Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

18/7/13

Os socialistas de Vilagarcía afirman estar atónicos ante a nova ocorrencia de Fole de abrir novamente a opción de Fexdega para instalar as pistas de pádel

“Semella que non se enterou que o problema da ubicación actual é a ilegalidade do inicio de obras sen licencia, non outro”, apuntou Tania García


Dende o PSdeG ven que o Alcalde “entrou en barrena” e cuestiónanse por que tanto empeño

Vilagarcía de Arousa, 18 de xullo de 2013.- No Partido Socialista de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal, decláranse estar “atónitos” ante a nova ocurrencia do Alcalde Tomás Fole de abrir a posibilidade de facilitar novamente Fexdega para a instalación dunhas pistas de pádel, como resposta aos problemas existentes coas obras na parcela portuaria concedida.

Tania García plantexou hoxe que “é posible que teñamos que explicar novamente a Fole que o problema da instalación dunhas pistas de pádel no Porto, que deu lugar á denuncia por presuntos delitos de prevaricación e tráfico de influencias, está na ilegalidade de permitir comezar unhas obras sen licencia a pesar de ter sido consciente e coñecedor dese inicio”. “Ese é o problema e aí está a ilegalidade que nos denunciamos, pero parece que o Alcalde entrou en barrena e xa non sabe moi ben onde está e sobre que tratan as cousas”, comentou Tania García. Dadas as declaracións do Alcalde, García dixo “comezar a entender algo da situación, pois se agora plantexa levar o proxecto do pádel a Fexdega é que xa entrou en barrena de tal  manera que xa se pode explicar que puidéronse cometer ilegalidades por unha cuestión de incapacidade no exercicio da súa labor”.

Os socialistas manifestaron estar sorprendidos, non entanto, polo coñecemento tan preciso que ten o Alcalde sobre o mercado existente para o pádel en Vilagarcía, que o levou a iniciar un procedemento de urxencia no seu día en Fexdega “pola necesidade” de instalar esas pistas rápidamente, que logo fixo que a idea se desvaecera a favor da instalación desas pistas no Porto e que agora poida abrir novamente a posibilidade pero sempre que “haxa dúas instalacións e non tres en Vilagarcía”. Dende o PSdeG valoran “moi positivamente” que o Alcalde teña coñecemento profundo, “polo menos sabe de algo” indicou Tania García, pero lamentan que non tivera a vontade de saber e coñecer máis sobre o estado do mercado e a situación na comarca do sector da conserva, onde podía ter axudado ás traballadoras de Cuca, ou do comercio, para non pretender implantar medidas destructoras como a zona azul de pago e a drástica subida de impostos e tasas.

En todo caso, para os socialistas segue a ser un enigma coñecer “por que tanto empeño na implantación dun negocio tan específico, en condicións tan privilexiadas, para Vilagarcía”, e destacan que “todo investimento é positivo e ben recibido, pero a administración debe garantir que se fai en igualdade de oportunidades e non a golpe de empeño e de puntos suspensivos do Alcalde”, concluiu García.  

15/7/13

O Partido Socialista de Vilagarcía denunciará ao Alcalde Tomás Fole por presuntos delitos de prevaricación e tráfico de influencias

A voceira municipal Tania García presentará mañá a denuncia nos xulgados de Vilagarcía en representación dos socialistas de Vilagarcía

A negativa a paralizar as obras do Porto destiñadas á instalación dunhas pistas de pádel, e a manifestación da intención de facilitar as cousas ao empresario, detonantes da decisión.

Vilagarcía de Arousa, 15 de xullo de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García, presentará mañá nos xulgados de Vilagarcía unha denuncia contra o Alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, por presuntos delitos de prevaricación e tráfico de influencias. Os socialistas creen que a deriva na que entrou o Alcalde respecto ao tema da instalación dunhas pistas de pádel en Vilagarcía, que se están a preparar no Porto, levouno a vulnerar a lexislación en materia urbanística. Dende o Partido Socialista plantexan que alertaron do inicio das obras sen licenza durante a pasada semana, e que solicitaron a través dos medios de comunicación e por escrito no propio Concello que se paralizaran, a instancias da Lei 9/2002, de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, que no seu artigo 209.1 é suficientemente explícita indicando que:

Cuando se estuvieren ejecutando obras sin licencia u orden de ejecución, o sin ajustarse a las condiciones señaladas en las mismas, el Alcalde dispondrá la suspensión inmediata de dichos actos y procederá a incoar el expediente de reposición de la legalidad comunicándoselo al interesado.

A tenor da lexislación os socialistas ven claro que o Alcalde debería ter paralizado de inmediato as obras, e sen embargo anunciou públicamente que era coñecedor de que a licenza non estaba aínda aprobada pero que non tiña intención de frear as obras. Ante o coñecemento dunha ilegalidade sobre a que ten a obriga de intervir, pero constatando que non o fará, os socialistas consideran que a denuncia por presunta prevaricación é necesaria para garantir o respecto ás leis e ao ordenamento xurídico.
Dende o Partido Socialista prepararon tamén un relatorio dos feitos ocorridos dende as primeiras intencións do Alcalde de facilitar a instalación das pistas de pádel en Fexdega, que valoran que amosa a intencionalidade de favorecer a unha empresa concreta vulnerando a lexislación. Para o PSdeG esta situación constitúe un presunto delito de tráfico de influencias polo que tamén denunciarán ao Alcalde.


12/7/13

O Partido Socialista de Vilagarcía solicitou ante o Concello e ante a Autoridade Portuaria a paralización inmediata das obras na parcela que se pretende destiñar ás pistas de pádel

Os socialistas afirman que “unha obra sen licenza non pode continuar” e instan aos responsables de ambas institucións a que paralicen as actuacións


Lembran ao Alcalde que, “aínda que ás veces non se de conta, Vilagarcía non é seu patio de recreo”

Vilagarcía de Arousa, 12 de xullo de 2013.- No Partido Socialista de Vilagarcía seguen convencidos de que as obras que se están a levar a cabo na parcela portuaria que se pretende destiñar á instalación de pistas de pádel non poden continuar. Baséanse os socialistas en que non foi aprobada ningunha licenza e, polo tanto, as obras non se poden levar a cabo.

Os representantes do PSdeG no Concello, Tania García, e no Porto de Vilagarcía, Lino Mouriño, presentan esta mañá sendos escritos nas dúas institucións solicitando a paralización das obras por ter sido iniciadas sen a licencia correspondente. Os socialistas reclaman que deixen de realizarse traballos na parcela portuaria, pero as súas peticions van mais alá pois esixen, como xa fixeron onte a través dos medios de comunicación, que o Alcalde Tomás Fole amose o proxecto presentado pola empresa que daba pé a permitir esa obra.

“Unicamente solicitamos que se cumpra a legalidade, que parece que é cada vez máis difícil con este Goberno Local e este Alcalde”, declarou Tania García. Os socialistas esperan que Fole rectifique e mande paralizar as obras, e que a presidenta do Porto Sagrario Franco “saia do escondite e faga cumprir as normas”. Confían en que todo volva á normalidade despois deste “despropósito” e instan ao Alcalde a que rebaixe a súa actitude impositiva porque “aínda que ás veces non se de conta, Vilagarcía non é seu patio de recreo”.

Tania García apunta que “esperaremos pola solicitude de licenza na xerencia de urbanismo e os informes que acompañen á solicitude, e veremos”, e non deixa de sinalar ao Alcalde como “responsable de que pareza que en Vilagarcía hai quen pode facer o que queira”.

Asombrados por ter que chegar a estes extremos, os membros do PSdeG dubidan “quen toma as decisións en Vilagarcía” en alusións a posibles inxerencias externas que o Alcalde, segundo os socialistas, acataría sin discutir.

11/7/13

Os socialistas de Vilagarcía creen que o Alcalde está “entrando en barrena” coa teima da instalación das pistas de pádel no Porto

Declaran sentirse “asombrados polas valoracións que vai facendo progresivamente” e que “empozoñan aínda mais a situación”


Insisten en que hai unhas obras iniciadas sen licencia, pero “semella que a legalidade xa non é preocupante para Fole, que o asume e o pretende xustificar con toda a cara”

Vilagarcía de Arousa, 11 de xullo de 2013.- Ante a información desvelada onte polo Partido Socialista de Vilagarcía, que denunciaba que se están a levar a cabo obras sen licencia na parcela que o Porto pretende destinar á instalación dunhas pistas de pádel, os socialistas consideran que a resposta feita pública polo Alcalde de Vilagarcía “cruza algunhas liñas das que Fole, se cadra, non é moi consciente”.

