Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

25/1/15

Preguntas parlamentarias e Proposición Non de Lei (PNL) do PSdeG sobre Lantero

O venres 23 de xaneiro, o PSdeG presentou no Parlamento, a través da deputada Patricia Vilán e tras unha xuntanza cos representantes do PSdeG de Vilagarcía Alberto Varela e Tania García, unha serie de iniciativas parlamentarias sobre a situación da empresa Lantero e conflicto laboral existente. Concretamente, rexistráronse 5 preguntas ao Goberno da Xunta e unha PNL instando ao ente autonómico a intervir na situación para tentar de axudar a resolver o conflicto.

Ademáis, no vindeiro luns os socialistas presentaremos no Valedor do Pobo un escrito demandando a información que a Xunta está a negar sobre as subvencións concedidas á empresa Lantero, e para coñecer os posibles condicionantes que poidan ter sobre a plantilla e as condicións laborais. 

----------------------------------

O 14 de outubro de 2014, o grupo parlamentario socialista solicitaba á Xunta de Galicia copia das resolucións definitivas de concesión de axudas públicas á entidade empresarial “LANTERO EMBALAJE” (cunha factoría sita en Vilagarcía de Arousa), tanto se fose adquirida con fondos propios como con fondos da UE e/ou do Estado. Esta solicitude foi remitida á Consellería de Presidencia con data 21 de outubro e, ante a pasividade do goberno, reiterada o 27 de novembro.

Os traballadores de “LANTERO” levan máis de 100 días de folga (dende o día 13 de outubro), nun conflicto laboral que xa é un fito na historia da loita obreira en O Salnés. Aínda máis, a súa é unha das folgas máis longas de Galicia; 24 horas de garda ás portas da nave de O Pousadoiro. A maior abundanza, o día 21 de outubro o Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra declarou legal a folga.

E cal é a resposta da empresa? 48 traballadores xa teñen recibido a súa carta de despido. No propio documento de despido, a empresa fala da vía do despido colectivo para subcontratar o servizo prestado polos traballadores despedidos. 48 traballadores dos máis de 100, das máis de 100 familias que en Vilagarcía de Arousa e a súa comarca vivían do traballo nesta empresa.

Mentres, malia pedila, a Xunta de Galicia non entrega a documentación que se lle pediu ao día seguinte do inicio da folga nen tenta mediar para tentar solucionar o problema.
           
PREGUNTAS:
1.- Ten coñecemento o goberno da Xunta da situación da entidade empresarial “LANTERO EMBALAJE” (cunha factoría sita en Vilagarcía de Arousa)?

2.- Que pasou coas axudas públicas á empresa, tanto en fondos da Xunta, da UE e/ou do Estado?

3.- Por que o goberno non entrega a documentación solicitada por este grupo parlamentario relativa ás axudas, dadas a gravidade e urxencia do problema?

4.- Cal é a opinión do goberno sobre a actitude da empresa cos traballadores?

5.- Vai mediar a Xunta de Galicia entre o a empresa e a representación dos traballadores para tentar solucionar o conflicto?


PNL:  Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno:

O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que medie entre a entidade empresarial “LANTERO EMBALAJE” e a representación dos traballadores, para tentar solucionar o conflicto da factoría en Vilagarcía de Arousa.

15/1/15

O Partido Socialista denuncia que a Xunta “oculta” a información que solicitaron hai tres meses sobre as axudas públicas concedidas a Lantero

Alberto Varela anuncia que, de non recibir resposta inmediata, acudirán ao Valedor do Pobo para obligar á Xunta a dar unha información que xa tiña que ter facilitado

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estará mañá en Vilagarcía para reunirse cos traballadores e o comité de empresa

Vilagarcía de Arousa, 15 de xaneiro de 2015.- O Partido Socialista de Vilagarcía reclama que leva tres meses agardando pola información solicitada á Xunta de Galicia sobre as axudas públicas concedidas á firma Lantero, que os socialistas solicitaron xa no inicio do conflicto laboral para comprobar se existiron condicións relativas á plantilla de traballadores ou o mantemento do emprego. Os socialistas, a través da súa voceira municipal Tania García, iniciaron esta acción xa en outubro, que se concretou cando o día 21 daquel mes a deputada Patricia Vilán presentou a solicitude para recabar a información relativa ás axudas públicas concedidas á empresa. Os socialistas alertan que aínda non recibiron resposta algunha, o que consideran unha “ocultación da información”. A propia deputada Patricia Vilán presentou un escrito insistindo na solicitude, sobre o que tampouco recibiu resposta.

