Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

28/6/14

O Partido Socialista denuncia o "paripé" da xuntanza sobre o plan de alimentación infantil que levan demandando dende o ano pasado

A concelleira Elena Suárez atende á petición do PSdeG de convocar aos outros grupos, pero presenta unha proposta que o Goberno Local xa aprobara de maneira unilateral previamente

A concelleira dixo que non podía facilitar unha copia do proxecto por non enviar un correo electrónico co documento escaneado xa que "os sábados aquí non se traballa"

Vilagarcía de Arousa 28 de xuño de 2014.- A voceira socialista no Concello de Vilagarcía, Tania García, acudiu esta mañá a unha xuntanza de representantes dos distintos grupos políticos con representación no Pleno Municipal, para tratar o asunto sobre o plan de alimentación infantil que o grupo socialista ven demandando dende o ano pasado. García manifestou a súa discrepancia inicial coas formas coas que foron convocados os voceiros, xa que foron avisados de unha tarde para unha mañá por un correo electrónico (que nin alertaba do tema en cuestión) en troques de facer unha chamada de teléfono que, como indicou García Sanmartín, "a calquera lle parecería un método normal se de verdade queres convocar con apuro e que a xente acuda a unha xuntanza". A representante dos socialistas lamentou que "esto non é unha excepción, senón un hábito, e produce un hastío non soamente no noso grupo senón en moitos colectivos de Vilagarcía que coñecen esta costume no Goberno Local".

García Sanmartín considera, non entanto, que o mais problemático do asunto resultou ser que a convocatoria foi realizada "por puro paripé", xa que o documento que se "ditou" aos voceiros dos distintos grupos xa estaba aprobado previamente pola xunta de goberno local, e estaba convocada unha rolda de prensa para anuncialo media hora despois. Tania García considera "unha tomadura de pelo" a xuntanza convocada, feita "para pretender decir que o documento se falou cos grupos da oposición e que o Goberno Local pretenda pasar por dialogante". "¿Que sentido ten convocar a ninguén para falar dun documento se xa está aprobado e vaise anunciar minutos despois?" preguntou molesta Tania García. Alegan os membros do PSdeG, ademáis, que a consignación económica para este plan vai ao Pleno do luns 30, e  a posta en marcha do proxecto está datada para o 2 de xullo, polo que non existe posibilidade real de facer ningunha aportación xa que eso suporía retrasalo ou directamente que non houbera tempo para levalo a cabo.

A representante do PSdeG acudiu á xuntanza coa intención de trasladar as dúbidas sobre as formas que os socialistas manteñen. En particular consideran que a intervención sobre os problemas de alimentación infantil non se poden afrontar coa posta en circulación dunha "furgoneta dos pobres". García considera que a estigmatización que pode supoñer que as casas ás que se traslada esa axuda sexan sinaladas coa visita dun catering pode resultar contraproducente e que, incluso, existan familias con nenos e nenas que sufran este problema pero que non o manifesten por non verse sinaladas. Os socialistas apelan ao vello refrán "non lle deas un peixe, ensínalle a pescar" para apostillar que "o Goberno Local dá o peixe, e ademáis o dá cociñado", indicando que esta solución podería paliar parcialmente unha situación pero non a afronta integralmente. Os socialistas seguen apostando pola axuda directa ás familias, utilizando o modelo de tarxetas que ten o Concello de Vigo, ou polo mantemento de actividades infantiles nos colexios durante o verán, que se amplíen ata o horario de comedor aberto a todos nenos/as, cobrando o servizo,  abaratando ou facéndoo gratuito segundo as posibilidades.


Tania García, a pesares da situación solicitou unha copia do proxecto para estudialo. A concelleira Elena Suárez non facilitou ningunha copia porque "non o temos en formato dixital", e tampouco se mostrou favorable a escanealo aínda que estivera feito man, xa que "os sábados aquí non se traballa".

25/6/14

O Partido Socialista cuestiona o formato do modelo do programa de alimentación infantil

Os socialistas apuntan que se o Goberno Local considerou estigmatizante a programación de comedores escolares tamén o é o feito de levar comida á casa

Tania García láiase de que "se teñan rexeitado iniciativas só porque as presentamos nós, pero terminen por facerse tempo despois porque eran necesidades claras".

Vilagarcía de Arousa, 25 de xuño de 2014.- Os socialistas de Vilagarcía cuestionaron hoxe o formato do programa de alimentación infantil que o Goberno Local pretende poñer en marcha para paliar os problemas de mala alimentación infantil. Tania García, voceira municipal dos socialistas, criticou que o Goberno Local se negase a apoiar a iniciativas presentada a pleno neste senso, lembrando que xa antes do verán de 2013 os socialistas propuxeron esta problemática que o Goberno Local se negou a aceptar. Incluso daquela o alcalde permitiuse rexeitar a existencia desta problemática en Vilagarcia, así coma cuestionar os informes de distintas ONGs que alertaban xa desta situación. García laiouse de que "o alcalde rexeita iniciativas soamente porque as presentamos os socialista, e iso é triste e preocupante". Aproveitou a voceira socialista para lembrar os cambios de finalidade dalgunhas partidas destiñadas a servizos sociais que no 2013 os socialistas suxerían ao inicio do ano, e que o alcalde negou e acabou por facer meses despois. "É mezquino negar unha iniciativa porque a propoña outro".

Entrando na proposta actual do Goberno Local de levar comida ás casas os socialistas apuntan que o sistema é mellorable. "O Goberno Local sinalou que abrir os comedores escolares no verán contribuía a sinalar aos nenos e nenas que ían comer á escola. Preguntámonos entón se esta misma problemática non se dá se as casas reciben a visita das furgonetas da comida a domicilio", apuntou García Sanmartín. Dende o PSdeG plantexan como alternativa ás ideas ofrecidas que se utilicen sistemas de axuda directa ás familias, facilitando a compra de alimentos aos núcleos familiares con dificultades. "Cando hai nenos e nenas con dificultades de alimentación é porque na súa casa os hai para todos", sinalou a voceira socialista. Tania García, traballadora social de profesión, puxo como exemplo o sistema de axudas do Concello de Vigo, no que as familias con estas necesidades reciben unha tarxeta semellante a unha tarxeta bancaria coa que teñen acceso á compra de alimentos.


Tania García abogou por unha xuntanza de representantes dos grupos municipais, de servizos sociais do Concello e tamén con membros de ONGs que coñecen a realidade directa, para organizar un sistema que permita paliar a problemática existente. Ademáis, García pedíu ao Goberno Local, "e especialmente a Tomás Fole", que "reflexione sobre o sectarismo que lle leva a rexeitar iniciativas dos socialistas que buscan dar resposta ás graves situacións de risco e exclusión social á que están abocadas moitas familias da nosa localidade, para terminar facendo tarde o que xa lle suxeríamos outros antes". 

14/6/14

O Partido Socialista de Vilagarcía presenta unha moción para o desenvolvemento de accións para enfrentar os problemas de alimentación infantil en Vilagarcía

Os socialistas presentaron, xa en xuño do ano pasado, unha moción similar que foi rexeitada polo Goberno Local, pero aspiran a que esta vez exista unha maior comprensión da situación

Vilagarcía de Arousa, 14 de xuño de 2014.- AS voceira municipal socialista no Concello de Vilagarcía, Tania García, vén de presentar esta mañá unha moción no rexistro do Concello para debatir no próximo pleno municipal a posta en marcha dun Plan de Apoio á Alimentación Infantil.

Os socialistas sinalan que hai organizacións a nivel nacional e internacional como Save the Childres, UNICEF ou Cruz Vermella que apuntan á existencia de problemas de mala alimentación infantil no noso país, e que a chegada do verán agrava estas situacións especialmente polo peche dos comedores escolares. Concretamente en Vilagarcía os socialistas fan referencias ás valoracións de Cáritas e Amigos de Galicia, que apuntan á existencia de necesidades básicas que afectan especialmente a nenos e nenas, e consideran que esta é unnha problemática "de absoluta primeira necesidade", en palabras de Tania García.

