Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

27/2/14

O PSdeG denuncia “defectos graves de seguridade” nas instalacións públicas nas que o Concello debe supervisar esta labor

Apuntan, particularmente, que os extintores de edificios públicos, incluídos os centros educativos, levan un ano de retraso na súa revisión.

Tania García lembra que xa no último Pleno Municipal houbo queixas da ANPA de A Escardia por temas de seguridade sobre a escalera de incendios.

Vilagarcía de Arousa, 27 de febreiro de 2014.- Os representantes do Partido Socialista de Vilagarcía alertaron hoxe, por boca da súa voceira municipal Tania García, que teñen detectado un defecto “grave” de seguridade en edificios públicos, incluídos os centros educativos, que é a falta de revisión dos extintores ubicados para os casos de emerxencia. Os socialistas detectaron que a ultima data de revisión foi de abril de 2012, cando a normativa indica que debe facerse unha vez cada ano, polo que xa hai un retraso considerable. Dende o PSdeG apuntan a “unha mostra máis dun Goberno que cre que as cousas se resolven soas” e sinalan á “inoperancia dun equipo que non ten criterio de actuación ningún”.

Este erro súmase a outros como o que o ANPA do CEIP A Escardia indicou ao Alcalde e á concelleira de Educación, Rocío Llovo, sobre o mal estado da escalera de incendios do seu centro. Especialmente grave consideran dende a formación socialista que estes erros se dean nos centros educativos, que estiman que son lugares especialmente sensibles e con condicións moi particulares. “Non queremos pensar en que suceda nada que ninguén desexe, pero parécenos sorprendente que os centros educativos non teñan en perfectas condicións os medios necesarios para situacións de emerxencia”.

Tania García afirmou sentirse “asombrada” polo feito de que exista un concelleiro específico de seguridade “nun equipo de Goberno de 11 persoas” pero que existan erros de seguridade tan graves. García Sanmartín tirou de retranca ao afirmar que “para facer o pacto de Goberno no que o PP comprou a lealdade de IVIL, Fole e Dorgambide foron moi rápidos. Logo para traballar, a cousa xa foi mais despacio”, e volveu a insistir en que “este é un Goberno empeñado en demostrar a súa incapacidade, pero todos pagamos as consecuencias”.

Os socialistas instaron a Tomás Fole a resolver esta cuestión “de maneira urxente”, e a facer unha revisión dos sistemas de seguridade e emerxencia de edificios que agora, “por culpa dun Goberno que non fai máis que xerar desconfianza” non é posible coñecer se están perfectamente preparados, como a biblioteca, o Concello ou o auditorio. “O Concello ten persoal perfectamente capacitado para ter esto controlado, únicamente é necesario que as persoas que o dirixan traballen un pouco”, en clara referencia a Dorgambide e ao Alcalde Tomás Fole.

“Resulta irónico que non estean revisados os extintores das instalacións municipais, cando temos un Goberno que está constantemente provocando incendios con cada persoa ou colectivo co que trata” apuntou Tania García, que engadíu “neste mantra que Fole repite constantemente de que non hai cartos para nada comprobamos como si os houbo para reformar as dependencias da Alcaldía, incluso facendo traballar en domingo aos operarios municipais, pero non para solicitar unha revisión técnica das medidas de seguridade”.

11/2/14

O Partido Socialista reclama explicacións da concelleira de deportes Elena Suárez sobre a súa nefasta xestión das instalacións deportivas

Os problemas xurdidos nos campos de A Lomba e Fontecarmoa evidencian unha “improvisación permanente da dirección do departamento” e son unha mostra máis da “incapacidade deste Goberno Municipal”.

Vilagarcía de Arousa, 11 de febreiro de 2014.- Os recentes problemas acaecidos nos campos de A Lomba e de Fontecarmoa, coa aparición de deportistas danados polo tratamento que a concellería da aos campos, e a xestión de horarios e usos dos terreos, supón para os socialistas unha “evidencia da incapacidade da concelleira Elena Suárez” para dirixir un departamento no que “debe dar solucións, e non problemas, aos clubes e entidades deportivas”, segundo declarou hoxe Miro Serén, secretario xeral dos socialistas de Vilagarcía e concelleiro membro do Consello Reitor da Fundación de Deportes.

Serén apuntou cara a xestión das instalacións deportivas, e particularmente para os campos de herba, para exponer que “hai clubes que toman decisión sobre onde entrenan sen que a concelleira diga nada, fanse intervencións no tratamento dos campos sen que a concelleira sepa o que se fixo, hai entidades supramunicipais como a Deputación que quere decidir sobre investimentos en instalacións municipais e a concelleira non di nada”. Para o concelleiro socialista, a responsable de deportes do Concello “non está dirixindo o seu área”.

