Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

30/10/13

O Grupo Municipal Socialista considera “moi preocupante” a concienciación da concelleira de cultura sobre a actividade que se desenvolve en Vilagarcía

Tania García sostén a idea manifestada no Pleno sobre a pouca actividade cultural da localidade

Sinalan dende o PSdeG que a meirande parte da programación cultural está composta de actividades que fan os colectivos e artistas aos que o propio Goberno Municipal maltrata

Vilagarcía de Arousa, 30 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal Socialista do Concello de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García, valorou hoxe como “moi preocupante” a conciencia amosada sobre a actividade cultura da localidade que manifestou a concelleira do ramo, Rocío Llovo, no Pleno Municipal do pasado luns. Llovo chegou a reprochar, durante o pleno, ao grupo socialista que puideran considerar “cultura”  o “ir de copas a Cambados”. García Sanmartín apuntou hoxe que “é difícil explicar cousas cobre cultura a quen sempre a perseguíu” e sinalou que “en Vilagarcía hai hoxe menos programación cultural da que había, e a que hai débese en moita parte a colectivos, entidades privadas ou aos propio creadores que buscan a súa propia maneira de expoñer e amosar as súas composicións e creacións”. Colectivos culturais e creadores que de xeito maioritario son críticos coa xestión cultural da nosa vila e que se opuxeron frontalmente ao Regulamento do Uso de Instalacións Culturais aprobado polo bipartito PP-IVIL fai uns meses que cercena e maltrata a actividade cultural en Vilagarcía.”. García tamén insistíu na idea apuntada no Pleno do luns de que “Cambados e especialmente A Illa de Arousa teñen collido a dianteira claramente sobre Vilagarcía na programación e dinamización do eido cultural.”

A voceira socialista desgranou a situación plantexando que “hai moitos locais de hostalería que apostan moito máis claramente pola cultura local que o propio Goberno Municipal”, sinalando especialmente aos grupos máis novos “que non atopan xestos nin apostas por parte do seu Concello”. García Sanmartín non quixo deixar pasar a ocasión de aclararlle ao Goberno Municipal que “este Goberno leva tres persoas distintas en dous anos ao fronte da Concellería de Cultura porque Fole non ten ningún interese en promover a súa dinamización. O único que puxo algunha idea referente ao modelo cultural que desexaba foi o fulminado Francisco González, que defendeu que a cultura non debía ser subvencionada mentras el falseaba documentación de subvencións”, lembrando o caso do fraude de subvencións no que o exconcelleiro se apropiou de case 5.000€ falseando una subvención pública.

Tania García insistíu no asunto indicando que “a pouca programación que fomenta o propio Goberno Municipal é elitista e lonxe da realidade dos veciños e veciñas” e puxo como exemplo o concerto principal das festas de San Roque “que foi de pago para todos e todas menos para os membros do Goberno Municipal e os seus amigos, a conta de 60 invitacións que se facilitaron ao Concello protocolariamente e das que Fole e Llovo dispuxeron ao seu interese”. A programación elitista continúa, como apuntou a representante do PSdeG, “organizando actividades dirixidas a nenos que valen un mínimo de 20€ a entrada”.



García Sanmartín, non entanto, asume que “o PP ten un problema coa cultura, porque é moi difícil xestionar ben algo non que non se cre. Así ocurre o que ocurre coa subida do IVE cultural ata o 21%, por obra e gracia do señor Montoro, e así o modelo da cultura local que Fole deseñou para Vilagarcía era o dun estafador de cartos públicos”. 

25/10/13

Tania García sinala a Fole que os case 600.000€ que se utilizarán en novos investimentos son remanentes de anteriores lexislaturas

A voceira socialista recrimínalle ao Alcalde que “leve dous anos dicindo a todos que dende que empezou a gobernar non hai cartos por culpa de herdanzas, e agora apareza milagrosamente máis de medio millón de euros”
García considera “innecesario” que máis dun 20% deses fondos se adiquen á informática do Concello, “o área mais beneficiada xa nos últimos orzamentos municipais”.

Vilagarcía de Arousa, 25 de outubro de 2013.- Tania García, voceira municipal do grupo socialista no Concello de Vilagarcía, valorou hoxe o investimento de case 600.000€ que se vai aprobar no vindeiro pleno Municipal e apuntou que sobre eses cartos que “son remanentes que quedaron para o Concello de Vilagarcía despois da xestión de anteriores gobernos municipais”. García fixo estas declaracións valorando que “o Alcalde cansouse de queixarse, a todos e por todos os medios, de que non tiña fondos para investir dende que chegou ao Goberno Municipal, e culpou de eso á xa famosa herdanza recibida. Pois esa herdanza é a que permite agora facer este investimento, debería decilo tamén”. Considera a voceira socialista que “cando un entra nesa triste dinámica de botar balóns fora e pretender botarlle sempre a culpa a outro das propias carencias, debe ser consciente de que tamén hai que recoñecer os méritos e os éxitos”.
A representante do PSdeG plantexou tamén que “moitos veciños se preguntarán por que aparecen agora estes fondos e non con anterioridade, cando se reclamaron para moitas necesidades municipais”. En liña con este argumento os socialistas discuten tamén o destino final destas partidas pois, según interpretan a partires do coñecido estes días, “a distribución de fondos non responde ás necesidades reais dos veciños”. Tania García considerou que “na situación socio-económica na que vivimos parece natural facer unha aposta forte por servizos sociais, e pola axuda ás familias que máis o necesitan a través de apoios nas necesidades básicas”. Sen embargo, e como alertan dende o PSdeG, máis dun 20% destas novas partidas vaise dirixir ao departamento de infromática do Concello de Vilagarcía. “Consideramos que eso é innecesario”, apunta García, quen lembrou que nos últimos orzamentos municipais a partida para a sección de informática do Concello víu aumentada a súa partida xa nun 66% sendo o área con maior subida porcentual de todas as partidas orzamentarias. Pola contra, a pesares desta dinámica, “aínda non hai claros avances no grande paso que necesitamos en camiñar cara a administración dixital plena”. 

19/10/13

O Partido Socialista lamenta a perda de inversión que supón o fracaso de Fole na xestión do plan Luz Salgada

Os socialistas lembran que Fole deixou correr varios meses o asunto e só en setembro de 2011 comezou a facer xestións

Dende o PSdeG concretan a perda na falta de fondos para investir no Parque da Xunqueira, a Praza de abastos,  ou incluso non saneamento do río do Con

Vilagarcía de Arousa 19 de outubro de 2013.- A perda dos fondos de Luz Salgada supón, segundo entenden dende o Partido Socialista de Vilagarcía, “unha dura noticia para Vilagarcía” en palabras da súa voceira municipal Tania García. García lamentou esta nova e concretou que a perda destes fondos supón a perda de oportunidades de investimento como a mellora do parque de A Xunqueira e da Praza de abastos, así como a posibilidade de investir no saneamento do río do Con entre outras opcións.


Dende o PSdeG de Vilagarcía consideran que a xestión global de Luz Salgada incurríu en erros que levaron a esta perda dos fondos, pero apuntan de entre todos eles á “vagancia e incapacidade” do Alcalde Tomás Fole. Lembra Tania García que Fole “chegou á alcaldía en xuño de 2011 urxindo a actuar con respecto aos fondos de Luz Salgada, e advertindo da premura dos prazos que limitaban o marxe de acción ao mes de maio de 2012, pero non fixo nada ata o 14 de setembro de 2011 no que remitiron un primeiro escrito que adoecía de falta de concreción. A seguinte acción foi xa en abril de 2012 e o seguinte ao borde da finalización do prazo. Os socialistas comprobaron con sorpresa no expediente que no propio mes de maio de 2012 o alcalde solicita unha prórroga das obras cando non se iniciara ningunha”, recopilou a voceira socialista. Os socialistas pídenlle ao alcalde que faga público o expediente da Luz Salgada e explique os prazos e as xestións realizadas dende a súa chegada ao goberno para evitar a perda do crédito. Apuntan como posible explicación deste revés que “Fole pensou que o PP ía chegar ao Goberno do Estado e resolverlle o problema a el, sen facer nada mais”, e segundo interpretan dende o PSdeG “este Alcalde víuse incapaz de resolver un problema e ficou agardando a que os problemas pasaran”.  Non lles colle por sorpresa esta ineficaz xestión de Tomás Fole e recordan que tamén “entre el e Louzán perderon a subvención de máis dun millón e medio de euros para as obras no entorno do Río Matosiños, sobre a que aínda seguen dando voltas intentando botarlle a culpa a outros”, concluíu a voceira municipal, Tania García.

11/10/13

O Alcalde de Vilagarcía volve a impedir o acceso dos representantes do PSdeG ao PXOM un día despois de anunciar nos medios que non habería problema para consultalo

Os concelleiros Tania García e Lino Mouriño non puidieron acceder hoxe á proposta do novo Catálogo de Bens a Conservar, e foron informados de que tiñan que solicitar autorización por escrito


Os socialistas atribúen este caos a unha xestión “descabezada e sen criterio” do Goberno Local “que está a falar a través dos medios de comunicación en vez de tomar decisión reais”.


Vilagarcía de Arousa, 11 de outubro de 2013.- Ante a preocupación xurdida pola presentación inicial do PXOM á que asistiron os representantes dos partidos políticos esta semana no Concello de Vilagarcía, os membros do PSdeG denunciaron no seu momento que o Alcalde Tomás Fole non facilitara unha copia do documento para poder traballar con detalle e profundidade para poder facer aportacións a un proxecto que os socialistas consideran “unha ferramenta fundamental para deseñar a Vilagarcía dos próximos tempos”. Os socialistas consideraron esta medida absolutamente fóra de lugar e así o manifestaron publicamente. Ante o aluvión de críticas recibidas, o Alcalde Tomás Fole anunciou no día de onte a través dos medios de comunicación, aínda que sen comunicalo formalmente aos grupos políticos, que estes poderían acceder sen ningún tipo de problema ou restrición ao documento para poder estudialo.

Os concelleiros socialistas Tania García e Lino Mouriño pretenderon esta mesma mañá acceder á proposta do novo Catálogo de Bens a Conservar, documento que acompaña e forma parte do Plan Xeral, ao fío da dispoñibilidade que anunciou o Alcalde de Vilagarcía. Sen embargo, e sorpresivamente, atopáronse cun novo impedimento xa que non tiveron a oportunidade de consultar o que pretendían. Para facelo precisarán presentar unha solicitude por escrito de autorización ante o propio Alcalde, quen terá a potestade de decidir se o autoriza ou non. Os socialistas, por voz da súa voceira Tania García, manifestaron hoxe que “entender a este Alcalde resulta xa imposible, e intentalo é malo para a saúde. Primeiro négase a facilitar copia dun documento tan importante coma o PXOM ante a súa pretensión de modificalo. Logo, para saír do paso ante as críticas recibidas, anuncia que permite tal acceso, e agora resulta que non é así como anunciou e hai que pedirlle autorización para que o permita consultar e esperar a que teña a ben facelo ou non”. García apuntou que “os concelleiros, sexamos do partido que sexamos, fumos votados polos cidadáns para representalos na labor política. A consulta de documentos como o PXOM non pode quedar a expensas de que a alguén, sexa Alcalde ou o que sexa, teña un día benévolo ou non”. “O exercicio da nosa labor como oposición é un dereito, e sen embargo parece que este Alcalde pensa que el ten algún tipo de privilexio para decidir cando o podemos exercer e cando non”, manifestou contundentemente a voceira socialista.

Os concelleiros do PSdeG pretendían esta mañá consultar o Catálogo de Bens a Conservar, “preocupados pola situación de algúns inmobles en particular, e para comprobar que non se alteraron algunhas catalogacións”, indicaron os concelleiros sobre unha labor que, segundo apunta a situación, terá que esperar a que Tomás Fole decida aprobar ou non a solicitude que García e Mouriño presentaron inmediatamente.

Os representantes do PSdeG consideran que “este Goberno Local, que en dous anos destrozou negativamente calquera previsión sobre a súa xestión, está tan roto e falto de dirección e criterio que xa non cumpre un día o que anuncia o día anterior”, e apuntaron a que esta contradición entre o anunciado polo Alcalde e o comprobado hoxe en instalacións municipais non é aillado. “Xa estamos vendo esta mesma semana como hai concelleiras que anuncian flexibilidade cunhas normas mentras a Alcaldía anuncia que terá firmeza co seu cumprimento” en referencia á aplicación da ordenanza de terrazas en certas zonas do centro de Vilagarcía. “O peor de todo” resumíu Tania García “é que este desbaraxuste leva a Vilagarcía a estar nun desbaraxuste constante, onde todo o mundo sabe que hai un Alcalde ao que lle queda todo moi grande, sen capacidade de decisión, e que ten un equipo de goberno cheo de parches e divisións internas, sen dirección e sen ninguén con criterio para dirixir”. “E a consecuencia é unha Vilagarcía nun estado absoluto de deixadez e abandono”, sentenciou.

8/10/13

O Partido Socialista denuncia que o Alcalde négase a facilitar unha copia do PXOM, ao que califican de “irreal e insostible”

Dende o PSdeG asómbranse de que o Alcalde presuma de non ter aportado moito a un documento que os socialistas consideran “estratéxicamente vital para o futuro de Vilagarcía”.


Despois da breve presentación de diapositivas á que asistiron hoxe, creen que o proxecto merece moitas modificacións e un estudo a fondo para garantizar a dotación de máis zonas verdes e reflexionar sobre o volumen de nova construción

Vilagarcía de Arousa, 8 de outubro de 2013.- Os socialistas asistiron hoxe a unha presentación reducida en breves diapositivas do futuro Plan Xeral de Ordenación Urbanística, que ao final resultou ser a única información que recibirán sobre o proxecto ata que sexa remitido á Xunta de Galicia e devolto para a súa aprobación inicial. Tania García, voceira municipal socialista, constatou este feito ao recibir unha negativa do Alcalde ante a solicitude dunha copia do Plan sen maior motivo. Fole remitíu aos socialistas á fase de exposición pública coma outro particular. Tania García apuntou que “queira ou non queira o Alcalde, os concelleiros de Vilagarcía representamos tamén aos veciños e non é concebible que se nos impida o acceso a unha documentación como o PXOM”.

Esta negativa do Alcalde a facilitar información supón para os socialistas un “oscurantismo asombroso”, e pregúntanse cal é o problema de que diversos puntos de vista poidan contribuír e aportar sobre a planificación estratéxica de Vilagarcía como cidade de futuro. Os socialistas valoran o PXOM como unha ferramenta imprescindible e fundamental no deseño da cidade, que vai definir os proxectos futuros e as grandes decisión globais que afecten ao desenvolvemento social e económico dos vindeiros anos. Polo tanto consideran que merece un procedemento aberto e participativo, e non entenden “como se pode concebir de maneira tan limitada a planificación futura da poboación como para intentar poñer trabas aos representantes dos cidadáns”. Dada esta perspectiva esencial que os socialistas atribúen ao PXOM, consideran chamativo que o propio Alcalde valorase na xuntanza desta mañá que “apenas participou na redacción”, o cal supón a asunción de que “non houbo decisión nin proxección sobre a idea de Vilagarcía que ten Fole” apuntou García. “É posible que o Alcalde non aportara moito sobre a idea da Vilagarcía do futuro porque, sinxelamente, non ten ideas sobre cara onde debe ir Vilagarcía. O sorprendente é que pretenda presumir delo e que non nos permita, aos que si as temos, que as aportemos”, sentenciou a voceira socialista.

Da breve presentación en diapositivas de power point recibida hoxe, os socialistas tiraron algunhas ideas que creen que deben ser analizadas con detimento. Por un lado estiman que Vilagarcía debe apostar por un crecemento sostible, principalmente dende o punto de vista ecolóxico. I é que consideran os representantes do PSdeG que Vilagarcía debe apostar pola creación dun maior número de zonas verdes, non entanto o novo PXOM pretendería deixar esta aposta a mercede da iniciativa privada, a través de novas construcións e a obriga que estas teñen de liberar espacio para a dotación de zonas verdes. “Se non hai moita máis construción non haberá máis zonas verdes, e unha cousa non pode depender da outra”, apuntou Tania García.

Outra cuestión referida á construción de vivendas foi apuntada pola voceira socialista, quen aproveitou o dato de que Vilagarcía é unha das poboacións de España con maior número de vivendas sen ocupar para criticar que o PXOM, segundo se lles trasladou esta mañá, prevé a construción de 6.600 novas vivendas nos vindeiros 12 anos. Este volumen “non representa a necesidade real de Vilagarcía, xa que non semella necesaria tal cantidade de vivendas dada a situación”, afirmou Tania García. “Os intereses aquí representados non son os dos cidadáns, e non se responde ás previsións de crecemento demográfico de Vilagarcía que apuntan a un aumento da poboación en 4.000 persoas, aproximadamente, nestes vindeiros 12 anos”. 

4/10/13

Os socialistas solicitan unha xuntanza urxente entre comerciantes, praceiros e todos os grupos da Corporación

Os socialistas proporán acordar un calendario consensuado de apertura de festivos entre comerciantes e praceiros


“Pola súa falta de diálogo e descoordinación, o Goberno Local acaba de abrir outra fronte·”, salientou a voceira municipal, Tania García

Vilagarcía de Arousa, 04 de outubro de 2013.-O bipartito PP-IVIL acaba de abir unha nova fronte de problemas con colectivos de Vilagarcía debido a súa errática xestión. Nesta ocasión, a falta de diálogo cos comerciantes e a decisión unilateral do Goberno local de permitir a celebración do mercadillo o vindeiro 12 de outubro acaba de xerar un importante malestar entre os comerciantes.

As claves deste novo fracaso político do bipartito conservador están na falta de diálogo e negociación entre as partes, alimentada coa total descoordinación entre os concelleiros responsables. “Parécenos unha absoluta incongruencia que o sector do comercio recaia nun concelleiro e a xestión da Praza de abastos e do mercadillo dependa de outro. Estas son as consecuencias de ter un goberno de dimisións e parches” sinalou a voceira municipal, Tania García, en clara alusión á división de responsabilidades entre Tarrío e Llovo, neste caso.

Os socialistas consideran necesario impor un pouco de cordura no problema e solicitan, coa maior brevidade posible, a celebración dunha xuntanza entre os colectivos implicados, o Goberno e o resto dos grupos da Corporación, “sobre todo para que os socialistas podamos aportar sensatez e responsabilidade ao asunto”, e enmendar así o papel do Goberno Local para maior tranquilidade do sector.

Os socialistas levarían a súa proposta a esta xuntanza, que pasa por consensuar un calendario entre comerciantes e praceiros de apertura dos seus negocios, buscando o máximo interese e beneficio para ambas partes.