Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

26/9/15

As direccións local, provincial e autonómica do PSdeG respaldan sen fisuras a labor dos 100 días do goberno municipal de Vilagarcía

A executiva local, tras a habitual reunión despois dos plenos municipais, apoiou por unanimidade a xestión dos 100 días e a resolución do esquema organizativo do Concello

A dirección local manifestou a súa decepción cos partidos da oposición, aos que acusa de "buscar o boicot ao goberno e non o interese xeral"

Vilagarcía de Arousa, 26 de setembro de 2015.- A Comisión Executiva Municipal dos socialistas de Vilagarcía celebrou onte a súa reunión, habitual tras os plenos municipais, e valorou os 100 días de goberno municipal e a resolución do esquema organizativo do Concello. Os membros da dirección valoraron positivamente a "Proposta de Cidade" que o goberno propuxo aos demáis partidos políticos de Vilagarcía e o resultado final no pleno, considerando que a acción do goberno municipal durante 100 días nos que os concelleiros traballaron a pleno rendemento sen cobrar, e pagando os gastos do seu peto, evidencia a absoluta intención de acordos amosada polo goberno, e deixa en mal lugar á oposición á que solicitan que, dunha vez, dalgún argumento de por que non compartiron a proposta.

A dirección socialista considera que o pleno municipal deixou en evidencia a actitude dalgúns grupos en particular, ao coñecerse os innumerables intentos por parte dos socialistas de falar e chegar a acordos cos partidos de esquerdas, que escaparon da responsabilidade. Os socialistas constataron a súa decepción pois dende un principio sempre se confiou en posibles posicións flexibles e de entendemento, tanto para formar goberno como se plantexou, como para chegar a acordos puntuais. Non entanto os socialistas comproban que a Estratexia do Non volve a Vilagarcía. Especialmente asombroso resulta para a dirección do PSdeG que non houbese explicación por parte dalgún grupo da oposición de por que non quixeron nin negociar un acordo ante a proposta efectiva de Varela de rebaixarse o soldo a 37.000€ como se lle pedía inicialmente. A dirección reforzou tamén a posición do grupo en termos de responsabilidade porque considera que non é decente manifestar o acordo coa proposta pero logo votar en contra no pleno por unha cuestión de suposta imaxe.

Na executiva socialista valorouse tamén a posición adoptada polo PP, que finalmente acabou aceptando unha proposta que resulta máis austera e máis efectiva que a do anterior goberno, e criticaron con dureza que intentara difundir abertamente que existía un acordo de goberno, ou que o PP participaría en decisións de goberno, cando ningunha desas cuestións estivo nen sequera en dúbida por parte do goberno municipal. "Nin goberno de coalición, nin a oposición decide obras, nin se asumen investimentos que o goberno non considera, nin decisións que non teñan o visto bo dos socialistas. Nada de nada", manifestou o Grupo Municipal na xuntanza. De feito, a dirección local manifestou a súa sorpresa polo revuelo organizado, do que culpan á mala fe de Tomás Fole e á política de eslogan do resto da oposición, que pretenderon convertir esta situación en algo que non era. "Esta resolución vai no mesmo sentido que as que poden existir en Pontevedra, Compostela, Coruña, Ferrol ou calquera outra cidade e que se resolveron no primeiro mes. De feito, se aquí tardou en salir adiante é porque o goberno municipal aguantou o que puido esperando á responsabilidade da oposición de esquerdas", manifestou o Alcalde na xuntanza.

Ao fío da confusión creada polas diversas interpretacións erróneas do escenario, que chegou a tildarse de acordo de goberno, os socialistas creen que nestes próximos días a normalidade evidenciará que moitas das cousas que se plantexaron non responden ao que di a proposta de cidade, que está xa publicada na web coa firme vontade de que todo o mundo a poida comprobar. Neste sentido tamén, a dirección provincial e nacional do PSdeG manifestaron nestes días o seu apoio sen fisuras á acción do goberno de Vilagarcía.

A dirección local aprobou, ademáis, o esquema de funcionamento do plan de información dos 100 días de goberno, que xa trataran en reunións pasadas, e que se iniciará cunha xuntanza de militantes para evaluar estes tres primeiros meses e que pretende, despois, volver a visitar ás parroquias de Vilagarcía para organizar charlas abertas aos veciños de cada lugar. 

22/9/15

O PSOE de Vilagarcía votou por unanimidade a Julio Torrado como candidato ao Congreso dos Deputados

A concurrida asemblea do día de onte aprobou a proposta da Executiva, apoiada tamén polo Grupo Municipal

Torrado pediu extender esa unanimidade aos compañeiros da provincia que tamén se postulan



Vilagarcía de Arousa, 22 de setembro de 2015.- A asemblea dos socialistas de Vilagarcía debatiu e votou onte a proposta da Comisión Executiva Municipal, de presentar a Julio Torrado, secretario de organización local, como candidato ao Congreso dos Deputados nas vindeiras eleccións municipais. Os socialistas deron comezo así á precampaña dirixida ás eleccións xerais do vindeiro decembro, e na que onte manifestaron a súa vontade de “ganar as eleccións para liderar o cambio necesario para este país”, como indicou o propio Julio Torrado.

Miro Serén, secretario xeral da agrupación plantexou á asemblea, onte moi concurrida, a proposta de elevar o nome de Julio Torrado á dirección provincial, que terá que configurar a lista definitiva da candidatura dos socialistas da provincia de Pontevedra. Torrado, tamén apoiado por moitas outras agrupacións da provincia, agradeceu a proposta e presentouse porque “dar este paso é un compromiso necesario para todas as persoas que creen que poden aportar solucións nun momento tan importante e tan complexo para a política”, e afirmou que está disposto a representar aos cidadáns “dende unha perspectiva radicalmente socialdemócrata, que defenda a igualdade de oportunidades e afronte as transformacións necesarias en termos de transparencia, participación e calidade democrática”. Torrado recoñeceu que o Partido Socialista cometeu erros no pasado, froito de enredarse “na xestión do poder e non nas súas posibilidade” e que se precisan obxectivos claros, “a cuestión non é ganar para obter o poder, senón ganar para transformar a sociedade”.

O Alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, defendeu a proposta de Julio Torrado como “boa para Vilagarcía” e apostou pola súa inclusión en postos de saída porque eso permitiría ter “o mellor complemento para este Goberno Municipal”. Varela destacou a labor dos seus compañeiros de goberno, aos que agradeceu o seu compromiso e eficacia, poñendo en marcha proxectos que eran necesarios para Vilagarcía.

Despois de varias peticións de militantes, o apoio á candidatura de Torrado foi por unanimidade dos 109 membros presentes na asemblea. O propio Torrado manifestou o seu agradecemento, e pediu expresamente aos presentes o apoio por unanimidade tamén para os compañeiros Dolores Galovart, de Vigo, e Guillermo Meijón, de Pontevedra (Congreso), así como para Abel Losada (Senado).

Julio Torrado é secretario de organización da agrupación socialista local e ten 33 anos. Torrado é  doutor en Psicoloxía Social pola Universidade de Santiago, na que traballa como investigador. É tamén profesor da Universidade Pontificia de Ecuador, e desenvolveu esta labor no pasado na Universidade Lusófona do Porto. É coñecido en Vilagarcía pola súa actividade na dirección do Club Xadrez Fontecarmoa. A única ocasión que integrou unha candidatura foi no ano 2012, nas eleccións ao Parlamento de Galicia, ás que concurriu no 9º posto, sen opción de ser elexido.