Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

26/11/13

O PSdeG denuncia que os orzamentos son a constatación de que Fole pretende facer a súa campaña electoral a costa de sangrar ás familias

Os socialistas critican a constante suba de tasas e impostos en dous anos, sen melloras nos servicios, para que agora aparezan fondos para investir por arte de maxia

O recorte en axudas ás entidades sociais que están sendo os que sosteñen ás familias ante a desidia da administración, merece o voto en contra que xa anunciou Tania García

Vilagarcía de Arousa, 25 de novembro de 2013.- Tania García, voceira municipal do Partido Socialista de Vilagarcía, anunciou hoxe o voto negativo do seu grupo municipal no vindeiro pleno aos orzamentos do Concello. Os socialistas votarán en contra da proposta do Goberno Local porque, segundo argumentou García Sanmartín, “hai que ter moito estómago para facer algo que non sexa rexeitalos”.

A voceira socialista desgranou as liñas básicas do orzamento, e deixou en evidencia que “Fole pretende facer a súa campaña electoral do intento de relección a base de sangrar ás familias e aos que máis o necesitan”. Tania García apoia esta afirmación no feito constatable de que “durante dous anos os veciños e veciñas de Vilagarcía vimos sufrindo subas inmisericordes de taxas e impostos, sen que iso repercutirá nunha mellora dos servizos. Agora, sen embargo, e a pesares dos terribles e duros augurios que Fole non deixou de lanzar, resulta que comezan a aparecer fondos para investimentos por arte de maxia”. García Sanmartín considera “unha evidencia” que a situación “nunca estivo como Fole a dibuxou, e se alarmou foi para xustificar unhas medidas durísimas das que agora vemos o resultado: facer caixa para ter diñeiro para investir a medida que se acerquen as eleccións”. “Debería de preocuparse menos por iso, porque intente o que intente xa lle adianto que o seu Goberno ten punto final no 2015”, concluiu.

Dende o PSdeG consideran que nesta proposta de orzamentos, ademáis da percepción de que as familias estiveron pagando para que Fole faga a súa campaña, hai cuestións que non poden ser aceptables. Principalmente, os socialistas consideran “inaceptable” que se recorten sustancialmente as axudas a ONGs e colectivos de acción social, pois “son os que están servindo de red ante as grandes dificultades que pasan moitas persoas”. Os representantes socialistas creen que é posible asumir a falta de certos investimentos se iso repercute en reforzar a acción que levan a cabo entidades sociais que axudan aos desfavorecidos ou ás que apoian a colectivos con necesidades especiais. Tania García sinalou que no eido social, “a Xunta está a abandoar á súa sorte a moitas organizacións que están, precisamente, facendo o que a propia Xunta debería de facer e non fai”, e por iso considera que “Fole vai polo camiño de Feijóo e Rajoy, e aplica a misma receta”.


Os socialistas anuncian que votarán en contra destes orzamentos no vindeiro pleno, e García Sanmartín explicou que presentarán alegacións no periodo que se abra para tal fin. Descartan dende o PSdeG a presentación de alternativa neste vindeiro pleno, porque a pesares de ter presentado propostas sempre, nunca ninguna delas foi tida en conta polo Goberno Local. “Con vergoña allea lembramos cando eu mesma propuxen aumentar en 70.000€ o apartado de servizos sociais nos últimos orzamentos, e Fole negouse a facelo dicindo que en Vilagarcía non había necesidades. Xa todos sabemos o que ocorreu”, sinalou Tania García apuntando a que meses despois o propio Goberno Local tivo que levar a pleno un aumento da partida para servizos sociais de 70.000€. 

14/11/13

O Partido Socialista considera que a resolución xudicial que revoca a actuación de Tomás Fole na sanción a un empresario de hostelería é “bochornosa” para o Concello

Piden ao Alcalde que reflexione sobre o feito de que “a súa teima persoal de usar a administración como arma contra os que lle caen mal vaille costar cartos aos veciños”

Preguntan que vai ocorrer agora cos locais que acataron e cumpriron unha sanción que agora comproban que era inxusta e arbitraria

Anuncian que insistirán na solicitude de información que, por agora, “o Alcalde non está a facilitar no prazo legal establecido” para saber se houbo falsedade de documentos públicos que puideran ocultar que había máis locais implicados dos que foron sancionados

Vilagarcía de Arousa, 14 de novembro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía valorou hoxe a resolución xudicial que foi emitida onte mércores que resolveu revocar a decisión que tomou o Alcalde de Vilagarcía de ditar sanción de 600 euros e peche do negocio durante un mes, contra un empresario de hostalería por causa do incumprimento de horarios na Festa da Auga de 2012. Os socialistas consideran “moi grave” que un xuíz teña que revocar unha decisión desta índole, que segundo a voceira socialista Tania García, “agora se comproba que foi desmedida, errónea no seu procedemento e falta de todo rigor”. Para os socialistas a situación resultante deixa en evidencia a actuación do propio Fole, “quen dirixiu todo este procedemento de maneira personalísima” e que consideran que estivo ao frente do caso “por enemistade persoal”. Así, dende o PSdeG queren chamar á reflexión sobre o feito de que “non se pode utilizar a administración, como se de un sheriff do Antigo Oeste se tratase, para ir contra determinadas persoas por cuestión persoais”, e García aproveitou para apuntar que “as teimas persoais de Fole fan que o Concello, ou sexa todos nos os contribuíntes, teñamos que devolver a sanción, máis os intereses, e pagar as costas do xuizo”. “Os ataques de autoridade de Fole pagámolos todos”, sentenciou.