Dende o PSdeG lembran que dende hai tempo veñen amosando a súa disconformidade co que consideran “falta de criterio” nas decisión tomadas, e critican tamén o ninguneo que está a sufrir o Conselleo Reitor da Fundación, do que sinalan que “o pasado ano reunímonos ordinariamente tres veces, dúas delas fora do tempo da competición dos clubes federados”. A pesares disto, os socialistas creen que o Consello é un órgano que pode axudar a dirixir a concellería, pois está composto por persoas que coñecen o eido deportivo ben e que teñen vontade de axudar. “O problema está en que non hai vontade nin sequera de consultar as cousas”.

Serén amosou a disconformidade coas maneiras actuais de dirixir a concellería, e plantexou que estamos observando como todo se desmorona e non hai ninguén que poña orde. Lembra Serén que “a concelleira Elena Suárez é obvio que non tiña intención de encargarse deste área, pero cando alguén ten que afrontar algo do que aínda non sabe moito o mellor que pode facer é pedir axuda e tentar de mellorar. É unha actitude moi propia do deporte, curiosamente”. Os socialistas din lamentar que “as liortas internas do PP e as discrepancias sobre os casos evidentemente polémicos e dubidosos que o Alcalde levou a cabo en termos deportivos levasen a desbaratar a concellería, pois dimiteu Garrigós que estaba preparado para esa labor e non tiveron a ben decidir que se encargase da concellería alguén para quen non fora un marrón”.


“Coma sempre, nós estaremos para botar unha man no que poidamos, e así o vimos facendo apoiando as medidas que cremos correctas e de interese nas poucas xuntanzas da Fundación de Deportes, pero difícilmente o podemos facer se non nos convocan”, dixo o secretario xeral dos socialistas, quen pediu que a concelleira convoque ao Consello Reitor para explicar toda a información dos casos que están rodeando aos campos municipais, as medidas que se van a tomar e a posición do Goberno Municipal sobre o que outras entidades parecen ter decidido sobre as instalacións municipais.

4/2/14

Os socialistas culpan á inoperancia da Xunta e á deixadez do Concello do estado dos centros de ensino

Son moitos os colexios que presentan serias deficiencias mentras os gobernos do PP tiran os cartos en actuacións innecesarias

Tania García: “Vintecatro mil euros nuns semáforos e máis de douscentos mil na balaustrada de Vilaxoán dan conta das prioridades do PP


Vilagarcía de Arousa, 04 de febreiro de 2014.-Os socialistas culpan á inoperancia da Xunta e á deixadez do Concello do estado dos centros de ensino de Vilagarcía. Son moitas as deficiencias que presentan os centros da nosa localidade que precisan de melloras urxentes: o CEIP de Rubiáns, que xa foi obxecto de debate plenario polo estado do súa aula de Educación Física, o pabillón de A Lomba-Arealonga, que presenta un estado de deterioro e insalubridade importante, as melloras necesarias no CEIP A Escardia, e moitas necesidades tamén de carácter urxente en outros centros de ensino de Vilagarcía.

Os socialistas queren coñecer de primeira man as actuacións previstas tanto pola Concellería de Educación como pola Xunta de Galicia nos centros de Vilagarcía e, para elo, Tania García esixiulle hoxe a Rocío Llovo unha xuntanza urxente na que explique as súas accións.

Esta inoperancia e deixadez da Xunta e o do Concello dá conta da preocupación do Partido Popular pola educación pública, cada vez máis deteriorada, mentras se manteñen as subvencións a centros privados que segregan por sexos.


Os socialistas critican ademais as prioridades do Partido Popular, e fan a comparativa: “O goberno local malgasta vintecatro mil euros nun semáforos de “deseño” ao tempo que non gasta un céntimo nas melloras dos colexios. A Xunta de Galicia vai gastar máis de douscentos mil euros nunha actuación absolutamente innecesaria cambiando a balaustrada do Preguntoiro en Vilaxoán, que está en bo estado e é dun material altamente resistente, por unha balaustrada de obra que require dun mantemento constante por parte do persoal e con medios municipais. ¿Son esas as prioridades do Partido Popular? Hai nenos que non poden realizar actividades porque están a pasar frío nas aulas, nunhas instalacións cada vez máis deterioradas e que precisan de actuacións urxentes. Non vale a excusa de que non hai cartos, simplemente a educación pública non está entre as súas prioridades”, reflexionou Tania García, voceira socialista.