O candidato socialista á Alcaldía, Alberto Varela, advertiu que, de non obter a información inmediata nos vindeiros días, os socialistas teñen preparado acudir ao Valedor do Pobo. “Resulta extraordinariamente sorprendente que unha administración como a Xunta de Galicia sáltese manifestamente todos os prazos e a decencia administrativa ocultando información”, expresou Varela. O alcaldable socialista non eximiu de responsabilidade a Tomás Fole, do que dixo que “se os cidadáns tiveran a mínima sensación de que Fole ten algún interese en solucionar o conflicto, ou polo menos en que os traballadores teñan dereito a coñecer a información sobre a situación, podería ter botado unha mano ou directamente ser el mesmo o que solicitase a información”, mais concluiu que “xa ninguén conta con que este Alcalde axude a solucionar nada”.

Visita de José Ramón Gómez Besteiro
Os socialistas anunciaron tamén que mañá, sendo ésta a semana en que se iniciou o xuicio sobre a folga dos traballadores, o secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro acudirá a visitar aos traballadores e reunirse co comité de empresa de Lantero, para coñecer a actualidade dos últimos días e ter contacto de primeira man cos traballadores. “Moitos compañeiros e compañeiras, de todos os puntos de Galicia, pregúntannos e interésanse pola situación dos traballadores de Lantero. Recibimos moitas chamadas e consultas sobre unha situación tan dura de militantes que se atopan en defensa doutras situacións de conflicto laboral e compañeiros dos sindicatos que se preocupan por eles. A visita do compañeiro Besteiro, como xa o foi a da compañeira Pilar Cancela, secretaria de organización, e a da propia deputada Patricia Vilán que estiveron nas movilizacións anteriores, pretende trasladar tamén esa solidaridade”, recalcou Alberto Varela.


Gómez Besteiro e Varela celebrarán ás 20.30h na sede dos socialistas unha asemblea aberta a calquera veciño/a que queira asistir na que debatirán sobre as propostas e preguntas que trasladen os asistentes sobre a situación política de Galicia e Vilagarcía. 

25/12/14

Os socialistas manifestan o seu "asombro" polo "absurdo" recurso anunciado por Fole de convocar Pleno Municipal con carácter extraordinario e urxente para mañá

Alberto Varela afirmou que utilizar este método amosa "unha ausencia total de planificación" e apunta que "para gobernar é preciso ir por diante dos temas"

Tania García atribúe o formato á "indecencia" do actual Alcalde que "non ten o menor criterio do funcionamento democrático das institucións"

Vilagarcía de Arousa, 25 de decembro de 2014.- O anuncio por parte do Alcalde Tomás Fole de que convocará Pleno Municipal con carácter extraordinario e urxente durante a mañá de mañá venres 26, para celebrarse pola tarde, supón para os socialistas de Vilagarcía "unha proba evidente da ausencia de criterio e falta dos mínimos conceptos de funcionamento democrático das institucións", segundo apuntou a voceira municipal Tania García.

O candidato socialista Alberto Varela afirmou que non comprende esta situación, e razonou que os orzamentos municipais "son a ferramenta fundamental de funcionamento e xestión dun Concello, e deben ser aprobados todos os anos como sabe calquera persoa. É o tema sobre o que se debe, e se pode, ter a maior planificación incluidos os tempos de presentación ao Pleno". Dado esto, Varela entende que ter que utilizar a vía de urxencia para aprobar uns orzamentos "soamente pode ser debido a unha ausencia total de planificación" e comparou este goberno ao "estudante que quería salvar un exame estudando a noite anterior, a ver se tiña sorte e acertaba os temas". Varela plantexou que "para gobernar é preciso ir por diante dos temas" e que "un goberno serio debe ter unha mínima planificación que lle permita axustar os tempos ao que precisa, e non ao revés".

A voceira socialista, Tania García, que terá que defender a posición socialista no Pleno ante a aprobación dos orzamentos, foi dura con Tomás Fole ao lembrar que "este sistema o que permite é que o venres pola mañá nos faciliten unha documentación que teremos que ter estudiada, analizada, e sobre a que teremos que debater e tomar posición no mesmo venres pola tarde", e apuntou que "Fole perdeu todo o sentido e a súa única intención é arremeter contra os grupos da oposición". "Estamos ante un Alcalde que perdeu os papeles definitivamente, e que terxiversa e retorce os mecanismos de funcionamento democrático para tentar ocultar que é un incapaz", sentenciou García Sanmartín quen concluiu que "pola súa infausta xestión e o seu inexistente talante democrático, os veciños xa apuntan que Fole é o peor Alcalde da historia democrática desta cidade. E teñen razón".

23/12/14

Os socialistas asumen que o Pleno Municipal manterá a súa data e carácter ordinario orixinal

O candidato socialista Alberto Varela pídelle ao Alcalde que teña un pouco de criterio nos asuntos que afecten a todos

A voceira municipal Tania García informou hoxe que non teñen recibido ninguna convocatoria que informe da orde do día nin, obviamente, ningunha documentación do Pleno

Vilagarcía de Arousa, 23 de decembro de 2014.- Dende o PSdeG de Vilagarcía anunciaron hoxe que asumen que o vindeiro Pleno Municipal celebrarase o vindeiro luns día 29 e terá un carácter ordinario como estaba orixinalmente plantexado, ante a non existencia de ningunha convocatoria d pleno extraordinario. A voceira socialista, Tania García, informou hoxe de que non existe ningunha convocatoria nin información formal sobre as intencións orixinais que Tomás Fole anunciou públicamente a través dos medios de comunicación, de trasladar a convocatoria do Pleno Municipal para o venres 26 e darlle carácter extraordinario, vetando mocións dos grupos políticos e as intervencións dos veciños e veciñas. García Sanmartín apuntou que "como tantas veces, Fole lanza unha ocurrencia a través da prensa, presume dela e envalentónase defendéndoa, e logo se fai falta vai para atrás. Polo menos a ver si desta volta non lle bota a culpa aos periodistas como ven facendo últimamente".

Ao non existir ningunha convocatoria, non hai orde do día e, como apuntou a voceira socialista, "non hai documentación os asuntos a tratar". Esta situación invalida, segundo interpretan dende o PSdeG, que exista unha real intención de convocar o Pleno o vindeiro venres como era a idea inicial. Tania García valorou que "chegamos a esta situación porque Fole non soubo xestionar unha vez máis correctamente o debate de orzamentos, pretendendo  non negociar nin sentarse con ninguén a buscar acordos. Daqueles polvos chegan estos lodos, e agora comprobamos como ten unha ocurrencia cada día para ver como amaña esta situación".

Alberto Varela, candidato socialista á Alcaldía de Vilagarcía, valorou como "unha ausencia total de criterio" o anuncio dunha modificación do Pleno que logo non se realiza. "O que non é de recibo é que a autoridade da alcaldía se utilice para negar información, agochar documentación e manexar ao antoxo os procedementos pervertindo o funcionamento natural dun Concello", apuntou Varela. O candidato socialista defendeu que "estas cousas, aínda que non supoñan aparentemente directa para os cidadáns, son de gran importancia, pois afectan ao feito de que se poidan debater correctamente os temas e a que os grupos políticos e os cidadáns individualmente ou en colectivo participen das decisións políticas do seu Concello". "Son estes detalles os que culminan a impresión cidadá de que non existe unha liña directora sobre a acción de goberno, e iso preocupa aos veciños que queren dirixentes con criterios algo máis firmes", concluíu Alberto Varela.

20/12/14

Alberto Varela reúnese co sindicato UGT e manifesta o seu compromiso de poñer o Concello ao servizo da activación económica que priorice os dereitos dos traballadores

O sindicato trasladou ao candidato socialista que a súa principal preocupación está coas familias que están en risco de exclusión

O candidato socialista valorou especialmente as recentes situacións que están a sufrir traballadores do Concello, atacados polo Alcalde Tomás Fole, e comprometeuse a retomar e normalizar as relacións



Vilagarcía de Arousa, 20 de decembro de 2014.- O candidato socialista á Alcaldía de Vilagarcía, Alberto Varela, continuou a súa rolda de contactos cos colectivos e axentes sociais da vila, e mantivo onte unha xuntanza cos representantes de UGT na comarca de Arousa acompañado da voceira municipal Tania García e o concelleiro Lino Mouriño. Varela quixo poñer énfase no feito de que "as miñas prioridades foron reunirme inicialmente cos traballadores de Lantero, e agora con máis representantes dos traballadores, porque considero que se a actividade económica e o emprego é un obxectivo prioritario para o presente e futuro, debemos por especial atención en que ningunha decisión, ningunha situación futura, debe tomarse sen defender os dereitos dos traballadores".

