Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

30/9/13

O PSdeG de Vilagarcía celebra a inclusión de Tania García na dirección galega do partido

Consideran que a elección de García amosa a valoración positiva que se fai en Galicia do traballo da agrupación de Vilagarcía

Aplauden o inicio desta nova etapa de reforzamento do partido para ser útiles de cara a sociedade, e suscriben as verbas do novo secretario xeral Gómez Besteiro: “Volve o PSdeG”

Vilagarcía de Arousa, 30 de setembro de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía amosan hoxe a súa satisfacción polo paso adiante que o PSdeG ven de simbolizar onte coa ratificación de Gómez Besteiro como secretario xeral do partido, e que confían en que suporá a recuperación do Partido Socialista como alternativa real ás políticas da dereita do PP que está a afundir Galicia.

O novo secretario xeral, elexido oficialmente onte despois de gañar un proceso de primarias culminado o pasado día 7, presentou ao Congreso ademáis a renovación dos cargos de dirección do partido a nivel galego, e nesa nova dirección quixo contar coa voceira municipal de Vilagarcía, Tania García, quen formará parte nos vindeiros catro anos da dirección do PSdeG tendo a específica tarefa de coordinar o área de servizos sociais. García, traballadora social de profesión, aproveitou o nomeamento para apuntar que “os servizos sociais están sendo un dos sustentos principais de moitas situacións de dificultades deste país, e son unha das puntas de lanza da política socialista fronte a un PP que está a recortar precisamente onde as familias mais o necesitan”. A socialista dirixiu os seus dardos contra a reforma da lei de bases de réxime local, que “deixa aos concellos con moita menos capacidade operativa en cuestións tan básicas como os servizos sociais. Os concellos son o punto de contacto coa realidade deste país, e son os que coñecen as situacións que viven as familias. Por iso deben ser reforzados e non debilitados. O PP pretende regular unha situación que non coñece e que non lle importa, porque nunca tiveron nin teñen interese en axudar a quen mais o necesita”.

Dende a agrupación local manifestaron a súa satisfacción pola inclusión de García na dirección galega, e o secretario xeral Miro Serén manifestou onte ao finalizar o congreso do PSdeG que “é unha honra que o traballo que estamos a facer en Vilagarcía, de defensa das persoas e de axuda a quen mais o necesita, de protección dos valores fundamentais e de esixir unha democracia máis transparente deixando en evidencia aos que non a practican, se vexa recoñecida así. A nosa voceira municipal é un referente que simboliza este traballo, e que o propio Gómez Besteiro amosase o seu interese por contar con ela nesta dirección galega dai que queramos traballar aínda máis”. Serén destacou o recoñecemento continuo que se fai a esta agrupación, e a Tania García en particular, da que apuntou que está a recibir constantemente requerimentos para labores de gran responsabilidade no partido, “ás que adica un gran esforzo que resulta en grandísimos resultados”, e quixo destacar que o fai “sen soldos, nen sobresoldos, nen fraudes de subvencións”. 

21/9/13

García tilda o “catastrazo de Fole” de “inxusto e inxustificado” e critica que o diñeiro recaudado “gástese logo en concertos elitistas”

Os socialistas solicitaron formalmente a contabilidade das festas de San Roque 2013

Dende o PSdeG alertan de que o incremento do IBI pode chegar nalgúns casos case ao 100%

Vilagarcía de Arousa, 21 de setembro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía considera “inxusto”, segundo palabras da voceira municipal Tania García, a política económica aplicada polo Goberno Local de Vilagarcía, e pon como exemplo o gasto nas festas patronais de San Roque fronte o incremento do IBI pola revisión catastral aprobada polo bipartito conservador.

Tania García anunciou hoxe que solicitou, no nome do grupo municipal socialista, a contabilidade das festas patronais de San Roque 2013, e que o seu grupo estudiará a documentación que reciban. García plantexou sobre a información xa publicada que resulta “inxustificable” que o Goberno Local gastase 37.000€ nun so concerto e que aínda así fora de pago para os cidadáns a 15€ por entrada. Esta situación é considerada para os socialistas como “elitista”, pois inviste grandes cantidades de diñeiro en espectáculos de pago, tendo en conta a situación económica que se está a vivir.

Espuxo Tania García que o gasto das festas patronais debe ser posto en contexto coa suba de impostos que os veciños están a sofrer nestas datas a través do “catastrazo de Fole”, como foi calificado pola voceira socialista. “Nestas semanas os veciños e veciñas de Vilagarcía están comprobando o incremento do valor catastral das súas propiedades pola revisión de valores aprobada polo bipartito conservador, incremementos que en moitos casos chegan a supoñer un incremento de case o 100% no recibo da contribución. Os socialistas consideran indecente este brutal incremento nun contexto de crise económica e altas taxas de desemprego e tendo en conta ademais o recorte e a supresión de servizos que está a aplicar o goberno de Tomás Fole

A combinación dos dous factores supón para García “un exemplo claro da política de económica do PP en Vilagarcía”, sinalando que “cobran máis polo IBI para poder pagar concertos para algúns”. Para os socialistas “é necesario establecer prioridades e conformar criterios claros, xustos comprensibles para todos os veciños”, segundo explicou García. A propia representante do Partido Socialista apuntou que “os cidadáns son conscientes de que hai que pagar taxas e impostos, pero non entenden que haxa que pagar máis para facer gastos superfluos” e abondou en que “Fole pega un golpe moi duro ás economías familiares con este catastrazo”.

19/9/13

Os socialistas suxiren ao Alcalde de Vilagarcía que coñeza a ordenanza de terrazas para aclararse do que fala, e pregúntalle cal é o seu criterio sobre a cuestión

Dende o PSdeG alértanlle de que o que lle plantexan é que o Goberno Municipal está a aplicar a ordenanza a uns locais si e a outros non, e que o marcado dos límites está incluído na ordenanza dende que se aprobou

Tania García: “Cando un non sabe do que fala, non entende nin o que lle queren decir os demáis”

Vilagarcía de Arousa, 19 de setembro de 2013.- Tania García, voceira municipal do Partido Socialista de Vilagarcía mostrouse hoxe sorprendida da resposta que o Alcalde Tomás Fole dou ante a reclamación que nestes pasados días fixeron pública os socialistas de que a aplicación da ordenanza de terrazas está a ser selectiva, tratando de forma distinta aos locales en cuestión que a ordenanza establece que sexan de común aplicación a todos os establecementos. Garcia fixo referencia a que Fole “non debe de saber realmente do que estamos a falar, porque se non non tería feito as declaracións que fixo”. Dende o PSdeG sinalan as palabras publicadas no día de hoxe a través das que o Alcalde interpreta a reclamación dos socialistas como un intento de que non se aplique a norma. García foi hoxe moito máis contundente e pretendeu ser explícita e clara na súa exposición: “Xa na primaveira do 2012 o bipartito de dereitas no Goberno Municipal elaborou e aprobou unha ordenanza de terrazas. Dende aquela non se volveu a saber da aplicación da ordenanza, a pesares de existir problemas con hostaleiros e veciños. Agora Fole acordouse da ordenanza e pretende aplicala, pero en algúns lugares si e noutros non. Todo esto é incoherente.”

A voceira socialista fixo estas declaracións insistindo en que “se o Alcalde de Vilagarcía non comparte a ordenanza que el mesmo elaborou e cree que non hai que regular as terrazas, que derogue a normativa. Se cree que hai que modificala, que o faga. Pero se existe hai que aplicala, e non é posible facelo a uns sí e a outros non, que é o que está a ocurrir”. Aproveitaron os socialistas para lembrar que o marcado dos límites das terrazas está recollido no texto da ordenanza xa dende a aprobación desta antes do verán do ano pasado, polo que reclaman que exista un criterio no Goberno Municipal sobre este tema e que se aplique. “Os socialistas temos claro cal é o noso criterio: hai que regular o establecemento de terrazas para que veciños e hostaleiros teñan unha normativa que garde os seus dereitos. E que se cumpla.”, resumíu Tania García, e concluíu “Cal é o criterio do Goberno Municipal? Facer cumplir a lei a algúns si e outros non? Saltarse a norma e esperar a que haia problemas? Por que hai lugares onde non se aplica a ordenanza?”.


En todo caso os socialistas lamentan que a situación non sexa novedosa para o Concello xa que, en palabras de Tania Garcia "este Alcalde deste goberno bipartito tennos tristemente acostumbrados a que se elaboren ordenanzas que non se aplican, como tamén ocorreu coa de circulación, e a que se redacten normas que causan mais problemas dos que pretenden resolver, como ocorreu co regulamento de uso de locais culturais”. “Normas que se elaboran pero non se fan cumplir, ordenanzas que se publican mal, normativas das que xa se anuncia que están mal e se van cambiar antes incluso de aprobalas… Un desastre”, sentenciou Tania García.

17/9/13

Os socialistas denuncian a aplicación selectiva da ordenanza de terrazas que está a desenvolver o Alcalde

Dende o PSdeG relacionan este feito coa política “a impulsos” que achacan ao goberno local.
Pregúntanse por que o Alcalde non aplica a ordenanza, deixando que florezan os problemas que logo pretende resolver de manera impositiva.

Vilagarcía de Arousa, 17 de setembro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía, a través da súa voceira no Concello Tania García, esixíu novamente ao Alcalde Tomás Fole que deixe de tomar decisións “a impulsos e sen reflexión”, ao fío da marcación do espacio de terrazas na céntrica rúa de A Baldosa.

Os socialistas lembraron que dende que Fole é Alcalde, e a pesares de que fixo da ordenanza de terrazas un cabalo de batalla dende a oposición, a ordenación e regulación dos espacios das terrazas dos locais de hostelería está sumida nun caos completo. Apuntan dende a formación socialista que xa sairon á luz moitas protestas veciñais, que nos últimos meses se recrudeceron xerando problemas entre os propios hosteleiros.



Segundo espuxo Tania García “os hostaleiros e os veciños non son os que teñen que afrontar as problemáticas entre eles. Para iso existe un regulamento, unha ordenanza” e achacou á “deixadez” do Alcalde que non se faga cumprir. García apuntou que “nos últimos tempos vén habendo problemas en rúas como a propia de A Baldosa, pero tamén noutros lugares houbo reclamacións e denuncias como en Juan García ou en Ramón y Cajal. Cando quen ten que dirixir, agóchase, semella que non é capaz e que queda todo a mercede da lei da selva”. Os socialistas reclaman “que o Goberno Municipal goberne”, e para iso apuntan que existe unha ordenanza. “Despois de escoitar tantas leccións que pretendeu dar dende a oposición, resulta que en dous anos os hostaleiros aínda non saben se ao Alcalde lle gusta a normativa, se non, se a quere cambiar, se non, se a quere facer aplicar, se non…” e pídenlle que se clarexe.


O que rexeitan dende o PSdeG é que a aplicación da normativa sexa selectiva, e se aplique so en determinadas zonas e a determinados establecementos. Demandan que se explique “por que se marca o límite para unhas terrazas nunha rúa, e non noutras”, apelando a que teñen existido demandas e problemáticas en diversos lugares e, por tanto, todos merecerían a intervención do Goberno Municipal en igual medida. Reclaman unha explicación de por que esta aplicación selectiva e que o equipo de goberno defina a súa postura sobre a cuestión das terrazas.

13/8/13

Os socialistas consideran “bochornosa” a posición que están adoptando o Alcalde e o concelleiro de cultura ante a revelación do fraude de subvencións cometido por Francisco González

Tania García pregúntase “que nivel ético marca Fole ao seu equipo ao manter no seu cargo a unha persoa que se apropiou de cartos públicos”


Dende o PSdeG consideran ao concelleiro “inhabilitado” para unha responsabilidade pública, e apuntan a Fole como responsable por permitir a situación

Vilagarcía de Arousa, 13 de agosto de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía insistiron hoxe en esixir a dimisión inmediata do concelleiro de cultura ou o a súa destitución por parte do Alcalde Tomás Fole, dadas as evidencias de apropiación indebida de fondos públicos e de fraude de subvencións destapado polos socialistas con respecto á suposta organización do Feirón Solidario en xullo de 2011, polo que o agora concelleiro cobrou 4.500€ de diñeiro público por unha actividade que xa quedou demostrado que non se fixo.

Os representantes do PSdeG sorpréndense e síntense “abochornados” pola actitude do concelleiro, ao que “aínda por riba hai que aturar que se amose chulesco, desafiante e retador”. Tania García, voceira socialista, foi hoxe moi contundente ao calificar de “indecente” a actitude do concelleiro “por aferrarse ao cargo despois de coñecerse tal sarta de mentiras que montou para levarse os cartos de todos”, e dirixiuse directamente a Tomás Fole ao declarar que “o responsable de esta vergoñenta situación non é Francisco González, que xa se comproba que de responsabilidade sabe pouco, senón o Alcalde que o mantén e permite que os vilagarciáns se vexan representados por alguén así”.

Os socialistas consideran unha burla a argumentación do concelleiro, tanto no sentido de decir que todos eses feitos ocorreron cando non era concelleiro, como de pretender xustificar que todo o revelado foi un erro e querer dar punto e final. Con respecto a se o xa coñecido foi un erro, os socialistas lembran que hai unha enorme cantidade de actividades subvencionadas con fondos públicos e que se xustificaron con fotos de membros do PP na propia sede do PP, con actos de mitins electorais do PP, actividades como o Feirón que non se fixeron e se cobraron igual, cruce de facturas e xustificacións de empresas descoñecidas ou da irmá do concelleiro quen, á súa vez, é titular doutra asociación pantasma que se ubica en Cabanas pero que sen estar rexistrada no municipio recibiu subvencións por actividades das que tampouco hai constancia…e todo esto enmárcarse dentro dun entramado de asociacións federadas na entidade Fexuga, que baixo a presidencia de Francisco González semella que se especializaron en desfalcar fondos públicos con proxectos que nunca se celebraban. “Pero o concelleiro di que esto é un pequeño erro. Igual é que o concelleiro se compara con Bárcenas, claro”, ironizou Tania García.

Sobre a súa responsabilidade como concelleiro, en relación a que estas actividades se realizaron cando non exercía cargo público (aínda que o evento non realizado polo que percibiu 4.500€ é de datas nas que Tomás Fole xa era Alcalde e o agora concelleiro xa fora integrante da lista electoral do PP ás eleccións municipais), os socialistas pregúntanse “como se pode ter tanta cara”. “Francisco González apropiouse de fondos públicos falseando documentación. Está absolutamente inhabilitado para exercer un cargo público e manexar cartos de todos os veciños”, sentenciou Tania García, quen afirmou que “a argumentación do concelleiro podería chegar incluso a defender que Bárcenas pode ser Ministro de Facenda, porque todo o mal que fixo foi antes do nomeamento. Absurdo e insultante.”. 

6/8/13

Os socialistas de Vilagarcía consideran indecente a actitude do concelleiro de Cultura e do Alcalde Tomás Fole

Dende o PSdeG afirman que a investigación que abre a Xunta é unha evidencia da situación na que está o concelleiro


Apuntan que xa está asumido e comprobado que o concelleiro “cobrou 4.500€ por unha actividade que non se celebrou”, polo que aseguran que a dimisión é o único camiño

Vilagarcía de Arousa, 6 de agosto de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía afirman sentir “vergoa allea” pola actitude do concelleiro de cultura Francisco González e o Alcalde Tomás Fole ante a publicación do expediente do tristemente famoso Feirón solidario, que deixa en evidencia que o agora concelleiro de cultura cobrou unha subvención de 4.500€ para a realización de dita actividade que nunca se celebrou.

O expediente feito público demostra que ata 3 meses despois da suposta celebración do evento, Francisco González aporta unha memoria xustificativa explicando con todo detalle cuestións referidas ao Feirón que non se celebrou. “A apelación da memoria á adopción de cans, aos problemas previos ás representacións teatrais ou as fotos da suposta actividade son unha burda e rexeitable manipulación de información”, indicou Tania García, que insistíu en que “estamos a falar de que Francisco González escribíu e asinou unha memoria a sabendas de que era mentira, co obxecto de embolsarse 4.500€”.

Para os representantes socialistas é un “auténtico escándalo” que un concelleiro e un Alcalde recoñezan, con toda a normalidade, que hai un expediente xustificativo que contén unha mentira constante e que crean que iso non merece maior atención. Pregúntanse, ademais, dende o PSdeG, se a Francisco González “non se lle cae a cara de vergoña de ter utilizado para o seu beneficio persoal o nome de entidades como a Protectora de animais, Cáritas ou Cruz Vermella”. “Triste, lamentable, indigno e vergoñento” foi como calificou Tania García a todo este proceso de “engano e fraude de subvencións”.

Por último, a voceira socialista pregúntase “que lle ocorre ao Alcalde que está tan botado a perder que en vez de destituir fulminantemente ao concelleiro de Cultura sae na súa defensa a pesares de ser consciente de que se apropiou indebidamente de fondos públicos”. Os socialistas afirman desexar que o que esté a ocorrer non sexa que se está a cubrir a alguén máis e que se pudieran ver relacionadas máis persoas vinculadas ao PP.

31/7/13

Os socialistas de Vilagarcía consideran que a bandeira vermella da praia Concha-Compostela é o símbolo da incapacidade de xestión dos areais por parte do Alcalde Tomás Fole

Lémbranlle ao rexedor que pasou toda o seu tempo na oposición bramando sobre a praia e facendo moreas de promesas que agora desapareceron

Apuntan que o único investimento real propio deste Goberno Local foron máis de 60.000€ en hinchables

Vilagarcía de Arousa, 31 de xullo de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García, colocou hoxe á bandeira vermella da praia Concha-Compostela como o símbolo da capacidade de xestión do Alcalde e o Goberno Local en materia de praias. A socialista considera que a situación deixa en evidencia ao equipo de goberno, e pide que se aclare que teñen feito os responsables directos sobre a situación para tentar de evitala.

Nesta liña, adianta García que “os vertidos sobre a praia é unha problemática sobre a que dende o Partido Socialista vimos alertando hai moito tempo, e apuntamos dende sempre que merecen unha actuación real e eficaz”. Por el contrario diso, García queixouse de que “o conselleiro Agustín Hernández a través do Plan de Saneamento Integral das Rías, prometeu de todo, por prometer que non falte, e Fole fíxose fotos de todas as posturas e en todos os lugares posibles da praia, pero ao final xa vemos a intervención real: cero”, e apunta que “Fole converteuse nun alumno aventaxado do PP na técnica do prometer e prometer para logo non facer, como aplicou Marta Rodríguez co Hospital do Salnés e como Rajoy está a facer en España”.

Para Tania García o problema dos vertidos necesita dun plantexamento serio, e que non pode ser tratado a golpe de impulso ou poñendo parches. Unha das medidas que se iniciaron na anterior lexislatura foi a da canalización do río Tripera, que permitiría ademáis intervir sobre un dos principais puntos de vertidos. Esta actuación quedou aparcada coa chegada de Fole ao Goberno de Vilagarcía, e García lembra que “houbo moitos recordatorios por parte do noso partido, apuntando á importancia desa intervención. Incluso presentamos no Pleno Municipal unha moción instando á execución das obras no inverno pasado. O Goberno Local votou a favor, e estamos en agosto e aí están as obras”. “Este Goberno é un desastre”, sentenciou García.

A modo de exemplo resumo de todo o anterior, a voceira socialista deixou para a reflexión que “o único investimento en dous anos de Goberno Fole sobre a praia Concha-Compostela foron aproximadamente 60.000€ e estaban destinados a colocar hinchables durante uns breves días no verán”.