Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

6/10/14

O Partido Socialista de Vilagarcía amosa o seu apoio incondicional aos traballadores de Lantero

Os socialistas insisten, como xa pediron no Pleno Municipal, en que o alcalde ten que poñerse ao frente da situación para axudar a evitar un drama laboral

Esixirán o cumprimento do convencio urbanístico no tocante ao mantemento da plantilla

Vilagarcía de Arousa, 6 de outubro de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía mantén unha posición de apoio firme e incondicional aos traballadores de Lantero, perante a situación de gravidade na que se atopan dado o conflito laboral aberto pola dirección do grupo. Os socialistas, no pleno municipal do pasado luns, amosaron xa a súa preocupación pola situación existente e esixiron a Tomás Fole que se puxera ao frente das reivindicacións dende o plano institucional. Así pois, Tania García manifestou hoxe que "semella unha burla que ante un conflito laboral de tal gravidade, Fole elixa marchar unha semana fóra de Vilagarcía con excusas baratas en troques de traballar nesta problemática".

Dende o Partido Socialista apuntan que unha ferramenta fundamental na defensa que pode facer o Concello da situación dos traballadores está no convenio urbanístico. Tania García, tras consultalo minuciosamente, apunta que é moi clara a necesidade de manter durante quince anos os postos de traballo, sendo un convenio asinado no ano 2004. Para os socialistas, "non é de recibo que unha empresa que numerosas veces sinalou a Vilagarcía como unha fábrica de gran produción e rendemento, que declarou beneficios o ano pasado e que mantén plantilla contratada de forma temporal a maiores dos empregados indefinidos, pretenda agora de súpeto afirmar que está en problemas económicos e ten que propoñer unha atroz reforma da situación laboral dos traballadores". Neste sentido os representantes do PSdeG, mantendo nos últimos días contactos cos traballadores e os seus representantes, manterán unha xuntanza con membros do comité de empresa para compartir información, trasladarlles o seu incondicional apoio e colaborar na defensa dos postos de traballo. "Os traballadores de Lantero amosaron xa moitas veces ser un colectivo exemplar na defensa dos dereitos laborais" destacou García Sanmartín.


Tania García non dubidou en sinalar á "cruenta e inxusta reforma laboral do PP" a situación na que hoxe están os traballadores de Lantero, e preguntouse se "non será que Fole correu a agocharse lonxe para non dar a cara porque sabe que foi o seu partido o que permitíu estas situacións", e lembrou que "xa no conflito de Cuca Tomás Fole agochou a cabeza". García Sanmartín animou á cidadanía a defender aos traballadores, e a apoiar as medidas que estes tomen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario