Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

8/10/15

O Partido Socialista de Vilagarcía pídelle a dimisión a Cores Tourís por "colar pola porta de atrás" a Tomás Fole na xuntanza sobre o ximnasio de Rubiáns

O secretario de organización local, Julio Torrado, acusa a Fole de "pretender dinamitar o acordo a escondidas nos despachos, para non quedar en evidencia a súa incapacidade de non resolvelo antes"

Torrado traslada que os socialistas observan "entre apenados e decepcionados" os esforzos de Fole por non convencerse de que os cidadáns o botaron fora.

Vilagarcía de Arousa, 7 de outubro de 2015.- O secretario de organización do PSdeG de Vilagarcía manifestou hoxe, en nome da dirección local da agrupación, o seu "asombro" e o seu "rexeitamento" ao feito coñecido hoxe de que o delegado da Xunta, Cores Tourís, e o delegado de Educación, César Ares, "colaran" sen avisar e pola porta de atrás a Tomás Fole cando se iniciaba a xuntanza entre os concelleiros Miro Serén e Lino Mouriño cos responsables do goberno autonómico. A xuntanza tiña por obxectivo aproximarse a unha solución ao problema do ximnasio de Rubiáns, que o goberno local de Vilagarcía está a intentar resolver.

A presenza de Tomás Fole por sorpresa cando se iniciaba a xuntanza amosa, para o secretario de organización do PSdeG, "unha absoluta falta de ética e de respeto polas institucións por parte de Tourís e do propio Fole". Torrado pediulle a Tourís a súa inmediata dimisión, por considerar que "esta situación non ten ningunha explicación. Se quere convidar aos membros da oposición de Vilagarcía, que o faga tamén cos representantes de IU, BNG e SM, cousa que tería máis lóxica que esto". A petición de dimisión se fundamenta en que "se Tourís non é quen de diferenciar o debate partidario da representación institucional é que non entende a súa responsabilidade".

Torrado expresou a "sorpresa" dos socialistas por observar o "ridículo" que está a protagonizar Tomás Fole, "quen parece non asumir que o seu único protagonismo está en ter o récord da maior caída que se lembre ninguén dun goberno municipal en Vilagarcía. E parece non ter aprendido, dado que continúa a querer colarse nas fotos a semellanza do pequeno Nicolás, e a contar mentiras delirantes sobre acordos, obras ou decisións de orzamentos non existentes para xustificar as súas posicións". Dende o PSdeG consideran este tipo de actuacións unha "fuxida cara adiante" dun Tomás Fole que estiman que está "acorralado" dentro do propio PP, pero que "necesita" da política e por iso pretende atopar o seu novo oco. Torrado estimou que "non habería mellor noticia, en termos electorais, para os socialistas de Vilagarcía que encontrarse con Fole como candidato no 2019", pero creen que sería perxudicial para Vilagarcía.

A pesares das circunstancias, os socialistas celebran que os concelleiros Serén e Mouriño conseguiran que a Xunta rectificara a súa posición, arrancándolle o acordo de solucionar os problemas do ximnasio do CEIP de Rubiáns. A xuicio dos socialistas, esto evidencia que "tivo que chegar un goberno sensato que consegue un acordo en tres meses para desatascar o que nin Fole nin Tourís puideron ata agora en anos", e están convencidos de que "a presencia de Fole tiña como fin dinamitar os acordos, para non quedar en evidencia que agora hai un goberno que resolve e antes había un que complicaba". "Uns traballan e resolven e outros buscan fotos", concluiu Torrado.