Alberto Varela manifestou a súa satisfacción pola representación e Arousa
en posicións de relevancia na candidatura, sinalando que o PP relega a
Vilagarcía ao “fondo” e outros partidos non contan con candidatos da vila
A campaña socialista será dirixida polo arqueólogo e investigador da
Universidade de Vigo Félix González
Vilagarcía de Arousa, 24 de
agosto de 2016.- Os
socialistas de Vilagarcía configuraron esta semana o seu comité de campaña para
as vindeiras eleccións autonómicas. O encargado de dirixir ao equipo do PSdeG
será o arqueólogo e investigador da Universidade de Vigo Félix González.
González, de 30 anos, forma parte da dirección local socialista e participou de
maneira activa en todos os procesos recentes do PSdeG. Julio Torrado, candidato
ao Parlamento de Galicia, valorou que “unha persoa nova, preparada, moi capaz e
con recoñecemento no seu ámbito profesional e social é precisamente o que representa
esta etapa do PSdeG. Por iso Félix é unha persoa ideal para coordinar esta
campaña na que os socialistas queremos ofrecer á cidadanía a oportunidade de
apostar por unha sociedade nova, que de unha resposta nova aos problemas
actuais de desigualdade e falta de oportunidades na nosa terra.”
A comarca de Arousa ten catro persoas que integran a candidatura (Julio
Torrado, de Vilagarcía, no número 3; Marta Giráldez, de Meis, no número 6;
Óscar Serantes, de Sanxenxo, no número 19; Jorge María, de Vilanova, no número
21), e Torrado apuntou que “Arousa ten unha importancia especial para os
socialistas, e dende aquí temos a responsabilidade de defender un cambio
necesario para Galicia que repercutirá en temas de relevancia. Estas son as
eleccións que falan do mar e da política pesqueira, son as eleccións que falan
de políticas de emprego, son as que falan de sanidade e educación. Eses temas
nos que as políticas de recortes do PP maltrataron á cidadanía, eliminaron a
igualdade de oportunidades e estancaron as potencialidades de Galicia, son os
que centrarán a nosa campaña. Estamos aquí para dar unha resposta e unha
alternativa”.
Alberto Varela mostrou a súa satisfacción pola presenza dos membros de
Arousa en posición de relevancia, e sinalou que o PP envía á súa candidata “ao
fondo da lista” mentres que outras forzas “non se sabe se contan con
Vilagarcía”. Varela apuntou que nestas eleccións os vilagarciáns están
decidindo sobre cuestión como un novo centro de saúde na antiga comandancia,
“que os socialistas defendemos e o PP se opón”, ou sobre a mellora da fachada
marítima con intervencións como a recuperación do Ramal para uso público, “que
o PP bloquea a través dunha presidenta do Porto á que non lle importa a cidade
onde vive”.