Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

27/6/13

O PSdeG-PSOE de Vilagarcía solicita a dimisión inmediata do concelleiro delegado de Seguridade, Cholo Dorgambide

Consideran que a denunciar feita pública onte polo Corpo de Bombeiros provoca unha situación insostible para o concelleiro e o Alcalde

O incumprimento do Protocolo en materia de emerxencias por parte do Goberno local de Vilagarcía supón un risco gravísimo para a seguridade dos veciños de Vilagarcía

Solicitan unha xuntanza urxente de voceiros para coñecer de primeira man a situación das emerxencias en Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, 27 de xuño de 2013.- O PSdeG-PSOE de Vilagarcía solicita a dimisión inmediata do concelleiro de Seguridade, Cholo Dorgambide, ante a denuncia feita no pleno celebrado onte polo Corpo de Bombeiros. Os Bombeiros denunciaron onte publicamente o reiterado incumprimento do Protocolo de actuación en situacións de emerxencia e acusaron directamente ao Concello de ocultar e non informar ao Corpo de Bombeiros das emerxencias e priorizar o Servizo Municipal e a Agrupación de Voluntarios sobre o Corpo profesional de Bombeiros.

“Esta situación é gravísima”, sinalou a voceira socialista, Tania García. “Estamos falando de situacións de emerxencia onde perigan vidas humáns, o concelleiro ten que dimitir de inmediato e o Alcalde, máximo responsable deste concello asumir a responsabilidade de garantir o cumprimento exquisito do Protocolo de emerxencias”.


Os socialistas, alarmados pola denuncia feita onte polos Bombeiros, solicitou no Pleno unha xuntanza urxente de voceiros coa finalidade de coñecer de primeira man os detalles da denuncia feita polos bombeiros, a situación actual do Servizo de emerxencia municipal, os protocolos de funcionamento e as medidas inmediatas para correxir esta situación que os socialistas califican de inasumible. “Calquera ineficiencia no exercicio da responsabilidade dun concelleiro merece actuar en consecuencia, pero se especialmente se esta ineficacia é intencionada e atenta contra a seguridade das persoas debe ser rectificada de inmediato”, apuntou Tania García. A voceira socialista, ademáis, sinalou ao Alcalde ao indicar que “Entre un concelleiro que non sabe explicar a onde se foron os cartos públicos que solicitou en subvencións, e outro que pon en perigo as vidas dos veciños por razóns oscuras, Fole estase convertindo nun especialista en aferrarse a situacións que rozan a indecencia”.

25/6/13

O Partido Socialista votará en contra da concesión da parcela portuaria para a construción dunhas pistas de pádel

O representante dos socialistas no Consello Portuario, Lino Mouriño, non apoiará a proposta por entender que “nin procede, nin é axeitado, nin é xusto nin é unha boa decisión de xestión”

Vilagarcía de Arousa, 25 de xuño de 2013.- Lino Mouriño, membro do Partido Socialista e membro tamén do Consello Portuario votará este mércores en contra da proposta da Autoridade Portuaria de conceder unha parcela a un particular para a instalación dun recinto deportivo privado.

Mouriño fundamenta a súa decisión en dous puntos argumentais. En primeiro lugar porque “consideramos os socialistas que é unha decisión errónea de xestión do Porto. Esa parcela, pola súa ubicación e características, parece naturalmente deseñada especialmente para actividades portuarias e náuticas, e non para unha actividade que nada ten que ver coa rada”. Mouriño lembrou que, como xa indicara no día de onte Tania García, voceira socialista no Concello, “existe un acordo plenario que se pon como obxectivo liberar a desembocadura do Río do Con, que é unha loita dos socialistas hai tempo, e que podería axudar a cuestión tan importantes como evitar as riadas e inundacións causadas polo río. Un dos inconvintes é a dificultade de reubicar a nave comercial que está situada ao final do Con. Esta parcela sería un emplazamento ideal pola súa saída directa ao mar”. E tamén apunta Mouriño, en sintonía co argumentado onte polo PSdeG de Vilagarcía, que “esta vila está a facer moitas concesións e asumindo moita alteración coa chegada do tren ao Porto. Non ten sentido ocupar os espazos con actividade que non é propia, cando dende o propio Porto din confiar en que este tren mellore e incremente a actividade e o movemento industrial”. “Volcarse na traída do tren para logo ocupar os espazos con outras cousas non parece o máis coherente”, sinalou Mouriño.

O tamén concelleiro socialista no Concello apelou a outra razón para o seu voto en contra, centrada na “teima que ten o PP en entregar espazos públicos a un empresario para que monte, en condicións privilexiadas, un negocio que lle dará beneficios a el”. Segundo interpreta Lino Mouriño “as administracións claro que deben favorecer o investimento e a iniciativa privada, para que xere actividade económica. Pero eso non pode confundirse con poñer a estas administracións ao servizo personal de intereses privados”. Os socialistas xa manifestaron a súa posición claramente en relación ao fracaso de Fole na súa iniciativa para poñer parte de Fexdega a disposición deste mesmo empresario, e cando esta idea foi tumbada polo Padroado no que tamén están representantes dos empresarios, comerciantes e banca iniciouse este proxecto no Porto que Mouriño tildou de “teledirixido”. “Dá moito que pensar esta maniobra, porque haberá que preguntarse quen toma as decisións das institucións de Vilagarcía, se os representantes elexidos ou algúns empresarios por detrás”.

Lino Mouriño tamén se pregunta “por que a concesión non é a unha empresa nen sequera, senón que vai directamente a un particular”, e redunda no que os socialistas consideran inexplicable que é que “vanse conceder 1.700 metros cadrados nun lugar privilexiado, a pagar 60 céntimos ao mes polo metro cadrado no centro de Vilagarcía, nuns terreos públicos no Porto para unha actividade privada que non dará ningún beneficio que nada ten que ver co mar. E vaise comprometer eso por 25 anos. Incomprensible”. 

Por último, Lino Mouriño pedíralles responsabilidade e sentido común aos representantes municipais do Partido Popular no Consello de Administración do Porto e respecten o acordo plenario de liberar a desembocadura do río do Con.

24/6/13

O Partido Socialista alerta dun novo intento do PP de facilitar un “pelotazo” para a construción dun negocio de pistas de pádel en Vilagarcía

A Autoridade Portuaria levará a proposta ao Consello Portuario desta semana de conceder a unha persoa concreta unha parcela privilexiada en terreo portuario

A proposta de concesión será por 25 anos, e suporalle á empresa pagar 1.000€ ao mes por 1.700 metros cadrados no centro de Vilagarcía.

Vilagarcía de Arousa, 24 de xuño de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía tivo coñecemento esta mesma mañá de que no vindeiro Consello Portuario, a celebrar este mércores, a Autoridade Portuaria levará a proposta de concesión dunha parcela dos terreos da rada a un particular para a instalación dun negocio de actividade deportiva, que contará ademáis con cafetería, fisioterapia e tenda. Dita parcela, a que no seu momento acolleu as lanzadeiras que interviron na extracción de fuel do Prestige, consta de 1.700 metros cadrados, e a Autoridade Portuaria pretende facer una concesión por 25 anos cun prezo de 1.000€ ao mes.

Para os socialistas esta información hai que encadrala dentro da intención que o PP xa amosou cando pretendeu facer unha operación semellante en Fexdega. “O Alcalde intentou poñer aquel recinto a disposición dos intereses dunha firma privada, a precio irrisorio e condicións extremadamente favorables, e despois de ter obrado a mala fe con outros emprendedores de Vilagarcía”, declarou Tania García lembrando aquel caso, sobre o que apuntou que “Fole quedouse só, e debería ter tomado nota de que as actuacións dubidosas non teñen cabida. Semella que non aprendeu”. Lembran dende o PSdeG que aquela iniciativa foi presentada dúas veces, e que incluso despois de que a segunda vez fora rexeitada polos membros do Padroado de Fexdega, o PP intentou alterar o Padroado coa inclusión, sen motivo ningún, de dous membros da Deputación neste órgano. Sen embargo o interés de Fole por abrir ese concurso difuminouse cando a empresa deixou de ter ese interese, según o propio Alcalde explicou, “o que significa recoñecer que Fole estaba ao servizo do empresario que quixo verse beneficiado, e que a iniciativa non respondía ao interese xeral de Vilagarcía senón ao particular dunha empresa”, relaciona Tania García, voceira do PSdeG no Concello e membro do Padroado de Fexdega.

“Resulta indigno e inaceptable que se conciban as administracións como entidades ao servizo dos intereses que ao PP lle parece, pero xa é insultante facelo con tanta desfachatez como neste caso no que toda a cidadanía observa como existe un compadreo entre o Alcalde e Louzán con algún empresario”, afirmou rotunda Tania García.

Os socialistas manifestaron que tentarán evitar que se produza un trato de favor que conleve o beneficio dunha empresa privada gracias á mala xestión intencionada das entidades públicas, e comezan por sinalar que os terreos portuarios deberían ser priorizados para a actividade económica portuaria e náutica. Por exemplo Tania García quixo lembrar que “hai un acordo plenario para facilitar a desembocadura do río do Con a ceo aberto, e un informe negativo de Augas de Galicia sobre a situación actual desa desembocadura. Un dos problemas é a situación dunha nave comercial que remata concesión neste ano. O Goberno Local do PP de Tomás Fole pola súa parte, apunta as dificultades de atopar outro espazo para ser recolocada. Pois por que non pensar en situala nesta parcela que agora está libre?”. Tamén a representante do PSdeG quixo plantexar a reflexión de que “se o tren ao porto, con todo o investimento e alteración que está a provocar, vai conlevar un aumento de actividade na rada, non parece sensato manter espazos que poidan ser postos a disposición de empresas relacionadas coa actividade portuaria para que poidan instalarse alí”. 


22/6/13

O Partido Socialista preguntará no Pleno Municipal pola intención do Goberno Local de privatizar o servizo de alumeado público

Os socialistas lembran que existe unha auditoría realizada polos técnicos municipais dende a anterior lexislatura, que concluía en propostas realizables e rentables xa a corto prazo.
Na sesión plenaria tamén plantexaremos unha moción para a aprobación dunha Ordenanza de praias

Vilagarcía de Arousa, 22 de xuño de 2013.- O Partido Socialista preguntará no vindeiro Pleno Municipal do día 26 pola intención do Goberno Local de privatizar o servizo de alumeado público, o cal dende o punto de vista desta formación é “un erro nefasto de xestión e de concepción”. Ademais da perspectiva natural pola que os socialistas apostan por reforzar que os servizos aos cidadáns sexan xestionados polo Goberno Local, dende o Partido Socialista lembran que na anterior lexislatura xa existiu un interese por mellorar este servizo e, polo tanto, elaborouse unha auditoría polos propios técnicos municipais. Este estudo ofrecía ideas e propostas que mellorarían o servizo, plantexando actuacións concretas sobre o estado actual do alumeado que ofrecían posibilidades de aforro enerxético e económico. O cambio de Goberno, sen embargo, deixou o tema parado.

Agora, dende o Partido Socialista consideran que a idea que plantexa o Alcalde Tomás Fole “é un erro de xestión en toda regra”, como manifestou hoxe Tania García, que destacou que “aparcouse un estudo xa feito e que plantexaba melloras, para conceder 18.000€ a unha empresa para que volvera a facer algo que xa tiñamos feito, e ademáis preténdese entregar o aforro que se poida obter a través das melloras do alumeado para unha empresa privada”. Os socialistas consideran que esta “nefasta sucesión de erros” semella ser absolutamente intencionada, e García plantexa que “o natural é retomar esa auditoría xa feita e aproveitar as posibilidades de mellora e aforro, e non entregarlle ese aforro a unha empresa”. A voceira socialista anunciou hoxe que preguntarán por este caso no vindeiro Pleno Municipal “dende a naturalidade de interesarnos por que imos privatizar un posible aforro municipal dado que”, concluíu García, “pódese mellorar un servizo, e temos medios para facelo cos técnicos municipais. Pero o Alcalde prefire gastar cartos públicos en que o beneficio o leve unha empresa privada”.


Ordenanza de praias

Os socialistas presentarán tamén no Pleno unha iniciativa, en forma de moción, sobre a creación dunha ordenanza de praias no municipio. Consideran dende o PSdeG que esta ordenanza é necesaria para regular mellor os usos e os espazos dos que dispoñen os areais de Vilagarcía. Tomando o exemplo da praia Concha – Compostela, Tania García indicou que “habendo amplo espazo como existe nesta praia, parece unha boa idea regular distintos usos de forma que se favoreza a convivencia de distintas actividades sen que interfiran ou se molesten”. Os socialistas entenden que é posible que, ben regulados, os areais son espazos que poden ser utilizados por todos para distintas actividades, e que unha concepción da praia unicamente para ser unha zona de baño é unha limitación das súas posibilidades, pero consideran que é necesario establecer prioridades en función dos tipos de usos e épocas. Poñen como exemplo a necesaria organización durante a época estival, ordenando os usos deportivos e  as zonas lúdicas e de xogos, así como a delimitar os espazos de utilización das praias por parte de animais para que sexan os bañistas os que teñan prioridade nesta época do ano.

15/6/13

Os socialistas celebran a sentenza que anula o desmantelamento de Cuca en Vilaxoán
Esíxenlle ao Alcalde para que dunha vez por todas defenda a permanencia da factoría en Vilaxoán e os postos de traballo
Os socialistas continuarán coas súas iniciativas políticas sobre o destino da maquinaria subvencionada pola Unión Europea

Vilagarcía de Arousa, 15 de xuño de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía celebraron con satisfacción a sentenza que declara nulo o desmantelamento da factoría de Cuca en Vilaxoán. Esta sentenza que anula o traslado e o expediente de regulación de emprego, supón para os socialistas “unha recompensa á persistencia e loita das traballadoras e faise xustiza nun asunto a todas luces inxusto, xa que só se tomaron decisións en clave económica, pisoteando os dereitos das traballadoras”.
A sentenza tamén bota por terra a xustificación de Garabilla para o peche da fábrica, que aludíu en todo momento dificultades económicas e antigüedade no proceso de produción na factoría de Vilaxoán, algo que a xuíza non contempla tendo en conta a boa implantación da marca no mercado e os bos resultados económicos obtidos nos últimos anos pola empresa.
Agora que a xustiza falou e doulles a razón ás traballadoras os socialistas esperan un cambio de actitude nos gobernos do Partido Popular, tanto en Vilagarcía coma na Xunta. Concretamente os socialistas instan ao Alcalde de Vilagarcía a que “dunha vez por todas se implique na defensa da permanencia da factoría en Vilaxoán, xa foi bastante lamentable a súa actitude durante todo o proceso, facendo de portavoz da empresa anunciando o traslado irremediable, non plantexando ningunha iniciativa en defensa das traballadoras e da fábrica en Vilaxoán, non acudindo a ningunha mobilización, non indo nin visitar ás traballadoras durante o seu peche,… Ante esta incapacidade e pasividade do Alcalde no asunto, ofrecémoslle  toda a nosa colaboración para traballar na defensa da permanencia de Cuca en Vilaxoán e na defensa dos postos de traballo”. Declarou a portavoz socialista, Tania García.
Os socialistas seguirán adiante coas súas iniciativas políticas tanto Parlamento de Galicia coma no Parlamento Europeo sobre o destino da maquinaria comprada con cargo ás subvencións da Unión Europea. O PSdeG considera que por norma estas subvencións sufragan gastos de proxectos concretos en ubicacións concretas e dubidan se o traslado da maquinaria subvencionada a O Grove se axusta ás condicións establecidas na normativa das subvencións.



11/6/13

O Partido Socialista organiza un debate aberto sobre a reforma educativa este xoves 13 no Auditorio

O acto, que comezará ás 19h, contará co deputado especialista en educación Guillermo Meijón, e coa presenza de docentes e membros de ANPAs


Vilagarcía de Arousa, 11 de xuño de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía organizan para este xoves 13, ás 19h na sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía, unha xornada de debate sobre a reforma educativa que está a promover o ministro Wert, e que está a xenerar unha gran polémica xa non só na comunidade educativa senón en todo o conxunto da sociedade. Os socialistas consideran que “a educación é un dos pilares básicos do Estado, e cremos que é necesario coñecer e debater as reformas que se plantexen, especialmente cando son tan agresivas coma esta”. 

