Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

20/5/13

MOCIÓN SOBRE A CANCELACIÓN DE CONTAS DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA EN NOVAGALICIA BANCO EN APOIO AOS AFECTADOS POLAS OBRIGAS PREFERENTES E SUBORDINADAS


Exposición de motivos

Hai máis dun ano, o actual presidente da Xunta de Galicia anunciou que a fraude das obrigas preferentes e subordinadas atopábase en vías de solución, propoñendo o sometemento dos afectados a un laudo arbitral, proposta que, pese á retórica oficialista, só significa unha nova humillación para os milleiros de estafados.

A medida que se ía achegando a data das Eleccións Autonómicas de outubro do ano pasado, o PP  intensificaba as súas mensaxes dunha suposta solución inmediata. O señor Núñez Feijoo iniciaba a precampaña electoral a primeiros de setembro no castelo de Soutomaior prometendo unha solución xusta para os afectados pola estafa. Acompasadamente, o número de arbitraxes crecía, nun intento de dar credibilidade ás palabras do candidato “popular”.

Ao longo dos meses de setembro e outubro moitos líderes conservadores, non só o señor Núñez Feijoo, senón tamén ao señor Louzán Abal e mesmo alcaldes dos concellos máis afectados, prometeron unha “saída xusta” e presentáronse publicamente como os verdadeiros aliados dos afectados.

Sen embargo, pasadas as eleccións, constatouse un incrible descenso  no número de arbitraxes e hai poucas semanas, a prometida solución xusta do PP esvaeceuse ao quedar reducida a unha primeira quita de máis dun 40% e a unha segunda, en caso de  monetarización das accións, que suporía a ruína absoluta dos estafados, agora dobremente enganados.

Nisto, e non noutra cousa, consisten as solucións ofertadas polo PP.

Fronte a todo isto, os estafados seguen a esixir xustiza e demandan de todos os partidos políticos non só apoio moral e xestos máis ou menos efectistas, senón “política de feitos” e a busca activa de solucións efectivas para unha situación sumamente inxusta e que mesmo degrada a condición humana dos afectados. Prodúcense peches en concellos, “enfundamentos” de camisetas, adóptanse resolucións de apoio, asístese ás manifestacións e concentracións... Pero o certo é que o problema segue estancado. Os afectados só ven que  Novagalicia Banco segue cuberto e apoiado polos gobernos de Madrid e da Xunta. A única esperanza real para os afectados son as sentenzas, que, a contagotas, van emitindo os xulgados.

A pesar de todo isto, o Concello de Vilagarcía de Arousa mantén con Novagalicia Banco relacións financeiras e comerciais.

Os socialistas de Vilagarcía entendemos que xa non é suficiente limitarse aos xestos institucionais. Chegou o momento dos feitos. As Administracións deben fuxir de calquera vestixio de hipocrisía e emprender accións claras, explícitas e contundentes.

Diante destas consideracións, solicitamos que:

1.- O  Concello de  Vilagarcía de Arousa requerirá á entidade Novagalicia Banco para que no prazo dun mes proceda a iniciar a devolución íntegra das cantidades estafadas aos aforradores do municipio cas preferentes e subordinadas.

2.- Se no prazo indicado non se produce a devolución aos estafados, procederase a cancelación das contas municipais  en NGB coa única limitación da preservación dos intereses municipais.

3.- Esixir a derrogación do RD polo que se lle expropia grande parte dos seus aforros aos afectados polas preferentes e  subordinadas e dirixirse ao Goberno Central para que adopte as medidas precisas para que os afectados recuperen os seus aforros de xeito íntegro.

4.- Acórdase dar traslado deste acordo á FEGAMP, á FEMP  e ao FROB, e solicitar do resto  de institucións (Administración Xeral do Estado e Xunta de Galicia) que adopten o mesmo acordo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario