grandes cantidades de diñeiro en espectáculos de pago, tendo en conta a situación económica que se está a vivir.

Espuxo Tania García que o gasto das festas patronais debe ser posto en contexto coa suba de impostos que os veciños están a sofrer nestas datas a través do “catastrazo de Fole”, como foi calificado pola voceira socialista. “Nestas semanas os veciños e veciñas de Vilagarcía están comprobando o incremento do valor catastral das súas propiedades pola revisión de valores aprobada polo bipartito conservador, incremementos que en moitos casos chegan a supoñer un incremento de case o 100% no recibo da contribución. Os socialistas consideran indecente este brutal incremento nun contexto de crise económica e altas taxas de desemprego e tendo en conta ademais o recorte e a supresión de servizos que está a aplicar o goberno de Tomás Fole

A combinación dos dous factores supón para García “un exemplo claro da política de económica do PP en Vilagarcía”, sinalando que “cobran máis polo IBI para poder pagar concertos para algúns”. Para os socialistas “é necesario establecer prioridades e conformar criterios claros, xustos comprensibles para todos os veciños”, segundo explicou García. A propia representante do Partido Socialista apuntou que “os cidadáns son conscientes de que hai que pagar taxas e impostos, pero non entenden que haxa que pagar máis para facer gastos superfluos” e abondou en que “Fole pega un golpe moi duro ás economías familiares con este catastrazo”.

19/9/13

Os socialistas suxiren ao Alcalde de Vilagarcía que coñeza a ordenanza de terrazas para aclararse do que fala, e pregúntalle cal é o seu criterio sobre a cuestión

Dende o PSdeG alértanlle de que o que lle plantexan é que o Goberno Municipal está a aplicar a ordenanza a uns locais si e a outros non, e que o marcado dos límites está incluído na ordenanza dende que se aprobou

Tania García: “Cando un non sabe do que fala, non entende nin o que lle queren decir os demáis”

Vilagarcía de Arousa, 19 de setembro de 2013.- Tania García, voceira municipal do Partido Socialista de Vilagarcía mostrouse hoxe sorprendida da resposta que o Alcalde Tomás Fole dou ante a reclamación que nestes pasados días fixeron pública os socialistas de que a aplicación da ordenanza de terrazas está a ser selectiva, tratando de forma distinta aos locales en cuestión que a ordenanza establece que sexan de común aplicación a todos os establecementos. Garcia fixo referencia a que Fole “non debe de saber realmente do que estamos a falar, porque se non non tería feito as declaracións que fixo”. Dende o PSdeG sinalan as palabras publicadas no día de hoxe a través das que o Alcalde interpreta a reclamación dos socialistas como un intento de que non se aplique a norma. García foi hoxe moito máis contundente e pretendeu ser explícita e clara na súa exposición: “Xa na primaveira do 2012 o bipartito de dereitas no Goberno Municipal elaborou e aprobou unha ordenanza de terrazas. Dende aquela non se volveu a saber da aplicación da ordenanza, a pesares de existir problemas con hostaleiros e veciños. Agora Fole acordouse da ordenanza e pretende aplicala, pero en algúns lugares si e noutros non. Todo esto é incoherente.”

A voceira socialista fixo estas declaracións insistindo en que “se o Alcalde de Vilagarcía non comparte a ordenanza que el mesmo elaborou e cree que non hai que regular as terrazas, que derogue a normativa. Se cree que hai que modificala, que o faga. Pero se existe hai que aplicala, e non é posible facelo a uns sí e a outros non, que é o que está a ocurrir”. Aproveitaron os socialistas para lembrar que o marcado dos límites das terrazas está recollido no texto da ordenanza xa dende a aprobación desta antes do verán do ano pasado, polo que reclaman que exista un criterio no Goberno Municipal sobre este tema e que se aplique. “Os socialistas temos claro cal é o noso criterio: hai que regular o establecemento de terrazas para que veciños e hostaleiros teñan unha normativa que garde os seus dereitos. E que se cumpla.”, resumíu Tania García, e concluíu “Cal é o criterio do Goberno Municipal? Facer cumplir a lei a algúns si e outros non? Saltarse a norma e esperar a que haia problemas? Por que hai lugares onde non se aplica a ordenanza?”.


En todo caso os socialistas lamentan que a situación non sexa novedosa para o Concello xa que, en palabras de Tania Garcia "este Alcalde deste goberno bipartito tennos tristemente acostumbrados a que se elaboren ordenanzas que non se aplican, como tamén ocorreu coa de circulación, e a que se redacten normas que causan mais problemas dos que pretenden resolver, como ocorreu co regulamento de uso de locais culturais”. “Normas que se elaboran pero non se fan cumplir, ordenanzas que se publican mal, normativas das que xa se anuncia que están mal e se van cambiar antes incluso de aprobalas… Un desastre”, sentenciou Tania García.

17/9/13

Os socialistas denuncian a aplicación selectiva da ordenanza de terrazas que está a desenvolver o Alcalde

Dende o PSdeG relacionan este feito coa política “a impulsos” que achacan ao goberno local.
Pregúntanse por que o Alcalde non aplica a ordenanza, deixando que florezan os problemas que logo pretende resolver de manera impositiva.

Vilagarcía de Arousa, 17 de setembro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía, a través da súa voceira no Concello Tania García, esixíu novamente ao Alcalde Tomás Fole que deixe de tomar decisións “a impulsos e sen reflexión”, ao fío da marcación do espacio de terrazas na céntrica rúa de A Baldosa.

Os socialistas lembraron que dende que Fole é Alcalde, e a pesares de que fixo da ordenanza de terrazas un cabalo de batalla dende a oposición, a ordenación e regulación dos espacios das terrazas dos locais de hostelería está sumida nun caos completo. Apuntan dende a formación socialista que xa sairon á luz moitas protestas veciñais, que nos últimos meses se recrudeceron xerando problemas entre os propios hosteleiros.



Segundo espuxo Tania García “os hostaleiros e os veciños non son os que teñen que afrontar as problemáticas entre eles. Para iso existe un regulamento, unha ordenanza” e achacou á “deixadez” do Alcalde que non se faga cumprir. García apuntou que “nos últimos tempos vén habendo problemas en rúas como a propia de A Baldosa, pero tamén noutros lugares houbo reclamacións e denuncias como en Juan García ou en Ramón y Cajal. Cando quen ten que dirixir, agóchase, semella que non é capaz e que queda todo a mercede da lei da selva”. Os socialistas reclaman “que o Goberno Municipal goberne”, e para iso apuntan que existe unha ordenanza. “Despois de escoitar tantas leccións que pretendeu dar dende a oposición, resulta que en dous anos os hostaleiros aínda non saben se ao Alcalde lle gusta a normativa, se non, se a quere cambiar, se non, se a quere facer aplicar, se non…” e pídenlle que se clarexe.


O que rexeitan dende o PSdeG é que a aplicación da normativa sexa selectiva, e se aplique so en determinadas zonas e a determinados establecementos. Demandan que se explique “por que se marca o límite para unhas terrazas nunha rúa, e non noutras”, apelando a que teñen existido demandas e problemáticas en diversos lugares e, por tanto, todos merecerían a intervención do Goberno Municipal en igual medida. Reclaman unha explicación de por que esta aplicación selectiva e que o equipo de goberno defina a súa postura sobre a cuestión das terrazas.

13/8/13

Os socialistas consideran “bochornosa” a posición que están adoptando o Alcalde e o concelleiro de cultura ante a revelación do fraude de subvencións cometido por Francisco González

Tania García pregúntase “que nivel ético marca Fole ao seu equipo ao manter no seu cargo a unha persoa que se apropiou de cartos públicos”


Dende o PSdeG consideran ao concelleiro “inhabilitado” para unha responsabilidade pública, e apuntan a Fole como responsable por permitir a situación

Vilagarcía de Arousa, 13 de agosto de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía insistiron hoxe en esixir a dimisión inmediata do concelleiro de cultura ou o a súa destitución por parte do Alcalde Tomás Fole, dadas as evidencias de apropiación indebida de fondos públicos e de fraude de subvencións destapado polos socialistas con respecto á suposta organización do Feirón Solidario en xullo de 2011, polo que o agora concelleiro cobrou 4.500€ de diñeiro público por unha actividade que xa quedou demostrado que non se fixo.

Os representantes do PSdeG sorpréndense e síntense “abochornados” pola actitude do concelleiro, ao que “aínda por riba hai que aturar que se amose chulesco, desafiante e retador”. Tania García, voceira socialista, foi hoxe moi contundente ao calificar de “indecente” a actitude do concelleiro “por aferrarse ao cargo despois de coñecerse tal sarta de mentiras que montou para levarse os cartos de todos”, e dirixiuse directamente a Tomás Fole ao declarar que “o responsable de esta vergoñenta situación non é Francisco González, que xa se comproba que de responsabilidade sabe pouco, senón o Alcalde que o mantén e permite que os vilagarciáns se vexan representados por alguén así”.

Os socialistas consideran unha burla a argumentación do concelleiro, tanto no sentido de decir que todos eses feitos ocorreron cando non era concelleiro, como de pretender xustificar que todo o revelado foi un erro e querer dar punto e final. Con respecto a se o xa coñecido foi un erro, os socialistas lembran que hai unha enorme cantidade de actividades subvencionadas con fondos públicos e que se xustificaron con fotos de membros do PP na propia sede do PP, con actos de mitins electorais do PP, actividades como o Feirón que non se fixeron e se cobraron igual, cruce de facturas e xustificacións de empresas descoñecidas ou da irmá do concelleiro quen, á súa vez, é titular doutra asociación pantasma que se ubica en Cabanas pero que sen estar rexistrada no municipio recibiu subvencións por actividades das que tampouco hai constancia…e todo esto enmárcarse dentro dun entramado de asociacións federadas na entidade Fexuga, que baixo a presidencia de Francisco González semella que se especializaron en desfalcar fondos públicos con proxectos que nunca se celebraban. “Pero o concelleiro di que esto é un pequeño erro. Igual é que o concelleiro se compara con Bárcenas, claro”, ironizou Tania García.

Sobre a súa responsabilidade como concelleiro, en relación a que estas actividades se realizaron cando non exercía cargo público (aínda que o evento non realizado polo que percibiu 4.500€ é de datas nas que Tomás Fole xa era Alcalde e o agora concelleiro xa fora integrante da lista electoral do PP ás eleccións municipais), os socialistas pregúntanse “como se pode ter tanta cara”. “Francisco González apropiouse de fondos públicos falseando documentación. Está absolutamente inhabilitado para exercer un cargo público e manexar cartos de todos os veciños”, sentenciou Tania García, quen afirmou que “a argumentación do concelleiro podería chegar incluso a defender que Bárcenas pode ser Ministro de Facenda, porque todo o mal que fixo foi antes do nomeamento. Absurdo e insultante.”. 

6/8/13

Os socialistas de Vilagarcía consideran indecente a actitude do concelleiro de Cultura e do Alcalde Tomás Fole

Dende o PSdeG afirman que a investigación que abre a Xunta é unha evidencia da situación na que está o concelleiro


Apuntan que xa está asumido e comprobado que o concelleiro “cobrou 4.500€ por unha actividade que non se celebrou”, polo que aseguran que a dimisión é o único camiño

Vilagarcía de Arousa, 6 de agosto de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía afirman sentir “vergoa allea” pola actitude do concelleiro de cultura Francisco González e o Alcalde Tomás Fole ante a publicación do expediente do tristemente famoso Feirón solidario, que deixa en evidencia que o agora concelleiro de cultura cobrou unha subvención de 4.500€ para a realización de dita actividade que nunca se celebrou.

O expediente feito público demostra que ata 3 meses despois da suposta celebración do evento, Francisco González aporta unha memoria xustificativa explicando con todo detalle cuestións referidas ao Feirón que non se celebrou. “A apelación da memoria á adopción de cans, aos problemas previos ás representacións teatrais ou as fotos da suposta actividade son unha burda e rexeitable manipulación de información”, indicou Tania García, que insistíu en que “estamos a falar de que Francisco González escribíu e asinou unha memoria a sabendas de que era mentira, co obxecto de embolsarse 4.500€”.

Para os representantes socialistas é un “auténtico escándalo” que un concelleiro e un Alcalde recoñezan, con toda a normalidade, que hai un expediente xustificativo que contén unha mentira constante e que crean que iso non merece maior atención. Pregúntanse, ademais, dende o PSdeG, se a Francisco González “non se lle cae a cara de vergoña de ter utilizado para o seu beneficio persoal o nome de entidades como a Protectora de animais, Cáritas ou Cruz Vermella”. “Triste, lamentable, indigno e vergoñento” foi como calificou Tania García a todo este proceso de “engano e fraude de subvencións”.

Por último, a voceira socialista pregúntase “que lle ocorre ao Alcalde que está tan botado a perder que en vez de destituir fulminantemente ao concelleiro de Cultura sae na súa defensa a pesares de ser consciente de que se apropiou indebidamente de fondos públicos”. Os socialistas afirman desexar que o que esté a ocorrer non sexa que se está a cubrir a alguén máis e que se pudieran ver relacionadas máis persoas vinculadas ao PP.

31/7/13

Os socialistas de Vilagarcía consideran que a bandeira vermella da praia Concha-Compostela é o símbolo da incapacidade de xestión dos areais por parte do Alcalde Tomás Fole

Lémbranlle ao rexedor que pasou toda o seu tempo na oposición bramando sobre a praia e facendo moreas de promesas que agora desapareceron

Apuntan que o único investimento real propio deste Goberno Local foron máis de 60.000€ en hinchables

Vilagarcía de Arousa, 31 de xullo de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García, colocou hoxe á bandeira vermella da praia Concha-Compostela como o símbolo da capacidade de xestión do Alcalde e o Goberno Local en materia de praias. A socialista considera que a situación deixa en evidencia ao equipo de goberno, e pide que se aclare que teñen feito os responsables directos sobre a situación para tentar de evitala.

Nesta liña, adianta García que “os vertidos sobre a praia é unha problemática sobre a que dende o Partido Socialista vimos alertando hai moito tempo, e apuntamos dende sempre que merecen unha actuación real e eficaz”. Por el contrario diso, García queixouse de que “o conselleiro Agustín Hernández a través do Plan de Saneamento Integral das Rías, prometeu de todo, por prometer que non falte, e Fole fíxose fotos de todas as posturas e en todos os lugares posibles da praia, pero ao final xa vemos a intervención real: cero”, e apunta que “Fole converteuse nun alumno aventaxado do PP na técnica do prometer e prometer para logo non facer, como aplicou Marta Rodríguez co Hospital do Salnés e como Rajoy está a facer en España”.

Para Tania García o problema dos vertidos necesita dun plantexamento serio, e que non pode ser tratado a golpe de impulso ou poñendo parches. Unha das medidas que se iniciaron na anterior lexislatura foi a da canalización do río Tripera, que permitiría ademáis intervir sobre un dos principais puntos de vertidos. Esta actuación quedou aparcada coa chegada de Fole ao Goberno de Vilagarcía, e García lembra que “houbo moitos recordatorios por parte do noso partido, apuntando á importancia desa intervención. Incluso presentamos no Pleno Municipal unha moción instando á execución das obras no inverno pasado. O Goberno Local votou a favor, e estamos en agosto e aí están as obras”. “Este Goberno é un desastre”, sentenciou García.

