Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

27/3/13

O PSdeG de Arousa ten en marcha unha rolda de xuntanzas cos colectivos para contribuir á elaboración dun regulamento de instalacións culturais o máis consensuado posible




Os socialistas censuran a actitude belixerante do concelleiro de Cultura e o convidan a implicarse no tecido cultura e asociativo de verdade para entender a situación

Vilagarcía de Arousa, 27 de marzo de 2013.- Con motivo da intención do Goberno Local de implantar un regulamento de utilización de instalacións culturais en Vilagarcía, acompañado dunha xa polémica ordenanza que instaura prezos e sistema de pago inxustos para a cidadanía e especialmente para os participantes do eido cultural, o Partido Socialista de Vilagarcía está a manter contactos coas asociacións veciñais, colectivos e usuarios destas instalacións, coa intención de contribuír a elaborar un regulamento e unha ordenanza de maneira conxunta, consensuada e favorecedora de todos os intereses. Os socialistas consideran que a elaboración dun regulamento precisa deste tipo de actitudes, especialmente cando as asociacións de veciños, colectivos culturais e usuarios particulares amosan estes días por distintas vías o interese de participar neste procedemento.


Non obstante, dende o PSdeG censuran a actitude tomada polo concelleiro de cultura Francisco González, que despois de pasar polo ridículo de promulgar que estaba a facer unha proposta consultada cos colectivos culturais e veciñais e que estes negaran a maior, contribuíu nas súas ultimas declaracións a incendiar unha situación en vez de calmala. Valoran os socialistas que seguramente pola súa inexperiencia o concelleiro seguíu a estela habitual deste goberno local, e especialmente do Alcalde Tomás Fole, de arremeter contra toda persoa ou conxunto que discuta algunha decisión do goberno. O Partido Socialista considera absolutamente desafortunado que o concelleiro teña intentado menospreciar a actitude duns colectivos que só defenden o que consideran correcto, e que o fan dende a única intención de representar correctamente aos seus veciños. Semella unha saída de testo moi grande pretender, incluso, descalificar a persoas individuais e decirlle aos colectivos que, e como, deben de facer as cousas. Engaden que resulta desalentador ler que o concelleiro entra en excusas baratas como decir que “é inviable xuntar a 100 colectivos”, porque non o é, ou insistir en que houbo contacto previo, sobre o que se preguntan por que non di con que colectivos e asociacións falou e tivo ese contacto.

En definitiva, o PSdeG de Vilagarcía considera que se o concelleiro aínda ten a ben modificar a súa actitude e intentar resolver os problemas, que el mesmo creou, pola vía do diálogo, seguro que atopará boas maneiras e boa vontade nos seus interlocutores para aclarar un regulamento confuso, inexacto e impreciso. Así creen que deben de facer as cousas os representantes dun Goberno Local.



21/3/13

Os socialistas da comarca de Arousa agardan que Durán e o PP dean explicacións e asuman responsabilidades políticas pola implicación do alcalde de Vilanova nun proceso de prevaricación


Consideran insostible que os populares aíndan non deran unha soa explicación sobre o que teñen referenciado coma o seu líder comarcal

Valoran que o presidente da Mancomunidade, que representa a toda a comarca, non pode estar baixo a sospeita de contratacións irregulares

Comarca Salnés / Arousa 21 de xuño de 2013.- Os socialistas da comarca de Arousa valoran como “insostible” a situación na que se ve envolto Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, e por extensión todo o PP comarcal. Dende o Partido Socialista están sorprendidos de que o PP pretenda pasar por esta situación como se nada acontecera, pois o alcalde de Vilanova está acusado de contratacións ilegais, e non dunha nin dúas, senón máis de 60 casos. Non obstante dende o PSdeG denuncian que o PP da comarca, que está entregado políticamente a Gonzalo Durán ao que elevaron ao cargo de presidente da Mancomunidade do Salnés e que é a voz do PP en temas de influencia comarca como o relativo ao Hospital do Salnés, non dea ningunha explicación sobre o caso e non se plantexe asumir ningún tipo de responsabilidade.

Se ben dende o Partido Popular se pretende dar leccións de moitas cousas, a realidade desta comarca amosa que a moral dos conservadores é voluble e desmemoriada, segundo afirma a coordinadora comarcal socialista, composta por representantes de todas as agrupacións comarcais. Para estes, é inaceptable que un Alcalde teña que estar entrando nos xulgados por contratar a máis de 60 persoas irregularmente e ninguén teña dado nin unha soa explicación, nin feito ningunha declaración. Os socialistas agardan que os tempos xudiciais vaian pole seu camiño, pero consideran que os tempos políticos son outros e que se deben exponer as posturas. Aínda así, amosaron non sentirse moi esperanzados de que o PP vaia a dar a cara por estes feitos, pois lembran que un alto representante público do mesmo PP de Arousa, como Cores Tourís, agochouse tamén en medio da campaña electoral ao verse salpicado por acusacións graves de ter favorecido empresas a cambio de diñeiro, e ninguén do PP deu explicacións sobre o asunto.

O PSdeG arousán manifesta sentir vergoña allea dos representantes públicos do PP nesta comarca, pois consideran que nesta situación todos aqueles que non demanden explicacións e dean resposta política a este asunto deberán ser sinalados como cómplices políticos do futuro do Alcalde de Vilanova. Dada a situación e imaxe actual do Partido Popular, os socialistas estiman que é triste que o PP se sinta cómodo cos seus dirixentes pasando polos xulgados, pero os cidadáns merecen outro tipo de actitude.

18/3/13

Os socialistas proporán ao Pleno Municipal liberar a desembocadura do Río do Con


O PSdeG presentará unha moción ao Pleno no que solicitan que se libere a desembocadura do Río do Con a ceo aberto

Consideran que esto paliará en gran medida a problemática das inundacións, evitando tirar a ponte de Vista Alegre como desexa o PP

Vilagarcía de Arousa, 18 de marzo de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía levarán ao vindeiro Pleno Municipal unha moción para debater a posible liberación da desembocadura do Río do Con a ceo aberto. A proposta reflexa unha idea pola que os socialistas veñen apostando dende hai tempo, e sobre a que xa se iniciaron actuacións no goberno que presidía Emilio Pérez Touriño. Naquel momento iniciouse o plan de Rexeneración do Río do Con, na súa primeira fase, que interviña sobre o último tramo do río e o seu entorno. A fase 2, que afrontaba a liberación da desembocadura, quedou en suspenso cando mudou o Goberno despois das eleccións de 2009. Dende aquel momento os socialistas veñen reclamando que se poña en marcha, e así o incluíron no seu programa electoral municipal de 2011 e tamén o manifestaron na campaña das eleccións autonómicas de 2012.

Agora, Tania García, voceira socialista no Concello de Vilagarcía, pretende levar este debate ao Pleno Municipal para que este organismo se pronuncie e poña o seu empeño en resolver esta cuestión. García explicou hoxe que “esta moción que presentamos amosa, en liñas xerais, o que consideramos unha necesidade para a desembocadura do río, que é que esta se produza a ceo aberto, incluso ampliando o cauce nos seus metros finais”. Segundo esta idea, “o río no tería problemas de saída incluso con preamar, o que reduciría ampliamente o risco de inundacións”. García contrapuxo esta proposta coa intención do PP de tirar a ponte de Vista Alegre, “contra a que non sabemos que é o que ten o PP pero semella que lles molesta porque pretenden xustificar o inxustificable para derruíla”.

Consideran os socialistas que este é un momento moi importante para debatir este proxecto, xa que as obras para a instalación das vías que levarán o tren a Ferrazo dan a oportunidade de intervir sobre esta zona. A esta oportunidade súmase que a nave ubicada xusto enriba da desembocadura finaliza a súa concesión neste mesmo ano, polo que a oportunidade está servida. “Estamos no momento en que é posible que esta idea se leve a cabo. Pódese aproveitar para solucionar varios problemas dunha vez, e resolver as dificultades históricas que esta desembocadura vén plantexando. É un momento importante, e cremos que é necesario que esta idea se teña en conta”, resumíu Tania García.

16/3/13

Os socialistas de Vilagarcía denuncian que o Goberno Local pretende instaurar “o regulamento da incultura”


Dende o PSdeG tildan de “atraco á cultura” a proposta do Goberno de cobrar por utilizar as instalacións culturais

Vilagarcía de Arousa, 16 de marzo de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía tildan de atraco á cultura o Regulamento e a Ordenanza fiscal de uso das instalacións culturais, que Tania García calificou hoxe como “o regulamento da incultura”, e que reclaman, como xa o fixeron con anterioridade, que non foi consultado nin dialogado cos colectivos implicados nin cos demáis grupos políticos. “A outras iniciativas do PP noutros eidos, como a brutal subida do IVE cultural que promoveu o Goberno de Rajoy, agora o Goberno Local de Vilagarcía amosa a súa intención de laminar a pouca promoción de actividade cultural que existe actualmente”, indicou a voceira socialista.

Para a executiva local socialista no caso concreto de Vilagarcía é unha evidencia que para o Goberno bipartito actual a xestión da actividade cultural sempre foi o caixón desastre, e a nosa vila pasou nos dous últimos anos de ser a referencia cultural da comarca a ver como o desenvolvimento de actividades é protagonizado por outros Concellos, e como os creadores vilagarciáns son máis recoñecidos noutros concellos da comarca que fan unha aposta mais firme que Vilagarcía.

O prezo polo uso dos locais de ensaio, (30 euros de matrícula e un coste medio mensual de 20€) no momento de maior índice de paro xuvenil suporá que moitos mozos renunciarán a utilizar estas dependencias. O PP non está a valorar a inxente cantidade de xóvenes vilagarciáns que nos últimos tempos veñen desenvolvendo actividade musical nestes locais, con un nivel de calidade moi destacable, o que supón un ambiente cultural que é un luxo entre a mocidade. O pago por expoñer na Sala Rivas Briones (150€/semana) é outra evidencia máis de que para o bipartito local esta sala non é un orgullo nin unha referencia, máis ben parécelles un lastre e queren rematar con el. A ordenanza amosa outras cuestións paradigmáticas, como cobrar pola utilización da praza da peixería cando o propio Goberno Local ven de entregar este privilexiado espazo durante todas as festas de Nadal a unha empresa, que instalou un negocio de prezos elitistas, e á que lonxe de cobrarlle, pagóuselle por instalarse alí.

A difusión desta ordenanza coincide no tempo coa publicación das intencións do Goberno Local para as festas de San Roque, e co indecente espectáculo que están dando na xestión da celebración do maior evento que se celebra cada ano en Vilagarcía como é o Festival do Norte. Esto leva aos socialistas a plantexar ao Alcalde Tomás Fole que reflexione sobre o indecente papel que o seu Goberno leva xogando en materia de cultura nesta lexislatura, e a invitarlle a que pense se non debería volver a facer cambios no seu goberno para buscar unha nova forma de apostar por ese eido.

Sen embargo, apuntan aos socialistas que todo encaixa dentro da actitude xeral do PP cara a cultura. “A cultura nunca foi do gusto da dereita, que fuxe da creatividade e da reflexión coma se foran uns males do deaño. Para o PP a cultura sempre significou un inimigo, e non dubidan en facer política anti-cultural, buscando alienar e aplanar á población e limitando a actividade cultural” reflexionou Tania García. A voceira municipal rematou apuntando que “Fole pretende cobrar aos colectivos e creadores vilagarciáns durante todo o ano para apostar pola súa verdadeira cultura, pagar 10.000€ a Fonsi Nieto para que faga de DJ nun macrobotellón”.

