Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

14/6/14

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA PARA ADOPTAR, DE MANEIRA INMEDIATA, UN “PLAN DE APOIO Á ALIMENTACIÓN INFANTIL”

De acordo co previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Vilagarcía de Arousa desexa someter á consideración do Pleno a seguinte Moción:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A longa crise económica que vimos padecendo, xunto cunha política descontrolada, por parte do Goberno de Rajoy, de recortes sociais e desmantelamento dos servizos públicos básicos e dereitos conquistados nos últimos anos, está a provocar o aumento dramático da pobreza no noso país.

Así o reflicte a  Enquisa de Condicións de Vida correspondente a 2013 que publica o Instituto Nacional de Estatística, que indica que un de cada tres cidadáns (o 27,3%) está en risco de pobreza ou exclusión social. As cifras de privación material severa, de baixa intensidade de emprego nos fogares e de pobreza relativa, tamén empeoraron.

Pero o máis grave destes datos é que o risco de pobreza afecta sobre todo aos nenos e nenas. Un recente informe da organización Save The Children cifraba en case tres millóns (2.826.549) as nenas e nenos en situación de pobreza. Dende o Observatorio Social de España sinalan que o noso país encabeza a lista entre os que máis aumentou a pobreza infantil nos últimos anos. En España, a porcentaxe de nenos que viven en fogares con pobreza extrema, creceu máis de 4 puntos porcentuais desde que empezou a crise, a cifra máis alta de toda a UE, só por baixo de Romanía e Bulgaria.

Os efectos da pobreza infantil son altamente prexudiciais e relaciónanse con problemas de saúde na idade adulta. O impacto da mala nutrición ou a falla de estímulos educativos en idades temperás pode ter consecuencias de difícil e custoso arranxo, comprometendo non só o futuro deses nenos e nenas, senón o de todos, diminuíndo a capacidade económica e produtiva do país.
Aínda que existe unha estreita relación entre a situación de pobreza dos nenos e o desemprego dos seus pais ou a perda de renda destes, as políticas públicas ben orientadas poden facer moito pola infancia para contrarrestar os efectos das devanditas situacións de pobreza. Como destaca o último informe da Oficina de Investigación de UNICEF sobre benestar infantil en países ricos, a experiencia acumulada e constatada di que aqueles países que en situacións de crise fixeron maior esforzo en medidas de apoio á infancia (protexer recursos educativos, sanitarios e sociais dirixidos aos nenos e as familias) saíron máis reforzados das mesmas.

A pobreza infantil fíxose máis intensa, aumentando a distancia entre as rendas dos pobres e o limiar da pobreza. Dito doutras formas, e tal como UNICEF Comité Español expuña xa en 2012, cada vez hai máis nenos e nenas pobres e cada vez son máis pobres. A propia Cruz Roxa, neste mesmo ano 2014, sinalou un aumento en 3.419  menores novos (o 5,8% máis) que a entidade atendeu este ano, e que elevan até 61.792 a cifra total de nenos asistidos pola organización.

A falta de ingresos nos fogares pola profundidade da crise xa está a provocar que moitas familias teñan que acabar recortando en necesidades básicas como a comida. O déficit alimentario afecta o desenvolvemento do menor, ademais de aumentar o risco de sufrir enfermidades respiratorias e cardiovasculares, así como de infeccións. A inseguridade do risco de pobreza ten xa de seu enormes consecuencias no presente e no potencial de desenvolvemento dos nenos, sementando un xerme de desigualdade que irá presentándose no futuro desenvolvemento cara á vida adulta.

Os servizos de comedores escolares permitiron mitigar esta realidade durante o curso escolar, pero atopámonos ante un final de curso incerto no que esta necesidade pode quedar desatendida ao pechar o centro escolar, e por tanto o servizo de comedor.