Varela compartiu cos representantes sindicais as valoracións sobre a situación laboral da comarca, na que todos apuntaron a necesidade de defender uns dereitos laborais "que a reforma laboral do PP está contribuindo decididamente a cercenar a pasos axigantados". Ambas partes compartiron a preocupación porque a situación económica pretenda establecer como definitivos escenarios laborais nos que os traballadores asumen condicións laborais máis duras e, aínda así, perden poder adquisitivo. Esto produce máis e maiores desigualdades, e así os membros de UGT pediron a Varela que, de ser Alcalde, manteña sempre o obxectivo de axudar a aquelas familias en situacións máis delicadas e en risco de exclusión social. Varela expuxo na xuntanza que a súa primeira medida como Alcalde será convocar a todos os axentes económicos e sociais para, con todos traballando en común na mesma mesa, compartir e tomar decisións conxuntas para promover a reinicio da actividade de Vilagarcía, toda que vez que agora está "estancada e sen proxecto de cidade dende o Concello".

De maneira especial, os representantes sindicais amosaron a súa preocupación pola situación que están a atravesar os traballadores no Concello de Vilagarcía, onde recentemente se están a producir algúns episodios que Varela calificou de "inaceptables", manifestando todos os presentes a necesidade de que as relacións volvan á normalidade cun novo equipo de goberno. Estas valoracións fixeron referencia á situación dos traballadores do área de comunicación, obrigados nos últimos tempos a traballar en condicións de risco laboral e que, tras manifestar as súas protestas, o Alcalde Tomás Fole puxo incluso no aire a súa permanencia laboral no Concello. Tamén, dentro desta situación de conflicto laboral con Concello, compartiron valoración sobre as declaracións de Fole nos pasados días nos que descargou sobre unha traballadora da fundación de deportes as súas críticas polo feito de ter esta feito un informe sobre a legalidade do procedemento de concesión de subvencións. Alberto Varela, quen foi ademáis representante sindical pola propia central UGT no Concello, afirmou que "nunca, a pesares das distintas situacións de convivencia entre traballadores e os distintos gobernos locais nas distintas lexislaturas, existiu unha agresión tan forte aos traballadores como agora, nos que o Alcalde chega a criticar de forma tan dura e inxusta a traballadores únicamente por facer o seu traballo. Pódese chegar a pensar que o goberno local quere traballadores sumisos e que estén dispostos a saltarse a legalidade no favor do Alcalde". 

Alberto Varela comprometeuse a que dentro do obxectivo claro e principal de xerar actividade económica e emprego para Vilagarcía, o que supón "a tarefa máis importante para o goberno entrante", esta se fará sempre en clara defensa dos dereitos laborais dos traballadores. Varela puxo como exemplo o caso de Lantero, onde o Concello ten accións posibles para tomar parte na situación e tratar de colaborar para tentar que se manteñan as condicións da plantilla, non entanto a acción do Alcalde foi "torpe, lenta e improductiva", valorou o candidato socialista.

Alberto Varela reafírmase na súa vontade de ampliar as oportunidades de participación cidadá nos asuntos municipais e considera “normal” que Fole e el teñan “ideas opostas”

O candidato socialista afrontou onte a súa primeira asamblea local do PSdeG como candidato, facendo unha encendida defensa dun “cambio radical na maneira de concebir e facer política en Vilagarcía”

 Varela apunta que facilitar a participación depende “da vontade e actitude política e non de enfarragosos tecnicismos usados como escudo”

Vilagarcía de Arousa, 19 de decembro de 2014.- Alberto Varela participou onte na súa primeira asemblea local do PSdeG como candidato á alcaldía. Os militantes reuníronse na noite de onte en sesión ordinaria para aprobar por unanimidade a xestión da actual Comisión Executiva Municipal, e para valorar as oportunidades que se abren nas vindeiras eleccións municipais, sobre as que predominou a sensación de que “o cambio é posible para os veciños e veciñas de Vilagarcía”, como indicou Varela na súa intervención. O candidato socialista falou ante os compañeiros para agradecer novamente a confianza depositada nel para este vindeiro proceso, e sinalou que “o exercicio democrático tan transparente” exercido a través das primarias celebradas no mes pasado dotou á agrupación de músculo e forza para afrontar os meses que quedan. Varela apuntou que o cambio de goberno en Vilagarcía “é un desexo de todos, e todos somos necesarios para elo”, engandindo que o obxectivo de que exista, a partir de maio, un goberno “da esquerda progresista” é “difícil, pero posible”.

Na súa intervención, Alberto Varela afondou na situación “de estancamento” que está Vilagarcía achacando a responsabilidade ao actual goberno “sen ideas nen proxectos”. Dentro da súa valoración expuxo aos presentes a súa vontade de levar adiante medidas e compromisos adicados a aumentar a participación cidadá, facendo fincapé na idea que deu a coñecer nos últimos días nos medios de comunicación de evitar as decisións de veto que está a exercer nesta lexislatura Tomás Fole, e garantindo que existirá a oportunidade de levar iniciativas a Pleno e que estas terán que ser debatidas se se presentan 500 firmas ou un tercio dos concelleiros do Pleno.

