Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

17/5/14

MOCIÓN: PROGRAMA DE BECAS UNIVERSITARIAS DE VILAGARCÍA



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O eido educativo supón un dos piares fundamentais do Estado, xunto coas políticas sociais e a sanidade, para garantir dereitos que deberán considerarse indestrutibles como a igualdade de oportunidades. Principalmente neste punto o sistema educativo debe adecuarse ás situacións que se produzan no contexto para manter tales bases.

Na conxuntura económica actual, o sistema educativo español está nunha situación crítica, como veñen alertando todos os colectivos que participan del. Particularmente o sector universitario está a ver como as dificultades económicas que viven moitas familias impacta de maneira especial nas oportunidades de formación universitaria dos nosos mozos e mozas.

Datos proporcionados polo propio Goberno do Estado no informe “Datos y Cifras del sistema universitario español” evidencian que 80.000 estudantes quedarán fora do sistema pola redución das becas destinadas a garantir a igualdade de oportunidades entre os alumnos con máis recursos económicos e os que menos teñen. Estímase que a baixada media das becas para o vindeiro curso será de 300€ por alumno, o que dadas as cifras limitadas que este año manexaban, suporá unha grande dificultade engadida para alumnos e alumnas. O endurecemento das condicións de acceso ás becas suporá que se reducirán ata un 63% o número de beneficiarios se o comparamos coa última concesión de becas da anterior lexislatura.

Un dos aspectos que máis contribúen a esta redución de dereitos está na esixencio marcado dunha nota de corte das becas superior ao aprobado, de forma que pásase a considerar que as becas deben introducir un baremo de rendemento de maior esixencia que para os alumnos que, tendo máis recursos, poden estudiar sen necesidade de axuda do sistema público. Esta absoluta discriminación negativa cara as persoas con menores recursos supón un quebranto do principio fundamental das becas, que supón garantir que non existan persoas que vexan limitada a posibilidade de acceso aos estudos universitarios por cuestións económicas. O sistema Wert esixe máis aos alumnos que teñen menos recursos, mentras que asume que os que se poden costear a súa formación universitaria teñen dereito a sacar menores notas, o que vulnera o principio de igualdade.

A Conferencia de Rectores Universitarios de España (CRUE) denunciou xa a suba de tasas, e o encarecemento das segundas e terceiras matrículas así como dos másteres universitarios, alertando de que iso produciría unha desigualdade entre clases sociais trasladada á formación universitaria.

Este salto provocado pola Lei Wert está facendo aflorar casos de familias que acuden ao sistema de protección social non gubernamental para pedir axuda, como denunciou xa Cáritas de Vilagarcía recentemente. Por isto, os socialistas consideramos que a administración debe garantir que os nosos mozos e mozas, que son aos que debemos formar e aos que debemos dar oportunidades para o presente e o futuro, tendo en conta que todos os estudos actuais sinalan que o desemprego, e particularmente o desemprego xuvenil, ten unha relación directa co nivel de formación, de forma que os mozos e mozas menos formados son os que sufren maiores índices de paro.

Por todo o anteriormente exporto, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Vilagarcía de Arousa somete a votación a seguinte MOCIÓN para ser aprobada:

1)      Establecer un programa de becas para universitarios/as de Vilagarcía que garanta o dereito ao acceso ao sistema universitario en igualdade de condicións para todos/as, destiñado ao pago de matrículas, adquisición de material básico para o estudio e transporte.


2)   Constituír unha comisión de seguemento do programa na que se inclúan organismos de carácter social que veñen axudando nesta labor actualmente ás familias en situacións de necesidade.

13/5/14

O PSdeG de Vilagarcía solicita a súa dimisión a Susana Camiño, que acepta e presentará mañá.

A dirección do PSdeG de Vilagarcía, nunha xuntanza de urxencia da dirección permanente esta noite despois dos compromisos laborais dos seus membros, e en permanente contacto coa dirección nacional galega do PSdeG quere manifestar:

· O seu profundo pesar e consternación polo asesinato de Isabel Carrasco, acto fronte ao que manifesta a súa total repulsa.
· Que as declaracións feitas por Susana Camiño, ata o día de hoxe concelleira municipal, son absolutamente inadmisibles e non representan en ningún caso a postura do partido nin de ningún dos seus membros. Os socialistas aceptamos ningunha explicación ou xustificación da violencia en ningunha das súas formas.
· Que a dirección do Partido Socialista de Vilagarcía, en contacto coa dirección nacional galega do PSdeG, solicitou a Susana Camiño a súa renuncia inmediata ao acta de concelleira, acción que Camiño anunciou que levará a cabo durante o día de mañá.


