Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

22/9/16

Julio Torrado encara o final de campaña con optimismo pola gran acollida amosada ao proxecto de Xoaquín F. Leiceaga: “o cambio é posible”

Despois de iniciar a campaña en Vilaxoán, o candidato do PSdeG escolleu Carril como escenario para o seu último acto en Vilagarcía, con Cortegada como símbolo do compromiso do PSdeG co público.

Julio Torrado afirma que para Vilagarcía “é imprescindible un cambio na Xunta de Galicia para levar a cabo proxectos estratéxicos de cidade que o PP ten intencionalmente bloqueados”


Vilagarcía de Arousa, 22 de setembro de 2016.- O vilagarcián Julio Torrado, número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra, afronta o final da campaña convencido de que o PSdeG será quen de lograr o tan necesario cambio de goberno na Xunta de Galicia. “O domingo os cidadáns temos que escoller entre dous modelos: a continuidade das políticas do PP caracterizadas por un constante e consciente deterioro dos servizos públicos, ou abrir unha nova etapa de cambio e progreso encabezada por Xoaquín F. Leiceaga como Presidente da Xunta de Galicia, capaz de reverter a grave situación de parálise na que Feijóo instalou a Galicia”, afirma o candidato do PSdeG.

Julio Torrado escolleu o pobo de Carril como escenario do seu último acto electoral en Vilagarcía. O encontro celebrarase na Alameda de Carril ás 20:00 h, coa Illa de Cortegada como cortina de fondo. “A Illa de Cortegada é o mellor exemplo do compromiso do PSdeG co conxunto da cidadanía, non cos intereses privados como adoita facer o PP. Esta xoia natural de Carril estaba en mans privadas ata que un goberno do PSdeG, encabezado por Emilio Pérez Touriño, decidiu que un espazo destas características tiña que ser 100% público e pertencer a todo o pobo de Carril”, recordou Julio Torrado. Neste senso indicou que “a Illa de Cortegada é a perfecta metáfora dos diferentes xeitos de entender a política entre o PP e o PSOE”.

Asemade, o candidato do PSdeG, Julio Torrado, destacou a importancia que ten para Vilagarcía que Xoaquín F. Leiceaga sexa a próximo Presidente da Xunta de Galicia. “Como vimos amosando e denunciando durante toda a campaña, o Partido Popular, nun exercicio de deslealdade institucional ata o de agora inédito, utiliza tanto a Xunta de Galicia como o Porto de Vilagarcía para o bloqueo sistemático de proxectos estratéxicos para o futuro de Vilagarcía, como é a construción do novo centro de saúde na antiga Comandancia ou a rexeneración da nosa Ría, da que viven milleiros de familia tanto en Vilagarcía como en toda a comarca de Arousa”. “Estou convencido de que Xoaquín F. Leiceaga será a vindeiro Presidente da Xunta de Galicia, inaugurando unha nova etapa nas relacións entre Xunta de Galicia, Porto e Concello de Vilagarcía capaz de dar un impulso definitivo ao desenvolvemento de Vilagarcía e do conxunto da comarca mediante o fortalecemento dos principais servizos públicos e da activación de plans de reactivación económica que contribúan a reducir as actuais cifras de desemprego, principal preocupación da inmensa maioría dos galegos”.

“As sensacións de campaña son boas. Percibimos como o noso proxecto calou entre o conxunto da cidadanía, convencendo a un gran número de indecisos que serán os responsables de que a partir do luns o cambio político que desexan unha maioría dos galegos sexa unha realidade”, finalizou o candidato do PSdeG.

20/9/16

O PSdeG-PSOE reclama a rexeneración da enseada dos Pasales nunha actuación da que se beneficiarían os concellos de Meaño e Sanxenxo

Icía García recorda que o Grupo Socialista no Concello de Meaño xa denunciou os constantes vertidos á Ría nese punto e demandou a limpeza integral do espazo

Julio Torrado defende a idoneidade do lugar para a construción dun senda natural de alto valor natural e tamén cultural



Meaño-Sanxenxo, 20 de setembro de 2016.- Os candidatos do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, o sanxenxino Óscar Serantes e o vilagarcián Julio Torrado, xuntos coas voceiras socialistas nos Concellos de Meaño e Sanxenxo, Icía García e Coral González-Haba, visitaron a enseada dos Pasales, unha zona fronteiriza entre os concellos de Meaño e Sanxenxo de alto valor natural en pleno Complexo Ons-O Grove –unha Zona Especial de Conservación–, denunciando o seu deplorable estado por mor dos continuos vertidos que afectan ao lugar.  

Icía García, Secretaria Xeral da Agrupación Local de Meaño e voceira do PSOE nese mesmo Concello, recordou que este episodio de contaminación xa foi denunciando a través da presentación dunha moción no Concello de Meaño no mes do outubro do pasado ano, instando á Xunta de Galicia a que procedera á tan necesaria limpeza e depuración da Ría nese punto. Previamente á presentación deste moción, aprobada por unanimidade do pleno, xa fora presentada ante a Xunta unha denuncia dos puntos de vertidos detectados na zona. “A pesar da aprobación da moción seguimos sen ter noticias da Xunta de Galicia para solucionar un problema tan grave, sinal do nulo interese do Partido Popular polo saneamento da Ría máis produtiva do mundo e da que viven milleiros de familias da comarca”, afirma Icía García. 

O candidato número 3 de candidatura do PSdeG, Julio Torrado, tamén salientou a idoneidade do lugar para a creación dunha senda natural que recorra as dúas bandas da enseada, salientando o seu alto valor medio ambiental, na medida en que é unha zona moi frecuentada de observación de aves. “Dende o PSdeG apostamos pola rexeneración e valorización deste tipo de espazos dentro dunha estratexia de preservación e xestión responsable do territorio, sobre todo de lugares que reúnen todas as características conseguir ser una zona de esparexemento dos habitantes da comarca de Arousa. “O valor ornitolóxico, xunto co seu atractivo cultural –en referencia as dúas telleiras que se conservan a ambos marxes da enseada– fan deste lugar un emprazamento ideal para a construción desa senda natural”, destacou o representante da candidatura do PSdeG. Neste senso, Icía García aproveitou para criticar “a telleira que se restaurou con fondos públicos actualmente atópese dentro dunha propiedade privada, impedindo a súa visita aos veciños de Meaño”.


O número 19 da candidatura do PSdeG pola provincia de Pontevedra e Secretario Xeral da Agrupación Local de Sanxenxo, Óscar Serantes, sinalou a conveniencia de estender esa senda ata a Enseada do Bao, aproveitando o potencial do Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira, convencido de que o turismo verde é un valor en alza que debe potenciarse. “Tanto os concellos de Sanxenxo e de Meaño, como a Xunta de Galicia, deben involucrarse na rexeneración dun espazo protexido que actualmente está a sufrir toda unha serie de vertidos incontrolados”, afirmou o candidato do PSdeG. 

14/9/16

O PSdeG-PSOE reclama a construción dun centro de día no Pazo de Vista Real en Vilanova

Jorge María recorda que o pazo adquiriuse a instancias dunha moción socialista con ese fin

Julio Torrado comprometese a realizar as xestións necesarias no Parlamento de Galicia co obxectivo de que esta demanda se faga realidade


Vilanova de Arousa, 14 de setembro de 2016.- Os candidatos do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, o vilanovés Jorge María e o vilagarcián Julio Torrado, xuntos cos concelleiros de Vilanova Sheila Ferreira e Ramón Trigo, visitaron no día de onte o Pazo de Vista Real en Vilanova, unhas instalacións adquiridas con fondos públicos que actualmente atópanse claramente desaproveitadas.

Jorge María, Secretario Xeral da Agrupación Local de Vilanova de Arousa e candidato número 21 ao Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra, recordou que o Pazo de Vista Real comprouse a proposta dunha moción socialista no Pleno de Vilanova e que a idea orixinal era a habilitación dun centro de día no edificio principal do complexo. O candidato apunta a que “actualmente este privilexiado espazo está infrautilizado, sobre todo tendo en conta a gran inversión que se realizou para a súa adquisición”. Jorge María sinala que a construción do tan demandado centro de día non sería incompatible coa maioría das actividades que actualmente se realizan no Pazo e ofreceríase a Vilanova un servizo público moi necesario do que actualmente carece”. Neste senso, denuncia “a incapacidade do Alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, para xestionar ante unha administración gobernada polo seu propio partido unha infraestrutura que os vilanoveses levan demandando dende fai moito tempo”. 

O candidato número 3 de candidatura do PSdeG, Julio Torrado, tamén salientou a idoneidade do Pazo de Vista Real o da súa contorna para este fin, comprometéndose a presentar as iniciativas parlamentarias necesarias para que os vilanoveses poidan gozar dun centro de día para os seus maiores do que agora mesmo carecen. Neste senso afirmou que “unha vez que Xoaquín Fernández Leiceaga sexa Presidente da Xunta, espero ter máis poder de persuasión do amosado por Gonzalo Durán ante unha Xunta de Galicia controlada polo PP”. En opinión de Julio Torrado, “o noso modelo de país non consiste en facer grandes investimentos para adquirir instalacións que despois apenas se usan, senón en esforzarnos para que eses investimentos sexan o primeiro paso para a prestación de servizos de calidade aos cidadáns”. 

O número 3 do PSdeG pola provincia de Pontevedra tamén aproveitou para recordar que a xestión das políticas de benestar da Xunta de Galicia estivo marcada pola constante redución orzamentaria e polas políticas de privatización de servizos públicos, de aí que non se apostara por iniciativas como a socialista da construción dun centro de día no Pazo de Vista Real. Sen embargo, “para o PSdeG as políticas de benestar serán unha prioridade, comprometéndonos a desenvolver un modelo social que considere os coidados como aspecto central”.

6/9/16

Julio Torrado enfrontarase a un debate público e participativo sobre rexeneración democrática

O debate, no que participarán os xornalistas Xurxo Melchor e Fernando Salgado, estará aberto a calquera tema ou pregunta formulada polo público asistente

Julio Torrado afirma que “a esencia de democracia representativa é o contacto directo e sen cortapisas entre os cidadáns e os seus representantes”, polo que tamén invita a Marta Rodríguez a sumarse ao debate



Vilagarcía de Arousa, 06 de setembro de 2016.- O vilagarcián Julio Torrado, número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra, participará nun debate sobre rexeneración democrática, participación cidadá e representación política cos recoñecidos xornalistas Xurxo Melchor e Fernando Salgado. O encontro terá lugar o venres día 9 de setembro ás 20:00 horas nos bancos do Xardín de Ravella.

“Nun momento no que a unha profunda crise económica e social súmase una crise de representación é esencial a celebración de debates que permitan un contacto directo entre os cidadáns e aqueles que aspiramos a representalos”, afirma Torrado, quen destaca a oportunidade do lugar e do formato do acto, xa que os cidadáns que decidan acudir, pero tamén os que nese momento paseen polo Xardín, poderán formular calquera cuestión relacionada cos temas a debater, sen que exista ningunha selección previa de participantes nin de preguntas.

Julio Torrado expón que “un primeiro paso cara unha nova forma de facer política é non agocharse nas institucións” polo que reta a Marta Rodríguez -a outra representante de Vilagarcía con posibilidades reais de ser elixida deputada- a participar en condicións de igualdade no debate, ofrecendo aos vilagarciáns a oportunidade de contrastar as propostas de ambos partidos en temas de especial trascendencia como os seleccionados. Neste sentido, Torrado afirma que “se aspira a representar aos vilagarciáns no Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez debe saír da tobeira na que se agocha e explicarlle aos veciños os reiterados incumprimentos do PP con Vilagarcía, tamén nas cuestións de rexeneración democrática e participación cidadá”. O candidato do PSdeG tamén lamenta a escasa presenza nas candidaturas dos restantes partidos de vilagarciáns con opcións reais de ser elixidos e cos que poder contrastar as solucións aos problemas dos cidadáns. 

Por último, Torrado fai unha invitación aos veciños de Vilagarcía a participar activamente neste evento, convencido de que “a pluralidade de opinións e puntos de vista enriquece o debate político e axuda a encontrar a solución máis axeitada ás inquedanzas dos cidadáns en problemáticas tan importantes para o correcto funcionamento da sociedade como as que serán tratadas neste encontro”.