Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

22/7/12

OS SOCIALISTAS CRITICAN AO GOBERNO BIPARTITO DO PP E DE IVIL POR FACER UN PROGRAMA DE FESTAS ELITISTA E SÓ PARA UNS POUCOS


Unha vez máis o goberno de Tomás Fole volve a utilizar a estratexia do cangrexo, un paso adiante e dous para atrás


Vilagarcía de Arousa, 21 de xullo de 2012.- O Goberno municipal de Vilagarcía vén de sumar un novo ridículo a súa lista de vaivéns que, nos últimos tempos, crece a ritmo desproporcionado. Desta volta, un día despois de que o Alcalde Tomás Fole anunciara con aires de grandeza os concertos e actividades das festas de San Roque, presumindo de que unicamente sería de pago a actuación de Raphael, os cidadáns descubren que o concerto de Los Panchos costará a todos os que queiran e poidan asistir entre 20 e 23 euros e a asistencia estará limitada a 754 persoas, o aforo do auditorio. Dous concertos para as élites, non un programa electoral pensado para a todos os veciños e veciñas de Vilagarcía.

Comeza a resultar avergoñante a acción diaria deste Goberno Local, que nos representa a todos os vilagarciáns, e que está a demostrar xa non unha ineficacia, senón unha inopia digna de análise. ¿Cómo é posible organizar unhas festas e non saber se un concerto é gratis ou vale 20 euros? Pero peor é a excusa, como de neno pequeno que sempre lle bota a culpa a outros, de que o concerto non está dentro das festas ¿Entón por que foi anunciado cando se presenta o programa? ¿Pretendía Fole quedar ben e sacar peito por xestións que non son súas? Os socialistas somos os primeiros en ser conscientes das necesidades de axustar e redistribuir os recursos, mais limitados nestes tempos, para facer máis con menos. Pero este esperpento que vén de protagonizar Fole nestes días amosa que nin sequera é consciente destas necesidades, porque non sabe o custe das actividades que propón.

Sabendo que un dos elementos máis importantes que un Goberno debe gardar é a confianza e a seriedade que debe transmitir, a estratexia do cangrexo, un paso adiante e outro atrás, estase a convertir na norma e non na excepción dun Goberno.

Dende o Partido Socialista consideramos necesario que o Goberno Municipal teña en mente facer unhas festas para todos, non elitistas como as plantexadas con Raphael e Los Panchos. Eses dous concertos costarían a unha parella de amigos 80 euros ou máis, o cal resulta difícil para moitas persoas na situación económica que vivimos. Os socialistas somos os primeiros en ser conscientes da necesidade de axustar e investir correcta e apropiadamente, pero tamén pedímoslle ao Alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, que goberne para todos, non só para as élites.


Pero aínda é peor se analizamos que os grupos inicialmente orientados aos máis novos, son músicos que visitaron Vilagarcía hai menos de 3 meses. ¿A qué se debe esta repetición? ¿Teñen que ver os gustos persoais dalgún membro do Goberno? ¿Non sería máis natural alternar e apostar pola variedade? Imcomprensible.

Un cartel elitista e incomprensible, unha presentación fachendosa que se desmorona e un Goberno Municipal 

19/7/12

OS SOCIALISTAS PEDIRÁN AO GOBERNO LOCAL AS CONTAS DA ACTIVIDADE "PLAYING"


O Grupo municipal socialistas non considera necesaria esta actividade e insta ao Alcalde a priorizar outras actuacións na propia praia