Para esta actividade, aberta á participación de toda a cidadanía, os socialistas contarán coa presencia de Guillermo Meijón, orientador escolar de profesión e deputado socialista pola provincia de Pontevedra no Congreso, coordinador da comisión sectorial de educación do PSdeG e membro do grupo socialista de traballo sobre a LOMCE no Congreso dos Deputados. Ademais contarán tamén coa participación de docentes e membros de ANPAs para que aporten a súa visión sobre esta reforma.

Dende o Partido Socialista afirman estar “preocupados” coas iniciativas que promove esta nova proposta de lei que tildan de “retroceso no sistema educativo”. Algúns dos aspectos mais polémicos desta nova lei xa son de dominio público, “xa todos sabemos que o PP considera bo que se poida dar o caso de que a decisión sobre quen serán os nosos futuros médicos, mestres ou xuíces sexa baseada na asignatura de relixión católica. Esto, para nós, é inaceptable”, apuntaron. Tamén apuntaron os seus dardos cara o novo plantexamento de reválidas e avaliacións externas, “orientadas a que a educación poida reorientarse moi cedo a dúas velocidades, entre os que un día sacan unha boa nota nun examen e os que tiveron un mal momento que quedan marcados para toda a vida” sinalaron, concluíndo que “a cuestión non é avaliar mais, senón mellor, e facelo non para limitar oportunidades senón para coñecer fortalezas e debilidades e poder mellorar a partir dese coñecemento”.

8/6/13

O Partido Socialista levará ao Parlamento Europeo a situación do traslado da fábrica de Cuca

Os socialistas preguntarán en Bruselas polas subvencións para a compra de maquinaria e o seu posible condicionamento a ser utilizadas na fábrica de Vilaxoán

A deputada galega Patricia Vilán acompañou a Tania García e Lino Mouriño na visita esta semana ás traballadoras en Vilaxoán

Vilagarcía de Arousa, 7 de xuño de 2013.- Días despois de que a deputada en O Hórreo polo Partido Socialista, Patricia Vilán, interpelara á Xunta de Galicia no Parlamento Galego polo caso do traslado das traballadoras da fábrica de Cuca en Vilaxoán para a sede de Garavilla en O Grove, a representante socialista visitou Vilaxoán ás traballadoras afectadas en compañía de Tania García, voceira socialista no Concello de Vilagarcía e o concelleiro Lino Mouriño.

Na visita, os membros do PSdeG explicaron a posición que a Xunta presenta neste asunto, no que segundo manifestaron os propios representantes socialistas “a Xunta, como o Goberno Local de Vilagarcía, manteñen unha inaceptable postura de desentendemento do asunto, e non parecen ter intención de profundizar nun caso que é merecedor de amparo polas institucións”.

Pola súa parte, os socialistas expresaron a súa vontade de “servir de ferramenta para que as traballadoras teñan a posibilidade de manter nas institucións a defensa dos seus postos de traballo en Vilaxoán como levan facendo con tanta firmeza todo este tempo”. A este respecto, Tania García e Patricia Vilán transmitiron ás traballadoras coas que estiveron reunidas que presentarán no Parlamento unha pregunta sobre a listaxe de máquinas que permanecen en Cuca e que foron subvencionadas, así como os importes e as condicións de ditas subvencións. Posteriormente elevarán este caso aos representantes socialistas no Parlamento Europeo para que eles reproduzan a pregunta. Tanto as traballadoras como o Partido Socialista pretenden saber se estas subvencións condicionan a obriga de manter esta maquinaria por un período determinado de tempo na factoría para a que foi subvencionada, o que sería un instrumento máis para demandar a devolucións dos postos de traballo ao recinto vilaxoanés. Esta pretensión de saber se se está cumprindo estritamente a normativa en materia de subvencións faise, como sinalou Tania García “porque entendemos que non pode ser únicamente tido en conta o valor do diñeiro nas operación empresariais que afectan a persoas. O valor de Cuca, pola súa calidade e o bon facer, é gracias ao traballo de tantas e tantas persoas que día tras días empeñaron o seu esforzo aquí en Vilaxoán. Non queremos pensar que ese esforzo puidera ser aproveitado para facer outra cousa que non sexa defender os postos de  traballo que merecidamente se teñen gañado estas persoas aquí”.