Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

30/10/14

INICIATIVA PARLAMENTARIA SOBRE O HOSPITAL DO SALNÉS A PETICIÓN DOS SOCIALISTAS DA COMARCA DE AROUSA

A Consellería de Sanidade adxudicou á empresa Cofely GDF Suez a redacción do proxecto, a dirección das obras de 15 centros de saúde e as obras de ampliación do Salnés xunto coa subministración enerxética, o mantemento e a conservación do edificio.
Sen embargo, nos orzamentos para o ano 2015 non aparecen consignadas as partidas para poder acometer ditas obras.
Ademais a empresa adxudicataria dos proxectos Cofely GDF Suez está envolta na presunta trama de corrupción, destapada na Operación Púnica.
Polo exposto, as deputadas e os deputados que asinan formulan as seguintes preguntas para a súa resposta escrita:
1. En que consistiu a ampliación do Hospital do Salnés?
2. En canto se presupostaron os gastos de subministración enerxética e mantemento para este hospital?
3. Onde se contempla a partida para acometer esta obra?
4. Que vantaxes tivo o proxecto presentado pola empresa Cofely GDF Suez, en relación as demais ofertas presentadas?
Pazo do Parlamento, 29 de outubro de 2014

29/10/14

Os socialistas de Arousa manifestan a súa preocupación porque a ampliación do Hospital do Salnés estea en perigo pola concesión da obra a unha empresa investigada por corrupción

Consideran necesario que a Xunta clarifique a situación o antes posible, porque estiman “unha casualidade moi sinalada” que se lle adxudiquen tantas obras á mesma empresa

Os socialistas alertan que, novamente, a obra do Hospital poida quedar sen facer sen non se executa antes de 2015

O Salnés – Arousa, 29 de outubro de 2014.- Os socialistas da comarca de Arousa, na súa xuntanza de onte pola noite en Vilagarcía coa secretaria de organización de Galicia, Pilar Cancela, valoraron entre outros temas a implicación da empresa Cofely na rede de corrupción destapada estes días en España con orixe en Madrid, pero que tamén afecta ao Goberno de Núñez Feijoo, e que alerta da rede clientelar que o PP ten instalada en moitas das institucións que goberna. Precisamente sobre a actuación da Xunta existe neste momento unha sombra que afecta a obras que a Xunta do PP, especialmente a Consellería de Sanidade, adxudicou á empresa Cofely. Dentro destas está a obra de ampliación do Hospital do Salnés.

Os socialistas láianse da xestión do PP que, unha vez máis, vai camiño de deixar a Arousa sen a tan necesaria e demandada obra de ampliación do Hospital do Salnés. Os socialistas apuntan que dende o inicio, esta necesaria ampliación foi sistematicamente burlada polo PP de distintas maneiras, facenco promesas sobre orzamentos que nunca se cumpriron e retrasando a tan demandad actuación. Ao final, e xa en ano electoral, o PP apuntou que iniciaría estas obras que agora se atopan con que a empresa que tiña concedida esta actuación está implicada da man do PP nunha rede de corrupción indecente e de dimensións escandalosas. Os socialistas pregúntanse se, ao final, unha demanda social se convertíu para o PP nunha oportunidade de negocio, e reclaman que a Xunta de explicacións rápidas e convincentes sobre o asunto para tranquilizar á cidadanía.

Especialmente os socialistas piden tamén aclaracións aos representantes cidadáns que o PP ten en Arousa, como os alcaldes que non levantaron voz ante o ninguneo a que estiveron sometidas as reclamacións e mobilizacións da cidadanía, e os deputados e deputadas do PP e cargos de dirección do partido que se mantiveron agochados despois de tantos enganos.


Dende o PSdeG lamentan que a corrupción poida ser a lousa definitiva para que a ampliación do Hospital non se leve adiante, dado que a empresa pode quedar desmantelada e inoperativa, e os fondos FEDER que financian esta obra teñen como data límite o fin de 2015, co que se perderían se non se realiza. Pregúntanse dende o PSdeG de Arousa se é unha casualidade que Cofely tivera tantas adxudicacións da Consellería de Sanidade.

21/10/14

O Partido Socialista amosa a súa decepción pola non existencia de partida orzamentaria para o tan demandado centro de saúde

Destacan tamén que se incumpre, novamente, o suposto compromiso do PP coa mellora de saneamentos

Os socialistas enmendarán para solicitar investimentos en sanidade, educación, medioambiente e actividade industrial e económica.

Vilagarcía de Arousa, 21 de outubro de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía valorou hoxe de maneira inicial os orzamentos da Xunta de Galicia en Vilagarcía, sobre os que Tania García apuntou que suponen “unha nova decepción” para os veciños pois “persisten nos erros e no incumprimento de promesas, coma sempre”. García Sanmartín apuntou que “a estas alturas, pretender sacar peito co Hospital do Salnés resulta ofensivo” e puxo en dúbida o futuro investimento pois “moitas veces se anunciaron partidas que logo non se executaron e temos serias dúbidas sobre os prazos de execución e se vai dar tempo a rematar as obras antes do remate do prazo estipulado polos fondos europeos, cos que se financia a obra". Dende o PSdeG apuntan a que o ano 2015 é ano de eleccións, polo que consideran que era de agardar que aparecesen investimentos no papel que se levaban anos anunciando, aínda que apuntan que “os cidadáns non queren promesas, queren feitos”. No  tocante aos servizos sanitarios, Tania García lembrou que “os socialistas consideramos que segue a ser unha prioridade a construción dun novo centro de saúde. Por todos é sabido que a nosa aposta é o terreo da antiga comandancia de marina, espazo que foi cedido á Consellería de Sanidade para que se edificase un novo ambulatorio que xa baixo o goberno de Pérez Touriño quedou comprometida. O PP, despois, desfixo todo aquel avance”. A pesares das reivindicacións cidadás, numerosas e recurrentes, a non existencia de ningún indicio nos orzamentos evidencia o que para García Sanmartín é unha realidad palpable: “a aposta do PP polas demandas sanitarias en Arousa é nula. Co PP no goberno, os cidadáns teñen que ter coidado de non enfermar”.

As infraestruturas sanitarias non son o único aspecto que os socialistas destacaron nos déficits que atopan nos orzamentos, pois nas cuestións medioambientais Tania García apunta que “novamente, aqueles supostos compromisos do anterior conselleiro de investir 11 millóns de euros para o Plan de saneamento integral de Vilagarcía quedan no baleiro”, e pídelle a Tomás Fole que “reclame os investimentos que tantas veces os seus compañeiros prometeron diante del, co seu aplauso cómplice”.
A segunda fase do polígono do Pousadoiro é outra reclamación socialista, “que xa vai convertíndose en histórica” e que, novamente, caeu no olvido. Os representantes do PSdeG alertan de que o solo industrial en Vilagarcía está moi limitado, e se as dificultades para xerar actividade económica en Vilagarcía, como noutros lugares, son elevadas, máis o serán se non hai espazo para ofrecer ás empresas. “Fole confunde as necesidades do tecido industrial” apuntou García, “entregou obscenamente un espazo privilexiado en terreo portuario, que podía quedar a disposición de empresas de actividade portuaria, a unha instalación para pádel que montou un amigo; apoia sen tapuxos aos empresarios que pretenden desfacer tecido industrial ou botar traballadores á rúa sen motivos como Cuca e Lantero, e despois fica calado cando a Xunta se olvida, intencionadamente, de ampliar o solo industrial no polígono que debera acoller a principal zona industrial de Arousa. Entendeuno todo ao revés”.

Tania García adiantou que os socialistas, a través dos representantes no Parlamento de Galicia, presentarán enmendas aos orzamentos que trasladen estas reclamacións, e pedirán que se modifiquen de cara a incluír estes investimentos necesarios. Ademáis, alertou tamén de que non existen partidas nominativas para centros educativos, o cal apunta a que será prácticamente improbable que existan obras nos centros, coa necesidade que existe, e puntualizou que está entre as intencións dos socialistas reclamar tamén algunha intervención imprescindible como a construción dun novo pavillón no colexio de Rubiáns.


“Sanidade, educación, medioambiente e actividade económica e industrial son, de entrada, as nosas prioridades á hora de analizar estes orzamentos. En todos estes sectores o PP, novamente, defrauda”, sinalou a voceira socialista quen concluíu que “aínda que a decepción é menor porque xa era esperada, o certo é que Vilagarcía vai perder un ano por culpa dun goberno local e un alcalde que non teñen forza nin peso no seu partido para reclamar o necesario para Vilagarcía”. 

17/10/14

O Partido Socialista solicita que se constitúa unha comisión municipal sobre Lantero

A imaxe do que ocorreu con Cuca, os socialistas demandan que os voceiros municipais formen un grupo de traballo para estudiar as posibilidades de resolución da situación

Apelan ao feito de que o alcalde tardase tres semanas en recibir aos traballadores e ás "recuadas" habituais do goberno local

Vilagarcía de Arousa, 17 de outubro de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía, por medio da súa voceira municipal Tania García, solicita que se constitúa canto antes unha comisión municipal sobre o conflito aberto en Lantero, co fin de buscar a mellor solución á situación. Os socialistas consideran prioritario que o alcalde dea a coñecer a todos os grupos o contido das conversas mantidas coa dirección da empresa e de poñer enriba da mesa o convenio asinado entre Lantero e o Concello, no que se esixe o mantemento de todos os postos de traballo. Os socialistas apuntan que os distintos grupos da oposición levan semanas seguindo o caso mentras que o alcalde, "primeiro exerceu como voceiro da dirección da fábrica, mantendo dúas xuntanzas coa dirección da empresa e despois demorando en tres semanas a xuntanza cos traballadores, con excusas infantís e demostrando non ter interese polo asunto" apuntou Tania García. "Recorda este asunto ao caso de Cuca onde Fole "pregouse aos intereses empresariais, lonxe de defender o mantemento dos postos de traballo dos seus veciños".

Tania García confiou hoxe en que esta comisión se poña a funcionar, e considera que así "poderemos ter mellores decisións" apuntando a que Fole "aínda non ten moi claro o que acontece". García Sanmartín reiterou que a posición dos socialistas é nítida e consideramos que é necesario estar ao lado das familias de Vilagarcía que ven con incertidume o seu futuro. "Lantero é un puntal económico de Vilagarcía, se os traballadores de Lantero sofren, Vilagarcía sofre".


Dende o PSdeG apuntan tamén ao recente conflito do grupo de goberno cos praceiros, no que ao final e soamente tras as mobilizacións, o alcalde cedeu ante as peticións para permitir o aparcamento no entorno para os clientes que vaian facer as súas compras no recinto. Tania García sinalou que "a estratexia do cangrexo xa é un habitual, primeiro tomar decisións incomprensibles, que afectan negativamente aos intereses de distintos colectivos da nosa vila, mantelas con actitude altiva e unicamente dar marcha atrás cando existe presión social e mediática", e considera que "non é unha maneira coherente e responsable de funcionar, e non podemos estar constantemente esperando a que os problemas de Vilagarcía dependan de como se levanta o señor Fole pola mañá. É preciso traballar xuntos, tomar decisións ponderadas e ter posicións firmes dende o inicio". Para elo, considera que unha comisión constituída polos voceiros dos grupos municipais tería moita máis capacidade para resolver o conflito de Lantero que o goberno local.

14/10/14

O Partido Socialista solicitará a través do Parlamento a relación de subvencións e axudas recibidas por Lantero nos últimos anos

Queren estudiar as obrigas e condicións ás que a empresa está suxeita que poidan impedir decisións en contra dos dereitos dos traballadores

Os socialistas reprochan a Fole a súa “sumisa pasividade ante a empresa”

Vilagarcía de Arousa, 14 de outubro de 2014.- A voceira municipal socialista de Vilagarcía, Tania García, anunciou hoxe que o seu grupo está a traballar conxuntamente co grupo parlamentario socialista no Parlamento de Galicia para solicitar á Xunta a relación de subvencións e axudas que foron concedidas á empresa Lantero nos últimos anos. A intención dos socialistas é estudiar as posibles obrigas que esas axudas imponen en relación cos postos de traballo e as condicións dos traballadores.

Dende o Partido Socialista apuntan que “as empresas teñen os seus dereitos e existe unha liberdade de mercado e de xestión, pero estos argumentos non poden servir para tomar decisións lesivas para os traballadores se non hai fundamento ou se existen condicións que o impidan”. García apuntou, de maneira máis concreta, que “se a empresa se beneficiou dalgunha liña de axudas ten que que aterse tamén ás obrigas que se impoñían. Os responsables da xestión pública deben esixir que se cumpran as condicións polas que se concedeu diñeiro de todos”.

Para os representantes socialistas, a situación que se está a vivir “é produto dunha reforma laboral demoledora para os intereses dos traballadores” e cren que a empresa está a facer contas asumindo que o ano que ven, tralas eleccións xerais, a reforma laboral se derogará porque o PP non seguirá gobernando e, polo tanto, a dirección de Lantero quere aproveitar as últimas oportunidades de aplicar unha lei tan inxusta.

Tania García amosou tamén a súa “indignación” pola que considerou “unha actitude de sumisa pasividade ante a empresa que está a tomar Tomás Fole”. García Sanmartín criticou que o actual alcalde aínda non teña estado reunido co comité de empresa, a pesares de ter realizado dúas reunións xa coa dirección, e apostillou que “por momentos parece que Fole se constituiu no voceiro da empresa encargado de alimentar o conflito e recriminando aos traballadores que exerzan os seus dereitos”. As recentes situacións vividas con outras empresas de Vilagarcía, como Cuca, fan aos socialistas sentir “certo pesimismo” ante a futura actitude que poida tomar o alcalde. 

6/10/14

O Partido Socialista de Vilagarcía amosa o seu apoio incondicional aos traballadores de Lantero

Os socialistas insisten, como xa pediron no Pleno Municipal, en que o alcalde ten que poñerse ao frente da situación para axudar a evitar un drama laboral

Esixirán o cumprimento do convencio urbanístico no tocante ao mantemento da plantilla

Vilagarcía de Arousa, 6 de outubro de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía mantén unha posición de apoio firme e incondicional aos traballadores de Lantero, perante a situación de gravidade na que se atopan dado o conflito laboral aberto pola dirección do grupo. Os socialistas, no pleno municipal do pasado luns, amosaron xa a súa preocupación pola situación existente e esixiron a Tomás Fole que se puxera ao frente das reivindicacións dende o plano institucional. Así pois, Tania García manifestou hoxe que "semella unha burla que ante un conflito laboral de tal gravidade, Fole elixa marchar unha semana fóra de Vilagarcía con excusas baratas en troques de traballar nesta problemática".

Dende o Partido Socialista apuntan que unha ferramenta fundamental na defensa que pode facer o Concello da situación dos traballadores está no convenio urbanístico. Tania García, tras consultalo minuciosamente, apunta que é moi clara a necesidade de manter durante quince anos os postos de traballo, sendo un convenio asinado no ano 2004. Para os socialistas, "non é de recibo que unha empresa que numerosas veces sinalou a Vilagarcía como unha fábrica de gran produción e rendemento, que declarou beneficios o ano pasado e que mantén plantilla contratada de forma temporal a maiores dos empregados indefinidos, pretenda agora de súpeto afirmar que está en problemas económicos e ten que propoñer unha atroz reforma da situación laboral dos traballadores". Neste sentido os representantes do PSdeG, mantendo nos últimos días contactos cos traballadores e os seus representantes, manterán unha xuntanza con membros do comité de empresa para compartir información, trasladarlles o seu incondicional apoio e colaborar na defensa dos postos de traballo. "Os traballadores de Lantero amosaron xa moitas veces ser un colectivo exemplar na defensa dos dereitos laborais" destacou García Sanmartín.


Tania García non dubidou en sinalar á "cruenta e inxusta reforma laboral do PP" a situación na que hoxe están os traballadores de Lantero, e preguntouse se "non será que Fole correu a agocharse lonxe para non dar a cara porque sabe que foi o seu partido o que permitíu estas situacións", e lembrou que "xa no conflito de Cuca Tomás Fole agochou a cabeza". García Sanmartín animou á cidadanía a defender aos traballadores, e a apoiar as medidas que estes tomen.