Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

7/12/12

MOCIÓN PRESENTADA POLO PSdeG-PSOE DE VILAGARCÍA PARA PRESERVAR A RIVAS BRIONES COMO SALA DE EXPOSICIÓNS


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


A Sala  de Exposición Rivas Briones construída no seu día polo Goberno de Javier Gago, naceu como resposta á dinámica actividade cultural de Vilagarcía de Arousa. Este espazo supuxo un cambio radical na organización e programación cultural. O importante número de artistas plásticos de Vilagarcía e doutras localidades tiñan dende ese momento un espazo onde expoñer a súa obra, erixíndose en pouco tempo nunha das salas referentes de Galicia, tanto polo número de exposicións como na calidade das obras e dos artistas que expuxeron nela.
Coa chegada do Partido Popular ao Goberno de Vilagarcía as exposicións caeron vertixinosamente tanto no número de eventos como na calidade das exposicións, devaluando así o nome da Sala Rivas Briones como espazo de promoción e proxección do arte e da cultura, que tiña gañado tras máis de dez anos de intensa actividade.
A través dos medios de comunicación o Goberno local foi desvelando a súa verdadeira pretensión, eliminar parte do espazo adicado a exposicións, a segunda planta, para adicala a outros usos. Isto contribúe unha vez máis a desprestixiar a sala, restando ademais un amplo espazo para expoñer, quedando reducida a zona de exposición exclusivamente á planta baixa o que perxudicará notablemente á actividade e ao número de obras que poidan ser expostas.


Polo exposto, o Grupo Municipal Socialista somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte o seguinte ACORDO

1º.   Preservar todo o espazo da Rivas Briones para Sala de Exposicións.
2º. Implementar o uso da Sala Rivas Briones ampliando a oferta cultural e promovendo máis exposicións de arte.

6/12/12

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOLICITARÁ A COMPARECENCIA EN PLENO DOS CONCELLEIROS DE SEGURIDADE E FACENDA PARA CLAREXAR A INTENCIÓN DE IMPLANTAR A ORA NA ACTUAL ZONA AZUL



O PSdeG-PSOE de Vilagarcía pregúntalle ao Partido Popular polas 1.000 novas prazas públicas de aparcamento que prometeu no seu programa electoral

Vilagarcía de Arousa, 6 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal Socialista solicitará mañá por rexistro a comparecencia en pleno dos Concelleiros de Seguridade e Facenda, Cholo Dorgambide e José Manuel Pardal para que dean explicacións sobre a inteción do Goberno de implantar o sistema de pago por aparcar na rúa, a ORA, na actual Zona Azul. “Ante o oscurantismo e a inconcreción do Goberno, os socialistas pediremos toda a información, tanto técnica como económica, sobre esta medida aos concelleiros, aínda que por respecto á cidadanía esperamos que o Goberno deixe de estar agochado, dea a cara e as oportunas explicaciñons canto antes sobre este asunto que os socialistas consideran un atraco á cidadanía”
Os socialistas de Vilagarcía vanlle preguntar ao Partido Popular polo seu compromiso de campaña de poñer a disposición dos cidadáns 1.000 novas prazas públicas de aparcamento. Unha vez máis e como en todos os ámbitos, os populares minten aos veciños en campaña e despois fan todo o contrario ao prometido.
“As únicas novas prazas que se crearon en Vilagarcía foron a costa de cortar árbores (Praia Compostela) e de habilitar catro perigosos aparcamentos no medio dun vial (Praza Peixería)”.
Os socialistas recordan que as case cen prazas que se conseguiron na urbanización Villa Güimil, grazas ás xestións do concelleiro de urbanismo Jesús Paz, sendo Alcalde de Vilagarcía Javier Gago, foron pensadas no seu día para darlle cobertura aos usuarios da praia. Os socialistas non comparten a utilización dese espazo para depósito municipal, tendo ademais serias dúbidas da viabilidade técnica desta idea, e plantexan, ademais, alternativas como a utilización dunha parcela de titularidade municipal sita no Polígono do Pousadoiro.
“Co tema dos aparcamentos amósase unha vez máis a incapacidade e as falsedades deste goberno, mentindo e non dando explicacións á cidadanía sobre as súas pretensións de cobrar por aparcar na rúa, incapaces porque non son quen de solucionar o problema de aparcamento en Vilagarcía, vaia como exemplo que fai máis dun ano que o Concello asumíu a xestión de Fexdega e aínda non tivo a ben sinalizar o parking, algo que os socialistias levamos meses demandando.”

5/12/12

OS SOCIALISTAS CONSIDERAN UN ATRACO MÁIS Á CIDADANÍA DE VILAGARCÍA A PRETENSIÓN DO BIPARTITO DE TOMÁS FOLE DE COBRAR POR APARCAR NA ZONA AZUL


Outra das medidas que o PSdeG-PSOE denuncia é a intención do Goberno Local de cobrar pola utilización dos locais de ensaio

Vilagarcía de Arousa, 5 de decembro de 2012.- Os socialistas de Vilagarcía consideran un atraco máis á cidadanía de Vilagarcía a pretensión de cobrar por aparcar na Zona Azul. Os socialistas recordan que esta fórmula, que se empezou a aplicar sendo Alcalde o socialista Javier Gago, favorece a mobilidade e o aparcamento sen nengún custe para os cidadáns. “O goberno ocultou esta información non só aos partidos políticos, non informando desta medida en ningunha das xuntanzas mantidas coa oposición e utilizando unha linguaxe ambigua na redacción da documentación dos orzamentos, pero tamén aos cidadáns, tanto na presentación pública do orzamento como no debate plenario.”
Con esta medida o Alcalde pretende recaudar 1.500 € ao día, só por aparcar na vía pública, algo que os vilagarciáns sempre disfrutaron de xeito gratuíto, os socialistas consideran que este medida suporá tamén que moitas persoas van deixar de vir a Vilagarcía a facer as súas compras, perxudicando notablemente ao comercio local.
Ademais desta medida o Goberno prevé tamén unha vertixonosa subida na recadación por multas, por non falar das subidas de impostos e taxas. Isto amosa a incapacidade do goberno para buscar outras fórmulas para recadar ingresos, só rascando nos petos dos veciños de Vilagarcía, non tendo en conta a grave situación económica que estamos a vivir e o elevado número de desempregados que hai na nosa localidade.
Entre tanto oscurantismo, os socialistas tamén se preguntan como se pode tomar como referencia para elaborar os Orzamentos municipais a proposta dunha empresa. Os socialistas presentarán por rexistro unha solicitude para consultar toda a información referida a este asunto.

Cobro polo uso dos locais de ensaio

Os socialistas tamén queren denunciar outra medida que o Goberno local pretende aplicar o vindeiro ano, o cobro pola utilización dos locais de ensaio, polo que pretente recadar 6.000€ ao ano. De todos é coñecido o pouco ou ningún apoio que dende o Goberno local se lle está a prestar aos grupos musicais locais, non contando con eles en ningunha programación cultural, pero esta medida vai supoñer un freazo máis aos músicos locais que van ter que pagar por utilizar o auditorio para os seus ensaios, compre recordar que o sector da mocidade é un dos máis castigados polo paro e polos recortes económicos dos gobernos do PP e este é un máis.

A nefasta política do Bipartito de dereitas, reflíctese nestes orzamentos que afogan aos vilagarciáns economicamente que non ven compensado ese esforzo económico na prestación de servizos, que cada vez son menos e agora moitos deles de pago. Uns orzamentos que non aportan unha progresividade na fiscalidade, os socialistas demandan que os máis teñen máis paguen e tamén plantexan outras medidas recaudatorias (ordenanza de telefonía móbil, o cobro do Ibi á Igrexa, maior cobro de impostos ás vivendas de veraneo, de maior valor catastral, aos coches de alta gama,...). O Goberno amosa a súa insensibilidade cos problemas económicos que están a padecer os cidadáns de Vilagarcía, que con Fole pagan máis e reciben moito menos en Servizos Sociais, Eduación, Cultura,... eso si, hai cartos para pagar o burato que supón o seu proxecto para Fexdega, para equipos informáticos, publicidade, dietas para o Goberno, hinchables,...