14/3/13

Tania García critica que o Goberno Municipal plantexe un elevadísimo coste das festas mentras cobra polo uso das instalacións culturais


Ante unha subida de taxas e impostos e un recorte en todos os servizos o presuposto para as festas increméntase nun 40%

Os socialistas lembran que a Deputación só subvencionou con 3.000 euros as Festas de San Roque 2012


Vilagarcía de Arousa, 14 de marzo de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía critican o incremento dun 40% no presuposto de San Roque 2013, que ascende a unha previsión de 180.000€ fronte aos 146.000 do pasado ano. Os socialistas consideran unha aberración o feito de incrementar esta partida mentras se suben taxas e impostos e se recortan moitos servizos básicos. “Parécenos unha incongruencia que mentras o Goberno local pretende cobrar polo uso das instalacións culturais, Auditorio, Locais de Ensaio, Sala Rivas Briones, etc, se incremente sustancialmente o orzamento para as festas”, sinalou a portavoz municipal, Tania García. “A estratexia definitiva do Goberno Municipal é que as asociacións culturais e os grupos de música locais costeen do seu peto caprichos de Fole e o concelleiro de cultura como gastar 10.000€ para que Fonsi Nieto faga de DJ por unhas horas”.

Os socialistas tamén critican a propia programación das Festas. Unha vez máis bótase en falta a inclusión no programa dos grupos musicais locais, e por outra banda, resulta cando menos chocante o feito de incluír no programa un concerto de Fangoria, grupo que estivo en Vilagarcía na última edición do Festival do Norte. “Se finalmente este programa vai ser o definitivo, bótase unha vez máis en falta un pouco de imaxinación e criterio á hora de elexir os concertos”, pedíu García, lembrando que o ano pasado xa estivo nas festas Mario Vaquerizo, despois de ter dado un concerto tres meses antes en Vilagarcía.

Para os socialistas esta proposta reflexa unha vez máis a nefasta xestión do Goberno local, “xa estamos fartos de dicirlle ao Goberno que en vez de gastar 21.000 euros en hinchables para quince días opte pola adquisión de elementos permanentes como fixemos os socialistas na súa etapa de goberna coa instalación da tirolina, a rede tridiemensional,… Este Goberno ten un grave problemas á hora de priorizar o gasto e parece máis preocupado polas sairen ben na foto e no sarao que en organizar unhas festas de calidade sen que iso supoña un exceso no gasto”, suliñou Tania García.

Por último aos socialistas parécelles moi grave que o Goberno se escude nunha hipotética subvención da Deputación para adiantar os prazos e pechar en falso un programa a todas luces moi mellorable, cando, se os criterios se manteñen, a aportación da Deputación non chegaría nin para cubrir os gastos en cartelería. Aos feitos se remiten os socialistas xa que no pasado exercicio a Deputación só subvencionou 3.000 euros para as festas de San Roque, moi lonxe dos 146.000 euros que se gastaron.  (BOP 29/01/2013). “Se a tendencia é a mesma este ano, a previsión do Goberno Local non ten ningún fundamento” advertíu a portavoz socialista.

7/3/13

Os socialistas alertan que continúan as obras nos Xardíns de Artime, a pesares de que O Alcalde indicou que xa estaban paralizadas


Denuncian que O Goberno local tardou case tres meses en dar orde de paralizar estas obras

O Alcalde asinou esta orde o 20 de febreiro, sen embargo o pasado venres afirmou descoñecer a existencia das obras

Vilagarcía de Arousa, 07 de marzo de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía denuncian que onte mesmo (mércores) continuaban as obras ilegais nunha das propiedades dos Xardíns de Artíme e instan ao Goberno a actuar firmemente, precintar o inmoble e paralizar as obras dunha vez.

Os socialistas denuncian a pasividade do Goberno local á hora de paralizar as obras nun inmoble catalogado e protexido por Patrimonio. Segundo consta no expediente municipal o pasado 11 de decembro a Policía local presenta un informe en relación coas obras de reforma e o Goberno, concretamente o Alcalde que é quen ten as competencias en materia de Urbanismo, non asinou a orde de paralización ata o 20 de febreiro. “Aos socialistas parécenos gravísimo que tarden case tres meses en paralizar unha obras nun inmoble protexido, xa que nese tempo os efectos das obras poden ser irreparables” sinalou a voceira municipal, Tania García. “Aos socialistas cáusanos estupor comprobar que ben o Alcalde minte ou ben non le o que asina, xa que o pasado venres o Sr. Fole recoñecía persoalmente que descoñecía que se estivesen realizando esas obras, cando segundo consta no expediente, o propio Alcalde asina a orde de paralización o pasado 12 de febreiro”, explicou García.

Dende o PSdeG din asistir con preocupación á nefasta xestión en materia de Urbanismo, sobre todo na protección do Patrimonio do Goberno local e do Alcalde Tomás Fole. Lembran que hai un par de meses non paralizou unhas obras no Convento de Vista Alegre ata que saíu publicado nun medio de comunicación, a pesares de ter constancia da existencia das mesmas alo menos cunha semana de antelación a través dunha denuncia dos socialistas no Consello de Xerencia de Urbanismo. Á demora de case tres meses en dar orde de paralización nos Xardíns de Artime engádese a pretensión do Goberno Local de descatalogar un inmoble catalogado e protexido por Patrimonio na Rúa Rosalía de Castro e o velado anuncio de pretender derribar a ponte antiga de Vista Alegre sin que existen razóns técnicas que avalen que con esta actuación se solventen os problemas das inundacións. “Con estes antecendentes os socialistas consideramos que non existe ningún tipo de preocupación polo noso patrimonio arquitectónico por parte do Bipartito PP-IVIL Estase a actuar con total impunidade mentras o Goberno e o Alcalde miran para outro lado”, concluíu a voceira socialista.

5/3/13

Os socialistas de Vilagarcía denuncian que o Goberno Local está permitindo a realización de obras ilegais en inmobles protexidos por Patrimonio



As obras, das que o concello ten coñecemento dende o pasado mes de decembro, se están a realizar nunha das edificacións nos Xardíns de Artíme
Os socialistas pediron xa explicacións no Consello de Xerencia de Urbanismo sobre estas obras e as tamén realizadas sen licenza no Convento de Vista Alegre

Vilagarcía de Arousa,  05 de marzo de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía denuncian a realización de obras sen licenza municipal e sen o preceptivo informe favorable de Patrimonio nunha das edificacións do conxunto solariego Santamariña, máis coñecido como Xardín de Artime (Rosalía de Castro, 76). Esta edificación figura no Inventario Xeral de Patrimonio de Galicia, e está incluída no Catálogo de bens a conservar do PXOM de Vilagarcía. Entre as obras que se están a realizar hai actuacións de importancia, como a apertura dunha porta nunha das fachadas, e outras intervencións que non están autorizadas dado o elevado grado de protección da vivenda, que só admite reformas no interior.

No pasado mes de febreiro, con data de día 27, a voceira socialista Tania García, ao ter coñecemento desta situación, presentou no rexistro do Concello unha solicitude de paralización inmediata das obras. Ademáis deste procedemento formal a propia voceira socialista trasladou o pasado día 1 de marzo, de maneira persoal ao Alcalde, esta situación, e o tema volveu a ser recordado por parte da voceira socialista no Consello  de xerencia de urbanismo celebrado no día de hoxe. Os socialistas denuncian que o Concello non está a facer nada, e que ao día de hoxe séguese a traballar, a pesares de que dende o PSdeG aseguran que o Concello ten coñecemento destos feitos dende o pasado mes de decembro no que xa se estaban a realizar estas intervencións.

A preocupación pola situación aumenta entre os socialistas, xa que existe un precedente alarmante que ten como protagonista ao convento de Vista Alegre. Neste conxunto arquitectónico, que non só está no Catálogo de bens a conservar do PXOM e no Inventario galego, senón que está calificado como Ben de Interese Cultural por Patrimonio do Estado, estanse a facer tamén intervencións nas últimas semanas. Os socialistas denunciaron esta situación nun anterior Consello de Xerencia, e o Concello demorou máis de unha semana en ordear a paralización da obra, facéndoo únicamente cando a información foi publicada nun medio de comunicación.

Dados os precedentes, os socialistas amósanse preocupados pola intervención que se está a realizar nos Xardíns de Artime e a pasividade do Concello ante esta situación. Por eso reclaman que se paralicen as actuacións, se comunique de xeito inmediato á Dirección Xeral de Patrimonio e que o Concello poña todos os medios para elo de maneira inmediata.