Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

28/4/16

O PSdeG de Vilagarcía celebra a súa tradicional comida anual o 1 de maio e nomeará militante de honra a Faustino Laya

Os socialistas valoran a figura de Faustino Laya pola súa militancia socialista e sindical, así como a súa participación no movemento veciñal.



Vilagarcía de Arousa, 28 de abril de 2016.- O PSdeG de Vilagarcía celebrará, como cada ano, a comida anual da agrupación o vindeiro domingo 1 de maio. Os socialistas, que previamente participarán na manifestación do día do traballador, reuniranse posteriormente nunha celebración xa tradicional que terá lugar no restaurante Acebo ás 14.30h. 

A xuntanza anual trae consigo o nomeamento de militante de honra a algunha persoa da agrupación que, pola súa traxectoria política e persoal, é destacada cada ano. Este nomeamento recaeu nos últimos anos en Seso Giráldez, Rosina Villaverde, José Recuna e Manuel Rodríguez Cuervo. Este ano, a comisión executiva decidiu distinguir a Faustino Laya Torreiro con esa mención. 

Faustino Laya foi un dos primeiros militantes do Partido Socialista en Vilagarcía, e foi concelleiro na primeira lexislatura municipal despois do franquismo, formando parte do equipo que encabezou José Recuna, quen foi elexido alcalde. A súa implicación no Partido Socialista foi sempre constante, e dende a executiva socialista valorouse a súa disposición plena sempre para participar e colaborar coas distintas direccións e compañeiros. A súa última participación activa, dentro de equipos de dirección, foi como membro da comisión executiva municipal que encabezou Tania García, de 2008 a 2012. Non entanto, os socialistas valoraron tamén en gran medida a implicación sindical de Faustino Laya, que foi secretario comarcal de Arousa da UGT, dende a Federación de traballadores do metal. Confirmaron xa a súa participación na homenaxe varios compañeiros de UGT, quenes tamén queren participar deste recoñecemento. Ademáis, Laya é perfectamente recoñecido no movemento veciñal, no que participou de maneira activa dende sempre, sendo ata hai pouco tempo presidente da asociación de veciños de Trabanca Badiña, onde reside. Tamén é parte do colectivo representante da terceira idade de Vilagarcía.

A agrupación socialista de Vilagarcía chega a esta xuntanza con un Alberto Varela quen, tras lanzar o ano pasado o órdago de que volvería este ano como Alcalde, quixo destacar que “son compañeiros como Faustino Laya os que fan da nosa agrupación unha organización viva, activa, implicada e comprometida totalmente con Vilagarcía, i ese valor creo que é un dos que permitiu que hoxe podamos estar dirixindo un Concello dende a cercanía e o diálogo coa sociedade, gracias a que así o aprendimos de compañeiros como el.” Miro Serén, secretario xeral local, apostou ademáis porque “o feito de contar con compañeiros como Faustino que coñecen por vivencia tan comprometida o partido, o sindicato ou as asociacións veciñais, permítenos sentir que estamos conectados con unha realidade difícil pero que é a sociedade para a que traballamos e, por tanto, á que temos que estar constantemente vinculados. Faustino representa a conexión dos socialistas coa sociedade na que vivimos.”