Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

19/3/14

O Partido Socialista aplaude que Fole asuma as súas recomendacións sobre decisións para Vilagarcía

Dende o PSdeG valoran positivamente que se poñan en marcha as iniciativas que presentaron sobre as peonalizacións e reordenamento de tráfico

Lembran a súa petición de que Ravella reclame céntimo sanitario, e agardan que a intención de Fole de facerlles caso non quede no olvido

Vilagarcía de Arousa, 19 de marzo de 2014.- Os socialistas de Vilagarcía celebraron hoxe que o Alcalde de Vilagarcía Tomás Fole comece a tomar decisións baseadas nas propostas e iniciativas que o grupo municipal socialista presenta no seu traballo diario. Tania García, voceira municipal do grupo socialista aplaudiu que o Goberno Local vaia iniciar os traballos de humanización do último tramo das rúas Ramón y Cajal e Arapiles, o que sumado a algunha reorganización do tráfico nesas rúas “mellorará a calidade de vida dos cidadáns e aumentará a seguridade vial na zona”. Lamenta García que houbera que esperar tanto para estas modificacions, “especialmente para a intervención sobre o cruce entre Juan Carlos I e Gumersindo Nartallo que leva sendo moi perigoso dende hai tempo como apuntan os veciños, e que hai anos que os socialistas solicitamos que se modificara”, pero aínda así apuntou que “máis vale tarde que nunca”.

Dende o PSdeG apuntan que “a peonalización das rúas do centro de Vilagarcía é unha aposta clara dos socialistas, que dende hai tempo vimos pretendendo que se continúe co modelo de cidade que en anteriores lexislaturas se puxo en marcha en canto ás peonalizacións”. “Esperamos que desta volta sexa a definitiva e que Fole non se opoña, como fixo coa peonalización do centro da cidade, facendo aquel escándalo ridículo de simular que pasaba unha enquisa a comerciantes e veciños da que, por certo, nunca soubemos o resultado”, apuntou Tania García.

Tamén lembrou García que a reordenación de Ramón Cabanillas, para dotala de sentido único e facilitar, ademáis a parada de autobuses para o Instituto Castro Alobre, é unha iniciativa do grupo socialista ao Pleno.

En liña con estas aportacións tamén lembrou García Sanmartín que solicitaron a reclamación por parte do Concello do céntimo sanitario, co obxecto de obter fondos para investir en Servizos Sociais e fomento do emprego, e que agardan que as intencións iniciais de Fole, que indicou que valoraba positivamente a idea dos socialistas, non queden en meras palabras e se leven a cabo.


“Todo esto lévanos a reflexionar que, tendo un goberno con 11 membros, algúns deles liberados, e todo o equipo de traballadores do Concello, o Goberno Local non é capaz de sacar adiante propostas razonables se non é gracias ao traballo dos socialistas, con 5 concelleiros, sen traballadores a disposición e sen ningún liberado” apuntou Tania García, que aproveitou para reivindicar o traballo do seu grupo: “Somos o grupo municipal que máis iniciativas presenta ao Pleno, o que máis mocións con demandas veciñais introduce no debate, o grupo que maior número delas obtén aprobadas por unanimidade. Facemos o noso traballo de opoñer e tamén de proponer”. 

27/2/14

O PSdeG denuncia “defectos graves de seguridade” nas instalacións públicas nas que o Concello debe supervisar esta labor

Apuntan, particularmente, que os extintores de edificios públicos, incluídos os centros educativos, levan un ano de retraso na súa revisión.

Tania García lembra que xa no último Pleno Municipal houbo queixas da ANPA de A Escardia por temas de seguridade sobre a escalera de incendios.

Vilagarcía de Arousa, 27 de febreiro de 2014.- Os representantes do Partido Socialista de Vilagarcía alertaron hoxe, por boca da súa voceira municipal Tania García, que teñen detectado un defecto “grave” de seguridade en edificios públicos, incluídos os centros educativos, que é a falta de revisión dos extintores ubicados para os casos de emerxencia. Os socialistas detectaron que a ultima data de revisión foi de abril de 2012, cando a normativa indica que debe facerse unha vez cada ano, polo que xa hai un retraso considerable. Dende o PSdeG apuntan a “unha mostra máis dun Goberno que cre que as cousas se resolven soas” e sinalan á “inoperancia dun equipo que non ten criterio de actuación ningún”.