Vilagarcía de Arousa, 19 de xullo de 2012.- O Grupo Municipal socialista solicitará no concello as contas da actividade “Playing” que o Goberno Local ten previsto organizar este verán na praia. O pasado ano, o gasto desta actividade ascendeu a 20.000€ e xa os socialistas solicitáronlle ao Goberno que non malgastara en hinchables e recurrira, como fixeron os socialistas na pasada lexislatura, á compra de elementos permanentes como os que xa están instalados na praia, coma a tirolina, a rede tridimensional e os aparatos de ximnasia. “Parécenos tirar os cartos, gastar esa cantidade de diñeiro en elementos de quita e pon. Consideramos que hai outras actuacións moito máis importantes e necesarias para facer na praia”. Os socialistas critican a falta de limpeza, a non recollida diaria do lixo dos contenedores, o estado da herba, que si ben consideran unha boa decisión non arrancala, actualmente o aspecto que presenta a praia recorda máis a un patatal, descoidado e sucio. Todo isto maila que, recordan os socialistas, que o recibo de lixo incrementouse en case un sete por cento e non se percibe mellora algunha no estado da praia. ¿Onde está o reflexo dese inxusto incremento das tasas? “Xa non imos falar dos ratos” ironizan os socialistas, “pero si hai moitas actuacións moito máis necesarias, como a limpeza, o arranxo do paseo, onde hai moitas losetas desprendidas que supoñen un serio risco para as miles de persoas que utilizan diariamente o paseo marítimo”. Pero a necesidade máis acuciante para os socialistas é a erradicación de verquidos, “o Sr. Fole foi a sacarse unha foto co Presidente da Xunta e vendeunos que a Xunta ía colaborar para eleminar os puntos de verquido, a día de hoxe non se fixo nada. Tampouco apurou ao Ministerio de Fomento que contempla, entre as obras de compensación do AVE, a nova canalización do regato coñecido coma o “da tripeira” que desemboca paralelo ao peirao do Ramal”. Esta actuación quedou comprometida polo anterior goberno, sendo concelleira de Xestión do territorio Tania García, fai preto de ano e medio, e o Alcalde non fixo ningunha xestión ao respecto desta actuación que elimina un dos principais puntos de verquido para que ese compromiso se materializase.

“Nunha situación de crise coma na que nos atopamos o Goberno local ten que priorizar enormemente o destino dos cartos públicos, aos socialistas o “Playing”, actividade á que se apuntou o Sr. Fole para dicir que fai algo na praia, parécenos botar os cartos pola borda. ¿Que fixo o Alcalde na praia no ano que leva no goberno?, un dos temas dos que fixo bandeira cando estaba na oposición” recordou a portavoz municipal, Tania García, “¿fixo algunha xestión para mellorar a area?, o único que fixo foi quitar a herba ata que se dou conta de que era un erro, tal e como defendían os socialistas, ¿fixo algunha xestión para eliminar os verquidos? Unha foto con Feijoó e nada máis xa que nin apura ao Ministerio para facer unha actuación importantísima con cero custe para o Concello. ¿Que fixo para dinamizar a praria? Gastar cartos en hinchables de quitan e pon e non en aparatos de xogos e de ximnasia permanentes para poder disfrutalos todo o ano e non só durante quince días. A praia da Concha-Compostela é un exemplo máis da nula xestión do goberno do Partido Popular de Vilagarcía, moitas fotos e ningunha solución”. Concluíu.




16/7/12

O PSdeG DE VILAGARCÍA HOMENAXEARÁ O VINDEIRO DÍA 29 A SESO GIRÁLDEZ CO SEU NOMEAMENTO COMO MILITANTE DE HONRA



Seso Giráldez foi un dos fundadores do PSdeG en Vilagarcía, primeiro Secretario Xeral local, candidato á Alcaldía e Parlamentario de Galicia.

Os socialistas de Vilagarcía queren así recoñecer a labor incansable e inagotable de Giráldez a prol do socialismo tanto na localidade, como na comarca e en Galicia

Vilagarcía de Arousa, 16 de xullo de 2012.- Os socialistas de Vilagarcía celebrarán o vindeiro día 29 unha comida de confraternidade na que rendirán homenaxe a unha das figuras máis relevantes da súa historia recente, dende a transición política ata a actualidade: Seso Giráldez. Tal homenaxe consistirá no seu nomeamento como Militante de Honra da agrupación, distinción que Giráldez será o primeiro militante da historia de Vilagarcía en recibir e que a Executiva Local decidiu instaurar para recoñecer a figura de Seso Giráldez.

No acto, os socialistas de Arousa esperan contar con unha grande asistencia tanto de afiliados como de persoas que queiran, libremente, participar nun acto que non estará pechado a membros do partido senón que, ao contrario, pretenderá ter a maior participación posible no so da comarca, senón de moitos puntos de Galicia. Giráldez, ademáis de ser o primeiro Secretario Xeral de Vilagarcía, e por suposto membro do grupo dos fundadores alá no ano 1977 no Mesón Carballinés, participou e foi impulsor da fundación de moitas agrupacións do Partido Socialista en multitude de municipios, e traballou arreo pola construción dunha estrutura do PSdeG nos seus inicios. Giráldez Maneiro, que no vindeiro setembro cumprirá 79 anos, foi tamén candidato á Alcaldía de Vilagarcía no ano 1983 e deputado do Parlamento de Galicia 3 lexislaturas dende 1985 ata 1997.

Por todos estes motivos, pero fundamentalmente pola súa adicación ao partido en defensa dos intereses colectivos, o recén elexido Secretario Xeral de Vilagarcía, Miro Serén, apuntou que “Seso é un elemento fundamental do noso partido. É moi difícil, imposible diría eu, comprender o socialismo de Vilagarcía, de Arousa e de Galicia sen a participación de Seso. Por esto cremos que un recoñecemento deste nivel é necesario, para que todos podamos estar con Seso e dicirlle o moito que este partido lle debe e que nunca lle poderá agradecer suficiente”. Tamén a portavoz socialista no Concello considera que o recoñecemento é mais que merecido, e sinalou que “Seso adicou a súa vida, o seu tempo personal, da súa familia, o seu esforzo a construir un Partido Socialista máis forte que tivese o necesario para defender os seus principios. Esa adicación, tan entregada, dunha persoa que segue a ser o mesmo que cando empezou en política merece todo o recoñecemento dos socialistas”.

A comida terá lugar o vindeiro domingo 29 de xullo. Todas as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa agrupación de Vilagarcía na súa sede ou no correo electrónico psdeg_psoevilagarcía@yahoo.es

3/7/12

PRIMEIRA REUNIÓN DA NOVA COMISIÓN EXECUTIVA MUNICIPAL (CEM) DO PSdeG DE VILAGARCÍA

Este luns, 2 de xullo de 2012, a Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG-PSOE de Vilagarcía tivo a súa primeira reunión baixo a batuta de Miro Serén como novo Secretario Xeral da agrupación.

Ademáis da valoración da pasada asamblea do venres 29, levouse a cabo o reparto de tarefas entre os vinte membros da nova CEM, así como a análisis, debate e toma de decisións acerca dos principais temas de actualidade municipal.

Comeza un novo e ilusionante proxecto dirixido polo compañeiro e concelleiro Miro Serén co obxetivo de mellorar a vida das personas do noso pobo, transformando o diálogo e o debate en acción positiva e transformadora.

Os membros da nova Comisión Executiva Municipal (CEM)


30/6/12

CONFIGURACIÓN DA COMISIÓN EXECUTIVA MUNICIPAL (CEM) DO PSdG DE VILAGARCÍA DE AROUSA

A composición da Comisión Executiva Municipal (CEM), elixida en asamblea o 29 de xuño de 20012 queda configurada da seguinte maneira:
 
Secretaría Xeral: Miro Serén Mera
Secretaría de Organización e Administración: Julio Torrado Quintela
Secretaría de Formación, Ideas e Programas: Sonia Outón Casal
Secretaría de Relacións Políticas e Institucionais: Fernando Quintela Gallego
Secretaría de Políticas Sociais: María Araújo Rey
Secretaría de Movementos Socias: Álvaro Carou García
Secretaría de Economía e Emprego: Reyes Casabella Mouta
Secretaría de Sanidade:Yolanda Carrera Lorenzo
Secretaría de Educación: María Luz Pérez Arias
Secretaría de Participación Cidadá: Mª José González Maneiro
Secretaría de Movemento Veciñal:Jose Ramón González Cruces
Secretaría de Igualdade: Eva Pesado Muñiz
Secretaría de Novas Tecnoloxías: Javier Martínez Reinaldo

Vogais
Lino Mouriño Santiago
Adriana Vidal Touza
Francisco J. Baños Losada
Juan Antonio Pérez Callón
Ramiro Bandín Barreiro

Membros Natos
Portavoz Municipal do PSdG no Concello de Vilagarcía: Tania García Sanmartín
Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas de Vilagarcía: Félix González Insua



22/6/12

O Alcalde Tomás Fole, lonxe de explicar a perda de 1,6 millóns € para a intervención en Matosinhos, sorprende con unha nova valoración da intervención


Vilagarcía de Arousa, 22 de xuño de 2012.- A intervención na zona de Matosinhos para evitar inundacións segue a dar voltas e complicarse sen que os responsables municipais e provinciais expliquen realmente o que ocorreu e por qué non se ten desenvolvido a actuación prevista.

Nos últimos días a documentación que o Partido Socialista trasladou a opinión pública mostrou que, no seu momento, todo o procedemento requerido para a solicitude dos fondos Feder que ían financiar a intervención en Matosinhos foi presentada e tramitada correctamente. A partir dese punto, a Deputación de Pontevedra obviou tal solicitude e meteuna “no caixón”. Nunca foron pedidos máis informes, nen máis información ao Concello de Vilagarcía e a ausencia de documentación que contradiga este punto é a maior proba. O actual Alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, despois dun ano no seu cargo e como responsable ademáis da área de Urbanismo, non realizou ningunha xestión para avanzar neste tema, nen sequera se interesou polo seu estado ata que finalizou o prazo do procedemento. Nesa situación o Alcalde fixo o único que amosou saber facer neste ano de goberno: botarlle a culpa aos socialistas. Sen embargo, despois da citada documentación presentada por Tania García, portavoz do PSdeG no Concello, non houbo máis explicacións.


Pero Fole amosou ser quen de ir máis alá no equilibrismo e, lonxe de explicar o ocorrido ou de reclamar á Deputación unha solución, xa que foi o ente provincial quen “olvidou” solicitar a Vilagarcía a documentación que supostamente era necesaria máis alá da que recibiron, saiu pola tanxente onte ao anunciar aos representantes vecinais que a intervención en Matosinhos ten un custe de 2,5 millóns €. Os socialistas observan con incredulidade esta nova valoración por non ter unha xustificación técnica e fundamentada, e consideran que este baile de argumentacións está fora de lugar. A portavoz socialista, Tania García, plantexou hoxe que “confiamos en que esta saída pola tanxente non sexa unha maneira de desprenderse do problema, para xustificar que é un gasto moi grande e así gañar tempo. O que era interesante é coñecer a postura do Goberno Municipal sobre o éxito conxunto coa Deputación de perder 1,6 millóns € que resolverían o problema dende xa, como estaba encamiñado”.

16/6/12

O Partido Socialista presenta posibles utilizacións dos 887.000€ que Facenda devolve ao Concello de Vilagarcía, ante a inacción do Goberno Municipal


Hai unha semana que é pública a devolución, con motivo da liquidación positivia do 2010, e non se sabe nin unha soa intención do grupo de goberno.
Os socialistas ofrécense ao Goberno Local para sacar algunhas iniciativas adiante

Vilagarcía de Arousa 16 de xuño de 2012.- Nos últimos días vense de concretar a noticia de que Vilagarcía recibirá 887.000€ de devolución de Facenda por causa da liquidación positiva do ano 2010. Estes fondos, inicialmente inesperados, poden supoñer unha boa oportunidade para incrementar certas partidas presupuestarias ou aumentar algúns investimentos necesarios para Vilagarcía. Sen embargo unha semana despois, como mínimo, de ter recibido esa información o Goberno Municipal segue sen dar un paso e sen moverse para decidir onde e para que serán utilizados estes cartos. Como se non houbera necesidades, ou como se non houbera iniciativa nen coñecemento real da situación, a inacción preside o Goberno Municipal.

O Partido Socialista aproveita esta circunstancia para realizar diversas suxerencias aos responsables municipais dos posibles destinos desta importante suma. Por un lado os socialistas consideran que podería destiñarse a rebaixar as taxas e impostos que o Goberno Municipal está a recaudar dos contribuíntes, tendo en conta que o Goberno vén de aprobar subas acumuladas dun 30% nos vindeiros dez anos, no momento de maior dificultade económica das familias.

Por outro lado, e se non fose considerada válida esa primeira opción, os socialistas suxiren adicar os fondos recibidos a melloras nas redes de saneamento, sobre todo actuacións para a eliminación de verquidos na praia, que redundaría nunha mellora na calidade das augas.

Tamén, do mesmo xeito, poderíase destinar a aumentar as prazas do centro de día xa que, a pesares de ter capacidade para 20 persoas, só van ser utilizadas 10.7 prazas. Este investimento, consideran os socialistas, podería supoñer menos de 100.000€.

Engadido ás propostas anteriores, os socialistas consideran ésta unha boa oportunidade para aumentar as subvencións a ONGs, reducidas nos últimos orzamentos. Tamén, a maiores destos usos, os socialistas consideran importante aumentar a partida para os programas de servizos sociais (axudas de emerxencia, axuda a domicillio), área que nestes tempos necesita fortalecer as súas accións e actividades.

Por último, unha proposta máis dos socialistas pasa por adicar parte destes fondos a entidades culturais, conforme foi unha das áreas máis perxudicadas do recorte orzamentario, e a entidades deportivas.

En todo caso, para ter en conta estas propostas e outras que poderían surxir, os socialistas ofrécense ao Goberno Municipal para pasar á iniciativa e dialogar sobre as posibles necesidades que se poidan detectar, en vistas de que o Alcalde e os seus concelleiros seguen estancados.