Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

13/8/13

Os socialistas consideran “bochornosa” a posición que están adoptando o Alcalde e o concelleiro de cultura ante a revelación do fraude de subvencións cometido por Francisco González

Tania García pregúntase “que nivel ético marca Fole ao seu equipo ao manter no seu cargo a unha persoa que se apropiou de cartos públicos”


Dende o PSdeG consideran ao concelleiro “inhabilitado” para unha responsabilidade pública, e apuntan a Fole como responsable por permitir a situación

Vilagarcía de Arousa, 13 de agosto de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía insistiron hoxe en esixir a dimisión inmediata do concelleiro de cultura ou o a súa destitución por parte do Alcalde Tomás Fole, dadas as evidencias de apropiación indebida de fondos públicos e de fraude de subvencións destapado polos socialistas con respecto á suposta organización do Feirón Solidario en xullo de 2011, polo que o agora concelleiro cobrou 4.500€ de diñeiro público por unha actividade que xa quedou demostrado que non se fixo.

Os representantes do PSdeG sorpréndense e síntense “abochornados” pola actitude do concelleiro, ao que “aínda por riba hai que aturar que se amose chulesco, desafiante e retador”. Tania García, voceira socialista, foi hoxe moi contundente ao calificar de “indecente” a actitude do concelleiro “por aferrarse ao cargo despois de coñecerse tal sarta de mentiras que montou para levarse os cartos de todos”, e dirixiuse directamente a Tomás Fole ao declarar que “o responsable de esta vergoñenta situación non é Francisco González, que xa se comproba que de responsabilidade sabe pouco, senón o Alcalde que o mantén e permite que os vilagarciáns se vexan representados por alguén así”.

Os socialistas consideran unha burla a argumentación do concelleiro, tanto no sentido de decir que todos eses feitos ocorreron cando non era concelleiro, como de pretender xustificar que todo o revelado foi un erro e querer dar punto e final. Con respecto a se o xa coñecido foi un erro, os socialistas lembran que hai unha enorme cantidade de actividades subvencionadas con fondos públicos e que se xustificaron con fotos de membros do PP na propia sede do PP, con actos de mitins electorais do PP, actividades como o Feirón que non se fixeron e se cobraron igual, cruce de facturas e xustificacións de empresas descoñecidas ou da irmá do concelleiro quen, á súa vez, é titular doutra asociación pantasma que se ubica en Cabanas pero que sen estar rexistrada no municipio recibiu subvencións por actividades das que tampouco hai constancia…e todo esto enmárcarse dentro dun entramado de asociacións federadas na entidade Fexuga, que baixo a presidencia de Francisco González semella que se especializaron en desfalcar fondos públicos con proxectos que nunca se celebraban. “Pero o concelleiro di que esto é un pequeño erro. Igual é que o concelleiro se compara con Bárcenas, claro”, ironizou Tania García.

Sobre a súa responsabilidade como concelleiro, en relación a que estas actividades se realizaron cando non exercía cargo público (aínda que o evento non realizado polo que percibiu 4.500€ é de datas nas que Tomás Fole xa era Alcalde e o agora concelleiro xa fora integrante da lista electoral do PP ás eleccións municipais), os socialistas pregúntanse “como se pode ter tanta cara”. “Francisco González apropiouse de fondos públicos falseando documentación. Está absolutamente inhabilitado para exercer un cargo público e manexar cartos de todos os veciños”, sentenciou Tania García, quen afirmou que “a argumentación do concelleiro podería chegar incluso a defender que Bárcenas pode ser Ministro de Facenda, porque todo o mal que fixo foi antes do nomeamento. Absurdo e insultante.”. 

6/8/13

Os socialistas de Vilagarcía consideran indecente a actitude do concelleiro de Cultura e do Alcalde Tomás Fole

Dende o PSdeG afirman que a investigación que abre a Xunta é unha evidencia da situación na que está o concelleiro


Apuntan que xa está asumido e comprobado que o concelleiro “cobrou 4.500€ por unha actividade que non se celebrou”, polo que aseguran que a dimisión é o único camiño

Vilagarcía de Arousa, 6 de agosto de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía afirman sentir “vergoa allea” pola actitude do concelleiro de cultura Francisco González e o Alcalde Tomás Fole ante a publicación do expediente do tristemente famoso Feirón solidario, que deixa en evidencia que o agora concelleiro de cultura cobrou unha subvención de 4.500€ para a realización de dita actividade que nunca se celebrou.

O expediente feito público demostra que ata 3 meses despois da suposta celebración do evento, Francisco González aporta unha memoria xustificativa explicando con todo detalle cuestións referidas ao Feirón que non se celebrou. “A apelación da memoria á adopción de cans, aos problemas previos ás representacións teatrais ou as fotos da suposta actividade son unha burda e rexeitable manipulación de información”, indicou Tania García, que insistíu en que “estamos a falar de que Francisco González escribíu e asinou unha memoria a sabendas de que era mentira, co obxecto de embolsarse 4.500€”.

Para os representantes socialistas é un “auténtico escándalo” que un concelleiro e un Alcalde recoñezan, con toda a normalidade, que hai un expediente xustificativo que contén unha mentira constante e que crean que iso non merece maior atención. Pregúntanse, ademais, dende o PSdeG, se a Francisco González “non se lle cae a cara de vergoña de ter utilizado para o seu beneficio persoal o nome de entidades como a Protectora de animais, Cáritas ou Cruz Vermella”. “Triste, lamentable, indigno e vergoñento” foi como calificou Tania García a todo este proceso de “engano e fraude de subvencións”.

Por último, a voceira socialista pregúntase “que lle ocorre ao Alcalde que está tan botado a perder que en vez de destituir fulminantemente ao concelleiro de Cultura sae na súa defensa a pesares de ser consciente de que se apropiou indebidamente de fondos públicos”. Os socialistas afirman desexar que o que esté a ocorrer non sexa que se está a cubrir a alguén máis e que se pudieran ver relacionadas máis persoas vinculadas ao PP.