Vilagarcía de Arousa, 12 de maio de 2014


9/5/14

O Partido Socialista de Vilagarcía celebra o mitin central da comarca de Arousa o domingo 11 de maio no Salón García

Os socialistas, xa metidos de cheo na campaña, organizan un acto público aberto a toda a cidadanía para dar a coñecer as liñas fundamentais das súas propostas para Europa.

Vilagarcía de Arousa, 9 de maio de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía celebrará o vindeiro domingo 11 de maio ás 12:30 no Salón García (Casa da Cultura) un mitin ao que convocan a toda a cidadanía progresista. Estes comicios europeos son os máis relevantes dos últimos anos xa que será o Parlamento Europeo o que elixirá por primeira vez ao Presidente da Comisión Europea.

Na actual situación de crise económica, cambiar a maioría conservadora imperante en Europa é o obxectivo principal da socialdemocracia europea para relaxar as medidas de austeridade e impulsar unha Europa máis social que teña en conta os problemas da xente.

No citado acto intervirán:

 - José Blanco. Candidato do PSOE ao Parlamento Europeo.

- Óscar López. Secretario de Organización do PSOE.

- Tania García. Voceira do PSOE no Concello de Vilagarcía

- Miro Serén. Secretario Xeral do PSOE de Vilagarcía


Sinalar tamén que maña sábado ás  11 h estará José Blanco na sede do partido na rúa Castelao para posteriormente saír de reparto no mercado de Vilagarcía.

8/5/14

O Partido Socialista alertan da esixencia da presidenta da Autoridade Portuaria de que os membros do Consello Portuario "non fagan pública a información", que consideran inaceptable

Os socialistas denuncian un intento de coacción no ultimo Consello Portuario, no que a dirección do Porto pretendeu recriminar a Lino Mouriño que fixera valoracións públicas dos asuntos que se tratan no Consello

Tania García, como voceira municipal, esixe desculpas á Presidenta da Autoridade Portuaria á que lembra que "a democracia funciona de outra maneira"

Vilagarcía de Arousa, 7 de maio de 2014.- Os socialistas de Vilagarcía manifestaron hoxe a súa profunda indignación pola situación que Lino Mouriño, concelleiro socialista no Pleno Municipal e representante no Consello Portuario, tivo que vivir na última reunión do Consello na que asistíu a un intento de chamada de atención por parte da dirección portuaria encabezada pola presidenta, Sagrario Franco. Esta pretendida recriminación apelou ao feito de que Mouriño comente e faga valoracións públicas dos asuntos que se tratan no Consello Portuario, cuestión que a presidenta considera que non se debe realizar pois os asuntos do Consello "non son para facerse públicos".

O Partido Socialista considera que a presidenta "cruza con esto unha liña vermella", en palabras de Tania García, quen apuntou que "resulta inadmisible que dende unha institución pública se adopten estas actitudes, pois son precisamente as que máis transparentes deben ser". García preguntouse "que concepto hai que ter do funcionamento das administracións para montar unha escena non Consello Portuario, coa que se pretenda coaccionar a un representante da Corporación para que non faga valoracións e faga pública a información da propia institución". García Sanmartín foi mais alá e insistiu en que "todo apunta a pensar que a presidenta da Autoridade Portuaria prefire facer as cousas baixo corda, ás agachadas, e así que non nos enteremos do que ocurre no Porto. Se cadra non quere que se airee a súa complicidade nos pelotazos nos que o Porto participou, ou o seu hábito de que o coche oficial con chófer a vaia buscar e a levar á súa casa todos os días".

A voceira socialista anunciou que, dada a gravidade desta situación, interpelará ao Alcalde polas vías que sexan necesarias, para que este, en nome do Concello de Vilagarcía, reclame formalmente a máxima transparencia á Autoridade Portuaria e pida que a súa presidenta se disculpe polo seu erro.

22/4/14

Os socialistas de Vilagarcía acusan ao Alcalde de aplicar a lei de maneira arbitraria ao pretender facer cumprir a normativa sobre terrazas e toldos

Lembran dende o PSdeG que xa ocorreu o mesmo no caso do incumprimento de horarios por parte dos hostaleiros na Festa da Auga 2012, na que Fole sancionou a uns locais pero non a outros, aínda que todos estiveran incumprido o horario de peche

Apuntan que “tres anos despois de prometer todo o que lle veu en gana, o Alcalde é incapaz de resolver ningunha situación e vai xerando problemas constantemente”

Vilagarcía de Arousa, 22 de abril de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía, por boca da súa voceira municipal Tania García, criticou hoxe con dureza a xestión do conflito das terrazas e toldos de hostaleiros e comerciantes, que se incrementou despois da decisión do Goberno Local de anunciar sancións a algúns negocios dando 24 horas para resolver os problemas detectados. A voceira socialista no Concello de Vilagarcía, Tania García, acusou ao Alcalde de aplicar a lei de maneira arbitraria ao facer cumprir a normativa a uns negocios pero facer a vista gorda intencionalmente con outros. Lembrou García Sanmartín que xa houbo constatación desta conducta en 2012, cando o Alcalde ordeou inspeccionar o horario de peche dos locais, e perante os informes que advertían do incumprimento de horarios por parte de varios locais únicamente resultaron sancionados algúns, quedando exentos outros. “Seguindo esta liña”, apunta a voceira socialista, “en plena Semana Santa o Alcalde ditamina que algúns negocios, pero non todos, teñen 24 horas para revisar terrazas e toldos baixo risco de forte sanción”. Este despropósito ten a súa continuación nas recentes declaracións do Alcalde que di agora que non se inspeccionarán os comercios, - “porque o Alcalde é consciente de que é un colectivo que o rexeita e pretende gañarse o seu favor” apunta García - , e pedindo aos colectivos que resolvan eles o problema, cuestión que, como apuntan os socialistas, “ponlle a guinda ao desconcerto”.

Dende as filas socialistas califican de “patético” o constante cambio de criterio e de formas de actuación do Alcalde neste punto, e reclaman “un criterio, unha norma consensuada co maior espectro de axentes posibles – hostaleiros, comerciantes, grupos políticos… - e a súa aplicación”. Sen embargo, os socialistas afirman estar recibindo consultas e queixas de donos de negocios en Vilagarcía que non saben que ocurrirá o día de mañá porque comproban que “un día di unha cousa e outro día di outra”. García Sanmartín apuntou que “hai tres anos que Fole, por mero electoralismo, alimentou un conflito que non era tal e adicouse a prometer que el solucionaría todo con moita premisividade. Levamos tres anos dende aquela e o único que teñen hostaleiros e comerciantes de Vilagarcía é a convición de que no Goberno Local non hai criterio fiable de nada”.

Dende o Partido Socialista pídenlle ao Alcalde “criterio e decisión”. “Existen moitas propostas, suxerencias e vontade de resolver unha cuestión que afecta a sectores económicos fundamentais para Vilagarcía”, non entanto denuncian dende o PSdeG que os comerciantes e hostaleiros confesan sentirse preocupados, e os socialistas apuntan a que “este Concello estase convertindo nunha burla. Todo vale, ata que alguén se queixa, entón móntase unha norma para quedar ben, aplícaselle un criterio aos amigos e outro aos que non o son, e ao final queda todo no aire e volve a estar como ao principio”.

Veto a iniciativas presentadas ao Pleno
García Sanmartín aproveitou a ocasión para comparar a actuación do Alcalde coa dos grupos da oposición, aos que o propio Fole retira e impide presentar iniciativas ao Pleno Municipal, como novamente ocorreu para este vindeiro Pleno. A xuntanza de portavoces do día de onte serviu unha vez mais para comprobar que o Goberno Local rexeita sistemáticamente propostas e ideas doutros grupos, co único argumento da maioría numérica da que agora dispoñen no Pleno. “O grupo socialista é o que máis iniciativas presenta para o debate, e ante a falta de criterio e capacidade do Goberno Local sentímonos aínda máis responsables de aportar traballo para evitar o descarrilamento do Concello, pero o Alcalde pretende ocultar ese traballo que deixaría aínda máis en evidencia a súa incompetencia”, concluíu Tania García.

10/4/14

O Partido Socialista de Vilagarcía conmemorará o día da República coa proxección dun documental premiado co Goya e a tradicional ofrenda floral

O filme “Las maestras de la República”, gañador do Premio Goya ao mellor documental este ano, será proxectado no Auditorio, o sábado ás 20h.

A tradicional ofrenda floral no monumento Rosas Rotas será o lunes ás 20h, conmemorando o día 14 de abril, aniversario da implantación da II República

Vilagarcía de Arousa, 10 de abril de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía conmemorará, como ven sendo tradición, o día 14 de abril como Día da República, en lembranza do propio 14 de abril de 1931, día de instauración da II República Española. Os socialistas aproveitarán o propio luns, e tamén o sábado 12, para celebrar distintos actos que consideran de interese para reivindicar un cambio no modelo do Estado.

As dúas principais citas que os socialistas marcan no calendario son a proxección do documental “Las maestras de la República”, previsto para o día sábado 12, ás 20h no Auditorio Municipal, e a ofrenda floral no monumento Rosas Rotas, o luns 14 ás 20h. O documental que se proxectará foi o gañador do Premio Goya 2014 ao mellor documental, e é unha actividade organizada conxuntamente por Xuventudes Socialistas e o Partido Socialista, en colaboración coa sección Fete-Ensino, de UGT, organización que levou a cabo o proxecto da rodaxe do documental. O documental, de aproximadamente 70 minutos de duración, estará aberto ao debate de calquera persoa que desexe participar.

A ofrenda floral do luns é o acto xa tradicional dos socialistas nestas datas, e constitúe “unha reivindicación histórica do Partido Socialista en defensa da memoria colectiva, e no empeño en que as persoas que foron víctimas dun alzamento militar contra a República teñan o recoñecemento que merecen, fronte ao olvido ao que estiveron históricamente sometidas tanto elas como as súas familias” apuntou Miro Serén, Secretario Xeral dos socialistas vilagarciáns. Por eso o lugar elexido é o monumento Rosas Rotas, no parque Miguel Hernández, escultura precisamente adicada ás victimas do levantamento militar do ano 36, que o foron en defensa da República democráticamente constituida.

“Estes actos non os entendemos como actos propios e exclusivos do noso partido”, declarou Miro Serén, Secretario Xeral dos socialistas vilagarciáns, “mais son reivindicacións que os socialistas consideramos fundamentais, e que apelan a non olvidar o noso pasado para non volver a repetir os erros. E reivindican tamén, e por riba de todo, un modelo de Estado mais xusto, máis democrático, en lembranza dunha época que foi destacada na consecución de dereitos e liberdades para a sociedade, cuestión que hoxe en día está de rabiosa actualidade pois vivimos nunha etapa de recorte, precisamente, de dereitos e liberdades que tempo atrás parecían xa inamovibles. Conmemoramos este día dende o raigame republicano do Partido Socialista e dende a defensa dos valores democráticos e históricos que neste sentido temos defendido”.

Ambos actos serán absolutamente abertos a todas as persoas que queiran participar de calquera modo.

7/4/14

Os socialistas preguntan no Parlamento polas demoras na concesión da RISGA. A voceira socialista Tania García critica a falta de recursos públicos para atallar a grave situación que padecen miles de persoas

Vilagarcía de Arousa, 05 de abril de 2014.- Deputados socialistas presentaron o pasado día catro, a petición do Grupo municipal socialista de Vilagarcía, varias iniciativas no Parlamento de Galicia sobre a situación das axudas da Renda de Integración social de Galicia, RISGA. Concretamente os socialistas, como tamén fixeran en 2012, solicitan información sobre o número de solicitudes tramitadas e concedidas, o número de solicitudes pendentes de resolución e os motivos das demoras na resolución destas axudas. A RISGA concédese a aquelas persoas que carecen de ingresos, polo que resulta insostible e inexplicable a tardanza na concesión destas axudas.

Para os socialistas as nefastas políticas sociais do Partido Popular están abocando a milleiros de persoas a vivir na máis absoluta indefensión e indixencia. Tanto a nivel  autonómico como a nivel local, os socialistas denunciaron os escasos orzamentos para as políticas sociais, enmendas que non aceptou nin o goberno da Xunta de Galicia, nin o goberno local de Vilagarcía e en ambas administracións  houbo que facer unha ampliación dos orzamentos para estas partidas a mediados do pasado ano. Ademais os socialistas critican a prohibición imposta por Mariano Rajoy de non permitir a contratación de persoal por parte das administracións públicas. "Esta decisión, como todo, ten que ter excepcións, non se pode impedir a contratación de técnicos do eido social, cando os Servizos Socias están a multiplicar exponencialmente o número de persoas usuarias. As consecuencias desta falta de recursos económicos e humáns, é o que está a xenerar unha media de dez meses na demora na resolución dos expedientes das axudas da RISGA. Hai que dar un pronta resposta ás graves situacións que están a vivir milleiros de persoas, pero que lle imos pedir a un Partido Popular que osa cuestionar os informes de Cáritas Española sobre a pobreza en España" Sinalou a voceira socialista, Tania García.


Para os socialistas de Vilagarcía o Partido Popular coas súas decisións en materia de política social están provocando auténticas situacións de emerxencia e desesperación, como é o caso da veciña de Vilagarcía que está en folga de fame dende o pasado xoves. O caso desta veciña é tan so a punta do iceberg dun elevado número de persoas e familias , moitas delas con menores ao seu cargo, que están a vivir na máis absoluta das indixencias, sobrevivindo da beneficiencia mentras o Estado mira para outro lado.