Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

29/3/14

O Partido Socialista esixe a dimisión de Rocío Llovo polo fracaso cultural, turístico e económico que supón para Vilagarcía a perda do Festival do Norte

Tania García expresou hoxe a súa "tristura" porque "Vilagarcía queda sen un evento que xenera un dos maiores impactos económicos do ano"


Os socialistas piden ao Alcalde que "non toque nada máis no ano que lle queda", e afirman sentir vergoña allea de que sexa case diario que colectivos e entidades digan publicamente que se sinten enganados polo Goberno Local.

Vilagarcía de Arousa, 29 de marzo de 2014.- A noticia feita pública onte da marcha do Festival do Norte de Vilagarcía, para celebrarse a partir de agora en A Illa de Arousa supón, para o Partido Socialista, unha noticia "funesta" para Vilagarcía. Os socialistas, a través da súa voceira Tania García, consideraron hoxe que "a perda dun evento desta magnitude, xa consolidado como marca asociada a Vilagarcía e co impacto económico que ten para este Concello supón un mazazo para unha economía local que vivía, nos días do Festival, un aumento de ingresos e actividade moi importante".

Os socialistas non dubidan en sinalar como responsables ao Goberno Local, e particularmente ao alcalde Tomás Fole e á concelleira de Cultura Rocío Llovo. Lembran dende as filas socialistas que o ano pasado, este mesmo goberno puxo impedimentos e dificultades que atrancaron a propia celebración do Festival, e que de maneira constante viñeron tomando medidas e realizando declaracións que minusvaloraban o seu impacto e a súa importancia. "Dá a sensación", expuxo García Sanmartín, "de que a este Goberno incomódalle que haxa eventos deste tipo. Non entendemos por que. Ninguén comprende que se poida poñer trabas a esta cuestión". A voceira municipal tildou de "cegatos" aos dirixentes locais, aos que acusou de non ter "nin idea do que supón este Festival para hoteis, supermercados, hostalería... e o importante que é que miles de persoas visiten e coñezan Vilagarcía". Esa visión, "que si ten A Illa de Arousa, cun Goberno Local que entendeu a importancia económica, cultural e turística deste evento, deixa a Vilagarcía sinalada pola incapacidade de Fole e Llovo", concluíu a voceira socialista.

Por esta perda, que atribúen á falta de interés evidente do Concello, os socialistas solicitan a dimisión inmediata da concelleira de Cultura Rocío Llovo ou o seu cese por parte do Alcalde. "Perdemos o maior evento cultural de Vilagarcía, o de maior impacto económico, un dos máis importantes reclamos turísticos e todo pola falta de gañas e nula xestión deste triste Goberno", apuntou García, quen asegurou con dureza que "os que presumían de visión turística prometeron unha praia en Castrogudín pero quédanse inmóbiles ao ver escapar o Festival do Norte".

Dende o PSdeG apuntan a que xa é constante que os diferentes colectivos, asociacións ou entidades locais se sintan desamparados polo Goberno Local, "non hai mais que ver a prensa de hoxe para sentir vergoña dun Goberno que minte para intentar ocultar a súa incapacidade. E non o decimos nós, senón outros colectivos importantes", remarcou García Sanmartín. A conclusión que sinalan os socialistas é que "o destrozo que está causando este Goberno con este Alcalde ao frente é maior do que se podía esperar. O mellor que lle pode pasar a Vilagarcía é que non toquen nada mais neste último ano que lles queda de lexislatura".

No hay comentarios:

Publicar un comentario