Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

28/5/11

RESULTADOS DAS ELECCIONS MUNICIPAIS 2011

Tras as votación do 22 de Maio, o Pleno do Concello de Vilagarcía queda composto da seguinte forma: 

PP: 10 concelleiros
PSOE: 5 concelleiros
BNG: 3 concelleiros
IU: 2 concelleiros
IVIL: 1 concellerio

A vista desta composición non queda máis que felicitar o Partido Popular polos seus resultados. Agradecemos a confianza dos votantes que elixiron PSOE como a súa opción política e sobre todo agradecer o esforzo a todos/as os/as compañeiros/as que colaborastes nesta campaña. Agora ábrese un perído de reflexión no que todos e todas debemos estar abertos o diálogo para aprender dos erros do pasado e así non volver a cometelos no futuro. Queda por diante un novo tempo de traballo donde desempeñaremos unha oposición constructiva, firme cando a situación o requira e aberta ao diálogo cando sexa necesario polo ben de Vilagarcía xa que o fin e o cabo ese foi e será sempre o noso obxectivo, conseguir unha Vilagarcía mellor cada día.

Un saúdo socialista

20/5/11

POSE: “VILAGARCÍA É UN BARCO QUE TEN O RUMBO FIXADO, UNHA BOA TRIPULACIÓN E, MODESTAMENTE, UN BO CAPITÁN. TEÑO SENSACIÓNS POSITIVAS”


“O noso programa fala de cousas que importan ao cidadán, que lle cambian a vida: garderías, un centro de día ou unha idea clara para mellorar o tráfico”

O coordinador de campaña, Julio Torrado, ten “bos presentimentos” para o domingo e destaca de Pose que “ve a política como un servizo á cidadanía”

Vilagarcía de Arousa 20 de maio de 2011.- O candidato á alcaldía de Vilagarcía polo PSdeG-PSOE, Modesto Pose, e o coordinador de campaña, Julio Torrado, ofreceron este mediodía unha rolda de prensa para facer un balance final da campaña electoral. Torrado, que foi o primeiro en intervir, asegurou que ten “moi bo presentimento” de cara aos comicios que se celebrarán este domingo.

“A nosa campaña baseouse na idea de chegar a todo o mundo. Reunímonos con sindicatos, empresarios, colectivos sociais, entidades e asociacións de todo tipo. Visitamos as asociacións veciñais e parroquias de Vilagarcía dende hai meses”. O coordinador socialista destaca a súa intención de “dar a coñecer o contido do noso programa e a nosa lista, que é moi boa. Hai outras opcións que non teñen unha idea clara de Vilagarcía, nós si”.

Sobre a figura de Modesto Pose subliñou “o desfrute que supuxo traballar ao seu carón” e a súa condición de candidato “que ve a política como un servicio ao cidadán”. “Ten facilidade para moverse nas administracións autonómica e estatal e xestionar con elas grandes proxectos, aínda que é algo caótico”, comentou con humor. Torrado concluiu afirmando que “incluso algún rival político ten recoñecido que con Modesto Pose o pleno municipal de Vilagarcía gañará en nivel político”.

Pola súa parte, o candidato do PsdeG falou da súa campaña como “sinxela, sen parafernalias. Tivemos algo que comunicar á cidadanía e o fixemos ben. Teño unha sensación moi positiva, que é o mesmo que me trasladan moitos veciños, simpatizantes ou non do Partido Socialista”.

“O barco que é Vilagarcía xa ten un rumbo fixado, unha boa tripulación e, modestamente, un bo capitán”, dixo Pose Mesura en referencia a el mesmo e o seu equipo. “O noso proxecto fala de cousas que lle importan ao cidadán, que lle cambian a vida ás persoas: garderías, un centro de día ou un plan de mobilidade serio para mellorar o tráfico”.

Pero tamén fixo referencia ao seu principal rival nas urnas, Tomás Fole. “Tivemos a inesperada fortuna de contar coa debilidade do PP, que comezou a campaña co seu programa 15x15 e acabouno co 0x0, todo moi chupi guai pero nada solvente”.

Facendo un pequeno resumo da súa impresión dos diferentes rivais nas urnas, Pose comentou: “Os nacionalistas son serios, sensatos e respetables, pero eu non son nacionalista. EU ofrece recetas simples a problemas complexos, demostrando que son uns indocumentados políticos e caendo no infantilismo esquerdista. O PP debía ofrecer unha alternativa seria e conservadora, pero acabou sendo soamente chupi guai lúdico deportiva. Hai electores conservadores que se sinten orfos de candidato, pois ven en Fole a un líder insolvente e sen rigor nin peso específico para ser alcalde de Vilagarcía”.