Este erro súmase a outros como o que o ANPA do CEIP A Escardia indicou ao Alcalde e á concelleira de Educación, Rocío Llovo, sobre o mal estado da escalera de incendios do seu centro. Especialmente grave consideran dende a formación socialista que estes erros se dean nos centros educativos, que estiman que son lugares especialmente sensibles e con condicións moi particulares. “Non queremos pensar en que suceda nada que ninguén desexe, pero parécenos sorprendente que os centros educativos non teñan en perfectas condicións os medios necesarios para situacións de emerxencia”.

Tania García afirmou sentirse “asombrada” polo feito de que exista un concelleiro específico de seguridade “nun equipo de Goberno de 11 persoas” pero que existan erros de seguridade tan graves. García Sanmartín tirou de retranca ao afirmar que “para facer o pacto de Goberno no que o PP comprou a lealdade de IVIL, Fole e Dorgambide foron moi rápidos. Logo para traballar, a cousa xa foi mais despacio”, e volveu a insistir en que “este é un Goberno empeñado en demostrar a súa incapacidade, pero todos pagamos as consecuencias”.

Os socialistas instaron a Tomás Fole a resolver esta cuestión “de maneira urxente”, e a facer unha revisión dos sistemas de seguridade e emerxencia de edificios que agora, “por culpa dun Goberno que non fai máis que xerar desconfianza” non é posible coñecer se están perfectamente preparados, como a biblioteca, o Concello ou o auditorio. “O Concello ten persoal perfectamente capacitado para ter esto controlado, únicamente é necesario que as persoas que o dirixan traballen un pouco”, en clara referencia a Dorgambide e ao Alcalde Tomás Fole.

“Resulta irónico que non estean revisados os extintores das instalacións municipais, cando temos un Goberno que está constantemente provocando incendios con cada persoa ou colectivo co que trata” apuntou Tania García, que engadíu “neste mantra que Fole repite constantemente de que non hai cartos para nada comprobamos como si os houbo para reformar as dependencias da Alcaldía, incluso facendo traballar en domingo aos operarios municipais, pero non para solicitar unha revisión técnica das medidas de seguridade”.

11/2/14

O Partido Socialista reclama explicacións da concelleira de deportes Elena Suárez sobre a súa nefasta xestión das instalacións deportivas

Os problemas xurdidos nos campos de A Lomba e Fontecarmoa evidencian unha “improvisación permanente da dirección do departamento” e son unha mostra máis da “incapacidade deste Goberno Municipal”.

Vilagarcía de Arousa, 11 de febreiro de 2014.- Os recentes problemas acaecidos nos campos de A Lomba e de Fontecarmoa, coa aparición de deportistas danados polo tratamento que a concellería da aos campos, e a xestión de horarios e usos dos terreos, supón para os socialistas unha “evidencia da incapacidade da concelleira Elena Suárez” para dirixir un departamento no que “debe dar solucións, e non problemas, aos clubes e entidades deportivas”, segundo declarou hoxe Miro Serén, secretario xeral dos socialistas de Vilagarcía e concelleiro membro do Consello Reitor da Fundación de Deportes.

Serén apuntou cara a xestión das instalacións deportivas, e particularmente para os campos de herba, para exponer que “hai clubes que toman decisión sobre onde entrenan sen que a concelleira diga nada, fanse intervencións no tratamento dos campos sen que a concelleira sepa o que se fixo, hai entidades supramunicipais como a Deputación que quere decidir sobre investimentos en instalacións municipais e a concelleira non di nada”. Para o concelleiro socialista, a responsable de deportes do Concello “non está dirixindo o seu área”.

Dende o PSdeG lembran que dende hai tempo veñen amosando a súa disconformidade co que consideran “falta de criterio” nas decisión tomadas, e critican tamén o ninguneo que está a sufrir o Conselleo Reitor da Fundación, do que sinalan que “o pasado ano reunímonos ordinariamente tres veces, dúas delas fora do tempo da competición dos clubes federados”. A pesares disto, os socialistas creen que o Consello é un órgano que pode axudar a dirixir a concellería, pois está composto por persoas que coñecen o eido deportivo ben e que teñen vontade de axudar. “O problema está en que non hai vontade nin sequera de consultar as cousas”.

Serén amosou a disconformidade coas maneiras actuais de dirixir a concellería, e plantexou que estamos observando como todo se desmorona e non hai ninguén que poña orde. Lembra Serén que “a concelleira Elena Suárez é obvio que non tiña intención de encargarse deste área, pero cando alguén ten que afrontar algo do que aínda non sabe moito o mellor que pode facer é pedir axuda e tentar de mellorar. É unha actitude moi propia do deporte, curiosamente”. Os socialistas din lamentar que “as liortas internas do PP e as discrepancias sobre os casos evidentemente polémicos e dubidosos que o Alcalde levou a cabo en termos deportivos levasen a desbaratar a concellería, pois dimiteu Garrigós que estaba preparado para esa labor e non tiveron a ben decidir que se encargase da concellería alguén para quen non fora un marrón”.


“Coma sempre, nós estaremos para botar unha man no que poidamos, e así o vimos facendo apoiando as medidas que cremos correctas e de interese nas poucas xuntanzas da Fundación de Deportes, pero difícilmente o podemos facer se non nos convocan”, dixo o secretario xeral dos socialistas, quen pediu que a concelleira convoque ao Consello Reitor para explicar toda a información dos casos que están rodeando aos campos municipais, as medidas que se van a tomar e a posición do Goberno Municipal sobre o que outras entidades parecen ter decidido sobre as instalacións municipais.

4/2/14

Os socialistas culpan á inoperancia da Xunta e á deixadez do Concello do estado dos centros de ensino

Son moitos os colexios que presentan serias deficiencias mentras os gobernos do PP tiran os cartos en actuacións innecesarias

Tania García: “Vintecatro mil euros nuns semáforos e máis de douscentos mil na balaustrada de Vilaxoán dan conta das prioridades do PP


Vilagarcía de Arousa, 04 de febreiro de 2014.-Os socialistas culpan á inoperancia da Xunta e á deixadez do Concello do estado dos centros de ensino de Vilagarcía. Son moitas as deficiencias que presentan os centros da nosa localidade que precisan de melloras urxentes: o CEIP de Rubiáns, que xa foi obxecto de debate plenario polo estado do súa aula de Educación Física, o pabillón de A Lomba-Arealonga, que presenta un estado de deterioro e insalubridade importante, as melloras necesarias no CEIP A Escardia, e moitas necesidades tamén de carácter urxente en outros centros de ensino de Vilagarcía.

Os socialistas queren coñecer de primeira man as actuacións previstas tanto pola Concellería de Educación como pola Xunta de Galicia nos centros de Vilagarcía e, para elo, Tania García esixiulle hoxe a Rocío Llovo unha xuntanza urxente na que explique as súas accións.

Esta inoperancia e deixadez da Xunta e o do Concello dá conta da preocupación do Partido Popular pola educación pública, cada vez máis deteriorada, mentras se manteñen as subvencións a centros privados que segregan por sexos.


Os socialistas critican ademais as prioridades do Partido Popular, e fan a comparativa: “O goberno local malgasta vintecatro mil euros nun semáforos de “deseño” ao tempo que non gasta un céntimo nas melloras dos colexios. A Xunta de Galicia vai gastar máis de douscentos mil euros nunha actuación absolutamente innecesaria cambiando a balaustrada do Preguntoiro en Vilaxoán, que está en bo estado e é dun material altamente resistente, por unha balaustrada de obra que require dun mantemento constante por parte do persoal e con medios municipais. ¿Son esas as prioridades do Partido Popular? Hai nenos que non poden realizar actividades porque están a pasar frío nas aulas, nunhas instalacións cada vez máis deterioradas e que precisan de actuacións urxentes. Non vale a excusa de que non hai cartos, simplemente a educación pública non está entre as súas prioridades”, reflexionou Tania García, voceira socialista.

25/1/14

Tania García tacha de “inasumible e incoherente” a intención do Goberno Local de limitar a presentación de mocións no Pleno

A voceira socialista salienta que o Goberno “entérase de tan poucas cousas que pon como exemplo unha moción que foi propia de Vilagarcía e que se avalou por 200 sinaturas de veciños de Castrogudín”

García cree que o Goberno pretende agochar as súas propias opinións ante unha cidadanía que se avergoña dos seus dirixentes

Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2014.- O anuncio do Goberno Local de Vilagarcía de limitar a presentación de mocións ao Pleno Municipal foi calificado hoxe pola voceira municipal socialista, Tania García, como “inasumible”, ao considerar que “non é posible aceptar que se nos diga o que se pode debatir e o que non”. García indica que “a responsabilidade dos representantes políticos é debatir e posicionarse sobre as cuestións políticas que afectan aos cidadáns. ¿Que sentido ten que un Goberno elexido polos cidadáns pretenda precisamente ocultarse deses cidadáns? Gobernantes como Fole son os que causan unha desafección cidadá comprensible ante estos casos”. García Sanmartín foi moi dura con esta decisión, e está segura de que tamén pesa na acción do Goberno que “eles mesmos, gobernando e con 11 ediles entre PP e IVIL, non son quen de presentar apenas ningunha iniciativa ao Pleno, e somos os socialistas os que levamos presentadas maior número de mocións, e o que maior número delas conseguimos aprobar por unanimidade”. “A única maneira que Fole atopa para discutir o noso traballo é tentar de impedilo”.

A voceira dos socialistas afondou no que considera unha “incoherencia supina” do PP, pois apuntou a que sendo oposición Fole adicou moitos esforzos a presentar mocións referidas a outras administracións. “Incluso sendo xa goberno, o PP presentou algunha moción cando os socialistas gobernaban no Estado. Debe ser que Fole solo quere que se presenten iniciativas que insten a administracións cando as goberna a esquerda”.


García Sanmartín quixo ejemplarizar o que os socialistas consideran “a evidencia da inutilidade do Goberno Local”, pois o exemplo posto pola voceira do Goberno, Rocío Llovo, ao anunciar esta medida foi o debate producido sobre o gando mostrenco. Tania García explicou que “efectivamente, os socialistas fomos quen presentamos unha moción sobre o gando mostrenco. Presentámola acompañada de 200 sinaturas de veciños e veciñas de Castrogudín, e fixémolo porque eran precisamente os mostrencos os que invadían o lugar destrozando colleitas e leiras. Fixémolo, tamén, porque estivemos alí cando non estaba o Goberno Local. Que Fole e Llovo vaian a Castrogudín a decir que o gando mostrenco non lles importa a ninguén e que é un debate estéril como o sexo dos anxos. E despois falamos”. “Este é o exemplo do que ocorre cando non se ten puñetera idea do que se fala. Con este nivel, a Fole xa solamente quédanos decirlle que non destroce moitas cousas nos 16 meses que lle quedan como Alcalde, aínda que se quere pode ir marchando antes. Facíanos un favor a todos.”, concluiu García.

18/1/14

Tania García explica a Llovo que os socialistas traballan na ordenanza de praias pero que tiveron que adicar moito tempo a "desvelar a corrupción dos concelleiros do PP e destapar as irregularidades urbanísticas de Fole"

En todo caso indícalle á concelleira que terá a proposta socialista para evaluar, xa que parece que non saben facer nada sen que llo faga o PSdeG

Sorpréndense que o Goberno Municipal adopte xa unha actitude de oposición cando aínda lles queda un ano e medio para saír do goberno

Vilagarcía de Arousa, 17 de xaneiro de 2014.- O Partido Socialista, por boca da súa voceira municipal Tania García Sanmartín, respostou hoxe ás declaracións feitas públicas por Rocío Llovo sobre o traballo do Partido Socialista con "estupor", aínda que asumindo que "é unha actitude propia dun goberno incapaz". García Sanmartín estrañouse de que a concelleira voceira do PP non sexa quen de reflexionar sobre que "o Goberno Municipal son 11 persoas, 3 delas liberadas entre as que está a propia Llovo, con todo o corpo de traballadores do Concello á súa disposición. No Partido Socialista somos cinco, menos da metade, e sen os medios e recursos que ten un Goberno". "Aínda así, reclámanos o traballo a nos, que entendemos como un recoñecemento de que eles non son capaces e que asumen que o PSdeG ten que tomar a iniciativa". Tania García lembrou que o seu grupo municipal é o que maior número de iniciativas presentou ao Pleno, e o que máis mocións conseguíu aprobar por unanimidade, dato que amosa xa a súa capacidade fronte á do PP a pesares de ser estes o Goberno Municipal con todos os recursos a favor.

Non entanto, a voceira municipal ironizou sobre as declaracións de Rocío Llovo e indicou que "os socialistas estamos ultimando unha ordenanza de praias adaptada á realidade de Vilagarcía, pero é que o PP andivo poñéndonos moitas tarefas e tivemos que destapar a corrupción, os desfalcos e as grandes eibas existentes no Goberno Local. E claro, son tantas cousas que tivemos que empregar moito esforzo". Lembrou a voceira socialista que o seu traballo levou á dimisión dun concelleiro por destaparse a súa apropiación de fondos públicos ("e o que aínda queda por saber dese caso", deslizou García). Tamén destacou a loita contra as irregularidades urbanísticas que promove o Alcalde Tomás Fole, a loita para que o bipartito conservador non permita que morran animais ás portas dun novo refuxio que non se abre porque Fole non quere ou o esforzo por sacar á luz a realidade das subas inxustas de impostos e taxas municipais, como se está a ver na rúa. 


En todo caso, García apuntou que "Llovo pode estar tranquila, que nós faremos o noso traballo, como xa fixemos coas anteriores ordenanzas. Incluso con alguna que o bipartito PP-IVIL votaron a favor pero dicindo que xa a ían cambiar porque estaba mal". Cree García que "o que a concelleira fai é, básicamente, expresar a incapacidade dun goberno que ten que pedir que os demais fagan o traballo". "Parece que, aínda que sexa goberno, a concelleira toma actitudes de oposición", sorprendeuse García Sanmartín, aínda que concluíu que "será que xa está practicando porque ten asumido o que todos sabemos: que en menos de ano e medio esa será a súa labor".

15/1/14

O Partido Socialista reprocha á concelleira Llovo que presente unha ordenanza tipo baixada de Internet

Os socialistas traballan nun documento adaptado á realidade de Vilagarcía

O abandono das praias é a nefasta política de investimentos reflicten a incapacidade do Bipartito local

Vilagarcía de Arousa, 15 de xaneiro de 2014. O Partido Socialista de Vilagarcía considerou hoxe un avance que o Concello poida iniciar un debate sobre unha futura ordenanza de praias, e felicítase por elo por ter sido “o grupo municipal que impulsou a idea e reclamou a necesidade”. Apuntan os socialistas que este paso amosa que “cando máis caso fagan dende o Goberno Municipal ás propostas que os socialistas facemos, mellor nos irá a todos”, e convida ao Goberno a que se deixe guiar polos representantes do PSdeG.

O que xa non resultou de tanto agrado para os socialistas foi que a concelleira que presentou a ordenanza, Rocío Llovo, a utilizara “como arma arroxadiza”. “A incapacidade do Goberno Local non pode levalos a utilizar calquera elemento para intentar facer oposición á oposición” apuntou hoxe Tania García, voceira municipal, quen apostillou que “semella que o equipo de goberno está máis pendente de intentar minusvalorar o traballo dos socialistas que de gobernar”. García valorou como “moi positivo” que as propostas e iniciativas dos socialistas poidan comezar a saír adiante, e apuntou que no seno do PSdeG levan tempo traballando nun documento adaptado á realidade de Vilagarcía. Consideran que é necesaria “flexibilidade que contribúa a convivencia” aínda que consideran que “é necesario protexer o uso natural da praia”. De maneira específica, García sinalou que “queremos constribuír a definir una ordenanza para Vilagarcía, que teña en consideración as cuestión particulares das nosas praias, e non unha ordenanza tipo estandarizada que pode ser aplicada aquí, en Cádiz, Benidorm ou Luarca”. A socialista tamén criticou a deixadez e incapacidade do Goberno local, “un equipo de goberno con tres persoas liberadas, cun corpo de funcionarios e técnicos á súa disposición, tarda seis meses en presentar unha moción que calquera pode baixar de Internet”.

Dende o PSdeG, sen embargo, consideran que a ordenanza de praias non pode ser tomada polo Goberno Municipal como única na acción sobre as praias. García Sanmartín apuntou que “a pesares de que agora se propoña a ordenanza, o estado da abandono e a nefasta política de investimentos evidencian a incapacidade deste goberno”. Os socialistas critican especialmente o abandono da Concha-Compostela, o paseo con moitas losetas soltas e cunha barandilla rota e a medio pintar dende maio do ano pasado. Tamén critican os socialistas a nefasta política de investimentos nos areais. “Parécenos tirar os cartos gastar máis de 200 mil en cambiar unha barandilla que está en perfecto estado na Praia do Preguntoiro, cando hai tantas necesidades que acometer. Levamos meses escoitando a Fole e ao Conselleiro de Medio Ambiente falar da eliminación de puntos de vertidos, algo fundamental para que as nosas augas teñan unha boa calidade e a día de hoxe non se fixo nada ao respecto” Recordou a voceira municipal.

En definitiva, os socialistas celebran que unha medida que foi proposta polo seu grupo municipal se leve a cabo, aínda que reprochan a Llovo que pretenda levarse algún mérito cando a idea non foi dela, e o traballo foi do equipo de traballadores do Concello. Apuntou Tania García que “se Llovo é unha concelleira liberada, pero as ideas poñémolas nos e o traballo o poñen os funcionarios, é posible concluír que so lle pagamos para sair na foto a criticar aos que aportamos cousas”.