2/12/12

O PARTIDO SOCIALISTA AVERGÓNZASE DA ACTUACIÓN DO GOBERNO DE VILAGARCÍA NA CHAPUZA DA CONCESIÓN DE ESPAZOS EN FEXDEGA PARA EXPLOTACIÓN PRIVADA


A cancelación do proceso por defectos de forma nas ofertas presentadas é a culminación dun proceso torpe, opaco e confuso.
Os socialistas están convencidos de que o Alcalde Fole empeñarase en volver a convocar o proceso, no que semella ter un especial interese.

Vilagarcía de Arousa, 1 de decembro de 2012.- O Partido Socialista de Vilagarcía asiste con sorpresa, e incluso con sonroxo, á finalización do proceso de concesión de espazos do recinto Fexdega para a explotación privada a través da instalación dunhas pistas de pádel no recinto.

Para os socialistas, a anulación do proceso por causa de defectos de forma atopados nas solicitudes das dúas empresas finalistas no procedimento supón un remate sonroxante a un tosco e pouco transparente camiño de erros por parte do Concello de Vilagarcía. A intención de conceder á explotación privada dunha parte do recinto Fexdega comezou hai xa un par de meses, co anuncio por parte do Concello de esta iniciativa. Este inicio xa foi calamitoso, pois o anuncio baseábase nunha “necesidade” que o propio Alcalde sinalou como moi demandada, e ante a ausencia de oferta do deporte do pádel en Vilagarcía. Sen embargo, a mesma semana deste anuncio inaugurábanse en Vilagarcía as instalacións dun centro deportivo privado en Trabanca Badiña, iniciativa empresarial dun grupo de vilagarciáns que tempo atrás consultaran co propio Alcalde sobre a posibilidade de que se fora a abrir tal proceso para concurrir á concesión dos espazos en Fexdega, o que abría a porta a interpretar a acción do Concello como unha clara competencia desleal.

Cabe lembrar tamén que o Partido Socialista, a través da súa voceira municipal e representante no patronato Fexdega Tania García, recurriu o proceso agora finalizado, presentando un recurso de reposición que apelaba a esta competencia desleal, discutía a lexitimidade dun prezo irrisorio para a concesión (1€/m2, absolutamente desproporcionado polo baixo en relación ao lugar privilexiado e os precios de mercado) e discutía que o procedimento fose convocado polo criterio de “urxencia”, non estando esta aclarada nin todavía agora ningunha razón de tal formulación. De maneira simbólica sobre o ridículo do proceso, foi incluso interpretado como “urxencia” a necesidade de incorporar rápidamente o pádel como disciplina na “temporada de inverno”, estando todavía por descubrir o carácter invernal de tal deporte. E para redondear o esperpento, o recurso de reposición presentado polo PSdeG foi respostado, sobre a competencia desleal, nos termos de que o proceso garantía a “libre concurrencia”, confundindo concurrencia con competencia sen ningún rubor por parte do señor Alcalde que sostivo na reunión do Patronato que, “ao final, veñen sendo o mesmo”.

Ante tal despropósito de proceso, os socialistas consideran que a anulación deste pode poñer un pouco de sensatez sobre a situación na que estaba a caer o patronato da Fundación Fexdega forzado pola intención do Alcalde Fole de lanzar esta idea, levado por non se sabe que intereses. O proxecto estrela do PP nesta lexislatura, adicar Fexdega para o deporte base, vese interrompido por un proceso como este, deslexitimando á Fundación de Deportes porque a ninguneou ao non pedirlle nen sequera opinión sobre unha iniciativa deportiva, facendo competencia desleal a emprendedores de Vilagarcía, retorcendo os procedimentos administrativos...

Sen embargo os socialistas observan que Fole parece ter demasiado interese en que esta iniciativa saia adiante, e a pesares do ridículo están convencidos da vontade de volver a abrir o concurso. Sen embargo, e dadas as circunstancias acontecidas e as situacións vividas, os socialistas prevén manter o seu rexeite a este proxecto de concesión dun espazo do recinto Fexdega para a explotación a través dunhas pistas de pádel por unha empresa privada. Pola non necesidade, dado que xa existen instalacións para a práctica deste deporte, porque vai contra o proxecto de deporte base en Fexdega e se acaso existiran defectos administrativos na convocatoria tamén serían obxecto da total oposición dos socialistas.

Confiando en que o resultado do proceso realizado sirva para reflexionar sobre a conveniencia de volver a iniciar este intento de concesión, os socialistas fan un chamamento á cordura para que Tomás Fole non entre nunha deriva de xestión orientada a non se sabe ben que. 

12/11/12

MOCIÓN MUNICIPAL DESAFIUZAMENTOS


MOCIÓN MUNICIPAL DESAFIUZAMENTOS


O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta esta MOCIÓN, en base á seguinte


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


Co estalido da crise e o aumento do paro centenares de milleiros de familias chegaron a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades básicas.
Segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, entre 2007 e 2010 producíronse no Estado español preto de 300.000 execucións hipotecarias e as previsións din que entre 2011 e 2012 pódese chegar á cifra de 500.000.

Cando esto sucede as familias non só se enfrentan á perda da súa vivenda senón tamén a unha condena financieira de por vida: a entidade bancaria interpón unha demanda e iníciase o proceso de execución hipotecaria que remata coa subasta do inmoble. Se a subasta queda deserta (cosa que no actual contexto de crise sucede en máis do 90% dos casos), coa lei vixente a entidade bancaria adxudícase a vivenda polo 50% do seu valor de tasación e segue reclamando o pago da débeda restante, máis os intereses e as costas xudiciais, ás persoas en situación de insolvencia mediante o embargo de nóminas, contas, etc. así como embargos aos avalistas. É dicir, ademais de perder a vivenda, milleiros de familias enfróntanse a unha condena financieira de por vida que se traduce nunha condena á exclusión social e á economía sumerxida.

Esta lexislación que permite que as entidades financieiras se adxudiquen as vivendas polo 50% do valor de tasación non só é anómala e non ten comparativa coas lexislacións doutros países do noso entorno, senón que ademais era descoñecida polas familias cando asinaron os contratos hipotecarios. Feito que se suma á publicidade enganosa coa que se comercializaron a meirande parte desas hipotecas, á sobrevalorización nas tasacións e ao linguaxe de difícil comprensión utilizado non contratos que, agora se descubre que en moitos casos agochaba todo tipo de cláusulas abusivas, como é o caso das cláusulas solo.

Consideramos inadmisible e totalmente inxusto que nun Estado social e democrático de dereito, todas as consecuencias da crise recaian sobre a parte máis vulnerable do contrato hipotecario e en cambio as entidades financieiras, en boa medida responsables da actual crise, estean a recibir axudas millonarias que saen dos impostos, sen ter que asumir ningunha responsabilidade ao mesmo tempo que seguen a xenerar miles de millóns de beneficios anuais.

Todo o aquí o exposto vulnera o actual marco xurídico, posto que o dereito á vivenda é un mandato constitucional, especialmente recollido no artigo 47 da Constitución española que di: “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo ese dereito”, pero tamén no artigo 33 que limita claramente o dereito á propiedade privada ao cumprimento da súa función social (e que a día de hoxe estase incumprindo sistematicamente nas vivendas baleiras acumuladas por bancos e caixas) ou no artigo 24 que garantiza a tutela xudicial (vulnerados nos procesos de execucións bancarias onde se produce clara indenfensión) así como os compromisos xurídicos en materia de dereito á vivenda asumidos polo Estado español ao ratificar tratados internacionais vinculantes, como son, entre outros, a Declaración Universal de Dereitos Humáns (Artigo 25) e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (Artigo 11), especialmente a partires da súa Observación Xeral nº 4 - que concreta o contido do dereito a unha vivenda adecuada - e a Observación Xeral nº 7 - que define os desaloxos forzosos como unha das principais vulneracións do dereito á vivenda.

É certo que estamos falando dunha normativa de competencia estatal, pero cuios efectos dramáticos concrétanse no ámbito municipal, posto que aos concellos a onde se dirixen maioritariamente as persoas e as familias afectadas en busca de axuda. Así os concellos se convirten en dobremente perxudicados: en primeiro lugar porque vulnéranse os dereitos fundamentais dos seus cidadáns, en segundo porque, en pleno contexto de crise, cando os recursos son máis escasos ca nunca, reciben todas as peticións de axuda das persoas e famillias con poucos ou ningún recurso.

A perda da vivenda priva ao individuo ou á familia de toda residencia e, a súa vez, a ausencia de residencia exclúeos de toda vía administrativa, conlenvando por elo a perda de dereitos, impedindo ás persoas afectadas realizarse tanto profesional como familiarmente.

Como consecuencia do anterior, os desafiuzamentos- aínda máis cando supoñen o mantemento da débeda- conlevan altos niveis de dramatismo, inseguridade e desprotección das persoas, por todo isto


ACÓRDASE:


1º.- Solicitar ao Goberno de España que aprobe unha modificación da regulación hipotecaria que inclúa a figura da dazón en pago, de maneira que, nos casos de vivenda habitual, se o banco executa a hipoteca e se queda coa vivenda, a totalidade da débeda (hipoteca, intereses e costas xudiciais) quede liquidada.


2º.- Instar ao Goberno de España a aprobar unha moratoria ou implementar as medidas necesarias para paralizar os desafiuzamentos das familias en situación de insolvencia sobrevida e involuntaria. Para os milleiros de desafiuzamentos xa producidos, que se aproben con carácter de urxencia medidas necesarias destinadas a que milleiros de vivendas baleiras que están a acumular as entidades financieiras como consecuencia deses embargos sexan postos inmediatamente a disposición das familias desafiuzadas e sen recursos en réxime de aluguer social, non superando nunca o 30% da renda familiar dispoñible.

3º.- Máis alá da medidas de competencia estatal, o Concello de Vilagarcía comprométese a cancelar todas as contas bancarias de titularidade municipal en entidades que executen un só desafiuzamento no termo municipal de Vilagarcía, a poñer a disposición dos afectados por execucións hipotecarias os servizos xurídicos municipais, a non autorizar a presenza da Policía local en  ningún acto de desaloxo por desafiuzamento e a garantir os realoxo digno das familias afectadas.


4º.- Dar traslado destes acordos ao Consello de Ministros en especial ao Ministerio de Xustiza e ao Ministerio de Economía, así como aos grupos parlamentarios no Congreso e no Senado, ao Parlamento de Galicia e ás Plataformas de afectados polo desafiuzamentos e ás Asociacións de Veciños de Vilagarcía de Arousa.






En Vilagarcía de Arousa, 12 de novembro de 2012

7/11/12

OS SOCIALISTAS DE VILAGARCÍA SORPRÉNDENSE DE QUE O ALCALDE TOMÁS FOLE SOLICITE AGORA AXUDA SOBRE QUE FACER CON FEXDEGA, O SEU PROXECTO ELECTORAL ESTRELA


A situación actual da Fundación Fexdega foi responsabilidade do Goberno Local que aceptou cargar cun recinto que a Xunta non quería

Vilagarcía de Arousa, 7 de novembro de 2012.- O Partido Socialista de Vilagarcía observa con estupor a reacción desmedida do Alcalde Tomás Fole ante os comentarios feitos pola portavoz socialista no Concello, Tania García, en relación á situación e xestión do recinto de Fexdega neste fin de semana coa coincidencia de un circo co único salón ferial deste ano. Resulta obvio que a xestión municipal neste punto foi errática e deslabazada, pois non é natural que nas únicas datas en que Fexdega teña ocupación (e para máis gravidade, un proxecto empresarial local) se facilite a instalación dun circo no aparcamento da parte dianteira do recinto eliminando estacionamentos, dificultando a accesibilidade, limitando a visibilidade do recinto, xerando malos olores pola presenza de animais, etc. Os socialistas xa propuxeron que o circo se ubicase na explanada do Ramal, lugar máis apropiado por seren un parking menos utilizado durante o inverno e por non estar rodeado de vivendas.
O que semella é que o Alcalde Fole está a requerir axuda sobre o que o Goberno Local debe facer con Fexdega, se cadra porque está a percibir que o que foi o seu grande proxecto electoral ten, cada día, máis buratos. En primeiro lugar cabe lembrarlle ao señor Fole que o que pon a Fexdega nesta situación actual é el mesmo, dende que favorece que a Xunta se desentenda de todo endosando a responsabilidade ao Concello de Vilagarcía. O natural tería sido contribuír e sumarse a unha decisión conxunta para todos os recintos feriais de Galicia, que si é un debate necesario. Pero as ansias faraónicas levaron ao entón candidato Fole a comprometerse a asumir un recinto que conleva un gasto inasumible para o Concello (en subvención directa máis que o albergue de Cruz Vermella e o comedor de Cáritas xuntos), mentras outros recintos feriais de Galicia seguen a ser subvencionados polo ente autonómico. E non se olvide Fole de que esta decisión implicou o despido dos 4 traballadores que tiña a Fundación traballando alí, e que eran realmente os motores da organización de eventos e actividades. E para exemplo a perda da Feria Multisectorial, polo nulo interés do Goberno e a ausencia de traballadores que a podían activar. Dende logo non están os tempos para macroproxectos sen definición e para deixar perder postos de traballo por un capricho.

Realmente ao final do proxecto o Alcalde está a desvelar as súas intencións dende o inicio que parecen ser privatizar a xestión dun espacio privilexiado a un prezo increíble de 1€ por m2 ao mes, para un negocio do eido deportivo nun recinto xa adicado ao deporte (o cal favorece a carteira de clientes do futuro negocio, máis privilexio aínda). Esto tampouco é o proxecto que estaba deseñado para Fexdega e, dende logo, non ten o apoio dos socialistas. Pero é dunha desfachatez absoluta que Fole recrimine agora aos representantes da Fundación de Deportes que non aportaran ideas sobre o tema, cando foi precisamente este órgano municipal o ninguneado polo Goberno Local, e esta Fundación tivo que ser convocada por petición dos clubes porque, en palabras da actual Presidenta da Fundación Elena Suárez “esto era unha decisión que tiña que ser tomada polo Goberno Municipal e así foi, non consideramos ter que plantexala á Fundación de Deportes”.

Os socialistas veñen de hai tempo apostando por unha concepción de Fexdega como recinto multiusos, no que se debe seguir explotando a realización de ferias como recurso (e para o que fan falta os traballadores que foron despedidos), e que tivo grande actividade con xerentes que apostaron realmente por traballar este organismo e non para pasar por el só para cobrar un soldo como o popular Juan Luis Callón. Ademáis Fexdega permite a actividade de prospección para a celebración de eventos deportivos, congresuais, empresariais, etc. no seu interior, sen establecer ninguna actividade fixa e permanente que invalide calquera outra proposta.

Que o Alcalde deixe de facer cada semana unha cousa con Fexdega e que non torpedee os proxectos feriais nen a aqueles que os promoven. Así poderíase traballar entre todos en resolver unha situación que el mesmo convirteu en problemática, sen que serva de excusa para que algunha empresa teña un negocio privilexiado e sen que dimita ningún concelleiro máis. 

2/11/12

Convocatoria Asemblea Extraordinaria


Estimad@ compañeir@, coa vontade de compartir espazos e tempos de debate do partido pola presente convocámoste á

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA
Coa seguinte orde do día:
1.      Constitución da asemblea e elección de Mesa.
2.      Análise e debate sobre os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro

Data: xoves 8 de novembro de 2012
Hora: 20.00h en primeira convocatoria e 20.30h en segunda convocatoria
Lugar: sede do partido. Rúa Castelao 18, entrechán.

Pola importancia dos asuntos a tratar, esperamos a túa presencia.
Recibe un saúdo

                                                                                  
Julio Torrado Quintela                                                                      Argimiro Serén Mera
Secretario de Organización                                                              Secretario Xeral