Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

25/1/15

Preguntas parlamentarias e Proposición Non de Lei (PNL) do PSdeG sobre Lantero

O venres 23 de xaneiro, o PSdeG presentou no Parlamento, a través da deputada Patricia Vilán e tras unha xuntanza cos representantes do PSdeG de Vilagarcía Alberto Varela e Tania García, unha serie de iniciativas parlamentarias sobre a situación da empresa Lantero e conflicto laboral existente. Concretamente, rexistráronse 5 preguntas ao Goberno da Xunta e unha PNL instando ao ente autonómico a intervir na situación para tentar de axudar a resolver o conflicto.

Ademáis, no vindeiro luns os socialistas presentaremos no Valedor do Pobo un escrito demandando a información que a Xunta está a negar sobre as subvencións concedidas á empresa Lantero, e para coñecer os posibles condicionantes que poidan ter sobre a plantilla e as condicións laborais. 

----------------------------------

O 14 de outubro de 2014, o grupo parlamentario socialista solicitaba á Xunta de Galicia copia das resolucións definitivas de concesión de axudas públicas á entidade empresarial “LANTERO EMBALAJE” (cunha factoría sita en Vilagarcía de Arousa), tanto se fose adquirida con fondos propios como con fondos da UE e/ou do Estado. Esta solicitude foi remitida á Consellería de Presidencia con data 21 de outubro e, ante a pasividade do goberno, reiterada o 27 de novembro.

Os traballadores de “LANTERO” levan máis de 100 días de folga (dende o día 13 de outubro), nun conflicto laboral que xa é un fito na historia da loita obreira en O Salnés. Aínda máis, a súa é unha das folgas máis longas de Galicia; 24 horas de garda ás portas da nave de O Pousadoiro. A maior abundanza, o día 21 de outubro o Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra declarou legal a folga.

E cal é a resposta da empresa? 48 traballadores xa teñen recibido a súa carta de despido. No propio documento de despido, a empresa fala da vía do despido colectivo para subcontratar o servizo prestado polos traballadores despedidos. 48 traballadores dos máis de 100, das máis de 100 familias que en Vilagarcía de Arousa e a súa comarca vivían do traballo nesta empresa.

Mentres, malia pedila, a Xunta de Galicia non entrega a documentación que se lle pediu ao día seguinte do inicio da folga nen tenta mediar para tentar solucionar o problema.
           
PREGUNTAS:
1.- Ten coñecemento o goberno da Xunta da situación da entidade empresarial “LANTERO EMBALAJE” (cunha factoría sita en Vilagarcía de Arousa)?

2.- Que pasou coas axudas públicas á empresa, tanto en fondos da Xunta, da UE e/ou do Estado?

3.- Por que o goberno non entrega a documentación solicitada por este grupo parlamentario relativa ás axudas, dadas a gravidade e urxencia do problema?

4.- Cal é a opinión do goberno sobre a actitude da empresa cos traballadores?

5.- Vai mediar a Xunta de Galicia entre o a empresa e a representación dos traballadores para tentar solucionar o conflicto?


PNL:  Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno:

O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que medie entre a entidade empresarial “LANTERO EMBALAJE” e a representación dos traballadores, para tentar solucionar o conflicto da factoría en Vilagarcía de Arousa.

15/1/15

O Partido Socialista denuncia que a Xunta “oculta” a información que solicitaron hai tres meses sobre as axudas públicas concedidas a Lantero

Alberto Varela anuncia que, de non recibir resposta inmediata, acudirán ao Valedor do Pobo para obligar á Xunta a dar unha información que xa tiña que ter facilitado

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estará mañá en Vilagarcía para reunirse cos traballadores e o comité de empresa

Vilagarcía de Arousa, 15 de xaneiro de 2015.- O Partido Socialista de Vilagarcía reclama que leva tres meses agardando pola información solicitada á Xunta de Galicia sobre as axudas públicas concedidas á firma Lantero, que os socialistas solicitaron xa no inicio do conflicto laboral para comprobar se existiron condicións relativas á plantilla de traballadores ou o mantemento do emprego. Os socialistas, a través da súa voceira municipal Tania García, iniciaron esta acción xa en outubro, que se concretou cando o día 21 daquel mes a deputada Patricia Vilán presentou a solicitude para recabar a información relativa ás axudas públicas concedidas á empresa. Os socialistas alertan que aínda non recibiron resposta algunha, o que consideran unha “ocultación da información”. A propia deputada Patricia Vilán presentou un escrito insistindo na solicitude, sobre o que tampouco recibiu resposta.

O candidato socialista á Alcaldía, Alberto Varela, advertiu que, de non obter a información inmediata nos vindeiros días, os socialistas teñen preparado acudir ao Valedor do Pobo. “Resulta extraordinariamente sorprendente que unha administración como a Xunta de Galicia sáltese manifestamente todos os prazos e a decencia administrativa ocultando información”, expresou Varela. O alcaldable socialista non eximiu de responsabilidade a Tomás Fole, do que dixo que “se os cidadáns tiveran a mínima sensación de que Fole ten algún interese en solucionar o conflicto, ou polo menos en que os traballadores teñan dereito a coñecer a información sobre a situación, podería ter botado unha mano ou directamente ser el mesmo o que solicitase a información”, mais concluiu que “xa ninguén conta con que este Alcalde axude a solucionar nada”.

Visita de José Ramón Gómez Besteiro
Os socialistas anunciaron tamén que mañá, sendo ésta a semana en que se iniciou o xuicio sobre a folga dos traballadores, o secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro acudirá a visitar aos traballadores e reunirse co comité de empresa de Lantero, para coñecer a actualidade dos últimos días e ter contacto de primeira man cos traballadores. “Moitos compañeiros e compañeiras, de todos os puntos de Galicia, pregúntannos e interésanse pola situación dos traballadores de Lantero. Recibimos moitas chamadas e consultas sobre unha situación tan dura de militantes que se atopan en defensa doutras situacións de conflicto laboral e compañeiros dos sindicatos que se preocupan por eles. A visita do compañeiro Besteiro, como xa o foi a da compañeira Pilar Cancela, secretaria de organización, e a da propia deputada Patricia Vilán que estiveron nas movilizacións anteriores, pretende trasladar tamén esa solidaridade”, recalcou Alberto Varela.


Gómez Besteiro e Varela celebrarán ás 20.30h na sede dos socialistas unha asemblea aberta a calquera veciño/a que queira asistir na que debatirán sobre as propostas e preguntas que trasladen os asistentes sobre a situación política de Galicia e Vilagarcía.