Ante as declaracións públicas do Alcalde valorando esta proposta como “echarse al monte”, Alberto Varela plantexou que “a participación na política é imprescindible para manter un sistema democrático, e facilitar ou non esta participación é unha cuestión de principios, de vontade e de actitude política. Eu estou pola labor de de ampliar todas as posibilidades, e esto non é unha idea nova senón unha situación que xa tería que que ser habitual. O Alcalde actual semella estar na posición contraria”. Varela considerou que, en realidade, é “normal” que el e Fole teñan puntos de vista “opostos” sobre a participación cidadá na política, e sinalou que “polo menos o Alcalde é coherente neste punto. Veta iniciativas dos grupos políticos, non convoca órganos de xestión como o Patronato de Fexdega e agora modifica un Pleno para que solo se poda falar do que diga el. Non muda a súa postura.”

O candidato do PSdeG plantexou que os socialistas falarán tamén nesta campaña de “orzamentos participativos” e puxo como exemplo a Deputación de Lugo, onde José Ramón Gómez Besteiro puxo en marcha este sistema para que moitas poboacións decidirán parte dos investimentos do ente provincial. 

17/12/14

Alberto Varela propón medidas para un funcionamento máis participativo das institucións municipais

O candidato socialista á Alcaldía promoverá os cambios posibles no regulamento de Plenos Municipais para reducir a arbitrariedade do Goberno Local e favorecer as iniciativas veciñais

A idea inspírase nas ILP, e pretende facer máis participativos e abertos os debates das cuestións municipais

Vilagarcía de Arousa, 17 de decembro de 2012.- Alberto Varela, candidato socialista á Alcaldía de Vilagarcía, valorou como "empobrecedor" que "a estas alturas" exista debate sobre a existencia ou non de debate sobre mocións e iniciativas dos grupos políticos no Pleno Municipal, e a posibilidade de calquera persoa de intervir en rogos e preguntas. "O natural é que poidan existir posicións diferentes sobre as propostas e ideas que se debatan nun Pleno. O sorprendente é que en Vilagarcía a cuestión sexa que non se deixan debater", manifestou. Varela comparte plenamente as valoracións feitas no día de onte por Tania García, a voceira socialista no Concello, quen plantexou unha cuestión fundamental ao indicar que Fole pretende escapar dos debates porque intenta non expoñerse. "Non entra no meu concepto da política o feito de que os representantes da cidadanía argallen métodos para fuxir do debate. A miña idea vai no sentido contrario, e por iso plantexo propostas para afondar no dereito á participación", apuntou.

O candidato socialista manifestou a súa intención de introducir medidas e compromisos orientados a elevar a participación e diminuir as posibilidades do Goberno Local, e particularmente do Alcalde, de limitar e condicionar o debate. Inspirado nas Iniciativas Lexislativas Populares, Varela plantexa estudiar fórmulas para que as propostas de debate asinadas por un número representativo de veciños, que poden cifrarse en 500, ou un tercio dos concelleiros do Pleno, deban ser tratadas en debate plenario sen posibilidade de exercer o veto que existe agora por parte do Alcalde, quen arbitrariamente decide os temas que van ou non van a ser tratados, "guiándose por un interese persoal e partidista".

"Os socialistas temos un gusto especial polo debate e polo traballo a prol dos veciños, e o traballo do grupo municipal nesta lexistatura amósao sendo o grupo que máis mocións presentou e o que máis unanimidades conqueriu. Esto evidencia a vontade de esforzo por traballar e o acerto á hora de levar ao Pleno temas de verdadeiro interese para os veciños e veciñas", presumiu Alberto Varela, "e por iso queremos contribuir a unha política máis participativa e máis aberta. É o que a cidadanía está a demandar, e con boa parte de razón, e temos que estar en favor desas demandas e non agochándonos oscurantistamente parapetados en argumentacións difusas e inexplicables".

Na mesma liña, o alcaldable do PSdeG apuntou que "os órganos colexiados que regulan algunhas actividades públicas non poden funcionar a mercede do que queira ou non queira un alcalde. O que ocorre co Patronato de Fexdega é ridículo. Se existe un Patronato terá que ser para ter capacidade de debate e decisión, senón é unha pantomima, e non estamos para pantomimas". Así, Varela comprométese a abrir á participación dos axentes sociais e económicos a xestión pública, "pero de verdade, sen utilizalos como escudo como pasa en Fexdega ou coa Fundación de Deportes, que pasou de realizar 25 xuntanzas ordinarias no ano na lexislatura pasada a facer 3 ou 4 agora".