É por todo iso que os Socialistas consideramos que este servizo directo de atención no comedor debe manterse en etapas de vacacións escolares, mediante un Plan específico.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Vilagarcía de Arousa somete a votación a seguinte MOCIÓN para que se aproben os seguintes ACORDOS:

1.       Instar ó Goberno Municipal a poñer en marcha, de maneira inmediata, un “Plan de Apoio á Alimentación Infantil" que conteña as medidas e recursos suficientes para garantir que as familias con menores ao seu cargo, que se atopen en situación de necesidade teñan cubertas as súas necesidades básicas de alimentación, e garantir o acceso dos menores, polo menos, a tres comidas diarias, e facilitar o acceso a unha dieta o máis equilibrada posible para evitar problemas de malnutrición infantil; habilitando para iso todos os medios a disposición das administracións públicas, en colaboración coas entidades do terceiro sector, e tendo en conta a contorna familiar e o plan escolar.

2.       Instar ó Goberno Municipal a fin de que este plan inclúa os mecanismos e actuacións necesarias para que, dende a finalización do curso no mes de Xuño de 2014, estean dispoñibles servizos de comedor infantil nos centros escolares.

10/6/14

O Partido Socialista considera que o Goberno Municipal está buscando a defunción cultural de Vilagarcía

Critican a errática xestión cultural que deixa en evidencia a cancelación de eventos e o enfrontamento cos grupos de música dos locais de ensaio

Consideran necesario un proxecto cultural que teña en conta ao sector e aos creadores locais, apostando pola cultura tanto como desenvolvemento persoal como no seu entendemento como actividade económica de importancia.

Vilagarcía de Arousa, 10 de xuño de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía criticou hoxe, por boca da súa voceira municipal Tania García, a “errática xestión cultural que o Goberno Local está a desenvolver en Vilagarcía, e que se caracteriza por desfacer todo o que tocan e ser incapaces de xerar nova actividade”.  García non aforrou en calificacións ao fío das recentes novas coñecidas que poñen en perigo a celebración do Festival das Revenidas, a necesidade de cancelar actuacións culturais ou a desfeita levada a cabo cos locais de ensaio.

“Vilagarcía foi, historicamente, un punto de referencia cultura non só da nosa comarca senón de toda Galicia. Esta vila estivo sempre a vangarda das novas creación, dos movementos culturais mais avanzados e ten sido lugar de referencia para as expresións artísticas tanto dende o punto de vista dos creadores como no aproveitamento da cultura como industria que nos últimos anos vimos comprobando” repasou García Sanmartín. “Non entanto, en apenas tres anos de Goberno vemos como se está a desfacer todo o camiñado”. “É triste comprobar a capacidade destrutiva que ten a incompetencia dun Goberno Local”, sentenciou Tania García. Fronte á actitude do Goberno de Vilagarcía, a voceira socialista sinalou a A Illa de Arousa, “concello cun Goberno socialista que está a ser hoxe en día o polo de atracción cultura da comarca, con grandes resultados que en Vilagarcía parece que o Goberno non é quen de ver”.

A voceira socialista fixo un crítico repaso á xestión cultural do bipartito de dereitas de Vilagarcía, con Tomás Fole ao frente. Lembrou a perda do Festival do Norte, que marcaba no calendario local unha fin de semana das máis produtivas para os negocios locais que agora ven eliminados eses ingresos. “Non contento con eso” continuou a representante socialista, “o Festival das Revenidas vese agora amenazado porque dende o Concello regatean a súa aportación, despois de ter xogado con eles estes últimos anos amagando con diminuír o apoio”. García engadiu que a esta situación hai que engadir a cancelación de eventos no Auditorio, debido aos moi baixos niveis de asistencia froito de apostas elitistas e desconectadas da sociedade, e a loita constante por enemistarse dende o Goberno Local cos grupos de música que utilizaban os locais de ensaio municipais. Lembrou Tania García que “o PP deixou clara a súa política cultural co anterior concelleiro: cobrar por usar as instalacións mentras el enchía o peto cobrando subvencións por actividades que non se celebraban”.


Os socialistas apostan pola necesidade dun proxecto cultural global para a cidade con dous obxectivos: “por un lado a aposta pola difusión cultural como obxectivo en sí mesma para promover unha sociedade máis formada, crítica e construiva, e noutro sentido a promoción dun sector industrial que xenera actividade económica directa e indirecta e no que Vilagarcía pode posicionarse de maneira excelente gracias as súas potencialidades”. Para estes dous obxectivos plantexan tres necesidades urxentes que consideran que non está a ter en conta o Goberno Local: en primeiro lugar a aposta polos creadores locais, en todas as disciplinas, “pois Vilagarcía debe sentirse orgullosa do nivel e implicación de tantas persoas que aportan ao nivel cultural autonómico e nacional, e aí están grandes nomes que xurden gracias a aposta orixinal polos artistas locais”. En segundo lugar consideran necesario plantexar correctamente o uso de instalacións municipais, favorecendo “e non poñendo trabas” á súa utilización. Como terceiro punto dende o PSdeG apuntan á necesidade de abrirse aos especialistas, tanto para darlle peso nas decisións aos técnicos municipais “traballadores e de calidade” como a aposta por unha relación de apoio mutuo cos organizadores de eventos, dinamizadores culturais, hosteleiros, etc. “Non podemos caer, como en tantos sectores ocorre con este Alcalde, en considerar que todo o mundo se quere aproveitar e todos son inimigos. Ao contrario, un Goberno está para facilitar e non para torpedear”.

3/6/14

O Partido Socialista de Vilagarcía súmase ao secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e reclama a apertura dun debate sobre a reforma da Constitución e a Xefatura do Estado

A dirección socialista local participou no día de onte na concentración cidadá na Praza de Galicia convocada polas Xuventudes Socialistas de Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, 3 de xuño de 2014.- A Comisión Executiva Municipal de Vilagarcía, na súa xuntanza ordinaria do día de onte, acordou manifestar publicamente a súa plena e total concordancia coas declaracións públicas de Xosé Ramón Gómez Besteiro, quen no día de onte apoiaba a idea de abrir un debate amplo sobre o modelo da Xefatura do Estado, ao fía da abdicación de Juan Carlos I e os procesos que se abren por ese motivo.

Unha gran parte da dirección local, encabezados polo Secretario Xeral, Miro Serén, e a voceira municipal, Tania García, acudiron onte á convocatoria da que participaban as Xuventudes Socialistas de Vilagarcía, que aglutinou na Praza de Galicia a centenares de veciños e veciñas que apoiaban a apertura deste debate público. 

A agrupación socialista quere sumarse así ao que consideran un debate que está na rúa, e consideran que é necesario reivindicar o dereito dos cidadáns a coñecer, debatir e reflexionar sobre o modelo da Xefatura do Estado unha vez que rematou un ciclo de 40 anos moi produtivos e beneficiosos para España. Dende as filas socialistas estiman que os debates principais hoxe en día deben ser a actividade económica, o paro, a xestión da crise e o combate contra o modelo da dereita que pretende recortar dereitos para que saian da crise os que máis teñen a costa dos menos favorecidos. Non entanto, valoran tamén que a situación resultante da abdicación de Juan Carlos I ofrece unha inmellorable ocasión para afondar neste procedemento e definir novas liñas para os novos tempos.

17/5/14

MOCIÓN: PROGRAMA DE BECAS UNIVERSITARIAS DE VILAGARCÍA



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O eido educativo supón un dos piares fundamentais do Estado, xunto coas políticas sociais e a sanidade, para garantir dereitos que deberán considerarse indestrutibles como a igualdade de oportunidades. Principalmente neste punto o sistema educativo debe adecuarse ás situacións que se produzan no contexto para manter tales bases.

Na conxuntura económica actual, o sistema educativo español está nunha situación crítica, como veñen alertando todos os colectivos que participan del. Particularmente o sector universitario está a ver como as dificultades económicas que viven moitas familias impacta de maneira especial nas oportunidades de formación universitaria dos nosos mozos e mozas.

Datos proporcionados polo propio Goberno do Estado no informe “Datos y Cifras del sistema universitario español” evidencian que 80.000 estudantes quedarán fora do sistema pola redución das becas destinadas a garantir a igualdade de oportunidades entre os alumnos con máis recursos económicos e os que menos teñen. Estímase que a baixada media das becas para o vindeiro curso será de 300€ por alumno, o que dadas as cifras limitadas que este año manexaban, suporá unha grande dificultade engadida para alumnos e alumnas. O endurecemento das condicións de acceso ás becas suporá que se reducirán ata un 63% o número de beneficiarios se o comparamos coa última concesión de becas da anterior lexislatura.

Un dos aspectos que máis contribúen a esta redución de dereitos está na esixencio marcado dunha nota de corte das becas superior ao aprobado, de forma que pásase a considerar que as becas deben introducir un baremo de rendemento de maior esixencia que para os alumnos que, tendo máis recursos, poden estudiar sen necesidade de axuda do sistema público. Esta absoluta discriminación negativa cara as persoas con menores recursos supón un quebranto do principio fundamental das becas, que supón garantir que non existan persoas que vexan limitada a posibilidade de acceso aos estudos universitarios por cuestións económicas. O sistema Wert esixe máis aos alumnos que teñen menos recursos, mentras que asume que os que se poden costear a súa formación universitaria teñen dereito a sacar menores notas, o que vulnera o principio de igualdade.

A Conferencia de Rectores Universitarios de España (CRUE) denunciou xa a suba de tasas, e o encarecemento das segundas e terceiras matrículas así como dos másteres universitarios, alertando de que iso produciría unha desigualdade entre clases sociais trasladada á formación universitaria.

Este salto provocado pola Lei Wert está facendo aflorar casos de familias que acuden ao sistema de protección social non gubernamental para pedir axuda, como denunciou xa Cáritas de Vilagarcía recentemente. Por isto, os socialistas consideramos que a administración debe garantir que os nosos mozos e mozas, que son aos que debemos formar e aos que debemos dar oportunidades para o presente e o futuro, tendo en conta que todos os estudos actuais sinalan que o desemprego, e particularmente o desemprego xuvenil, ten unha relación directa co nivel de formación, de forma que os mozos e mozas menos formados son os que sufren maiores índices de paro.

Por todo o anteriormente exporto, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Vilagarcía de Arousa somete a votación a seguinte MOCIÓN para ser aprobada:

1)      Establecer un programa de becas para universitarios/as de Vilagarcía que garanta o dereito ao acceso ao sistema universitario en igualdade de condicións para todos/as, destiñado ao pago de matrículas, adquisición de material básico para o estudio e transporte.


2)   Constituír unha comisión de seguemento do programa na que se inclúan organismos de carácter social que veñen axudando nesta labor actualmente ás familias en situacións de necesidade.

13/5/14

O PSdeG de Vilagarcía solicita a súa dimisión a Susana Camiño, que acepta e presentará mañá.

A dirección do PSdeG de Vilagarcía, nunha xuntanza de urxencia da dirección permanente esta noite despois dos compromisos laborais dos seus membros, e en permanente contacto coa dirección nacional galega do PSdeG quere manifestar:

· O seu profundo pesar e consternación polo asesinato de Isabel Carrasco, acto fronte ao que manifesta a súa total repulsa.
· Que as declaracións feitas por Susana Camiño, ata o día de hoxe concelleira municipal, son absolutamente inadmisibles e non representan en ningún caso a postura do partido nin de ningún dos seus membros. Os socialistas aceptamos ningunha explicación ou xustificación da violencia en ningunha das súas formas.
· Que a dirección do Partido Socialista de Vilagarcía, en contacto coa dirección nacional galega do PSdeG, solicitou a Susana Camiño a súa renuncia inmediata ao acta de concelleira, acción que Camiño anunciou que levará a cabo durante o día de mañá.


Vilagarcía de Arousa, 12 de maio de 2014


9/5/14

O Partido Socialista de Vilagarcía celebra o mitin central da comarca de Arousa o domingo 11 de maio no Salón García

Os socialistas, xa metidos de cheo na campaña, organizan un acto público aberto a toda a cidadanía para dar a coñecer as liñas fundamentais das súas propostas para Europa.

Vilagarcía de Arousa, 9 de maio de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía celebrará o vindeiro domingo 11 de maio ás 12:30 no Salón García (Casa da Cultura) un mitin ao que convocan a toda a cidadanía progresista. Estes comicios europeos son os máis relevantes dos últimos anos xa que será o Parlamento Europeo o que elixirá por primeira vez ao Presidente da Comisión Europea.

Na actual situación de crise económica, cambiar a maioría conservadora imperante en Europa é o obxectivo principal da socialdemocracia europea para relaxar as medidas de austeridade e impulsar unha Europa máis social que teña en conta os problemas da xente.

No citado acto intervirán:

 - José Blanco. Candidato do PSOE ao Parlamento Europeo.

- Óscar López. Secretario de Organización do PSOE.

- Tania García. Voceira do PSOE no Concello de Vilagarcía

- Miro Serén. Secretario Xeral do PSOE de Vilagarcía


Sinalar tamén que maña sábado ás  11 h estará José Blanco na sede do partido na rúa Castelao para posteriormente saír de reparto no mercado de Vilagarcía.

8/5/14

O Partido Socialista alertan da esixencia da presidenta da Autoridade Portuaria de que os membros do Consello Portuario "non fagan pública a información", que consideran inaceptable

Os socialistas denuncian un intento de coacción no ultimo Consello Portuario, no que a dirección do Porto pretendeu recriminar a Lino Mouriño que fixera valoracións públicas dos asuntos que se tratan no Consello

Tania García, como voceira municipal, esixe desculpas á Presidenta da Autoridade Portuaria á que lembra que "a democracia funciona de outra maneira"

Vilagarcía de Arousa, 7 de maio de 2014.- Os socialistas de Vilagarcía manifestaron hoxe a súa profunda indignación pola situación que Lino Mouriño, concelleiro socialista no Pleno Municipal e representante no Consello Portuario, tivo que vivir na última reunión do Consello na que asistíu a un intento de chamada de atención por parte da dirección portuaria encabezada pola presidenta, Sagrario Franco. Esta pretendida recriminación apelou ao feito de que Mouriño comente e faga valoracións públicas dos asuntos que se tratan no Consello Portuario, cuestión que a presidenta considera que non se debe realizar pois os asuntos do Consello "non son para facerse públicos".

O Partido Socialista considera que a presidenta "cruza con esto unha liña vermella", en palabras de Tania García, quen apuntou que "resulta inadmisible que dende unha institución pública se adopten estas actitudes, pois son precisamente as que máis transparentes deben ser". García preguntouse "que concepto hai que ter do funcionamento das administracións para montar unha escena non Consello Portuario, coa que se pretenda coaccionar a un representante da Corporación para que non faga valoracións e faga pública a información da propia institución". García Sanmartín foi mais alá e insistiu en que "todo apunta a pensar que a presidenta da Autoridade Portuaria prefire facer as cousas baixo corda, ás agachadas, e así que non nos enteremos do que ocurre no Porto. Se cadra non quere que se airee a súa complicidade nos pelotazos nos que o Porto participou, ou o seu hábito de que o coche oficial con chófer a vaia buscar e a levar á súa casa todos os días".

A voceira socialista anunciou que, dada a gravidade desta situación, interpelará ao Alcalde polas vías que sexan necesarias, para que este, en nome do Concello de Vilagarcía, reclame formalmente a máxima transparencia á Autoridade Portuaria e pida que a súa presidenta se disculpe polo seu erro.