Mais non quedou aí a crítica sobre o procedemento que fixeron os representantes socialistas. A propia Tania García preguntouse “que vai ocorrer agora cos locais que tamén foron sancionados, cumpriron e pagaron as súas sancións, e agoran comproban que a sanción non se axustaba á legalidade”. Para os socialistas, pechar un negocio nestes tempos merece ser unha decisión “moi meditada e xustificada”, cousa que neste caso non ocurre como ditaminou o xulgado.

Pero por se fora pouco grave esta situación, dende o PSdeG lembran que o xuízo que se levou a cabo deixou tamén moitas sombras de dúbidas sobre a xestión administrativa do procedemento por parte do Alcalde, xa que foi coñecido que houbo ún informe policial do que existen dúas versións distintas. Esta discrepancia podería levar ata o caso de que puidera ter sido manipulado intencionalmente para ser presentado como unha proba falsa, facendo ademáis que algúns locais se viran afectados e outros non pola mesma medida. Estas sospeitas de manipulación de informes e de arbitrariedade nas decisión son “moi perigosas” segundo explicou Tania García, quen indicou que “a información que manexamos é que o informe incluía a moitos máis locais na mesma situación, que incluso poderían chegar a ser máis do dobre dos que se sancionaron finalmente, e o Alcalde decidíu personalmente sancionar só a algúns, aos que lle caían mal, e despois pretendeu ocultalo todo”. Para comprobar esta información, os socialistas exponen que “xa lle pedimos hai uns días a Fole que el mesmo explicara a situación para tranquilidade de todos. Como non o fixo, nós mesmos solicitamos por escrito este informe do que, pasados cinco días, debe sernos entregada unha copia. Como tampouco esto ocorreu, insistiremos na solicitude porque se os documentos que poden aclarar a situación están sendo agochados por Fole, a cousa da que pensar…”, suxeríu a voceira socialista que lembrou que “está obrigado, por lei, a entregar o informe. Lembrámolo para evitar tentacións…”. Os socialistas apuntan que todo este embrollo amosa que a xestión que fixo o bipartito da Festa da Auga 2012 foi “desastrosa”, e que non se pode lexislar “contra” os veciños, senón que debería sentarse a escoitar máis, especialmente aos hostaleiros neste caso.

8/11/13

Os socialistas pedirán explicacións “urxentes e claras” sobre a “gravísima” sospeita de imparcialidade e posible manipulación de documentos oficiais por parte de Tomás Fole

A voceira municipal Tania García solicitará hoxe por escrito copia do informe da policía local do día 16 de agosto de 2012, a partir do que se abren os expedientes sancionadores a varios locais de hostalería.

Suxiren ao Alcalde que faga público dito informe, se é que non ten nada que ocultar

Vilagarcía de Arousa, 8 de outubro de 2013.- O Partido Socialista valorou hoxe como “gravísima” a sospeita que asola ao Goberno Municipal de Vilagarcía de que puideron ser alterados e manipulados informes policiais para xustificar e levar a cabo sancións de maneira arbitraria e deliberada. Os socialistas recollen a información publicada hoxe nos distintos medios de comunicación locais nos que se fai referencia ao xuizo aberto entre o Concello e o propietario dun local de hostalería, a raíz da sanción recibida por este local por supostas irregularidades durante a celebración do Día do Auga do pasado 2012. Esta información desvela que os representantes legais do local hostaleiro presentaron documentación que, presuntamente, evidencia que foi alterado o informe policial que deu pé a que o Alcalde impuxera unha sanción pola que ordenou pechar durante un mes ao citado local. A alteración deste informe suporía a ocultación de información alí incluida, e que desvelaba que non era o único local que estaría na mesma situación, co que se poría en evidencia que, ademáis da gravidade que supón a alteración dun informe, tamén existiría arbitrariedade na decisión para tomala en contra dun local pero non doutros.

A voceira municipal socialista, Tania García, manifestou hoxe a súa intención de personarse hoxe mesmo no Concello para solicitar o devandito informe, e aproveitou para esixir “explicacións urxentes e claras” ao Alcalde Tomás Fole, xa que considerou que falsear documentos oficiais suporía “cruzar a liña máis vermella”. Considera García que debería ser o propio Alcalde o que fixera público o citado informe, para amosar que non hai nada raro e que non ten nada que ocultar. A actitude do Alcalde, sen embargo, non sorprendería de todo aos socialistas, que lembran que xa existiron “certas incongruencias e rarezas” sobre documentación relacionada co mesmo departamento cando se quixo saber quen deu a orde, inédita ata o momento, de identificar co DNI ás persoas que acudían a un pleno municipal. Para García, resulta “sorprendente e bochornoso” que se puidera dar o caso de que “se estivesen falseando documentos oficiais para perxudicar a algúns ao tempo que se presume públicamente de facer a vista gorda para facilitar obras sen licenza en terreos públicos portuarios a outros”.


Dende o Partido Socialista apuntan que “é necesario recuperar o sentido común”, e apuntan a que están “preocupados” pola dirección que está tomando o Goberno de Vilagarcía cando quedan en evidencia “día si e día tamén” actuacións que amosan unha “total falta de criterio e do mínimo sentido da responsabilidade”. Tania García apuntou que “semella existir a conciencia de que as cousas se teñen que facer a golpe de puntos suspensivos, como dixo o propio Goberno Local, e perdeu o sentido da mesura e a normalidade”. E esixíulle ao Alcalde, como máxima autoridade neste municipio, “o exquisito cumprimento das leis  e para todos por igual”. Concluíu.