Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

22/1/13

Os socialistas consideran vergoñento que o Goberno Local volva a presentarse a un pleno municipal sen ofrecer ningunha iniciativa para o debate


A única proposta que presentará o equipo de Fole será a prórroga do Plan de Igualdade, aprobado durante o mandato do anterior goberno

Os socialistas presentarán catro mocións, sobre fraccionamento de pago de impostos, seguridade vial, o plan concertado e os programas de prevención en drogodependencias

Vilagarcía de Arousa, 22 de xaneiro de 2013.- Os socialistas de Vilagarcía, a través da súa voceira municipal Tania García, manifestaron hoxe a súa “indignación coa vergoñenta actitude do Goberno Local que non quere, nen sabe, nen pode levar ao pleno municipal ningunha iniciativa para debatir”. García fixo referencia hoxe á orde do día do pleno ordinario a celebrar o vindeiro día 28 na que se comproba que o grupo de goberno, formado polo bipartito conservador PP-IVIL, volve a defraudar aos cidadáns ao pretender empobrecer o debate político municipal non aportando apenas ningunha iniciativa ou moción á convocatoria.

O Goberno Local presenta, unicamente, unha iniciativa asinada pola concelleira Ángeles Rodríguez, que é un asunto de mero trámite que necesita aprobación polo Pleno, que propón a prorroga do Plan de Igualdade do Concello. Hoxe, García, non deixou de lembrar que “un Goberno Local, con 11 membros, dos que algúns están liberados, é incapaz de presentar iniciativas a un Pleno Municipal mensual. O Grupo Socialista, con 5 membros, e ningún deles liberado, presenta catro iniciativas neste pleno e levamos presentadas máis do dobre que todo o grupo de goberno sendo menos da metade de persoas”. García aproveitou para concluír que “o contido dos plenos por parte do grupo de goberno é, en realidade, un reflexo da súa capacidade: nula”. Por último, a voceira socialista apostillou que “a única iniciativa presentada é para prorrogar un plan de traballo que foi elaborado e desenvolvido polo goberno anterior”.

O Grupo Socialista presentará a este pleno catro mocións. Por un lado proporán que o pago dos impostos máis gravosos para os veciños pase a ser fraccionado en 11 meses sen intereses para facilitar o impacto económico que producen. Presentarán tamén unha moción solicitando a colocación de marquesinas nos puntos de parada dos vehículos de transporte escolar no municipio, favorecendo a comodidade dos usuarios e a seguridade vial especialmente dos mais pequenos. Por outra banda, os socialistas presentan a debate unha moción solicitando que se inste á Xunta de Galicia a non eliminar a partida para os programas de prevención en drogodependencia, que suporían un forte golpe para esta comarca, castigada por esta problemática de xeito especial. Por último tamén os socialistas levan ao Pleno unha moción para solicitar o mantemento do financiamento por parte do Ministerio do Plan Concertado, que o Goberno do Estado quere retirar para o ano 2014, e que para os socialistas suporía “unha ferida de morte para os servizos sociais”, cuestión que consideran prioritaria e imprescindible evitar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario