Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

22/4/14

Os socialistas de Vilagarcía acusan ao Alcalde de aplicar a lei de maneira arbitraria ao pretender facer cumprir a normativa sobre terrazas e toldos

Lembran dende o PSdeG que xa ocorreu o mesmo no caso do incumprimento de horarios por parte dos hostaleiros na Festa da Auga 2012, na que Fole sancionou a uns locais pero non a outros, aínda que todos estiveran incumprido o horario de peche

Apuntan que “tres anos despois de prometer todo o que lle veu en gana, o Alcalde é incapaz de resolver ningunha situación e vai xerando problemas constantemente”

Vilagarcía de Arousa, 22 de abril de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía, por boca da súa voceira municipal Tania García, criticou hoxe con dureza a xestión do conflito das terrazas e toldos de hostaleiros e comerciantes, que se incrementou despois da decisión do Goberno Local de anunciar sancións a algúns negocios dando 24 horas para resolver os problemas detectados. A voceira socialista no Concello de Vilagarcía, Tania García, acusou ao Alcalde de aplicar a lei de maneira arbitraria ao facer cumprir a normativa a uns negocios pero facer a vista gorda intencionalmente con outros. Lembrou García Sanmartín que xa houbo constatación desta conducta en 2012, cando o Alcalde ordeou inspeccionar o horario de peche dos locais, e perante os informes que advertían do incumprimento de horarios por parte de varios locais únicamente resultaron sancionados algúns, quedando exentos outros. “Seguindo esta liña”, apunta a voceira socialista, “en plena Semana Santa o Alcalde ditamina que algúns negocios, pero non todos, teñen 24 horas para revisar terrazas e toldos baixo risco de forte sanción”. Este despropósito ten a súa continuación nas recentes declaracións do Alcalde que di agora que non se inspeccionarán os comercios, - “porque o Alcalde é consciente de que é un colectivo que o rexeita e pretende gañarse o seu favor” apunta García - , e pedindo aos colectivos que resolvan eles o problema, cuestión que, como apuntan os socialistas, “ponlle a guinda ao desconcerto”.

Dende as filas socialistas califican de “patético” o constante cambio de criterio e de formas de actuación do Alcalde neste punto, e reclaman “un criterio, unha norma consensuada co maior espectro de axentes posibles – hostaleiros, comerciantes, grupos políticos… - e a súa aplicación”. Sen embargo, os socialistas afirman estar recibindo consultas e queixas de donos de negocios en Vilagarcía que non saben que ocurrirá o día de mañá porque comproban que “un día di unha cousa e outro día di outra”. García Sanmartín apuntou que “hai tres anos que Fole, por mero electoralismo, alimentou un conflito que non era tal e adicouse a prometer que el solucionaría todo con moita premisividade. Levamos tres anos dende aquela e o único que teñen hostaleiros e comerciantes de Vilagarcía é a convición de que no Goberno Local non hai criterio fiable de nada”.

Dende o Partido Socialista pídenlle ao Alcalde “criterio e decisión”. “Existen moitas propostas, suxerencias e vontade de resolver unha cuestión que afecta a sectores económicos fundamentais para Vilagarcía”, non entanto denuncian dende o PSdeG que os comerciantes e hostaleiros confesan sentirse preocupados, e os socialistas apuntan a que “este Concello estase convertindo nunha burla. Todo vale, ata que alguén se queixa, entón móntase unha norma para quedar ben, aplícaselle un criterio aos amigos e outro aos que non o son, e ao final queda todo no aire e volve a estar como ao principio”.

Veto a iniciativas presentadas ao Pleno
García Sanmartín aproveitou a ocasión para comparar a actuación do Alcalde coa dos grupos da oposición, aos que o propio Fole retira e impide presentar iniciativas ao Pleno Municipal, como novamente ocorreu para este vindeiro Pleno. A xuntanza de portavoces do día de onte serviu unha vez mais para comprobar que o Goberno Local rexeita sistemáticamente propostas e ideas doutros grupos, co único argumento da maioría numérica da que agora dispoñen no Pleno. “O grupo socialista é o que máis iniciativas presenta para o debate, e ante a falta de criterio e capacidade do Goberno Local sentímonos aínda máis responsables de aportar traballo para evitar o descarrilamento do Concello, pero o Alcalde pretende ocultar ese traballo que deixaría aínda máis en evidencia a súa incompetencia”, concluíu Tania García.

10/4/14

O Partido Socialista de Vilagarcía conmemorará o día da República coa proxección dun documental premiado co Goya e a tradicional ofrenda floral

O filme “Las maestras de la República”, gañador do Premio Goya ao mellor documental este ano, será proxectado no Auditorio, o sábado ás 20h.

A tradicional ofrenda floral no monumento Rosas Rotas será o lunes ás 20h, conmemorando o día 14 de abril, aniversario da implantación da II República

Vilagarcía de Arousa, 10 de abril de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía conmemorará, como ven sendo tradición, o día 14 de abril como Día da República, en lembranza do propio 14 de abril de 1931, día de instauración da II República Española. Os socialistas aproveitarán o propio luns, e tamén o sábado 12, para celebrar distintos actos que consideran de interese para reivindicar un cambio no modelo do Estado.

As dúas principais citas que os socialistas marcan no calendario son a proxección do documental “Las maestras de la República”, previsto para o día sábado 12, ás 20h no Auditorio Municipal, e a ofrenda floral no monumento Rosas Rotas, o luns 14 ás 20h. O documental que se proxectará foi o gañador do Premio Goya 2014 ao mellor documental, e é unha actividade organizada conxuntamente por Xuventudes Socialistas e o Partido Socialista, en colaboración coa sección Fete-Ensino, de UGT, organización que levou a cabo o proxecto da rodaxe do documental. O documental, de aproximadamente 70 minutos de duración, estará aberto ao debate de calquera persoa que desexe participar.

A ofrenda floral do luns é o acto xa tradicional dos socialistas nestas datas, e constitúe “unha reivindicación histórica do Partido Socialista en defensa da memoria colectiva, e no empeño en que as persoas que foron víctimas dun alzamento militar contra a República teñan o recoñecemento que merecen, fronte ao olvido ao que estiveron históricamente sometidas tanto elas como as súas familias” apuntou Miro Serén, Secretario Xeral dos socialistas vilagarciáns. Por eso o lugar elexido é o monumento Rosas Rotas, no parque Miguel Hernández, escultura precisamente adicada ás victimas do levantamento militar do ano 36, que o foron en defensa da República democráticamente constituida.

“Estes actos non os entendemos como actos propios e exclusivos do noso partido”, declarou Miro Serén, Secretario Xeral dos socialistas vilagarciáns, “mais son reivindicacións que os socialistas consideramos fundamentais, e que apelan a non olvidar o noso pasado para non volver a repetir os erros. E reivindican tamén, e por riba de todo, un modelo de Estado mais xusto, máis democrático, en lembranza dunha época que foi destacada na consecución de dereitos e liberdades para a sociedade, cuestión que hoxe en día está de rabiosa actualidade pois vivimos nunha etapa de recorte, precisamente, de dereitos e liberdades que tempo atrás parecían xa inamovibles. Conmemoramos este día dende o raigame republicano do Partido Socialista e dende a defensa dos valores democráticos e históricos que neste sentido temos defendido”.

Ambos actos serán absolutamente abertos a todas as persoas que queiran participar de calquera modo.

7/4/14

Os socialistas preguntan no Parlamento polas demoras na concesión da RISGA. A voceira socialista Tania García critica a falta de recursos públicos para atallar a grave situación que padecen miles de persoas

Vilagarcía de Arousa, 05 de abril de 2014.- Deputados socialistas presentaron o pasado día catro, a petición do Grupo municipal socialista de Vilagarcía, varias iniciativas no Parlamento de Galicia sobre a situación das axudas da Renda de Integración social de Galicia, RISGA. Concretamente os socialistas, como tamén fixeran en 2012, solicitan información sobre o número de solicitudes tramitadas e concedidas, o número de solicitudes pendentes de resolución e os motivos das demoras na resolución destas axudas. A RISGA concédese a aquelas persoas que carecen de ingresos, polo que resulta insostible e inexplicable a tardanza na concesión destas axudas.

Para os socialistas as nefastas políticas sociais do Partido Popular están abocando a milleiros de persoas a vivir na máis absoluta indefensión e indixencia. Tanto a nivel  autonómico como a nivel local, os socialistas denunciaron os escasos orzamentos para as políticas sociais, enmendas que non aceptou nin o goberno da Xunta de Galicia, nin o goberno local de Vilagarcía e en ambas administracións  houbo que facer unha ampliación dos orzamentos para estas partidas a mediados do pasado ano. Ademais os socialistas critican a prohibición imposta por Mariano Rajoy de non permitir a contratación de persoal por parte das administracións públicas. "Esta decisión, como todo, ten que ter excepcións, non se pode impedir a contratación de técnicos do eido social, cando os Servizos Socias están a multiplicar exponencialmente o número de persoas usuarias. As consecuencias desta falta de recursos económicos e humáns, é o que está a xenerar unha media de dez meses na demora na resolución dos expedientes das axudas da RISGA. Hai que dar un pronta resposta ás graves situacións que están a vivir milleiros de persoas, pero que lle imos pedir a un Partido Popular que osa cuestionar os informes de Cáritas Española sobre a pobreza en España" Sinalou a voceira socialista, Tania García.


Para os socialistas de Vilagarcía o Partido Popular coas súas decisións en materia de política social están provocando auténticas situacións de emerxencia e desesperación, como é o caso da veciña de Vilagarcía que está en folga de fame dende o pasado xoves. O caso desta veciña é tan so a punta do iceberg dun elevado número de persoas e familias , moitas delas con menores ao seu cargo, que están a vivir na máis absoluta das indixencias, sobrevivindo da beneficiencia mentras o Estado mira para outro lado.