Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

9/5/14

O Partido Socialista de Vilagarcía celebra o mitin central da comarca de Arousa o domingo 11 de maio no Salón García

Os socialistas, xa metidos de cheo na campaña, organizan un acto público aberto a toda a cidadanía para dar a coñecer as liñas fundamentais das súas propostas para Europa.

Vilagarcía de Arousa, 9 de maio de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía celebrará o vindeiro domingo 11 de maio ás 12:30 no Salón García (Casa da Cultura) un mitin ao que convocan a toda a cidadanía progresista. Estes comicios europeos son os máis relevantes dos últimos anos xa que será o Parlamento Europeo o que elixirá por primeira vez ao Presidente da Comisión Europea.

Na actual situación de crise económica, cambiar a maioría conservadora imperante en Europa é o obxectivo principal da socialdemocracia europea para relaxar as medidas de austeridade e impulsar unha Europa máis social que teña en conta os problemas da xente.

No citado acto intervirán:

 - José Blanco. Candidato do PSOE ao Parlamento Europeo.

- Óscar López. Secretario de Organización do PSOE.

- Tania García. Voceira do PSOE no Concello de Vilagarcía

- Miro Serén. Secretario Xeral do PSOE de Vilagarcía


Sinalar tamén que maña sábado ás  11 h estará José Blanco na sede do partido na rúa Castelao para posteriormente saír de reparto no mercado de Vilagarcía.

8/5/14

O Partido Socialista alertan da esixencia da presidenta da Autoridade Portuaria de que os membros do Consello Portuario "non fagan pública a información", que consideran inaceptable

Os socialistas denuncian un intento de coacción no ultimo Consello Portuario, no que a dirección do Porto pretendeu recriminar a Lino Mouriño que fixera valoracións públicas dos asuntos que se tratan no Consello

Tania García, como voceira municipal, esixe desculpas á Presidenta da Autoridade Portuaria á que lembra que "a democracia funciona de outra maneira"

Vilagarcía de Arousa, 7 de maio de 2014.- Os socialistas de Vilagarcía manifestaron hoxe a súa profunda indignación pola situación que Lino Mouriño, concelleiro socialista no Pleno Municipal e representante no Consello Portuario, tivo que vivir na última reunión do Consello na que asistíu a un intento de chamada de atención por parte da dirección portuaria encabezada pola presidenta, Sagrario Franco. Esta pretendida recriminación apelou ao feito de que Mouriño comente e faga valoracións públicas dos asuntos que se tratan no Consello Portuario, cuestión que a presidenta considera que non se debe realizar pois os asuntos do Consello "non son para facerse públicos".

O Partido Socialista considera que a presidenta "cruza con esto unha liña vermella", en palabras de Tania García, quen apuntou que "resulta inadmisible que dende unha institución pública se adopten estas actitudes, pois son precisamente as que máis transparentes deben ser". García preguntouse "que concepto hai que ter do funcionamento das administracións para montar unha escena non Consello Portuario, coa que se pretenda coaccionar a un representante da Corporación para que non faga valoracións e faga pública a información da propia institución". García Sanmartín foi mais alá e insistiu en que "todo apunta a pensar que a presidenta da Autoridade Portuaria prefire facer as cousas baixo corda, ás agachadas, e así que non nos enteremos do que ocurre no Porto. Se cadra non quere que se airee a súa complicidade nos pelotazos nos que o Porto participou, ou o seu hábito de que o coche oficial con chófer a vaia buscar e a levar á súa casa todos os días".

A voceira socialista anunciou que, dada a gravidade desta situación, interpelará ao Alcalde polas vías que sexan necesarias, para que este, en nome do Concello de Vilagarcía, reclame formalmente a máxima transparencia á Autoridade Portuaria e pida que a súa presidenta se disculpe polo seu erro.

22/4/14

Os socialistas de Vilagarcía acusan ao Alcalde de aplicar a lei de maneira arbitraria ao pretender facer cumprir a normativa sobre terrazas e toldos

Lembran dende o PSdeG que xa ocorreu o mesmo no caso do incumprimento de horarios por parte dos hostaleiros na Festa da Auga 2012, na que Fole sancionou a uns locais pero non a outros, aínda que todos estiveran incumprido o horario de peche

Apuntan que “tres anos despois de prometer todo o que lle veu en gana, o Alcalde é incapaz de resolver ningunha situación e vai xerando problemas constantemente”

Vilagarcía de Arousa, 22 de abril de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía, por boca da súa voceira municipal Tania García, criticou hoxe con dureza a xestión do conflito das terrazas e toldos de hostaleiros e comerciantes, que se incrementou despois da decisión do Goberno Local de anunciar sancións a algúns negocios dando 24 horas para resolver os problemas detectados. A voceira socialista no Concello de Vilagarcía, Tania García, acusou ao Alcalde de aplicar a lei de maneira arbitraria ao facer cumprir a normativa a uns negocios pero facer a vista gorda intencionalmente con outros. Lembrou García Sanmartín que xa houbo constatación desta conducta en 2012, cando o Alcalde ordeou inspeccionar o horario de peche dos locais, e perante os informes que advertían do incumprimento de horarios por parte de varios locais únicamente resultaron sancionados algúns, quedando exentos outros. “Seguindo esta liña”, apunta a voceira socialista, “en plena Semana Santa o Alcalde ditamina que algúns negocios, pero non todos, teñen 24 horas para revisar terrazas e toldos baixo risco de forte sanción”. Este despropósito ten a súa continuación nas recentes declaracións do Alcalde que di agora que non se inspeccionarán os comercios, - “porque o Alcalde é consciente de que é un colectivo que o rexeita e pretende gañarse o seu favor” apunta García - , e pedindo aos colectivos que resolvan eles o problema, cuestión que, como apuntan os socialistas, “ponlle a guinda ao desconcerto”.

Dende as filas socialistas califican de “patético” o constante cambio de criterio e de formas de actuación do Alcalde neste punto, e reclaman “un criterio, unha norma consensuada co maior espectro de axentes posibles – hostaleiros, comerciantes, grupos políticos… - e a súa aplicación”. Sen embargo, os socialistas afirman estar recibindo consultas e queixas de donos de negocios en Vilagarcía que non saben que ocurrirá o día de mañá porque comproban que “un día di unha cousa e outro día di outra”. García Sanmartín apuntou que “hai tres anos que Fole, por mero electoralismo, alimentou un conflito que non era tal e adicouse a prometer que el solucionaría todo con moita premisividade. Levamos tres anos dende aquela e o único que teñen hostaleiros e comerciantes de Vilagarcía é a convición de que no Goberno Local non hai criterio fiable de nada”.

Dende o Partido Socialista pídenlle ao Alcalde “criterio e decisión”. “Existen moitas propostas, suxerencias e vontade de resolver unha cuestión que afecta a sectores económicos fundamentais para Vilagarcía”, non entanto denuncian dende o PSdeG que os comerciantes e hostaleiros confesan sentirse preocupados, e os socialistas apuntan a que “este Concello estase convertindo nunha burla. Todo vale, ata que alguén se queixa, entón móntase unha norma para quedar ben, aplícaselle un criterio aos amigos e outro aos que non o son, e ao final queda todo no aire e volve a estar como ao principio”.

Veto a iniciativas presentadas ao Pleno
García Sanmartín aproveitou a ocasión para comparar a actuación do Alcalde coa dos grupos da oposición, aos que o propio Fole retira e impide presentar iniciativas ao Pleno Municipal, como novamente ocorreu para este vindeiro Pleno. A xuntanza de portavoces do día de onte serviu unha vez mais para comprobar que o Goberno Local rexeita sistemáticamente propostas e ideas doutros grupos, co único argumento da maioría numérica da que agora dispoñen no Pleno. “O grupo socialista é o que máis iniciativas presenta para o debate, e ante a falta de criterio e capacidade do Goberno Local sentímonos aínda máis responsables de aportar traballo para evitar o descarrilamento do Concello, pero o Alcalde pretende ocultar ese traballo que deixaría aínda máis en evidencia a súa incompetencia”, concluíu Tania García.

10/4/14

O Partido Socialista de Vilagarcía conmemorará o día da República coa proxección dun documental premiado co Goya e a tradicional ofrenda floral

O filme “Las maestras de la República”, gañador do Premio Goya ao mellor documental este ano, será proxectado no Auditorio, o sábado ás 20h.

A tradicional ofrenda floral no monumento Rosas Rotas será o lunes ás 20h, conmemorando o día 14 de abril, aniversario da implantación da II República

Vilagarcía de Arousa, 10 de abril de 2014.- O Partido Socialista de Vilagarcía conmemorará, como ven sendo tradición, o día 14 de abril como Día da República, en lembranza do propio 14 de abril de 1931, día de instauración da II República Española. Os socialistas aproveitarán o propio luns, e tamén o sábado 12, para celebrar distintos actos que consideran de interese para reivindicar un cambio no modelo do Estado.

As dúas principais citas que os socialistas marcan no calendario son a proxección do documental “Las maestras de la República”, previsto para o día sábado 12, ás 20h no Auditorio Municipal, e a ofrenda floral no monumento Rosas Rotas, o luns 14 ás 20h. O documental que se proxectará foi o gañador do Premio Goya 2014 ao mellor documental, e é unha actividade organizada conxuntamente por Xuventudes Socialistas e o Partido Socialista, en colaboración coa sección Fete-Ensino, de UGT, organización que levou a cabo o proxecto da rodaxe do documental. O documental, de aproximadamente 70 minutos de duración, estará aberto ao debate de calquera persoa que desexe participar.

A ofrenda floral do luns é o acto xa tradicional dos socialistas nestas datas, e constitúe “unha reivindicación histórica do Partido Socialista en defensa da memoria colectiva, e no empeño en que as persoas que foron víctimas dun alzamento militar contra a República teñan o recoñecemento que merecen, fronte ao olvido ao que estiveron históricamente sometidas tanto elas como as súas familias” apuntou Miro Serén, Secretario Xeral dos socialistas vilagarciáns. Por eso o lugar elexido é o monumento Rosas Rotas, no parque Miguel Hernández, escultura precisamente adicada ás victimas do levantamento militar do ano 36, que o foron en defensa da República democráticamente constituida.

“Estes actos non os entendemos como actos propios e exclusivos do noso partido”, declarou Miro Serén, Secretario Xeral dos socialistas vilagarciáns, “mais son reivindicacións que os socialistas consideramos fundamentais, e que apelan a non olvidar o noso pasado para non volver a repetir os erros. E reivindican tamén, e por riba de todo, un modelo de Estado mais xusto, máis democrático, en lembranza dunha época que foi destacada na consecución de dereitos e liberdades para a sociedade, cuestión que hoxe en día está de rabiosa actualidade pois vivimos nunha etapa de recorte, precisamente, de dereitos e liberdades que tempo atrás parecían xa inamovibles. Conmemoramos este día dende o raigame republicano do Partido Socialista e dende a defensa dos valores democráticos e históricos que neste sentido temos defendido”.

Ambos actos serán absolutamente abertos a todas as persoas que queiran participar de calquera modo.

7/4/14

Os socialistas preguntan no Parlamento polas demoras na concesión da RISGA. A voceira socialista Tania García critica a falta de recursos públicos para atallar a grave situación que padecen miles de persoas

Vilagarcía de Arousa, 05 de abril de 2014.- Deputados socialistas presentaron o pasado día catro, a petición do Grupo municipal socialista de Vilagarcía, varias iniciativas no Parlamento de Galicia sobre a situación das axudas da Renda de Integración social de Galicia, RISGA. Concretamente os socialistas, como tamén fixeran en 2012, solicitan información sobre o número de solicitudes tramitadas e concedidas, o número de solicitudes pendentes de resolución e os motivos das demoras na resolución destas axudas. A RISGA concédese a aquelas persoas que carecen de ingresos, polo que resulta insostible e inexplicable a tardanza na concesión destas axudas.

Para os socialistas as nefastas políticas sociais do Partido Popular están abocando a milleiros de persoas a vivir na máis absoluta indefensión e indixencia. Tanto a nivel  autonómico como a nivel local, os socialistas denunciaron os escasos orzamentos para as políticas sociais, enmendas que non aceptou nin o goberno da Xunta de Galicia, nin o goberno local de Vilagarcía e en ambas administracións  houbo que facer unha ampliación dos orzamentos para estas partidas a mediados do pasado ano. Ademais os socialistas critican a prohibición imposta por Mariano Rajoy de non permitir a contratación de persoal por parte das administracións públicas. "Esta decisión, como todo, ten que ter excepcións, non se pode impedir a contratación de técnicos do eido social, cando os Servizos Socias están a multiplicar exponencialmente o número de persoas usuarias. As consecuencias desta falta de recursos económicos e humáns, é o que está a xenerar unha media de dez meses na demora na resolución dos expedientes das axudas da RISGA. Hai que dar un pronta resposta ás graves situacións que están a vivir milleiros de persoas, pero que lle imos pedir a un Partido Popular que osa cuestionar os informes de Cáritas Española sobre a pobreza en España" Sinalou a voceira socialista, Tania García.


Para os socialistas de Vilagarcía o Partido Popular coas súas decisións en materia de política social están provocando auténticas situacións de emerxencia e desesperación, como é o caso da veciña de Vilagarcía que está en folga de fame dende o pasado xoves. O caso desta veciña é tan so a punta do iceberg dun elevado número de persoas e familias , moitas delas con menores ao seu cargo, que están a vivir na máis absoluta das indixencias, sobrevivindo da beneficiencia mentras o Estado mira para outro lado. 

29/3/14

O Partido Socialista esixe a dimisión de Rocío Llovo polo fracaso cultural, turístico e económico que supón para Vilagarcía a perda do Festival do Norte

Tania García expresou hoxe a súa "tristura" porque "Vilagarcía queda sen un evento que xenera un dos maiores impactos económicos do ano"


Os socialistas piden ao Alcalde que "non toque nada máis no ano que lle queda", e afirman sentir vergoña allea de que sexa case diario que colectivos e entidades digan publicamente que se sinten enganados polo Goberno Local.

Vilagarcía de Arousa, 29 de marzo de 2014.- A noticia feita pública onte da marcha do Festival do Norte de Vilagarcía, para celebrarse a partir de agora en A Illa de Arousa supón, para o Partido Socialista, unha noticia "funesta" para Vilagarcía. Os socialistas, a través da súa voceira Tania García, consideraron hoxe que "a perda dun evento desta magnitude, xa consolidado como marca asociada a Vilagarcía e co impacto económico que ten para este Concello supón un mazazo para unha economía local que vivía, nos días do Festival, un aumento de ingresos e actividade moi importante".

Os socialistas non dubidan en sinalar como responsables ao Goberno Local, e particularmente ao alcalde Tomás Fole e á concelleira de Cultura Rocío Llovo. Lembran dende as filas socialistas que o ano pasado, este mesmo goberno puxo impedimentos e dificultades que atrancaron a propia celebración do Festival, e que de maneira constante viñeron tomando medidas e realizando declaracións que minusvaloraban o seu impacto e a súa importancia. "Dá a sensación", expuxo García Sanmartín, "de que a este Goberno incomódalle que haxa eventos deste tipo. Non entendemos por que. Ninguén comprende que se poida poñer trabas a esta cuestión". A voceira municipal tildou de "cegatos" aos dirixentes locais, aos que acusou de non ter "nin idea do que supón este Festival para hoteis, supermercados, hostalería... e o importante que é que miles de persoas visiten e coñezan Vilagarcía". Esa visión, "que si ten A Illa de Arousa, cun Goberno Local que entendeu a importancia económica, cultural e turística deste evento, deixa a Vilagarcía sinalada pola incapacidade de Fole e Llovo", concluíu a voceira socialista.

Por esta perda, que atribúen á falta de interés evidente do Concello, os socialistas solicitan a dimisión inmediata da concelleira de Cultura Rocío Llovo ou o seu cese por parte do Alcalde. "Perdemos o maior evento cultural de Vilagarcía, o de maior impacto económico, un dos máis importantes reclamos turísticos e todo pola falta de gañas e nula xestión deste triste Goberno", apuntou García, quen asegurou con dureza que "os que presumían de visión turística prometeron unha praia en Castrogudín pero quédanse inmóbiles ao ver escapar o Festival do Norte".