A modo de exemplo resumo de todo o anterior, a voceira socialista deixou para a reflexión que “o único investimento en dous anos de Goberno Fole sobre a praia Concha-Compostela foron aproximadamente 60.000€ e estaban destinados a colocar hinchables durante uns breves días no verán”. 

30/7/13

O Consello Portuario debatirá mañá a renovación da concesión para a nave de Moral, sobre a que os socialistas instan ao Alcalde a cumprir o acordo plenario de facilitar a desembocadura do río do Con a ceo aberto

O PSdeG de Vilagarcía lembra que hai meses presentou unha moción ao Pleno Municipal, aprobada por unanimidade, que propoñía traballar para a liberación da desembocadura

Os socialistas apuntan a que “o momento de facer as cousas ben é este”, dado que a proposta de renovación é por 10 anos

Vilagarcía de Arousa, 30 de xullo de 2013.- O Consello Portuario que se celebrará mañá mércores 31 pola tarde debatirá, entre outros asuntos, a renovación da concesión da nave comercial que se ubica ao final do cauce do río do Con. Os socialistas veñen dende hai moito tempo apuntando que a liberación do río do Con para que desemboque a ceo aberto sería un avance grande, tanto nas medidas a tomar para paliar e evitar as continuas inundacións que se provocan polo desborde do río como no aspecto e impacto paisaxístico e urbanístico da fachada marítima.

Por estas razóns, os socialistas presentaron unha moción ao Pleno Municipal no mesmo sentido que xa fixeron propostas nos últimos anos, na que se instaba ao Goberno Local a facilitar esta desembocadura a ceo aberto e lembran que daquela a moción foi aprobada por unanimidade, obviamente incluídos os membros do Bipartito Local ao completo. O maior problema para esta intervención está na nave comercial que se ubica no punto final do cauce, que limita esa posible apertura da desembocadura e obriga ao río a chegar ao mar por unha canalización que se volve pequena cando hai chuvias que coinciden coa preamar. Neste momento no que se vai debatir a renovación desta concesión os socialistas consideran que é o momento de actuar.

Valoran dende o PSdeG que existe agora a posibilidade de dar un paso enorme na mellora da fachada marítima e de contribuír enormemente a aminorar un problema para Vilagarcía como son as inundacións. Gracias a esta decisión se axudaría, ademáis, a rexeitar as intencións que vén manifestando a Xunta de intervir sobre a ponte histórica de Vista Alegre, incluso para derruíla, e que os socialistas consideran que son “inaceptables”. Para elo fai falta, como sinalaba hoxe Lino Mouriño, representante socialista no Consello Portuario, “dar xa os pasos necesarios para trasladar a nave que agora está ao final do cauce”.

Este proceso, segundo os membros do PSdeG debería facerse xa mesmo mediante a concesión doutro espazo distinto en terreos portuarios, sobre o que apuntaba Mouriño que “hai moi pouquiño, apenas unhas semanas, aínda había una parcela libre a moi poucos metros de alí. O desbaraxuste, e outras cousas máis escuras que xa todos sabemos, lévanos a que agora non poidamos utilizar ese espazo para unha cuestión de moita importancia para o Porto e para toda Vilagarcía”. Pero para facilitar a tarefa ao Concello, os socialistas apuntan tamén outra proposta, indicando que “se o Porto asume que non ten agora mesmo un espazo propicio, e o Concello non é quen de contribuír a unha solución, aínda queda a opción de facer a renovación da concesión actual en precario de forma que teña que ser renovada cada ano a expensas de que no momento en que xurda unha oportunidade se inicien os trámites para trasladar a nave actual”. Creen dende o PSdeG que estas propostas, ou ben trasladar a nave agora mesmo ou renovar en precario a expensas de que xurda unha oportunidade, “facilita a continuación do negocio, contribúe á mellora de Vilagarcía e a súa ordeación urbanística e medioambiental, e ademáis aporta un grado importante de coherencia á xestión política pois daríase cumplimento a un acordo plenario”.


