Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

6/9/16

Julio Torrado enfrontarase a un debate público e participativo sobre rexeneración democrática

O debate, no que participarán os xornalistas Xurxo Melchor e Fernando Salgado, estará aberto a calquera tema ou pregunta formulada polo público asistente

Julio Torrado afirma que “a esencia de democracia representativa é o contacto directo e sen cortapisas entre os cidadáns e os seus representantes”, polo que tamén invita a Marta Rodríguez a sumarse ao debate



Vilagarcía de Arousa, 06 de setembro de 2016.- O vilagarcián Julio Torrado, número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra, participará nun debate sobre rexeneración democrática, participación cidadá e representación política cos recoñecidos xornalistas Xurxo Melchor e Fernando Salgado. O encontro terá lugar o venres día 9 de setembro ás 20:00 horas nos bancos do Xardín de Ravella.

“Nun momento no que a unha profunda crise económica e social súmase una crise de representación é esencial a celebración de debates que permitan un contacto directo entre os cidadáns e aqueles que aspiramos a representalos”, afirma Torrado, quen destaca a oportunidade do lugar e do formato do acto, xa que os cidadáns que decidan acudir, pero tamén os que nese momento paseen polo Xardín, poderán formular calquera cuestión relacionada cos temas a debater, sen que exista ningunha selección previa de participantes nin de preguntas.

Julio Torrado expón que “un primeiro paso cara unha nova forma de facer política é non agocharse nas institucións” polo que reta a Marta Rodríguez -a outra representante de Vilagarcía con posibilidades reais de ser elixida deputada- a participar en condicións de igualdade no debate, ofrecendo aos vilagarciáns a oportunidade de contrastar as propostas de ambos partidos en temas de especial trascendencia como os seleccionados. Neste sentido, Torrado afirma que “se aspira a representar aos vilagarciáns no Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez debe saír da tobeira na que se agocha e explicarlle aos veciños os reiterados incumprimentos do PP con Vilagarcía, tamén nas cuestións de rexeneración democrática e participación cidadá”. O candidato do PSdeG tamén lamenta a escasa presenza nas candidaturas dos restantes partidos de vilagarciáns con opcións reais de ser elixidos e cos que poder contrastar as solucións aos problemas dos cidadáns. 

Por último, Torrado fai unha invitación aos veciños de Vilagarcía a participar activamente neste evento, convencido de que “a pluralidade de opinións e puntos de vista enriquece o debate político e axuda a encontrar a solución máis axeitada ás inquedanzas dos cidadáns en problemáticas tan importantes para o correcto funcionamento da sociedade como as que serán tratadas neste encontro”.

24/8/16

Os socialistas de Vilagarcía configuran o seu comité de campaña para unas eleccións autonómicas que Torrado califica de “decisivas para Arousa e Galicia”

Alberto Varela manifestou a súa satisfacción pola representación e Arousa en posicións de relevancia na candidatura, sinalando que o PP relega a Vilagarcía ao “fondo” e outros partidos non contan con candidatos da vila

A campaña socialista será dirixida polo arqueólogo e investigador da Universidade de Vigo Félix González



Vilagarcía de Arousa, 24 de agosto de 2016.- Os socialistas de Vilagarcía configuraron esta semana o seu comité de campaña para as vindeiras eleccións autonómicas. O encargado de dirixir ao equipo do PSdeG será o arqueólogo e investigador da Universidade de Vigo Félix González. González, de 30 anos, forma parte da dirección local socialista e participou de maneira activa en todos os procesos recentes do PSdeG. Julio Torrado, candidato ao Parlamento de Galicia, valorou que “unha persoa nova, preparada, moi capaz e con recoñecemento no seu ámbito profesional e social é precisamente o que representa esta etapa do PSdeG. Por iso Félix é unha persoa ideal para coordinar esta campaña na que os socialistas queremos ofrecer á cidadanía a oportunidade de apostar por unha sociedade nova, que de unha resposta nova aos problemas actuais de desigualdade e falta de oportunidades na nosa terra.”

A comarca de Arousa ten catro persoas que integran a candidatura (Julio Torrado, de Vilagarcía, no número 3; Marta Giráldez, de Meis, no número 6; Óscar Serantes, de Sanxenxo, no número 19; Jorge María, de Vilanova, no número 21), e Torrado apuntou que “Arousa ten unha importancia especial para os socialistas, e dende aquí temos a responsabilidade de defender un cambio necesario para Galicia que repercutirá en temas de relevancia. Estas son as eleccións que falan do mar e da política pesqueira, son as eleccións que falan de políticas de emprego, son as que falan de sanidade e educación. Eses temas nos que as políticas de recortes do PP maltrataron á cidadanía, eliminaron a igualdade de oportunidades e estancaron as potencialidades de Galicia, son os que centrarán a nosa campaña. Estamos aquí para dar unha resposta e unha alternativa”.

Alberto Varela mostrou a súa satisfacción pola presenza dos membros de Arousa en posición de relevancia, e sinalou que o PP envía á súa candidata “ao fondo da lista” mentres que outras forzas “non se sabe se contan con Vilagarcía”. Varela apuntou que nestas eleccións os vilagarciáns están decidindo sobre cuestión como un novo centro de saúde na antiga comandancia, “que os socialistas defendemos e o PP se opón”, ou sobre a mellora da fachada marítima con intervencións como a recuperación do Ramal para uso público, “que o PP bloquea a través dunha presidenta do Porto á que non lle importa a cidade onde vive”. 

28/4/16

O PSdeG de Vilagarcía celebra a súa tradicional comida anual o 1 de maio e nomeará militante de honra a Faustino Laya

Os socialistas valoran a figura de Faustino Laya pola súa militancia socialista e sindical, así como a súa participación no movemento veciñal.



Vilagarcía de Arousa, 28 de abril de 2016.- O PSdeG de Vilagarcía celebrará, como cada ano, a comida anual da agrupación o vindeiro domingo 1 de maio. Os socialistas, que previamente participarán na manifestación do día do traballador, reuniranse posteriormente nunha celebración xa tradicional que terá lugar no restaurante Acebo ás 14.30h. 

A xuntanza anual trae consigo o nomeamento de militante de honra a algunha persoa da agrupación que, pola súa traxectoria política e persoal, é destacada cada ano. Este nomeamento recaeu nos últimos anos en Seso Giráldez, Rosina Villaverde, José Recuna e Manuel Rodríguez Cuervo. Este ano, a comisión executiva decidiu distinguir a Faustino Laya Torreiro con esa mención. 

Faustino Laya foi un dos primeiros militantes do Partido Socialista en Vilagarcía, e foi concelleiro na primeira lexislatura municipal despois do franquismo, formando parte do equipo que encabezou José Recuna, quen foi elexido alcalde. A súa implicación no Partido Socialista foi sempre constante, e dende a executiva socialista valorouse a súa disposición plena sempre para participar e colaborar coas distintas direccións e compañeiros. A súa última participación activa, dentro de equipos de dirección, foi como membro da comisión executiva municipal que encabezou Tania García, de 2008 a 2012. Non entanto, os socialistas valoraron tamén en gran medida a implicación sindical de Faustino Laya, que foi secretario comarcal de Arousa da UGT, dende a Federación de traballadores do metal. Confirmaron xa a súa participación na homenaxe varios compañeiros de UGT, quenes tamén queren participar deste recoñecemento. Ademáis, Laya é perfectamente recoñecido no movemento veciñal, no que participou de maneira activa dende sempre, sendo ata hai pouco tempo presidente da asociación de veciños de Trabanca Badiña, onde reside. Tamén é parte do colectivo representante da terceira idade de Vilagarcía.

A agrupación socialista de Vilagarcía chega a esta xuntanza con un Alberto Varela quen, tras lanzar o ano pasado o órdago de que volvería este ano como Alcalde, quixo destacar que “son compañeiros como Faustino Laya os que fan da nosa agrupación unha organización viva, activa, implicada e comprometida totalmente con Vilagarcía, i ese valor creo que é un dos que permitiu que hoxe podamos estar dirixindo un Concello dende a cercanía e o diálogo coa sociedade, gracias a que así o aprendimos de compañeiros como el.” Miro Serén, secretario xeral local, apostou ademáis porque “o feito de contar con compañeiros como Faustino que coñecen por vivencia tan comprometida o partido, o sindicato ou as asociacións veciñais, permítenos sentir que estamos conectados con unha realidade difícil pero que é a sociedade para a que traballamos e, por tanto, á que temos que estar constantemente vinculados. Faustino representa a conexión dos socialistas coa sociedade na que vivimos.”

25/1/16

Convocatoria Asemblea Ordinaria

Estimad@s compañeir@s,
dentro do funcionamento ordinario desta agrupación, e tamén ao fío das Eleccións Xerais do pasado 20D, comprácenos convocarte á:

ASEMBLEA ORDINARIA

Data: Venres 29 de xaneiro
Hora de inicio: 20.00h en primeira convocatoria/20.30h en segunda convocatoria
Lugar: Sede da agrupación. Rúa Castelao 18, entrechán.

ORDE DO DÍA
1. Constitución da Asemblea e elección de mesa
2. Informe político da Comisión Executiva
3. Debate e aprobación, se procede, do informe da Comisión Executiva
4. Rogos e preguntas

Aproveitando esta carta para desexarvos un feliz ano 2016, e convidándovos a participar nesta xuntanza, enviámosvos un saúdo



Secretario Xeral                           Secretario de Organización

  Miro Serén                                             Julio Torrado

7/11/15

Enmendas presentadas aos orzamentos autonómicos da Xunta para o ano 2016

Enmendas presentadas aos orzamentos autonómicos da Xunta para o ano 2016, no referente ao Concello de Vilagarcía. 

A deputada Patricia Vilán, a instancias dos socialistas de Vilagarcía, presentou estas enmendas que dende o PSdeG consideramos fundamentais para o vindeiro ano.



1/11/15

Comunicado acerca das informacións xurdidas sobre as retribucións dos concelleiros

Ante as informacións xurdidas nos últimos días sobre as retribucións  dos concelleiros da Corporación de Vilagarcía e co único interese de clarificar os datos e o seu posicionamento, o PSdeG-PSOE de Vilagarcía quere manifestar o seguinte:

- O pleno da Corporación aprobou o pasado 25 de setembro a organización que todos os concellos deben aprobar. Neste asunto establécense, entre outros temas, o número de concelleiros liberados e o seu salario, indemnizacións aos concelleiros non liberados pola súa asistencia aos órganos colexiados (plenos, comisións informativas e xuntas de Goberno local) e as asignacións aos grupos municipais.

- Ata a aprobación da organización, ningún concelleiro e, por suposto o alcalde, cobraron absolutamente nada, nin en concepto de salario nin de indemnización. Ademais de poder comprobalo nos distintos departamentos do Concello, é doado entender que non poden ter cobrado un diñeiro do que non sen ten aprobada a súa contía.

- A aprobación das indemnizacións por asistencias aos órganos colexiados, recoñécense por lei con carácter retroactivo, non así os salarios dos liberados que se percibiron por primeira vez o 29 de outubro. É dicir, os concelleiros de todos os partidos que conforman a Corporación, teñen dereito a cobrar pola súa asistencia a estes órganos. Os concelleiros liberados non perciben estas indemnizacións dende o momento en que pasan a estar liberados para o exercicio da súa laboura política.

-  O pasado 29 de outubro, entre outros moitos asuntos do pleno, someteuse a votación unha partida de gasto 26.000 € para afrontar estas aportacións aos grupos e concelleiros de todos os membros do pleno da Corporación, por unha mala previsión no Orzamento de 2015 redactado polo anterior goberno. Esta aprobación non implica un incremento no gasto dos órganos de goberno, xa que este goberno supón un aforro fronte ao anterior, porque malia ter máis persoas liberadas, os salarios son considerablemente inferiores aos que percibían os membros do goberno anterior. Esta información pódese tamén constatar mediante un informe elaborado polos servizos de intervención municipal do Concello.

- A pesar da necesidade deste trámite para seguir afrontando o gasto ata finais de ano, anteriormente, concretamente o pasado 05 de outubro, todos os concelleiros que conforman a Corporación recibiron as indemnizacións correspondentes aos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, cuestión habitual no funcionamento do concello e que todos os grupos coñecían e coñecen esta realidade, participan dela, negocian e, por suposto, cobran as súas asignacións. Ningún dos grupos da oposición protestou nin dixo nada sobre ese asunto nese momento.

- O Partido Socialista está completamente dacordo coas indemnizacións pola asistencia aos órganos colexiados. Estas indemnizacións recoñecidas por lei e institucionalizadas en todos os concellos de España teñen a súa razón de ser para compensar a adicación a esta actividade, que incluso pode chegar a supoñer a redución da xornada laboral e o salario para  unha persoa que sexa concelleira no seu pobo.

- Como o Partido Socialista está dacordo na percepción destas indemnizacións, votou a favor de consignar orzamento para sufragalas. Aceptando, como é natural, que os partidos que non estean dacordo con este pago deberían, cando menos, devolver o xa cobrado e renunciar a cobralas ao longo de toda a lexislatura. Cobrar as indemnizacións por asistir a un pleno para, nese mesmo pleno, negarse a aprobar o orzamento para esas mesmas indemnizacións supón un exercicio de demagoxia inaceptable para calquera partido político, e o PSdeG-PSOE considera que é unha postura enganosa cara a cidadanía que non fai máis que enfangar o debate.


- O Partido Socialista aplaude a liña política marcada polo Goberno de Vilagarcía, que sendo en termos económicos o de menor custe para os cidadáns dos últimos anos, segue traballando en aumentar os canles de diálogo e participación, cunha cidadanía moi implicada no desenvolvemento e no futuro de Vilagarcía, que rexeita os debates estériles, pouco produtivos de cara a resolver os problemas reais.

8/10/15

O Partido Socialista de Vilagarcía pídelle a dimisión a Cores Tourís por "colar pola porta de atrás" a Tomás Fole na xuntanza sobre o ximnasio de Rubiáns

O secretario de organización local, Julio Torrado, acusa a Fole de "pretender dinamitar o acordo a escondidas nos despachos, para non quedar en evidencia a súa incapacidade de non resolvelo antes"

Torrado traslada que os socialistas observan "entre apenados e decepcionados" os esforzos de Fole por non convencerse de que os cidadáns o botaron fora.

Vilagarcía de Arousa, 7 de outubro de 2015.- O secretario de organización do PSdeG de Vilagarcía manifestou hoxe, en nome da dirección local da agrupación, o seu "asombro" e o seu "rexeitamento" ao feito coñecido hoxe de que o delegado da Xunta, Cores Tourís, e o delegado de Educación, César Ares, "colaran" sen avisar e pola porta de atrás a Tomás Fole cando se iniciaba a xuntanza entre os concelleiros Miro Serén e Lino Mouriño cos responsables do goberno autonómico. A xuntanza tiña por obxectivo aproximarse a unha solución ao problema do ximnasio de Rubiáns, que o goberno local de Vilagarcía está a intentar resolver.

A presenza de Tomás Fole por sorpresa cando se iniciaba a xuntanza amosa, para o secretario de organización do PSdeG, "unha absoluta falta de ética e de respeto polas institucións por parte de Tourís e do propio Fole". Torrado pediulle a Tourís a súa inmediata dimisión, por considerar que "esta situación non ten ningunha explicación. Se quere convidar aos membros da oposición de Vilagarcía, que o faga tamén cos representantes de IU, BNG e SM, cousa que tería máis lóxica que esto". A petición de dimisión se fundamenta en que "se Tourís non é quen de diferenciar o debate partidario da representación institucional é que non entende a súa responsabilidade".

Torrado expresou a "sorpresa" dos socialistas por observar o "ridículo" que está a protagonizar Tomás Fole, "quen parece non asumir que o seu único protagonismo está en ter o récord da maior caída que se lembre ninguén dun goberno municipal en Vilagarcía. E parece non ter aprendido, dado que continúa a querer colarse nas fotos a semellanza do pequeno Nicolás, e a contar mentiras delirantes sobre acordos, obras ou decisións de orzamentos non existentes para xustificar as súas posicións". Dende o PSdeG consideran este tipo de actuacións unha "fuxida cara adiante" dun Tomás Fole que estiman que está "acorralado" dentro do propio PP, pero que "necesita" da política e por iso pretende atopar o seu novo oco. Torrado estimou que "non habería mellor noticia, en termos electorais, para os socialistas de Vilagarcía que encontrarse con Fole como candidato no 2019", pero creen que sería perxudicial para Vilagarcía.

A pesares das circunstancias, os socialistas celebran que os concelleiros Serén e Mouriño conseguiran que a Xunta rectificara a súa posición, arrancándolle o acordo de solucionar os problemas do ximnasio do CEIP de Rubiáns. A xuicio dos socialistas, esto evidencia que "tivo que chegar un goberno sensato que consegue un acordo en tres meses para desatascar o que nin Fole nin Tourís puideron ata agora en anos", e están convencidos de que "a presencia de Fole tiña como fin dinamitar os acordos, para non quedar en evidencia que agora hai un goberno que resolve e antes había un que complicaba". "Uns traballan e resolven e outros buscan fotos", concluiu Torrado.