Dende o PSdeG apuntan a que xa é constante que os diferentes colectivos, asociacións ou entidades locais se sintan desamparados polo Goberno Local, "non hai mais que ver a prensa de hoxe para sentir vergoña dun Goberno que minte para intentar ocultar a súa incapacidade. E non o decimos nós, senón outros colectivos importantes", remarcou García Sanmartín. A conclusión que sinalan os socialistas é que "o destrozo que está causando este Goberno con este Alcalde ao frente é maior do que se podía esperar. O mellor que lle pode pasar a Vilagarcía é que non toquen nada mais neste último ano que lles queda de lexislatura".

19/3/14

O Partido Socialista aplaude que Fole asuma as súas recomendacións sobre decisións para Vilagarcía

Dende o PSdeG valoran positivamente que se poñan en marcha as iniciativas que presentaron sobre as peonalizacións e reordenamento de tráfico

Lembran a súa petición de que Ravella reclame céntimo sanitario, e agardan que a intención de Fole de facerlles caso non quede no olvido

Vilagarcía de Arousa, 19 de marzo de 2014.- Os socialistas de Vilagarcía celebraron hoxe que o Alcalde de Vilagarcía Tomás Fole comece a tomar decisións baseadas nas propostas e iniciativas que o grupo municipal socialista presenta no seu traballo diario. Tania García, voceira municipal do grupo socialista aplaudiu que o Goberno Local vaia iniciar os traballos de humanización do último tramo das rúas Ramón y Cajal e Arapiles, o que sumado a algunha reorganización do tráfico nesas rúas “mellorará a calidade de vida dos cidadáns e aumentará a seguridade vial na zona”. Lamenta García que houbera que esperar tanto para estas modificacions, “especialmente para a intervención sobre o cruce entre Juan Carlos I e Gumersindo Nartallo que leva sendo moi perigoso dende hai tempo como apuntan os veciños, e que hai anos que os socialistas solicitamos que se modificara”, pero aínda así apuntou que “máis vale tarde que nunca”.

Dende o PSdeG apuntan que “a peonalización das rúas do centro de Vilagarcía é unha aposta clara dos socialistas, que dende hai tempo vimos pretendendo que se continúe co modelo de cidade que en anteriores lexislaturas se puxo en marcha en canto ás peonalizacións”. “Esperamos que desta volta sexa a definitiva e que Fole non se opoña, como fixo coa peonalización do centro da cidade, facendo aquel escándalo ridículo de simular que pasaba unha enquisa a comerciantes e veciños da que, por certo, nunca soubemos o resultado”, apuntou Tania García.

Tamén lembrou García que a reordenación de Ramón Cabanillas, para dotala de sentido único e facilitar, ademáis a parada de autobuses para o Instituto Castro Alobre, é unha iniciativa do grupo socialista ao Pleno.

En liña con estas aportacións tamén lembrou García Sanmartín que solicitaron a reclamación por parte do Concello do céntimo sanitario, co obxecto de obter fondos para investir en Servizos Sociais e fomento do emprego, e que agardan que as intencións iniciais de Fole, que indicou que valoraba positivamente a idea dos socialistas, non queden en meras palabras e se leven a cabo.


“Todo esto lévanos a reflexionar que, tendo un goberno con 11 membros, algúns deles liberados, e todo o equipo de traballadores do Concello, o Goberno Local non é capaz de sacar adiante propostas razonables se non é gracias ao traballo dos socialistas, con 5 concelleiros, sen traballadores a disposición e sen ningún liberado” apuntou Tania García, que aproveitou para reivindicar o traballo do seu grupo: “Somos o grupo municipal que máis iniciativas presenta ao Pleno, o que máis mocións con demandas veciñais introduce no debate, o grupo que maior número delas obtén aprobadas por unanimidade. Facemos o noso traballo de opoñer e tamén de proponer”.