En primeiro lugar os socialistas, por boca da súa voceira municipal Tania García, sorpréndense de que o Alcalde Tomás Fole saia a dar a cara con toda a convición sobre unhas obras que se están levando a cabo en terreo portuario. Esta actitude amosa, segundo interpretan os socialistas, que a instalación das pistas de pádel no Porto é un proxecto “parido e instado dende a Alcaldía de Vilagarcía”, e para o que o Porto non fixo máis que poñer os terreos, “aínda que iso poida hipotecar o futuro do propio Porto”, apuntan dende o PSdeG.

Ademáis valoran os socialistas o contido das pretendidas xustificacións do Alcalde que se quedan nun ti vai facendo, segundo consideran os representantes socialistas. Esta táctica sáltase toda a legalidade. “O Sr. Fole esquécese de que como máximo representante da Administración local o que ten que facer é velar precisamente porque no se cometan irregulariades urbanísticas”, apuntou Tania García, que tamén esixe que o Alcalde, “antes de facer ningunha valoración atolondrada, amose o proxecto e os pertinentes informes técnicos que avalen o proxecto de obras presentado pola empresa.  Os socialistas xa sabemos que non pasou pola xerencia de urbanismo, que é o órgano que o ten que aprobar a licenza de obras, pero as obras que se están a facer polo menos se saberá para que son, ¿ou está o Alcalde permitindo unha obra que non sabe como é? ¿como saber se o que se vai construír cumpre coa normativa urbanística?”. Considera García que a “lixeireza” coa que Fole asume a situación “dá conta do concepto de legalidade e de respeto ás normas que ten”, pero lémbralle que “aínda que ao Alcalde e á Presidenta da Autoridade Portuaria non lles gusten as normas, hai que cumprilas” e pregúntase “¿que ocorre se o proxecto que se presenta non pode ser validado polos técnicos, pola cuestión que sexa, e leva informe negativo e despois non é aprobada a licenza pola xerencia de urbanismo?”.

Pero para os membros do PSdeG o Alcalde “entrou en barrena”, e destacan que pretenda xustificar unha situación “non argumentando sobre a súa legalidade, senón asumindo que non está ben pero que non se sabe que, e non se sabe cando, fíxose algunha cousa que non estaba ben”. Aínda mais, apuntan que Fole pretende explicar esta situación alegando sobre outras empresas sobre as que ninguén lle preguntou: “¿considera Fole que se defende ben aos empresarios de Vilagarcía cando aparece nos medios de comunicación atacando a uns para defender a outros?” e se cuestionan polos precedentes de que un Alcalde airee situacións de empresas en relación á súa situación coa administración. “Parece coma se houbera algo personal”, inducen dende as filas da formación socialista.

Por último dende o PSdeG queren responder a unhas declaracións feitas por Fole nas que afirma que os socialistas o que queren é que se pechen negocios. Tania García respondeu con contundencia ao afirmar que “precisamente os socialistas o que queremos é que abran moitos negocios, pero que o fagan en igualdade de oportunidades. Queremos que non existan privilexios para algúns. Os socialistas o que queremos é que non se hipotequen espazos públicos a precios irrisorios e non queremos ver ao noso Alcalde axeonllado sumisamente ante as esixencias de ninguén, sexa quen sexa. Os socialistas non queremos que se afundan negocios montados con moito esforzo, como cafeterías ou tendas de deportes que pagan os seus impostos e os prezos de mercado. Eso é o que queremos os socialistas, pero semella que o concepto que Fole ten de promoción económica é outro, que premia a ilegalidade, saltarse os procedementos e facer o que a cada un lle peta”.

10/7/13

O Partido Socialista esixe o cumprimento do protocolo habitual de seguridade pola entrada de barcos cheos de parafina no Porto de Vilagarcía

Os socialistas afirman “non entender para que existen as autoridades e os responsables do Porto” ante unha situación potencialmente tan perigosa para a ría máis produtiva do mundo

Os socialistas esixirán información sobre este grave asunto e sobre as obras sen licenza das pistas de pádel no vindeiro Consello de Administración da Autoridade Portuaria

Vilagarcía de Arousa, 10 de xullo de 2013.- Dende o Partido Socialista de Vilagarcía reaccionaron hoxe amosando a súa “indignación” pola entrada no Porto de buques cargados de parafina sen que se activara o protocolo de seguridade. A navegación pola ría sen práctico nin remolcador de barcos cunha mercancía altamente peligrosa, derivada do petróleo e que non se disolve no auga, pon en grave risco a riqueza a ría máis rica e produtiva do mundo da que viven directamente e indirectamente miles de familias. Dende o PSdeG consideran que non se pode correr semellante risco, e esixen que se sigan a activar os protocolos de seguridade establecidos nos tempos de Roberto Rietz ao fronte de Capitanía Marítima, que garanten o menor risco posible para a ría.
Os socialistas amosáronse firmes na esixencia a Capitanía Marítima de cumprir cos protocolos e pedirán explicacións no Consello de Administración do Porto á presidenta da Autoridade Portuaria, á que acusan, xunto co Capitán Marítimo, de que “é posible que non teña conciencia do que supón para a Ría de Arousa que estes barcos naveguen con tanta frivolidade polas súas augas”. Apuntan que “en cousas como estas se observa a indecencia que supón o mercadeo de cargos públicos ao que nos ten sometido o PP” e poñen en dúbida se Sagrario Franco é quen de percibir a gravidade do asunto. Deste grave asunto os socialistas pedirán cumprimentada información no vindeiro Consello de Administración do Porto, no que tamén preguntarán polas pistas de pádel.

Instalación das pistas do pádel

Os socialistas tamén critican duramente á Presidenta da Autoridade Portuaria e ao Alcalde de Vilagarcía por permitir obras sen licenza municipal nos terreos onde se ubicarán as pistas de pádel. “Estase a proceder á demolición de naves e hai maquinaria pesada na parcela cando aínda non foron aprobadas as obras no Consello de Xerencia de Urbanismo”, sinalou a voceira socialista e membro do Consello, Tania García.  Os socialistas critican duramente tanto á Autoridade Portuaria coma ao Concello  por permitir obras sen a correspondente e necesaria licenza e esíxenlles a ambas administracións que adoiten medidas ao respecto. “É  vergoñento que dúas adminstracións permitan obras sen licenza”, suliñou a socialista. Dende o PSdeG-PSOE critican tamén a ocupación de parte da parcela que anteriormente ocupaba a subsede de bombeiros para a instalación das pistas de pádel, “aos socialistas parécenos gravísimo que se prime a instalación dunha empresa privada en terreo portuario a costa dos terreos do parque de bombeiros, é máis aínda durante un periodo de 25 anos, ¿que pasará nun futuro se é preciso ampliar o parque de bombeiros?” preguntou para concluir Tania García.

4/7/13

Os socialistas de Vilagarcía atribúen ao “desgoberno das desordenanzas de Fole” os problemas coas instalacións de terrazas

Dende o PSdeG apuntan a que “ningún problema se resolveu nunca coa técnica do avestruz de agocharse e non facer nada”, en relación á aplicación da ordenanza de terrazas

Achacan a Fole que “predicou todas as maldades sobre unha ordenanza de terrazas, pero a súa idea foi deixar que impere a lei da selva”.

Vilagarcía de Arousa, 4 de xullo de 2007.- A voceira municipal socialista de Vilagarcía, Tania García, apuntou hoxe directamente ao Alcalde Tomás Fole como “responsable” das problemáticas que xurden por causa da ordeación das terrazas dos establecementos de hostalería. “Fole asumíu que era moi populista pero efectivo decir a todos que se ían deixar facer as cousas”, e o resultado é que os hostaleiros e veciños atópanse con problemáticas que un Concello serio debe de resolver, pero sen embargo comproban que este Goberno Local agocha a cabeza e deixa que as cousas ocorran”.

Dende o PSdeG son moi duros nas acusacións de “inacción” ao Goberno Local e apuntan particularmente ao Alcalde ao indicar que “este é o desgoberno das desordenanzas”, lembrando todos os intentos do bipartito de dereitas de intervir na convivencia municipal e as problemáticas xurdidas, tomando como exemplos a ordenanza de circulación, a regulación da utilización de locais culturais ou esta ordenanza de terrazas. Tania García apuntou que “a postura de Fole ante a existencia dunha ordenanza de terrazas foi decir que estaba todo moi mal e que nada valía para nada. A súa aportación a esta situación foi desatender as obrigas de establecer normas e regras”, e conclúen os socialistas que “cando non se aplican as normas existentes, e non se intervén para encontrar solucións, estase promovendo a lei da selva e o sálvese quen poida”. “¿En que cabeza cabe deixar que existan conflitos por culpa de non aplicar unha norma existente?” pregúntase García.


Os socialistas lembran que xa no seu día fixeron algunha proposta, que foi aceptada polo Bipartito, que podería contribuir a resolver algunas problemáticas, e apuntan directamente á “sinalación dos espazos que se poden ocupar polas terrazas, habendo mecanismos de sobra para facelo sen problema”. Segundo explican, “o obxectivo natural é facilitar a explotación dos espazos polos hostaleiros garantindo a convivencia co resto dos cidadáns e compartindo o uso dos espazos. Pois unha vez decidido canto poden e deben ocupar, plasmémolo. E que se estudie individualmente cada situación na que exista algunha dúbida, que é posible”. “O que non pode ser”, conclúe Tania García en nome dos socialistas, “é que os hostaleiros teñan problemas entre si ou cos veciños por culpa de que existe unha normativa que Fole non ten capacidade de aplicar”. 

27/6/13

O PSdeG-PSOE de Vilagarcía solicita a dimisión inmediata do concelleiro delegado de Seguridade, Cholo Dorgambide

Consideran que a denunciar feita pública onte polo Corpo de Bombeiros provoca unha situación insostible para o concelleiro e o Alcalde

O incumprimento do Protocolo en materia de emerxencias por parte do Goberno local de Vilagarcía supón un risco gravísimo para a seguridade dos veciños de Vilagarcía

Solicitan unha xuntanza urxente de voceiros para coñecer de primeira man a situación das emerxencias en Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, 27 de xuño de 2013.- O PSdeG-PSOE de Vilagarcía solicita a dimisión inmediata do concelleiro de Seguridade, Cholo Dorgambide, ante a denuncia feita no pleno celebrado onte polo Corpo de Bombeiros. Os Bombeiros denunciaron onte publicamente o reiterado incumprimento do Protocolo de actuación en situacións de emerxencia e acusaron directamente ao Concello de ocultar e non informar ao Corpo de Bombeiros das emerxencias e priorizar o Servizo Municipal e a Agrupación de Voluntarios sobre o Corpo profesional de Bombeiros.

“Esta situación é gravísima”, sinalou a voceira socialista, Tania García. “Estamos falando de situacións de emerxencia onde perigan vidas humáns, o concelleiro ten que dimitir de inmediato e o Alcalde, máximo responsable deste concello asumir a responsabilidade de garantir o cumprimento exquisito do Protocolo de emerxencias”.


Os socialistas, alarmados pola denuncia feita onte polos Bombeiros, solicitou no Pleno unha xuntanza urxente de voceiros coa finalidade de coñecer de primeira man os detalles da denuncia feita polos bombeiros, a situación actual do Servizo de emerxencia municipal, os protocolos de funcionamento e as medidas inmediatas para correxir esta situación que os socialistas califican de inasumible. “Calquera ineficiencia no exercicio da responsabilidade dun concelleiro merece actuar en consecuencia, pero se especialmente se esta ineficacia é intencionada e atenta contra a seguridade das persoas debe ser rectificada de inmediato”, apuntou Tania García. A voceira socialista, ademáis, sinalou ao Alcalde ao indicar que “Entre un concelleiro que non sabe explicar a onde se foron os cartos públicos que solicitou en subvencións, e outro que pon en perigo as vidas dos veciños por razóns oscuras, Fole estase convertindo nun especialista en aferrarse a situacións que rozan a indecencia”.