Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

8/10/13

O Partido Socialista denuncia que o Alcalde négase a facilitar unha copia do PXOM, ao que califican de “irreal e insostible”

Dende o PSdeG asómbranse de que o Alcalde presuma de non ter aportado moito a un documento que os socialistas consideran “estratéxicamente vital para o futuro de Vilagarcía”.


Despois da breve presentación de diapositivas á que asistiron hoxe, creen que o proxecto merece moitas modificacións e un estudo a fondo para garantizar a dotación de máis zonas verdes e reflexionar sobre o volumen de nova construción

Vilagarcía de Arousa, 8 de outubro de 2013.- Os socialistas asistiron hoxe a unha presentación reducida en breves diapositivas do futuro Plan Xeral de Ordenación Urbanística, que ao final resultou ser a única información que recibirán sobre o proxecto ata que sexa remitido á Xunta de Galicia e devolto para a súa aprobación inicial. Tania García, voceira municipal socialista, constatou este feito ao recibir unha negativa do Alcalde ante a solicitude dunha copia do Plan sen maior motivo. Fole remitíu aos socialistas á fase de exposición pública coma outro particular. Tania García apuntou que “queira ou non queira o Alcalde, os concelleiros de Vilagarcía representamos tamén aos veciños e non é concebible que se nos impida o acceso a unha documentación como o PXOM”.

Esta negativa do Alcalde a facilitar información supón para os socialistas un “oscurantismo asombroso”, e pregúntanse cal é o problema de que diversos puntos de vista poidan contribuír e aportar sobre a planificación estratéxica de Vilagarcía como cidade de futuro. Os socialistas valoran o PXOM como unha ferramenta imprescindible e fundamental no deseño da cidade, que vai definir os proxectos futuros e as grandes decisión globais que afecten ao desenvolvemento social e económico dos vindeiros anos. Polo tanto consideran que merece un procedemento aberto e participativo, e non entenden “como se pode concebir de maneira tan limitada a planificación futura da poboación como para intentar poñer trabas aos representantes dos cidadáns”. Dada esta perspectiva esencial que os socialistas atribúen ao PXOM, consideran chamativo que o propio Alcalde valorase na xuntanza desta mañá que “apenas participou na redacción”, o cal supón a asunción de que “non houbo decisión nin proxección sobre a idea de Vilagarcía que ten Fole” apuntou García. “É posible que o Alcalde non aportara moito sobre a idea da Vilagarcía do futuro porque, sinxelamente, non ten ideas sobre cara onde debe ir Vilagarcía. O sorprendente é que pretenda presumir delo e que non nos permita, aos que si as temos, que as aportemos”, sentenciou a voceira socialista.

Da breve presentación en diapositivas de power point recibida hoxe, os socialistas tiraron algunhas ideas que creen que deben ser analizadas con detimento. Por un lado estiman que Vilagarcía debe apostar por un crecemento sostible, principalmente dende o punto de vista ecolóxico. I é que consideran os representantes do PSdeG que Vilagarcía debe apostar pola creación dun maior número de zonas verdes, non entanto o novo PXOM pretendería deixar esta aposta a mercede da iniciativa privada, a través de novas construcións e a obriga que estas teñen de liberar espacio para a dotación de zonas verdes. “Se non hai moita máis construción non haberá máis zonas verdes, e unha cousa non pode depender da outra”, apuntou Tania García.

Outra cuestión referida á construción de vivendas foi apuntada pola voceira socialista, quen aproveitou o dato de que Vilagarcía é unha das poboacións de España con maior número de vivendas sen ocupar para criticar que o PXOM, segundo se lles trasladou esta mañá, prevé a construción de 6.600 novas vivendas nos vindeiros 12 anos. Este volumen “non representa a necesidade real de Vilagarcía, xa que non semella necesaria tal cantidade de vivendas dada a situación”, afirmou Tania García. “Os intereses aquí representados non son os dos cidadáns, e non se responde ás previsións de crecemento demográfico de Vilagarcía que apuntan a un aumento da poboación en 4.000 persoas, aproximadamente, nestes vindeiros 12 anos”. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario