Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

30/5/13

Os socialistas pediranlle ao Goberno local no Pleno unha solución para o vial de A Escardia

Apostan por recurrir a sentenza o pola vía da expropiación

Tamén solicitan o incremento da limpeza na zona especialmente no paso subterráneo das vías do tren

 Vilagarcía de Arousa, 30 de maio de 2013.- Os socialistas pediranlle ao Goberno local no Pleno de mañá venres unha solución urxente para o vial de A Escardia, sobre o que se coñeceu estes días que unha sentenza obriga a repoñer ao seu estado orixinal e evitar así  o estreitamento e o levantamento do asfaltado da rúa. Esta situación agravaría enormemente a circulación nunha zona xa bastante estreita de por si. Aos socialistas parécelles inconcebible que o Goberno non tivera a deferencia de informar persoalmente aos veciños das consecuencias da sentenza e que istes obtiveran esta información a través dos operarios municipais. Unha situación así, que deriva en consecuencias tan problemáticas de acceso e seguridade para os veciños da zona, esixe dunha pronta e informada resposta. Os socialistas propoñen recurrir a sentenza xudicial, de non ser firme  a sentenza, ou ben apostar pola vía da expropiación tendo en conta as razón de interese xeral por preservar o vial nas súas actuais condicións.

Os socialistas volverán a insistir tamén no Pleno pola limpeza na zona, especialmente polo novo paso subterráneo da estación do tren, “que non se limpa, sendo o acceso principal a pé para os veciños da zona dende que se abríu ao público, fai xa bastantes meses, pero presentando actualmente un estado deplorable”, concluíron os socialistas

25/5/13

Os socialistas esperan que o concelleiro de Cultura aclare todas as dúbidas sobre o Feirón Solidario coa presentación de toda a documentación sobre o asunto

Esixenlle que faga públicos o expediente da subvención e as actas onde se recolla a súa renuncia á Presidencia de Dobre Espacio e se designa á nova Directiva

Ante as dúbidas razoables que existen sobre as actividades do concelleiro os socialistas piden transparencia e claridade

Vilagarcía de Arousa, 25 de maio de 2013.- Os socialistas esperan que na comparecencia do concelleiro de Cultura, Francisco González, iste aporte toda a documentación sobre a subvención da actividade Feirón Solidario, da que a día de hoxe aínda non tivo a ben dar ningunha resposta convicente. Os socialistas esperan que faga público o lugar exacto onde se celebrou o Feirón, a memoria da actividade e os xustificantes económicos da subvención. amén esperan, para aclarar a súa verdadeira vinculación coa Asociación Dobre Espacio, que o concelleiro faga públicas as actas das xuntanzas da entidade onde renunciou á Presidencia de Dobre Espacio e a designación da nova Xunta Directiva da asociación.

Poucas esperanzas teñen postas os socialistas nesta comparecencia e recordan anteriores comparecencias de concelleiros do bipartido conservador, onde istes se adicaron a ler estritamente un papel que alguén lles preparou anteriormente para logo deixar paso a que o alcalde abuse da súa posición de autoridade no pleno para interrumpir, desviar o tema e ofender aos representantes da oposición. “Nunca responden ás preguntas da oposición, limítanse exclusivamente a falar do seu libro, pero nesta ocasión estamos ante un caso tremendamente delicado sobre o destiño de subvencións públicas e sobre un membro da Corporación e un xestor público non pode haber o menor atisbo de dúbida” sinalaron os socialistas. E, neste caso, para os socialistas existen dúbidas raozables ante as contraditorias declaracións públicas do concelleiro. Os socialistas instanlle a Francisco González e ao alcalde Tomás Fole a que non se amparen no carácter privado das actividades do concelleiro cando esta asociación leva recibidos máis de 150.00.€ de diñeiro público e esíxenlles que presenten toda a documentación aclaratoria. “Antes ou despois teremos acceso á información xa que foi solicitada no Parlamento de Galicia pola deputada socialista Patricia Vilán, se non teñen nada que agochar que o fagan no pleno do luns” Concluíron.

24/5/13

Os socialistas pediranlle explicacións ao Goberno Local pola perda da Bandeira Azul do Preguntoiro


O PSdeG de Vilagarcía felicita o traballo de anteriores gobernos socialistas polo esforzo feito na praia de Bamio que por fin recolle os seus froitos

Critican a absoluta falta de iniciativa e xestión para recuperar a Bandeira na praia da Concha-Compostela

 Vilagarcía de Arousa, 24 de xuño de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía pediranlle explicacións ao Bipartito local pola perda da distinción da Bandeira Azul na praia do Preguntoiro en Vilaxoán. Consideran un exemplo de deixadez do Goberno o feito de non seguir traballando na mellora deste areal. Para o PSdeG de Vilagarcía é unha contrariedade importante para Vilaxoán e Vilagarcía a perda da Bandeira ao ano seguinte de conseguila, e creen que é un bo exemplo do modo de actuar deste Goberno Local que “cree que con non facer nada as cousas van soas”, segundo explicitou Tania García.

Pero os socialistas van a máis aló e preguntanse que foi das promesas electorais do PP, que fixo da praia Concha-Compostela un elemento continuo de confrontación, e de IVIL que chegou a apuntar en campaña que era culpa do Goberno Local do momento que o areal non fose a mellor praia de España. “Levan dous anos no Goberno é o único que fixeron foi derrochar en hinchables. ¿Que foi tamén das promesas dos populares Galegos na pasada campaña das Autonómicas, cando prometeron miles de euros do Plan de Saneamento integral das Rías para correxir os puntos de vertido nas costas de Vilagarcía?” recorda a voceira municipal, Tania García. O único investimento importante que se está a facer nos areais é a nova canalización do río de Guillán ou río “da Tripeira”, unha obra que deixou comprometida o anterior goberno de Dolores García, que non supón gasto algún para as arcas municipais e que Tomás Fole tivo dous anos durmindo nun caixón”, lembrou a socialista. “Esperamos dous anos por esta obra para aínda por riba facela en plena tempada estival e iso grazas a que no pasado mes de xaneiro reventou o emisario, senón aínda estaríamos esperando” sinalou García, quen se mostrou moi “preocupada pola inacción e a parálise deste Goberno atascado nas súas propias incapacidades”.

Finalmente os socialistas congratúlanse polo logro da Bandeira Azul para a praia do Campanario en Bamio, e felicitan aos veciños da parroquia “que sempre demandaron atención para o seu areal, e que ven agora como se recollen os froitos do traballo e esforzo dos anteriores gobernos socialistas que adicaron recursos á mellora da praia e o entorno para que Bamio puidera ter unha merecida bandeira azul”. 

20/5/13

MOCIÓN SOBRE A CANCELACIÓN DE CONTAS DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA EN NOVAGALICIA BANCO EN APOIO AOS AFECTADOS POLAS OBRIGAS PREFERENTES E SUBORDINADAS


Exposición de motivos

Hai máis dun ano, o actual presidente da Xunta de Galicia anunciou que a fraude das obrigas preferentes e subordinadas atopábase en vías de solución, propoñendo o sometemento dos afectados a un laudo arbitral, proposta que, pese á retórica oficialista, só significa unha nova humillación para os milleiros de estafados.

A medida que se ía achegando a data das Eleccións Autonómicas de outubro do ano pasado, o PP  intensificaba as súas mensaxes dunha suposta solución inmediata. O señor Núñez Feijoo iniciaba a precampaña electoral a primeiros de setembro no castelo de Soutomaior prometendo unha solución xusta para os afectados pola estafa. Acompasadamente, o número de arbitraxes crecía, nun intento de dar credibilidade ás palabras do candidato “popular”.

Ao longo dos meses de setembro e outubro moitos líderes conservadores, non só o señor Núñez Feijoo, senón tamén ao señor Louzán Abal e mesmo alcaldes dos concellos máis afectados, prometeron unha “saída xusta” e presentáronse publicamente como os verdadeiros aliados dos afectados.

Sen embargo, pasadas as eleccións, constatouse un incrible descenso  no número de arbitraxes e hai poucas semanas, a prometida solución xusta do PP esvaeceuse ao quedar reducida a unha primeira quita de máis dun 40% e a unha segunda, en caso de  monetarización das accións, que suporía a ruína absoluta dos estafados, agora dobremente enganados.

Nisto, e non noutra cousa, consisten as solucións ofertadas polo PP.

Fronte a todo isto, os estafados seguen a esixir xustiza e demandan de todos os partidos políticos non só apoio moral e xestos máis ou menos efectistas, senón “política de feitos” e a busca activa de solucións efectivas para unha situación sumamente inxusta e que mesmo degrada a condición humana dos afectados. Prodúcense peches en concellos, “enfundamentos” de camisetas, adóptanse resolucións de apoio, asístese ás manifestacións e concentracións... Pero o certo é que o problema segue estancado. Os afectados só ven que  Novagalicia Banco segue cuberto e apoiado polos gobernos de Madrid e da Xunta. A única esperanza real para os afectados son as sentenzas, que, a contagotas, van emitindo os xulgados.

A pesar de todo isto, o Concello de Vilagarcía de Arousa mantén con Novagalicia Banco relacións financeiras e comerciais.

Os socialistas de Vilagarcía entendemos que xa non é suficiente limitarse aos xestos institucionais. Chegou o momento dos feitos. As Administracións deben fuxir de calquera vestixio de hipocrisía e emprender accións claras, explícitas e contundentes.

Diante destas consideracións, solicitamos que:

1.- O  Concello de  Vilagarcía de Arousa requerirá á entidade Novagalicia Banco para que no prazo dun mes proceda a iniciar a devolución íntegra das cantidades estafadas aos aforradores do municipio cas preferentes e subordinadas.

2.- Se no prazo indicado non se produce a devolución aos estafados, procederase a cancelación das contas municipais  en NGB coa única limitación da preservación dos intereses municipais.

3.- Esixir a derrogación do RD polo que se lle expropia grande parte dos seus aforros aos afectados polas preferentes e  subordinadas e dirixirse ao Goberno Central para que adopte as medidas precisas para que os afectados recuperen os seus aforros de xeito íntegro.

4.- Acórdase dar traslado deste acordo á FEGAMP, á FEMP  e ao FROB, e solicitar do resto  de institucións (Administración Xeral do Estado e Xunta de Galicia) que adopten o mesmo acordo.

16/5/13

Os socialistas de Vilagarcía denuncian que as brigadas do fin de semana estiveron a lixar portas nas dependencias da Alcaldía


A caótica xestión en materia de persoal deixa servicios sen persoal, como no SPAD ou no Auditorio, alerta o PSdeG

Tania García: “Fai máis dun mes que os socialistas pedimos unha xuntanza co Goberno para falar do persoal municipal e aínda nin tivemos resposta”

Vilagarcía de Arousa, 16 de maio de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía denunciaron hoxe que as brigadas de tarde e fin de semana instauradas polo Bipartito estiveron esta pasada fin de semana lixando portas nas dependencias de Alcaldía. “O Alcalde decidíu facer reformas nas dependencias de Alcaldía e puxo as brigadas a lixar as portas para posteriormente lacalas en branco un domingo pola tarde”, advertíu a portavoz municipal, Tania García, quen engadíu que “é indigno e inmoral que se prive a un traballador de disfrutar dun fin de semana para facer traballos que perfectamente se poden facer entre semana, pero máis aínda para redecorar as dependencias da Alcaldía”.

Os socialistas cuestionan a xestión do persoal municipal por parte do Goberno local, xa que mentras se montan brigadas para desfrozar camiños ou facer traballos de decoración na alcaldía un domingo, existen servizos que adoecen seriamente por falta de persoal. Os socialistas denuncian que o Servizo de prevención de drogodependencias, o SPAD, non ten administrativo porque o Goberno non ten a ben cubrir unha baixa por enfermidade dende hai meses. Actualmente as funcións do administrativo están recaendo sobre os técnicos do servizo, psicólogos, traballadores sociais, etc. o que provoca serias dificultades no funcionamento dun servizo polo que pasan unha media de duascentas persoas ao día. Os socialistas tamén veñen detectando deficiencias no funcionamento do Auditorio, e afirman ter recibido moitas queixas de veciños e veciñas de Vilagarcía que atópanse con que o persoal non está ao tanto de todas as información sobre as actividades que alí se desenvolven. Todas estas deficiencias veñen provocados, interpretan dende o PSdeG, por unhas decisións erráticas e caprichosas en materia de persoal por parte do Alcalde, e que levan a unha merma de calidade dos servizos xa que non se optimiza ao personal nas funcións, postos, horarios e organización adecuados.

Dada toda esta situación, e en vista das dificultades que o Alcalde e todo o Grupo de Goberno do bipartito conservador amosan ter para reencamiñar correctamente a organización da plantilla municipal, os socialistas plantexaron unha xuntanza co Goberno Local para tentar de aportar solucións ao tema. Sen embargo non recibiron aínda resposta algunha. “Este é un gran exemplo da actitude deste Alcalde” - dixo Tania García - “crea un problema onde non o había, ponse a todo o mundo en contra, xenera unha solución a todas luces ineficaz e absurda, e cando alguén se ofrece a botar unha man non dá nin resposta”, concluíu.

14/5/13

Os socialistas denuncian un “ataque frontal” ao tecido musical local por parte do concelleiro de cultura


Consideran “unha burla” que o Bipartito local vaia a facer un esforzo para traer a Panorama, que actuou hai unha semana na vila, pero volva a prescindir de grupos locais

“Como está agochado pola vergoña das subvencións destapadas para as súas asociacións, non coñece a realidade das cousas”, apunta Tania García

Vilagarcía de Arousa, 14 de maio de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía cargou con dureza hoxe contra a planificación das festas de Santa Rita por parte do Goberno Local, en especial contra a programación musical. Dende as filas socialistas consideran “unha burla de mal gusto” que o esforzo case principal das festas se realice en contratar á Orquestra Panorama. “Sen dúbida é unha das mellores de Galicia” aclaran, “pero resulta grotesco que despois de ter actuado hai unha semana en Vilagarcía agora sexan protagonistas das festas dúas semanas despois”. O caso lembra, segundo apuntaron dende o grupo socialista, á contratación o ano pasado de Mario Vaquerizo para as festas de San Roque despois de que actuara apenas 3 meses antes en Vilagarcía no Festival do Norte. “Pero aínda hai mais”, sinalan, “xa que as informacións apuntan a que Alaska, que tamén estivo o ano pasado por iniciativa do Festival do Norte, pode ser a actuación estrela das festas de San Roque deste ano”. Esta repetitiva e reducidísima oferta cultura responde, interpretan dende o PSdeG, “á nula capacidade de xestión cultural do Goberno Local de Vilagarcía, que pretende tomar decisións sobre unha realidade que non coñece e unicamente ten como referentes a dous ou tres artistas e conxuntos”.

Tania García, portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Vilagarcía, denunciou que “o concelleiro de cultura e o Alcalde están a aplicar un ataque frontal ao tecido musical local”, xa que ao modo de ver desta formación, “é inexplicable que unhas festas locais, e particularmente cando precisan de solucións que eviten os grandes gastos nun contexto económico como o que se está a vivir, non aproveiten o talento emerxente dos grupos locais que poderían aportar moitísima creatividade e contido a unhas festas locais”. Este desprecio que interpretan os socialistas cara o eido musical local, súmase á “cruzada que o concelleiro emprendeu contra o tecido cultural,

co intento de cobrar polo uso de locais culturais e, no caso dos grupos de música, polos locais de ensaio”. García apuntou que “un concelleiro que está fuxido, agochado, desaparecido para intentar que ninguén lle pregunte polas subvencións inexplicables que levou a súa asociación, organiza unha programación cultural para as festas locais sen consultar nin ter en conta ao tecido cultural local. É o colmo da ineptitude”.

Valoran os socialistas que para poder facer ben a labor, o concelleiro de cultura, “e o Alcalde cómplice que o está a amparar” puntualizou García, debería dar explicacións claras sobre o ocorrido coas subvencións recibidas para actividades que parecen non terse desenvolvido (case 5.000€ para o Feirón Solidario), e deixarse de agocharse para organizar unhas festas que non teñen pés nin cabeza. “Hai grupos locais desexando actuar e darse a coñecer, hai outros grupos máis que contrastados que están de xira presentando novos traballos. Hai cantidade, hai calidade”, explicitou Tania García quen dixo que “non queremos pensar mal, pero este Goberno está traballando arreo para que o fagamos”. 

11/5/13

Os socialistas de Vilagarcía solicitan a corrección inmediata da Ordenanza de circulación por conter erros que o propio Goberno local recoñece


O grupo municipal socialista presentou alegacións, que foron aceptadas, pero que logo non foron publicadas na publicación oficial do BOP

Tania García socilita a Fole que convoque unha xuntanza, “canto antes”, para “facer as cousas ben”.

Vilagarcía de Arousa, 11 de maio de 2013.- Dende o PSdeG de Vilagarcía quixeron recordar hoxe que o Goberno Local aplica a ordenanza de circulación, a pesares de ter recoñecido que a súa publicación foi errónea e que faltaban cuestións que introducir na redacción. Dende o grupo municipal dos socialistas fixeron fincapé nas alegacións propostas á dita ordenanza, que presentaron dende as filas socialistas, que aínda sendo aceptadas polo Goberno Local logo non foron incluidas na publicación do texto no Boletín Oficial da Provincia “Presentar unha ordenanza, que un grupo alegue para enmendala, aceptar as enmendas e logo non incluiías é un exercicio de despotismo ou de extrema inutilidade”, dixo hoxe Tania García para expoñer unha situación de “descontrol e incapacidade tal que chegamos a estes extremos de publicar ordenanzas sen modificar cando hai un acordo para facelo”. De entre as alegacións presentadas que non foron incluídas a pesares de ser aceptadas, os socialistas destacan a vixencia por dous anos da tarxeta de residente, o texto publicado só recolle un ano e a posibilidade de que a tarxeta non sexa expedida só ao propietario do vehículo, dado que é moi habitual que nunha vivenda un mesmo vehículo sexa utilizado por varios persoas.

Dende o PSdeG non deixan de apuntar, igualmente, que vretire a medida do cobro de 10€ pola Tarxeta de residente, cuestión sobre a que os socialistas xa votaron en contra no seu momento e que consideran “un abuso”. Piden ao Alcalde que retire este novo gravamen para os veciños, que non se aplica en cidades coma Vigo, Santiago e Pontevedra.

A voceira socialista no Concello, Tania García, considera necesaria unha xuntanza de portavoces, con representantes veciñais e dos comerciantes, para tentar de acadar unha ordenanza de circulación co maior consenso posible. Destaca García que “o Alcalde vai dicindo sempre que intenta sacar adiante as súas propostas con diálogo e acordo, presume ante os colectivos de que vai facer moitas xuntana, e ao final non é capaz nin de publicar unha ordenanza correctamente nin de convocar esas xuntanzas que anuncia”. Confían dende o PSdeG en que o Goberno Local “sexa permeable ás demandas veciñais tan clamorosas”, e se poidan modificar todos os aspectos polémicos. 

6/5/13

O Partido Socialista considera “ineludible” que Francisco González explique “con toda claridade” as actividades de Dobre Espazo, especialmente o Feirón Solidario


Os socialistas consideran que a contradición entre as palabras do concelleiro e a información da Xunta sobre o lugar de celebración do evento é "inaguantable

O PSdeG-PSOE de Vilagarcía obterá toda a documentación pola vía parlamentaria, polo que convidan a González a que aproveite para facer público agora o expediente da subvención

Vilagarcía de Arousa, 6 de maio de 2013.- A publicación da información que posee a Xunta de Galicia sobre a xustificación formal da actividade do Feirón Solidario realizado por Dobre Espazo, que recolle facturas e memoria xustificativa de devandita actividade como realizada entre o 2-4 xullo de 2011 en Vilagarcía, contradise frontalmente co manifestado por Francisco González en rolda de prensa o pasado 20 de abril que aseverou que este Feirón non fora celebrado en Vilagarcía. O Partido Socialista ve nesta situación unha contradición “inaguantable”, e considera que xa é “ineludible e inexcusable que o concelleiro Francisco González dea todas as explicacións necesarias para aclarar unha situación que, polo de agora, dá lugar a interpretacións de todo tipo”.

A portavoz socialista no Concello de Vilagarcía, Tania García, afirmou hoxe que “non se pode admitir que nin por un segundo mais permaneza esta situación sen ser absolutamente clarificada”, e reclamou que o concelleiro faga pública toda a documentación que é necesaria para esclarecer o caso: o expediente da subvención co proxecto e a solicitude, a memoria da actividade e a xustificación económica coas correspondentes facturas. A este respecto dende o Partido Socialistas lembran que iniciaron as acción parlamentarias para requerir esta documentación á Xunta de Galicia, polo que terán finalmente esta documentación por vía parlamentaria, pero “cando non hai nada que agochar, non debería de haber problema en adiantarse e facelo público xa”. Tamén solicitan os socialistas que Francisco González esclareza o organigrama da asociación Dobre Espazo cando se realizou a actividade e o actual, ao fío das informacións ofrecidas polo concelleiro sobre a súa vinculación a dita asociación.

García apuntou que “a situación agrávase aínda mais cando o concelleiro é tan amparado polo Alcalde, quen semella que premia e apoia este tipo de comportamentos. Fole debe sumarse a esta demanda de total claridade e transparencia, pois do contrario está sendo cómplice e unindo a súa responsabilidade á de Francisco González”. Os socialistas consideran que este é un caso que vai dar a medida da responsabilidade do Partido Popular en Vilagarcía, pois alertan de que “alguén sobre o que recaen tantas dúbidas sobre cobro e xustificación de axudas é quen afirma que a cultura non se pode subvenciar, e quen xestiona un orzamento de mais dun millón de euros de cartos públicos”.

Tania García espuxo claramente a situación indicando que “para darnos conta do que se está a tratar, podemos resumir o caso: o que sabemos ata o momento é que unha asociación de Vilagarcía, con sede nun domicilio particular a pesares de ter supostamente atención ao público, e que resulta descoñecida para a cidadanía da nosa vila, recibíu 150.000€ en axudas públicas para as que presentou xustificacións variopintas como xuntanzas na sede do Partido Popular, asistencias a comidas-mítins do PP ou fotos de festas privadas de carnavais.

En particular, unha destas actividades da asociación vilagarciana, o Feirón Solidario subvencionada con case 5.000€ da Consellería de Traballo e Benestar, foi xustificada como organizada en Vilagarcía nunha data concreta sen que exista constancia de tal celebración e sobre a que o propio Francisco González afirmou que non sabía onde se tivera celebrado pero que non fóra en Vilagarcía”. “Se cadra, a Francisco González e a Fole esto parécelles normal, e incluso destacable, pero en realidade é insostible”.

2/5/13

O Partido Socialista de Vilagarcía cree que a situación de Tomás Fole na Alcaldía está cerca de ser “insostible” pola “ausencia de credibilidade e liderazgo”


O rotundo desmentido da policía local sobre quen tomou a decisión de vixiar a asistencia ao Pleno Municipal “deixa a Fole en evidencia”

Tania García expresa a preocupación porque “a situación mais complexa da nosa historia recente está dirixida polo peor goberno da historia recente”

Vilagarcía de Arousa, 2 de maio de 2013.- Os membros do Partido Socialista de Vilagarcía representantes no Pleno Municipal amosaron hoxe a súa preocupación pola que consideran unha “case insostible” situación de Tomás Fole ao frente do Concello de Vilagarcía. A recente decisión de controlar o acceso de cidadáns ao Pleno Municipal, con vixiancia policial e identificación por DNI, causou un tan profundo malestar nos veciños e veciñas da vila que os socialistas afirman recibir moitas queixas e mostras de indignación dos cidadáns. O intento do Alcalde de desvincularse da decisión de tal control por parte das forzas de seguridade foi un exercicio de “cinismo absoluto”, segundo manifestou a portavoz socialista Tania García, xa que “pretendía facer pensar que a Policía Local non está dirixida por ninguén e que cando se ven obligados a facer unha labor bochornosa, non é porque alguén da a orde”. Sen embargo, o comunicado feito público onte pola propia Policía Local desmonta a versión do Alcalde, clarificando que foi unha orde dos responsables políticos a que desatou a actuación policial no Pleno. “Pretendeu facerse pasar por alguén que non pintaba nada, para poder escapar da responsabilidade. E agora quedou como un mentiroso que, polo que parece, pinta pouco”, sentenciou Tania García.

A situación coa Policía, creada a partir da decisión e o posterior intento de escabulirse por parte de Fole, “amosa con total claridade a incapacidade de Fole para facer frente a unhas responsabilidades que lle quedan grandes, a todas luces”, segundo a portavoz socialista, quen engadiu que “como é posible realmente que estemos a vivir este esperpento?”

As queixas a este procedemento non paran aí para os socialistas, posto que se preguntan onde está o concelleiro de seguridade cidadá. Ante as últimas polémicas, con declaracións cruzadas sobre a ordenanza de circulación, e o xa longo historial de declaracións contrapostas entre Dorgambide e  Fole, dende o PSdeG se cuestionan “se o concelleiro está ou non está e, no caso de estar, se sabe onde está e para que”. Lembran, ademais, que este concelleiro xa tildou de “vagos” aos policías locais, polo que se preguntan se agora aínda así tomou el a decisión de ordear o control e rexistro de datos de veciños, ou xa nin el se enterou de nada.

Un continuo de erros, rectificacións e descontrol
Dende a formación socialista, non entanto, creen que esta circunstancia concreta non é illada, e apuntan á reorganización das labores dos traballadores do Concello como exemplo do desgoberno e o caos en Ravella. Lembran que esta reorganización xa evidenciou o absurdo de pretender enviar brigadas de desbroce nos domingos pola tarde (labor que pode ser feita noutro horario mais natural), mentres algún servicios carecen de persoal necesario como no caso do SPAD ou no Auditorio en horario de mañá. Por todo isto, os socialistas fai xa semanas que lle solicitaron ao Alcalde unha xuntaza de voceiros, pero na liña habitual deste goberno de non recibir a ninguén, os socialistas non tiveron resposta.

En canto ás xustificacións, e a pretensión de “desaparecer” como responsables das decisión, tamén apuntan os socialistas que non é nada novo neste equipo de goberno, e recopilaron outras ocasións como as ordenanzas que o bipartito PP-IVIL aprobou en solitario anunciando no mesmo Pleno que as cambiaría pero botándolle a culpa á oposición, a retirada da intentona de implantar a zona azul tras rexeitar as protestas dos colectivos invitando “a que se leran ben a normativa”, a resolución dos acordos sobre a organización da Festa da Auga botándolle a culpa aos hosteleiros e incluso a réplica aos comerciantes polas queixas sobre a instalación de circos en Fexdega dicíndolles que “se queixan por todo”.

Ante a situación que os socialistas califican como “grave”, Tania García resumiu hoxe a posición do seu grupo municipal e do Partido Socialista: “Estamos ante un escenario complicado, polo contexto social e económico. E temos ao frente deste Concello a un equipo de Goberno incapaz, con algúns dos seus membros postos moi en dúbidas sobre a súa lexitimidade, e encabezado por unha persoa sobrepasada e bloqueada polas circunstancias. A situación mais complexa da nosa historia recente está dirixida polo peor goberno da historia recente. Estamos moi preocupados”.