O socialista fixo un “chamamento á participación” o 22-M. “Cada persoa ten unha opinión diferente do que é o voto útil. Eu só digo que nós gobernaremos para todos, sen sectarismos, con rigor e seriedade”.

19/5/11

MODESTO POSE APOIA AO COMERCIO LOCAL, “QUE XERA EMPREGO EN VILAGARCÍA”, CONTRA “AS POLÍTICAS DE GRANDES SUPERFICIES DO PP”


O candidato socialista percorreu as rúas do centro urbano para presentar o seu programa aos comerciantes e hostaleiros e remarcar o seu compromiso con eles.

Destaca a importancia de peatonalizar as rúas vilagarciás para fortalecer a imaxe humanizada da cidade, que xa beneficia ao pequeno comerciante.

Vilagarcía de Arousa 19 de maio de 2011.- Modesto Pose percorreu esta mañá as rúas do centro de Vilagarcía para manter un contacto directo cos comerciantes e hostaleiros e insistirlle no compromiso do Partido Socialista para cos autónomos, “que xeran emprego en Vilagarcía”, en contraposición coas “políticas de grandes superficies que alenta o PP e que non traen actividade nin emprego á localidade, pero si fan a competencia aos comercios do centro, que son os que sosteñen a economía local”.

Segundo Pose, unha das medidas principais que os socialistas impulsaron, sempre co rexeitamento dos conservadores, foi a da peatonalización das rúas do casco urbano, comezando por Rey Daviña, á que seguiron numerosos viarias que, aínda hoxe, están a experimentar un profundo lavado de cara para presentar un aspecto mellor e máis humanizado. Isto non só beneficia á imaxe da cidade, senón que, directamente, serve para facer máis atractivos os negocios que teñen o seu local nestas rúas.

Dende hai dous anos, os socialistas veñen liderando esta proposta que cada día que pasa é aplaudido por máis veciños e autónomos, os cais recentemente incluso celebraron a inauguración dunha das rúas peatonalizadas.


Esta satisfacción foi a mesma que trasladaron a Modesto Pose os comerciantes durante a toma de contacto do candidato coa rúa. O socialista garantiu que o compromiso do seu partido seguirá na mesma liña, aumentando á súa vez as prazas de aparcamento disuasorias para evitar atascos no centro e permitir que a cidade vaia liberándose cada día que pasa dos coches, gañando os peóns o protagonismo absoluto nas rúas. “Este modelo de cidade, que os socialistas defendemos e levamos a cabo ten, entre outras moitas intencións, o obxectivo de favorecer a actividade económica no comercio local”, remarca Pose.

POSE ACORDA CON RUBALCABA O COMPROMISO DE REUNIRSE DESPOIS DAS ELECCIÓNS PARA ACELERAR A CONSTRUCIÓN DO NOVO CUARTEL DA GARDA CIVIL


O candidato socialista asistiu onte ao mitin de Vigo, no que se encontrou co vicepresidente do Goberno e ministro de Interior

O proxecto, xa deseñado e presentado, contempla a creación dunha nova sede do Instituto Armado no barrio do Piñeiriño, moderna, funcional e mellor comunicada

Vilagarcía de Arousa 18 de maio de 2011.- O alcaldable socialista vilagarcián, Modesto Pose, asistiu onte ao mitin do PSdeG en Vigo, no que mantivo un encontro informal co vicepresidente primeiro do Goberno e ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba. Durante este encontro, o Pose Mesura conseguiu o compromiso de Rubalcaba de que, unha vez pasadas as eleccións do vindeiro día 22, ambos se volverán a reunir para acelerar os trámites de construción do novo cuartel da Garda Civil no Piñeiriño.

A actual casa cuartel do Instituto Armado en Vilagarcía está obsoleto, e por iso Interior proxectou hai un par de anos a construción dunha nova sede, pero tivo que deterse por mor do recorte orzamentario da Administración Central debida á crise económica. Agora, Pose está convencido de que se recuperará de inmediato, aproveitando a saída deste período de recesión.

O edificio estará emprazado nunha finca do Piñeiriño que o Concello cedeu ao Estado a cambio do edificio da antiga Comisaría de Policía, na rúa Castelao. O complexo do Piñeiriño será máis grande, moderno e mellor comunicado que o actual, que pasará a quedar a disposición de Interior para outros usos. A proximidade do novo enlace do Porto coa Autopista (circunvalación sur) e, por conseguinte, coa Vía Rápida vilagarcía-Cambados e a circunvalación norte,

permitirán que a Garda Civil poida acudir alí onde se requira a súa presenza en menor tempo. Ademais, garantirá unhas condicións de vida e traballo moito mellores que as que cubre o actual cuartel situado en San Roque.