Sobre este último punto sinalado, o representante socialista e concelleiro Lino Mouriño quixo apuntar que “aos socialistas de Vilagarcía non nos importa que o Goberno Local absorba as ideas que lle plantexamos votando nos Plenos a favor do que nós presentamos. Ao contrario, estamos tan convencidos de que as propostas son boas que o que queremos é que nos fagan caso, e será que non o facemos mal cando somos o grupo político que máis mocións saca adiante por unanimidade. Esperamos que agora que o Alcalde ten a oportunidade de traballar por poñer en marcha unha das ideas sobre as que votou a favor, non incurra na absoluta incoherencia de non facelo”. 

27/7/13

Os socialistas de Vilagarcía piden ao Alcalde que atenda ás suxerencias dos hosteleiros de non programar o Combate Naval para o día 17 de agosto

Dende o PSdeG apuntan que “da a sensación de que o Alcalde abandoa á súa sorte aos sectores sobre os que máis inciden as festas”


A formación socialista critica que esta situación se de “a tres semanas vista, cando non temos aínda ningunha programación oficial que impide actuar con previsión”

Vilagarcía de Arousa, 27 de xullo de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía súmase á petición que os hosteleiros van trasladar ao Alcalde nestes próximos días de que retrase a celebración do Combate Naval máis alá do día 17 de agosto no que está agora previsto. Na formación socialista creen que fixar ese día para o Combate conlevaría moitas situacións negativas, principalmente a concentración excesiva dos eventos principais que derivaría nunha perda de actividade dos sectores que se benefician maiormente das festas locais de San Roque. Como apuntou Tania García “sempre se plantexou dende o Concello, dende hai moitísimos anos, a intención de xerar eventos e actividades que puideran extender as datas de festas. Todo o mundo entendeu sempre que ampriar o abanico de días era positivo pois repercutía en maior dinamización económica, e maior visibilidade de Vilagarcía e dos negocios que a integran”. Nesta liña, entenden dende o Partido Socialista que non é comprensible aglutinar Festa da Auga o 16, Combate Naval o 17 e incluso o posible desfile de carrozas o 18.

Apuntan tamén dende o PSdeG que a celebración do Combate Naval o 17 traería outro problema serio, que é a loxística da organización e da asistencia de tanto público á praia Concha-Compostela un día despois da Festa da Auga. Esta celebración, que nos últimos tempos ven focalizando especialmente na praia unha grande celebración na noite previa, obriga a un esforzo extra en toda Vilagarcía dos servizos de limpeza “aos que non se lles pode esixir e cargar coa responsabilidade de que fagan nun día o que ata o de agora tardaban máis, como é normal”, indicou García. Pregúntanse os socialistas si dende o Concello se valorou a situación na que pode quedar Vilagarcía ante os visitantes que veñen a ver o Combate si non están terminadas as labores de limpeza.

Tania García plantexou que “este tipo de problemáticas veñen arrastradas do feito de que non existe, a día de hoxe, unha programación oficial sobre as festas e unha valoración conxunta cos axentes sociais e económicos implicados”. Como apuntou a voceira socialista “case é comprensible que o concelleiro de Cultura permaneza agochado no seu despacho sen sair, porque a situación á que chegou despois da información desvelada polos socialistas que apuntan a un posible fraude de subvencións é para dimitir. Non entanto, semella que o Alcalde vai polo mesmo camiño e non ten constancia real do día a día de Vilagarcía”. Concluiu García que “ou non sabe ou non pode” dar resposta ás necesidades, pero “en ambos casos a situación é preocupante porque está en xogo a actividade económica de moitos empresarios e moitos negocios de Vilagarcía na semana na que máis ingresos obteñen”.

