Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

24/1/13

O PSdeG presentará no Parlamento de Galicia varias iniciativas sobre a situación de Cuca i en defensa dos postos de traballo en Vilaxoán


Representantes locais e autonómicos visitaron hoxe ás traballadoras acampadas fronte á nave da fábrica en Vilaxoán

Os socialistas denuncian a non presencia onte na manifestación do Alcalde Tomás Fole, e esíxenlle que facilite unha xuntanza das traballadoras co Presidente da Xunta.

Vilagarcía de Arousa, 24 de xaneiro de 2013.- Representantes do PSdeG reuníronse na mañá de hoxe coas traballadoras da fábrica de Cuca acampadas diante da nave de Vilaxoán. Á visita acudiron representantes do grupo municipal e da agrupación municipal, encabezados pola voceira municipal Tania García, e os deputados no Parlamento de Galicia Patricia Vilán, como responsable da comarca de Arousa no grupo parlamentario socialista, Xosé Luis Méndez Romeu, responsable do área de Industria e Xosé Ramón Val, do área de Pesca.

Na visita ás traballadoras, estas amosaron a súa incomprensión por unha decisión que consideran absolutamente inxusta, xa que a empresa está a dar ganancias e o nivel de calidade obtido foi a través do traballo precisamente destas e as anteriores traballadoras. A situación existente, e as dificultades que poderán provocar o traslado ao Grove para persoas das que algunhas levan máis de 30 anos traballando na mesma nave de Vilaxoán, coas dificultades de nova adaptación vital e profesional, foron varios dos argumentos esgrimidos polas mulleres de Cuca.

Os socialistas constataron a sensación de abandono sentido polas empleadas de Cuca en relación aos gobernos autonómico e local, xa que seguen a solicitar unha entrevista co Presidente Feijoo sobre a que non reciben ningunha resposta. Para iso, os socialistas consideran importante a mediación do Alcalde de Vilagarcía, ao que reprochan que non estivera presente onte na manifestación de apoio ás traballadoras, e que creen que debería estar traballando arreo para defender postos de traballo no municipio. Estes postos de traballo, como recordaban as mulleres hoxe, supoñen unha grande actividade económica en Vilagarcía tanto polos soldos que ingresan as familias como polo consumo e actividade que xeneran noutros sectores como o comercio.

Pola súa banda, os representantes socialistas no Parlamento presentaron ás traballadoras as iniciativas parlamentarias elaboradas co obxectivo de defender os seus postos de traballo, e manifestaron unha vez mais a súa firme postura en contra da posible especulación urbanística cos terreos.

23/1/13

O PSdeG-PSOE de Vilagarcía denuncia que a empresa adxudicataria da Teleasistencia está a empezar a cobrar o servizo ás persoas usuarias


En contra do anunciado pola Concelleira de Benestar, Elena Suárez, o Concello non está a asumir a parte do servizo que deixou de financiar a Deputación de Pontevedra

Os socialistas denuncian unha vez máis as prioridades de Rafael Louzán que gasta 15 millóns de euros en Pousadas e deixa a centos de pontevedreses sen ese servizo

Vilagarcía de Arousa, 23 de xaneiro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía denuncia que a empresa adxudicataria da Teleasistencia empezou a cobrarlle o servizo ás persoas usuarias de Vilagarcía. Nestes días persoal da empresa éstase poñendo en contacto coas persoas usuarios informándolles que dende o 31 de decembro a Deputación de Pontevedra deixou de financiar o servizo e a partires do presente mes de xaneiro empezarán a cobrar a Teleasitencia. En contra das palabras da Concelleria de Benestar Social de Vilagarcía , Elena Suárez, que en día pasados anunciou que sería o concello quen asumise esa financiación, a empresa adxudicataria esta informando ás persoas usuarias que non teñen constancia de maneira oficial desta circunstancia e que pasarán a cobrar o servizo. A Teleasistencia ten un custe que varía en función dos ingresos das persoas beneficiarias, a modo de exemplo unha persoa que perciba unha pensión seiscentos euros ten que pagar 20 euros ao mes polo servizo.
Para os socialistas a Teleasistencia é un recurso imprescindible para as persoas que viven soas, que garantiza a permanencia nos seus domicilios de maneira máis segura, xa que lles permite contactar co servizo de emerxencia só con presionar un botón do dispositivo que a empresa instala nos seus fogares.
“É indignante que o Presidente da Deputación de Pontevedra deixe sen este servizo a un importante número de persoas maiores e dependentes na nosa provincia, mentras malgasta 15 millón de euros en construír catro pousadas con cen habitacións na comarca con máis prazas hoteleiras da provincia, en clara competencia desleal aos empresarios do sector”. Sinalou a portavoz do Grupo  Municipal, Tania García. “Esiximos explicacións do Goberno Local de Vilagarcía, especialmente as da Concelleira Elena Suárez, ten que informar cando menos ás persoas usuarias de se finalmente van ser elas as que teñan que facer fronte ao pago da Teleasistencia.” Concluíu a portavoz.

22/1/13

Os socialistas consideran vergoñento que o Goberno Local volva a presentarse a un pleno municipal sen ofrecer ningunha iniciativa para o debate


A única proposta que presentará o equipo de Fole será a prórroga do Plan de Igualdade, aprobado durante o mandato do anterior goberno

Os socialistas presentarán catro mocións, sobre fraccionamento de pago de impostos, seguridade vial, o plan concertado e os programas de prevención en drogodependencias

Vilagarcía de Arousa, 22 de xaneiro de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García, manifestaron hoxe a súa “indignación coa vergoñenta actitude do Goberno Local que non quere, nen sabe, nen pode levar ao pleno municipal ningunha iniciativa para debatir”. García fixo referencia hoxe á orde do día do pleno ordinario a celebrar o vindeiro día 28 na que se comproba que o grupo de goberno, formado polo bipartito conservador PP-IVIL, volve a defraudar aos cidadáns ao pretender empobrecer o debate político municipal non aportando apenas ningunha iniciativa ou moción á convocatoria.

O Goberno Local presenta, unicamente, unha iniciativa asinada pola concelleira Ángeles Rodríguez, que é un asunto de mero trámite que necesita aprobación polo Pleno, que propón a prorroga do Plan de Igualdade do Concello. Hoxe, García, non deixou de lembrar que “un Goberno Local, con 11 membros, dos que algúns están liberados, é incapaz de presentar iniciativas a un Pleno Municipal mensual. O Grupo Socialista, con 5 membros, e ningún deles liberado, presenta catro iniciativas neste pleno e levamos presentadas máis do dobre que todo o grupo de goberno sendo menos da metade de persoas”. García aproveitou para concluír que “o contido dos plenos por parte do grupo de goberno é, en realidade, un reflexo da súa capacidade: nula”. Por último, a voceira socialista apostillou que “a única iniciativa presentada é para prorrogar un plan de traballo que foi elaborado e desenvolvido polo goberno anterior”.

O Grupo Socialista presentará a este pleno catro mocións. Por un lado proporán que o pago dos impostos máis gravosos para os veciños pase a ser fraccionado en 11 meses sen intereses para facilitar o impacto económico que producen. Presentarán tamén unha moción solicitando a colocación de marquesinas nos puntos de parada dos vehículos de transporte escolar no municipio, favorecendo a comodidade dos usuarios e a seguridade vial especialmente dos mais pequenos. Por outra banda, os socialistas presentan a debate unha moción solicitando que se inste á Xunta de Galicia a non eliminar a partida para os programas de prevención en drogodependencia, que suporían un forte golpe para esta comarca, castigada por esta problemática de xeito especial. Por último tamén os socialistas levan ao Pleno unha moción para solicitar o mantemento do financiamento por parte do Ministerio do Plan Concertado, que o Goberno do Estado quere retirar para o ano 2014, e que para os socialistas suporía “unha ferida de morte para os servizos sociais”, cuestión que consideran prioritaria e imprescindible evitar.

21/1/13


O Grupo Socialista no Concello de Vilagarcía presentará unha moción para permitir o pago fraccionado dos impostos municipais máis gravosos

A medida pretende facilitar o pago da contribución, vados, imposto de circulación e imposto de actividades económicas
A iniciativa, aplicada xa en moitos Concellos, propón fraccionar os pagos en 11 meses sen intereses

Vilagarcía de Arousa, 21 de xaneiro de 2013.- O Partido Socialista de Vilagarcía levará ao pleno municipal, a través do seu grupo municipal, unha iniciativa en forma de moción que proporá un sistema de pagos fraccionados de vencimento especial.

Esta moción porá sobre a mesa a posibilidade de fraccionar o pago dos impostos municipais que resultan máis gravosos para a cidadanía, atendendo ás especiais circunstancias económicas presentes nestes momentos, e que afectan principalmente ás familias e pequenos negocios e empresas. Os socialistas argumentan a súa posición en que os cidadáns están a sofrer un dramático incremento da carga fiscal por parte dos distintos gobernos do PP, ben sexa a través de IVE ou a insolidaria suba do IRFP plantexadas a nivel estatal, o canon da auga e o copago farmacéutico no ámbito autonómico e a suba lineal de tódolos impostos municipais dun 30% aprobada polo Goberno de Tomás Fole.

Por todas estas situacións, os socialistas proporán á corporación a adopción de medidas para que o pago daqueles impostos de maior cuantía para os cidadáns poidan ser abonados en pagos fraccionados de 11 meses, sen intereses, facendo así mais asumible este pago para familias e pequenas empresas, dentro das dificultades existentes. Os impostos que se verían afectados por esta medida serían a contribución, os vados, o imposto de circulación e o imposto de actividades económicas.

Os socialistas confían en que a moción sexa aprobada por unanimidade, apelando tanto ao carácter positivo e facilitador para os cidadáns, como ao feito de que o grupo socialista é o grupo político do Concello que maior número de mocións propias conseguiu que foran aprobadas por unanimidade.


18/1/13

Os socialistas de Arousa instan ao Delegado do Plan Nacional sobre drogas e ao senador Rivera Mallo a reivindicar ante a Xunta de Galicia a financiación dos programas de prevención de drogodependencias


O PSdeG-PSOE denuncian os recortes brutais en materia de prevención e asistencia das drogodependencias que fixo o goberno do PP


Vilagarcía de Arousa, 18 de xaneiro de 2013.- Os socialistas da Comarca de Arousa denuncian a visita propagandística do delegado do Plan Nacional de Drogas e o senador Rivera Mallo cando o goberno do Partido Popular fixo un recorte total da financiación para os programas de prevención das drogodependencias e un recorte do 15% nos programas de asistencia.

Con motivo da visita á Comarca de Arousa do Delegado do Plan Nacional sobre drogas, Francisco de Asís Babín e do Senador e Portavoz da Comisión Mixta para el Estudio del problema de las drogas, José Luis Rivera Mallo, os socialistas solicitan a súa implicación na demanda ante a Xunta de Galicia para manter a financiación en materia de drogodependencias.

Os socialistas recordan que a Comarca de Arousa foi unha zona especialmente castigada durante anos polo problema das drogas, problemática paliada nos últimos tempos gracias precisamente aos programas de prevención. É unha decisión de consecuencias incalculables este recorte que afecta directamente á prevención entre os escolares. O propio Plan Nacional sobre drogodependencias considera a prevención o obxectivo prioritario do propio Plan.

Os Socialistas tamén presentarán enmendas aos Orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2013.

7/1/13

O PSdeG-PSOE DE VILAGARCÍA CONSIDERA QUE O GOBERNO LOCAL TEN QUE DAR EXPLICACIÓNS SOBRE AS DENUNCIAS PRESENTADAS AO PROCESO DE SELECCIÓN DO OBRADOIRO DE EMPREGO


Dende o PSdeG alertan de que o listado de seleccionados, algúns con apelidos coincidentes con Goberno Local, foi sospeitosamente retirado da web do Concello

Os socialistas fanse eco de ata cinco denuncias presentadas sobre o procedemento por parte de persoas participantes

Vilagarcía de Arousa, 7 de xaneiro de 2013.- Os representantes municipais do PSdeG de Vilagarcía manifestaron hoxe a súa preocupación con respecto ao Goberno Local pola información que se está a difundir sobre posibles irregularidades no proceso de selección do Obradoiro de Emprego do Concello de Vilagarcía do pasado mes de decembro.

En información difundida nos últimos días, o proceso de selección para este Obradoiro queda en tela de xuizo sobre a súa transparencia. A sorpresiva coincidencia de que no listado dos seleccionados apareceran diversas persoas relacionadas familiarmente con distintos membros do Goberno Local de Vilagarcía merece, segundo os socialistas, unha trasparencia e limpeza no proceso moi marcadas para evitar malas interpretacións. Sen embargo, os membros do Grupo Municipal Socialista detectaron nos últimos días que a listaxe de admitidos neste programa foi publicada na web do Concello, pero foi posteriormente borrada sen explicación aos poucos días, o que contribúe de maneira indiscutible a aumentar o oscurantismo sobre o procedemento. Unha resolución correspondente ao mes de novembro, sen embargo, permanece na citada web.

Por se a situación non fora suficiente, os representantes socialistas fanse eco das cinco denuncias presentadas sobre o proceso por parte de persoas que participaron nel, algunha delas que obtivo difusión pública nos últimos días, e que deixan en evidencia ao propio procedemento e á súa finalidade. Estas denuncias non foron respondidas por ningunha das administracións implicadas, Xunta de Galicia (a través da Consellería de Traballo) e Concello de Vilagarcía. Esta situación agrávase moito máis xa que as propias persoas denunciantes alertan de que existen, entre os seleccionados, persoas que non cumpren cos criterios predefinidos.

Para o PSdeG, este tipo de situacións merecen unha aclaración contundente por parte do Goberno Local, que aporte unha lóxica explicación a este procedemento para evitar unha imaxe que os responsables políticos deben evitar. Consideran os socialistas que é necesario que a concelleira responsable de Emprego, e o propio Alcalde, deberían saír ao paso da situación, responder ás denunciantes do proceso e aclarar, con luz e taquígrafos, as sospeitosas coincidencias de apelidos entre seleccionados e membros do seu Goberno. De non facelo, os membros do Partido Socialista consideran que o Goberno Local estaría a traspasar unha das liñas vermellas da acción política, inaceptable, e que contribuiría a desacreditar por completo a un Goberno Local e un Alcalde que xa non está no seu mellor momento.

5/1/13

Os socialistas denuncian que a Deputación de Pontevedra vai deixar sen servizo aos beneficiarios do Servizo de Teleasistencia en Vilagarcía


Os socialistas denuncian que a Deputación de Pontevedra vai deixar sen servizo aos beneficiarios do Servizo de Teleasistencia en Vilagarcía
A portavoz socialista fixo unha pregunta sobre este tema no pasado pleno de decembro, non tendo contestación por parte do Goberno Local
A Deputación de Pontevedra deixa sen este servizo aos cidadáns das poboacións de máis de 20.000 habitantes polo supresión de fondos por parte do Goberno de Rajoy

Vilagarcía de Arousa, 05 de decembro de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía denuncian que a Deputación de Pontevedra vai deixar sen o servizo de Teleasistencia aos cidadáns de Vilagarcía.
O servizo de Teleasistencia naceu fai máis dunha década para permitir a persoas maiores de 65 anos, ou ben persoas dependentes en situación de risco, conservar certa autonomía no seu domicilio. Con ese obxectivo os expertos realizan un seguemento periódico a distancia, recórdaselle aos usuarios as súas citas importantes -visitas ao médico, horario da medicación, etc. En casos de emerxencia, enfermidade, caídas,… grazas a un dispositivo instalado no fogar dispoñen dun enlace directo onde recibir axuda inmediata. A teleasistencia é un dos servizos máis útiles e que mais valoran os usuarios.
A finais do pasado ano o Imserso anunciou a supresión total das axudas ás Deputacións para financiar este servizo e o Presidente da Deputación xa fixo pública a súa decisión de suprimir a financiación a aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes, como é o caso de Vilagarcía. “Os socialistas non podemos deixar de criticar as prioridades da Deputación presidida polo popular Rafael Louzán, gastando máis de 12 millóns de euros en Pousadas, mentras o PP pecha os paradores, e ao mesmo tempo deixando sen o importante servizo de Teleasistencia a moitas persoas maiores e dependentes da Provincia de Pontevedra”, sinalou hoxe Tania García, voceira municipal do PsdeG en Vilagarcía.
No pasado pleno de decembro a portavoz socialista, Tania García, fíxolle unha pregunta ao Goberno Local sobre esta circunstancia, e a Concelleira de Benestar, Elena Suárez só contestou que estaba pendente dunha xuntanza con responsables de Servizos Sociais da Deputación. “Parécenos moi grave que o Goberno Local aprobara fai dous días o orzamento sen incluír ningunha partida para este concepto e sen  decidir aínda quen vai seguir pagando o Servizo, o que nos dá que pensar que os custes unha vez recaerán sobre os usuarios. O PP segue a castigar ás persoas maiores, pensionistas e dependentes, copago farmacéutico, conxelación das pensións e agora o Servizo de Teleasistencia”, concluíu a portavoz municipal.