Con esta situación alarmante, dende o Partido Socialista presentan unha moción similar á que foi presentada no pasado mes de xuño e que foi rexeitada polo goberno conservador de PP-IVIL, solicitando actuacións na mesma liña pola crudeza dos datos aportados por distintas ONGs, que falan dun incremento notable nas peticións de axudas. Naquela ocasión, no pleno de xuño de 2013, Tomás Fole rexeitou a necesidade daquela iniciativa indicando que, se ben no conxunto de Galicia e España puideran existir esas realidades (aínda que puxo en dúbida os informes das organizacións mencionadas), Vilagarcía era distinta e "en Vilagarcía non se dan estas situacións de nenos con graves carencias nutricionais".  


Dende o PSdeG instan ao Goberno Local a poñer en marcha unha acción que conte coas entidades do terceiro sector e que tente de implicar a outras administracións. Específicamente os socialistas tamén solicitan o non peche dos comedores escolares, que son un instrumento da maior eficacia para a loita contra a mala alimentación infantil. Dende as filas socialistas consideran que a administración non pode ter outra prioridade que non sexa garantir que todo neno ou nena teña tres comidas ao día, e creen que a administración pública debe orientar a este fin todos os recursos de que dispoña. Por todo o sinalado, e a gravidade da situación, García Sanmartín apuntou que "confiamos en que por riba doutras consideracións, o Goberno Local atenda a esta moción e entre todos sexamos quen de dar resposta a unha situación tan difícil coma esta na que, coma ocurre tantas veces, quen mais a paga son os  nenos e nenas".

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA PARA ADOPTAR, DE MANEIRA INMEDIATA, UN “PLAN DE APOIO Á ALIMENTACIÓN INFANTIL”

De acordo co previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Vilagarcía de Arousa desexa someter á consideración do Pleno a seguinte Moción:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A longa crise económica que vimos padecendo, xunto cunha política descontrolada, por parte do Goberno de Rajoy, de recortes sociais e desmantelamento dos servizos públicos básicos e dereitos conquistados nos últimos anos, está a provocar o aumento dramático da pobreza no noso país.

Así o reflicte a  Enquisa de Condicións de Vida correspondente a 2013 que publica o Instituto Nacional de Estatística, que indica que un de cada tres cidadáns (o 27,3%) está en risco de pobreza ou exclusión social. As cifras de privación material severa, de baixa intensidade de emprego nos fogares e de pobreza relativa, tamén empeoraron.

Pero o máis grave destes datos é que o risco de pobreza afecta sobre todo aos nenos e nenas. Un recente informe da organización Save The Children cifraba en case tres millóns (2.826.549) as nenas e nenos en situación de pobreza. Dende o Observatorio Social de España sinalan que o noso país encabeza a lista entre os que máis aumentou a pobreza infantil nos últimos anos. En España, a porcentaxe de nenos que viven en fogares con pobreza extrema, creceu máis de 4 puntos porcentuais desde que empezou a crise, a cifra máis alta de toda a UE, só por baixo de Romanía e Bulgaria.

Os efectos da pobreza infantil son altamente prexudiciais e relaciónanse con problemas de saúde na idade adulta. O impacto da mala nutrición ou a falla de estímulos educativos en idades temperás pode ter consecuencias de difícil e custoso arranxo, comprometendo non só o futuro deses nenos e nenas, senón o de todos, diminuíndo a capacidade económica e produtiva do país.
Aínda que existe unha estreita relación entre a situación de pobreza dos nenos e o desemprego dos seus pais ou a perda de renda destes, as políticas públicas ben orientadas poden facer moito pola infancia para contrarrestar os efectos das devanditas situacións de pobreza. Como destaca o último informe da Oficina de Investigación de UNICEF sobre benestar infantil en países ricos, a experiencia acumulada e constatada di que aqueles países que en situacións de crise fixeron maior esforzo en medidas de apoio á infancia (protexer recursos educativos, sanitarios e sociais dirixidos aos nenos e as familias) saíron máis reforzados das mesmas.

A pobreza infantil fíxose máis intensa, aumentando a distancia entre as rendas dos pobres e o limiar da pobreza. Dito doutras formas, e tal como UNICEF Comité Español expuña xa en 2012, cada vez hai máis nenos e nenas pobres e cada vez son máis pobres. A propia Cruz Roxa, neste mesmo ano 2014, sinalou un aumento en 3.419  menores novos (o 5,8% máis) que a entidade atendeu este ano, e que elevan até 61.792 a cifra total de nenos asistidos pola organización.

A falta de ingresos nos fogares pola profundidade da crise xa está a provocar que moitas familias teñan que acabar recortando en necesidades básicas como a comida. O déficit alimentario afecta o desenvolvemento do menor, ademais de aumentar o risco de sufrir enfermidades respiratorias e cardiovasculares, así como de infeccións. A inseguridade do risco de pobreza ten xa de seu enormes consecuencias no presente e no potencial de desenvolvemento dos nenos, sementando un xerme de desigualdade que irá presentándose no futuro desenvolvemento cara á vida adulta.

Os servizos de comedores escolares permitiron mitigar esta realidade durante o curso escolar, pero atopámonos ante un final de curso incerto no que esta necesidade pode quedar desatendida ao pechar o centro escolar, e por tanto o servizo de comedor.

É por todo iso que os Socialistas consideramos que este servizo directo de atención no comedor debe manterse en etapas de vacacións escolares, mediante un Plan específico.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Vilagarcía de Arousa somete a votación a seguinte MOCIÓN para que se aproben os seguintes ACORDOS:

1.       Instar ó Goberno Municipal a poñer en marcha, de maneira inmediata, un “Plan de Apoio á Alimentación Infantil" que conteña as medidas e recursos suficientes para garantir que as familias con menores ao seu cargo, que se atopen en situación de necesidade teñan cubertas as súas necesidades básicas de alimentación, e garantir o acceso dos menores, polo menos, a tres comidas diarias, e facilitar o acceso a unha dieta o máis equilibrada posible para evitar problemas de malnutrición infantil; habilitando para iso todos os medios a disposición das administracións públicas, en colaboración coas entidades do terceiro sector, e tendo en conta a contorna familiar e o plan escolar.

2.       Instar ó Goberno Municipal a fin de que este plan inclúa os mecanismos e actuacións necesarias para que, dende a finalización do curso no mes de Xuño de 2014, estean dispoñibles servizos de comedor infantil nos centros escolares.

10/6/14

O Partido Socialista considera que o Goberno Municipal está buscando a defunción cultural de Vilagarcía

Critican a errática xestión cultural que deixa en evidencia a cancelación de eventos e o enfrontamento cos grupos de música dos locais de ensaio

Consideran necesario un proxecto cultural que teña en conta ao sector e aos creadores locais, apostando pola cultura tanto como desenvolvemento persoal como no seu entendemento como actividade económica de importancia.

Vilagarcía de Arousa, 10 de xuño de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía criticou hoxe, por boca da súa voceira municipal Tania García, a “errática xestión cultural que o Goberno Local está a desenvolver en Vilagarcía, e que se caracteriza por desfacer todo o que tocan e ser incapaces de xerar nova actividade”.  García non aforrou en calificacións ao fío das recentes novas coñecidas que poñen en perigo a celebración do Festival das Revenidas, a necesidade de cancelar actuacións culturais ou a desfeita levada a cabo cos locais de ensaio.

“Vilagarcía foi, historicamente, un punto de referencia cultura non só da nosa comarca senón de toda Galicia. Esta vila estivo sempre a vangarda das novas creación, dos movementos culturais mais avanzados e ten sido lugar de referencia para as expresións artísticas tanto dende o punto de vista dos creadores como no aproveitamento da cultura como industria que nos últimos anos vimos comprobando” repasou García Sanmartín. “Non entanto, en apenas tres anos de Goberno vemos como se está a desfacer todo o camiñado”. “É triste comprobar a capacidade destrutiva que ten a incompetencia dun Goberno Local”, sentenciou Tania García. Fronte á actitude do Goberno de Vilagarcía, a voceira socialista sinalou a A Illa de Arousa, “concello cun Goberno socialista que está a ser hoxe en día o polo de atracción cultura da comarca, con grandes resultados que en Vilagarcía parece que o Goberno non é quen de ver”.

A voceira socialista fixo un crítico repaso á xestión cultural do bipartito de dereitas de Vilagarcía, con Tomás Fole ao frente. Lembrou a perda do Festival do Norte, que marcaba no calendario local unha fin de semana das máis produtivas para os negocios locais que agora ven eliminados eses ingresos. “Non contento con eso” continuou a representante socialista, “o Festival das Revenidas vese agora amenazado porque dende o Concello regatean a súa aportación, despois de ter xogado con eles estes últimos anos amagando con diminuír o apoio”. García engadiu que a esta situación hai que engadir a cancelación de eventos no Auditorio, debido aos moi baixos niveis de asistencia froito de apostas elitistas e desconectadas da sociedade, e a loita constante por enemistarse dende o Goberno Local cos grupos de música que utilizaban os locais de ensaio municipais. Lembrou Tania García que “o PP deixou clara a súa política cultural co anterior concelleiro: cobrar por usar as instalacións mentras el enchía o peto cobrando subvencións por actividades que non se celebraban”.


Os socialistas apostan pola necesidade dun proxecto cultural global para a cidade con dous obxectivos: “por un lado a aposta pola difusión cultural como obxectivo en sí mesma para promover unha sociedade máis formada, crítica e construiva, e noutro sentido a promoción dun sector industrial que xenera actividade económica directa e indirecta e no que Vilagarcía pode posicionarse de maneira excelente gracias as súas potencialidades”. Para estes dous obxectivos plantexan tres necesidades urxentes que consideran que non está a ter en conta o Goberno Local: en primeiro lugar a aposta polos creadores locais, en todas as disciplinas, “pois Vilagarcía debe sentirse orgullosa do nivel e implicación de tantas persoas que aportan ao nivel cultural autonómico e nacional, e aí están grandes nomes que xurden gracias a aposta orixinal polos artistas locais”. En segundo lugar consideran necesario plantexar correctamente o uso de instalacións municipais, favorecendo “e non poñendo trabas” á súa utilización. Como terceiro punto dende o PSdeG apuntan á necesidade de abrirse aos especialistas, tanto para darlle peso nas decisións aos técnicos municipais “traballadores e de calidade” como a aposta por unha relación de apoio mutuo cos organizadores de eventos, dinamizadores culturais, hosteleiros, etc. “Non podemos caer, como en tantos sectores ocorre con este Alcalde, en considerar que todo o mundo se quere aproveitar e todos son inimigos. Ao contrario, un Goberno está para facilitar e non para torpedear”.

3/6/14

O Partido Socialista de Vilagarcía súmase ao secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e reclama a apertura dun debate sobre a reforma da Constitución e a Xefatura do Estado

A dirección socialista local participou no día de onte na concentración cidadá na Praza de Galicia convocada polas Xuventudes Socialistas de Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, 3 de xuño de 2014.- A Comisión Executiva Municipal de Vilagarcía, na súa xuntanza ordinaria do día de onte, acordou manifestar publicamente a súa plena e total concordancia coas declaracións públicas de Xosé Ramón Gómez Besteiro, quen no día de onte apoiaba a idea de abrir un debate amplo sobre o modelo da Xefatura do Estado, ao fía da abdicación de Juan Carlos I e os procesos que se abren por ese motivo.

Unha gran parte da dirección local, encabezados polo Secretario Xeral, Miro Serén, e a voceira municipal, Tania García, acudiron onte á convocatoria da que participaban as Xuventudes Socialistas de Vilagarcía, que aglutinou na Praza de Galicia a centenares de veciños e veciñas que apoiaban a apertura deste debate público. 

A agrupación socialista quere sumarse así ao que consideran un debate que está na rúa, e consideran que é necesario reivindicar o dereito dos cidadáns a coñecer, debatir e reflexionar sobre o modelo da Xefatura do Estado unha vez que rematou un ciclo de 40 anos moi produtivos e beneficiosos para España. Dende as filas socialistas estiman que os debates principais hoxe en día deben ser a actividade económica, o paro, a xestión da crise e o combate contra o modelo da dereita que pretende recortar dereitos para que saian da crise os que máis teñen a costa dos menos favorecidos. Non entanto, valoran tamén que a situación resultante da abdicación de Juan Carlos I ofrece unha inmellorable ocasión para afondar neste procedemento e definir novas liñas para os novos tempos.