22/7/13

COMUNICADO ACLARATORIO en relación ao caso da instalación dun complexo deportivo en terreos portuarios e as acción políticas e xudiciais derivadas

O Partido Socialista de Vilagarcía, ante alguna información publicada en relación ao caso da instalación dun complexo deportivo en terreos portuarios e as acción políticas e xudiciais derivadas, coa vontade de esclarecer na maior medida posible a situación e favorecer o coñecemento máis amplo posible do tema, quere apuntar:

1) O Partido Socialista, a través do Grupo Municipal Socialista no Concello de Vilagarcía ten como función revisar e controlar a labor do Goberno Local, así como de facer propostas alternativas ás decisión tomadas. No exercicio destas funcións, nas recentes datas os representantes socialistas constatan o que consideran unha vulneración da legalidade no caso dunhas obras iniciadas sen licenza en terreos portuarios e a negativa do Alcalde a paralizar as obras a pesares de afirmar ter coñecemento. Dado que esa ilegalidade é cometida polo responsable de outorgar a licencia (Concello de Vilagarcía) e que culmina un proceso sobre o que o Partido Socialista considera que existíu trato de favor, presentan unha denuncia por presunto delitos de prevaricación e tráfico de influencias contra a figura do Alcalde de Vilagarcía. Non existe ningunha denuncia contra ningunha entidade privada ou empresa por parte do Partido Socialista, como se pode dar a entender en algunhas informacións.

2) A responsabilidade urbanística no Concello de Vilagarcía é exclusivamente do Alcalde.

3) O Partido Socialista non se considera responsable de ningún tipo sobre os problemas, mercantiles ou de calquer tipo, que poidan xurdir derivados de tal denuncia, ao considerar que a denuncia sobre unha ilegalidade é unha acción ineludible para un representante político. O exercicio da labor política dos socialistas irá sempre encamiñado a apoiar e favorecer calquera actuación boa para Vilagarcía, sempre garantindo como normas fundamentais e inviolables o respecto á legalidade e á igualdade de oportunidades.

4) Non existe, nin existirá, ningún tipo de interese persoal ou partidista cara unha determinada entidade pública ou privada nin por parte do Partido Socialista como colectivo nin por parte dos seus actuais representantes. Dende o Partido Socialista, respectando profundamente o dereito á opinión e información libre de persoas e empresas, considera que calquera insinuación neste sentido debe ser probada ou constrastada. Os ataques gratuitos á honorabilidade das persoas e entidades, e a súa difusión, supoñen un delito penal tipificado que dende o Partido Socialista consideramos especialmente grave.

5) Os representantes do Partido Socialista, na súa condición de representantes da cidadanía, teñen por costume acudir, na medida das súas posibilidades, aos actos aos que son convidados (culturais, deportivos, empresariais, sociais, etc.). O exercicio deste compromiso é común a todos os representantes políticos calquera que sexa o partido ao pertenza, e é perfectamente entendido pola inmensa maioría dos cidadáns como o natural exercicio da representación.

6) O Partido Socialista estima que a difusión de información de determinadas empresas de Vilagarcía, por parte doutras empresas, contribúe a alimentar certas dúbidas existentes en todo o proceso ao que se vén facendo referencia nos últimos días. Resulta canto menos sorprendente que persoas particulares posúan información sobre os trámites administrativos municipais de carácter privado doutras empresas da competencia.

7) O Partido Socialista, a través dos seus representantes, continúa e continuará a manter as posición políticas e a realizar as acción pertinentes na procura dun modelo de sociedade máis xusto, máis solidario, que garanta os dereitos e as liberdades das persoas, que defenda a quenes máis o necesitan especialmente nestes tempos de dificultades, que promova unha concienciación da importancia do traballo político a través dun exercicio limpo e nobre da política e todo esto garantido o respecto á legalidade e a igualdade de oportunidades. Será difícil, moi difícil, que ataques persoais ou colectivos sin fundamento modifiquen o rumbo do Partido Socialista de Vilagarcía. O compromiso dos socialistas, lonxe de ser quebrantados por determinadas posición estratéxicas, está cos cidadáns de Vilagarcía aos que ademáis dende o PSdeG queremos agradecer as constantes mostras de aprobación e de ánimo que se reciben, especialmente con motivo destas recentes situacións.