Pose e Rubalcaba coincidiron onte no mitin central do PSdeG en Vigo, celebrado no Auditorio do Berbés, e no que os dous políticos quixeron apoiar a candidatura de Abel Caballero, que aspira a reeditar o seu mandato na cidade olívica.

18/5/11

MODESTO POSE COMPROMETE O SEU “APOIO A TODOS OS EVENTOS CON IDENTIDADE CULTURAL PROPIA DO MUNICIPIO”


Reuniuse cos organizadores do Festival do Norte e Revenidas para escoitar as súas necesidades e suxerencias e expoñerlle as liñas de actuación dos socialistas

A idea é democratizar as propostas culturais levándoas a todas as parroquias de Vilagarcía e apostar por promocionar as expresións artísticas dos creadores locais

Vilagarcía de Arousa 17 de maio de 2011.- O alcaldable socialista vilagarcián, Modesto Pose, mantivo cadansúa reunión cos organizadores do Festival do Norte e Revenidas, dous dos máis destacados eventos musicais que se celebran cada ano en Vilagarcía, para escoitar aos seus responsables, tanto no apartado de suxerencias como no de necesidades e demandas. O candidato do PSdeG tendeulles a man a ambos colectivos e remarcou o seu firme propósito de apoiar “a todos os eventos con identidade cultural propia do municipio”.

Á súa vez, Pose Mesura explicoulle as liñas principais do programa cultural socialista de cara aos vindeiros catro anos de mandato municipal. Estas pasan, en esencia, por democratizar a oferta cultural, descentralizándoa do Auditorio Municipal, que actualmente é o que acapara a meirande parte dos eventos culturais de relevancia local. Deste xeito, os residentes nas diferentes parroquias do municipio poderán gozar dos actos culturais sen ter que desprazarse necesariamente ao Auditorio que, non obstante, seguirá a ser o epicentro da programación vilagarciá.




Por outra parte, os socialistas están interesados en levar á rúa as propostas artísticas protagonizadas por creadores vilagarciáns ou que producen a súa obra na nosa cidade, para que estes traballos sexan coñecidos pola cidadanía, á vez que se potencia considerablemente a oferta musical e de ocio no municipio.

Na actualidade, Vilagarcía é un referente en eidos como o musical, cunha escola de música (con 537 alumnos a día de hoxe) e o conservatorio (180) e Modesto Pose quere ir máis alá e permitir que este viveiro de artistas teña a posibilidade de exhibir o seu talento ante os seus conveciños, algo que serviría tamén para facer máis atractivo o paseo polos lugares máis emblemáticos da cidade.

Pero ademais de levar á rúa as expresións culturais, o PSdeG apostará por recuperar o salón de actos da Casa da Cultura de Rey Daviña, que actualmente ten funcións de salón de lectura. Para iso, creará unha gran biblioteca no edificio do actual Anexo, nos Xardíns do Doutor Fleming. Con isto, Vilagarcía volvería a dispoñer dun escenario emblemático para obras de teatro e actuacións musicais.

17/5/11

TANIA GARCÍA ENTENDE QUE O MITIN DO PP “CARECESE DE IDEAS, POIS AS SÚAS 15X15 DIVÍDENSE ENTRE XENERALIDADES E PROPOSTAS ABSURDAS”


A número tres do PSdeG considera “sintomático” que as cartas de propaganda dos conservadores inclúan a Feijóo e a Rajoy e non ao candidato Tomás Fole

“A maioría dos militantes do PP ven a conta atrás da súa sede como os días que lle quedan a Tomás Fole para ser defenestrado polos seus superiores”, explica

Vilagarcía de Arousa 16 de maio de 2011.- A número tres da lista electoral do PSdeG de Vilagarcía, Tania García Sanmartín, considera comprensible que o mitin do PP do pasado domingo na Peixería “carecese de ideas, pois o programa 15x15 divídese entre xeneralidades asumibles por calquera forza política e propostas absolutamente absurdas. Unha boa mostra do descoñecemento total que ten o candidato do PP da realidade vilagarciá. Eles mesmos son conscientes disto e así se corroborou no mitin”.

Para Tania a “promesa incumprida” da ampliación do Hospital do Salnés é unha “falta de respecto á cidadanía”, aínda que “algo habitual para un PP que vive instalado na mentira”. “É realmente lamentable que o señor Fole basee o seu discurso en calumniar ao PSOE, pero os vilagarciáns xa temos asumida a súa aridez de ideas”, insiste.

“A ampliación do Hospital xa a prometeu a Xunta de Galicia en 2009 e seguimos a esperar, ao igual que sucede coa promesa de Núñez Feijóo de que acabaría co desemprego en Galicia nun prazo de 45 días. Xa pasaron dous anos”, explica Tania ao referirse ao presidente da Xunta, que tamén participou no mitin dos conservadores.



Ao marxe do acto da Peixería, a número tres do PSOE tamén comenta o “curioso caso” das cartas do PP con publicidade electoral. “O feito de que nestas misivas saian falando Feijóo e Rajoy e non apareza Tomás Fole, que é o candidato local, é unha clara mostra de falta de confianza do seu partido nas súas posibilidades electorais”.

“O certo é non ven a Fole como unha aposta firme á alcaldía vilagarciá. Lóxico dada a súa nefasta xestión á fronte do Ipespo”. “A maioría dos militantes do PP asumen a conta atrás da ventá da sede do PP como os días que lle quedan a Fole para ser defenestrado polos seus superiores”, conclúe Tania García.

16/5/11

POSE ASEGURA EN CARRIL QUE GOBERNARÁ “PARA TODOS” E PIDE “Á XENTE DE DEREITAS QUE SE DECATE DE QUE FOLE NON APORTA IDEA NINGUNHA”


O socialista pide a Rafael Louzán “que non dea leccións de ética, faga público o seu patrimonio e explique a qué se dedicaba antes de entrar en política”

Susana Camiño pediu o voto aos seus veciños para “seguir facendo que Carril sexa a envexa de Vilagarcía e de Arousa” e prometeu a reforma da Alameda e o colexio

Vilagarcía de Arousa 15 de maio de 2011.- O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Vilagarcía, Modesto Pose, e a número cinco da lista, Susana Camiño, ofreceron este mediodía un mitin na praza da Liberdade de Carril, o primeiro acto tralo mitin central de onte. Ao evento asistiron preto de 100 veciños interesados en coñecer a proposta de goberno do Partido Socialista.

A primeira en intervir foi a actual concelleira de Educación, Limpeza e Medio Ambiente, a carrilexa Susana Camiño. “Levo catro anos pelexando e loitando polo meu pobo. Puxen o meu número de teléfono a disposición de todo aquel que tiña un problema que eu lle puidera axudar a solucionar. Agora pídovos que sigades confiando en nós para os vindeiros catro anos”, comentou.

“Queremos que Carril siga a ser a envexa de toda Vilagarcía e da ría de Arousa, que di que a nosa localidade é unha das máis fermosas de Galicia”. Para afondar neste obxectivo do que Susana Camiño responsabilizou en boa parte aos 20 anos de goberno socialista, a concelleira puxo enriba da mesa dúas melloras que farán de Carril un lugar máis cómodo para os seus veciños. A primeira é a prometida reforma integral do colexio Rosalía de Castro, que é un dos piares do programa electoral do PSdeG en materia de educación. A segunda é a modernización da Alameda, para a que asegurou que xa solicitaron

a Portos de Galicia o permiso para poder traballar nela e así dotala de xogos infantís renovados.

Pero tamén quixo desmarcarse da forma de facer política do PP. “Non vos fiedes deles. Sempre que chegan as eleccións prométenvos ás mariscadoras que vos van regalar os Permex. Iso é mentira. Nunca o fan e non lles importa xogar con vós para gañar votos. Nós si que traballaremos para demandarlle á Xunta que se amplíe o número de permisos de marisqueo”.

Pola súa parte, Modesto Pose comezou criticando ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, ao que acusou unha vez máis de “non facer nada nin por Carril nin polo resto do municipio”. Pose esixiu ao popular que “non dea leccións de ética a ninguén porque non é o máis indicado” e reclamoulle que “faga público o seu patrimonio e explique a qué se dedicaba antes de entrar en política”.

O candidato do PSdeG recoñeceu que “en Vilagarcía quedan cousas por facer, pero tamén hai moito feito” e incidiu na importancia de que dentro de moi pouco tempo o municipio “estea a 15 minutos de Compostela en tren, o que permitirá potenciar moito o turismo. E niso Carril e Cortegada teñen moito que dicir. Reforzaremos a nosa aposta pola illa e defenderemos un modelo de turismo sostible”.

Para finalizar, Pose dirixiuse á xente “de dereitas, que sempre din que Carril é conservadora. “Pídolles a vostedes que se atopan unha soa idea concreta no programa do PP, os voten, pero Fole non está á altura das circunstancias para que unha persoa seria o vote. Prometo que nós gobernaremos para todos, con rigor e sentido común. O día 22 non se vota nin a Zapatero nin a Rajoy”.