Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

29/3/14

O Partido Socialista esixe a dimisión de Rocío Llovo polo fracaso cultural, turístico e económico que supón para Vilagarcía a perda do Festival do Norte

Tania García expresou hoxe a súa "tristura" porque "Vilagarcía queda sen un evento que xenera un dos maiores impactos económicos do ano"


Os socialistas piden ao Alcalde que "non toque nada máis no ano que lle queda", e afirman sentir vergoña allea de que sexa case diario que colectivos e entidades digan publicamente que se sinten enganados polo Goberno Local.

Vilagarcía de Arousa, 29 de marzo de 2014.- A noticia feita pública onte da marcha do Festival do Norte de Vilagarcía, para celebrarse a partir de agora en A Illa de Arousa supón, para o Partido Socialista, unha noticia "funesta" para Vilagarcía. Os socialistas, a través da súa voceira Tania García, consideraron hoxe que "a perda dun evento desta magnitude, xa consolidado como marca asociada a Vilagarcía e co impacto económico que ten para este Concello supón un mazazo para unha economía local que vivía, nos días do Festival, un aumento de ingresos e actividade moi importante".

Os socialistas non dubidan en sinalar como responsables ao Goberno Local, e particularmente ao alcalde Tomás Fole e á concelleira de Cultura Rocío Llovo. Lembran dende as filas socialistas que o ano pasado, este mesmo goberno puxo impedimentos e dificultades que atrancaron a propia celebración do Festival, e que de maneira constante viñeron tomando medidas e realizando declaracións que minusvaloraban o seu impacto e a súa importancia. "Dá a sensación", expuxo García Sanmartín, "de que a este Goberno incomódalle que haxa eventos deste tipo. Non entendemos por que. Ninguén comprende que se poida poñer trabas a esta cuestión". A voceira municipal tildou de "cegatos" aos dirixentes locais, aos que acusou de non ter "nin idea do que supón este Festival para hoteis, supermercados, hostalería... e o importante que é que miles de persoas visiten e coñezan Vilagarcía". Esa visión, "que si ten A Illa de Arousa, cun Goberno Local que entendeu a importancia económica, cultural e turística deste evento, deixa a Vilagarcía sinalada pola incapacidade de Fole e Llovo", concluíu a voceira socialista.

Por esta perda, que atribúen á falta de interés evidente do Concello, os socialistas solicitan a dimisión inmediata da concelleira de Cultura Rocío Llovo ou o seu cese por parte do Alcalde. "Perdemos o maior evento cultural de Vilagarcía, o de maior impacto económico, un dos máis importantes reclamos turísticos e todo pola falta de gañas e nula xestión deste triste Goberno", apuntou García, quen asegurou con dureza que "os que presumían de visión turística prometeron unha praia en Castrogudín pero quédanse inmóbiles ao ver escapar o Festival do Norte".

Dende o PSdeG apuntan a que xa é constante que os diferentes colectivos, asociacións ou entidades locais se sintan desamparados polo Goberno Local, "non hai mais que ver a prensa de hoxe para sentir vergoña dun Goberno que minte para intentar ocultar a súa incapacidade. E non o decimos nós, senón outros colectivos importantes", remarcou García Sanmartín. A conclusión que sinalan os socialistas é que "o destrozo que está causando este Goberno con este Alcalde ao frente é maior do que se podía esperar. O mellor que lle pode pasar a Vilagarcía é que non toquen nada mais neste último ano que lles queda de lexislatura".

19/3/14

O Partido Socialista aplaude que Fole asuma as súas recomendacións sobre decisións para Vilagarcía

Dende o PSdeG valoran positivamente que se poñan en marcha as iniciativas que presentaron sobre as peonalizacións e reordenamento de tráfico

Lembran a súa petición de que Ravella reclame céntimo sanitario, e agardan que a intención de Fole de facerlles caso non quede no olvido

Vilagarcía de Arousa, 19 de marzo de 2014.- Os socialistas de Vilagarcía celebraron hoxe que o Alcalde de Vilagarcía Tomás Fole comece a tomar decisións baseadas nas propostas e iniciativas que o grupo municipal socialista presenta no seu traballo diario. Tania García, voceira municipal do grupo socialista aplaudiu que o Goberno Local vaia iniciar os traballos de humanización do último tramo das rúas Ramón y Cajal e Arapiles, o que sumado a algunha reorganización do tráfico nesas rúas “mellorará a calidade de vida dos cidadáns e aumentará a seguridade vial na zona”. Lamenta García que houbera que esperar tanto para estas modificacions, “especialmente para a intervención sobre o cruce entre Juan Carlos I e Gumersindo Nartallo que leva sendo moi perigoso dende hai tempo como apuntan os veciños, e que hai anos que os socialistas solicitamos que se modificara”, pero aínda así apuntou que “máis vale tarde que nunca”.

Dende o PSdeG apuntan que “a peonalización das rúas do centro de Vilagarcía é unha aposta clara dos socialistas, que dende hai tempo vimos pretendendo que se continúe co modelo de cidade que en anteriores lexislaturas se puxo en marcha en canto ás peonalizacións”. “Esperamos que desta volta sexa a definitiva e que Fole non se opoña, como fixo coa peonalización do centro da cidade, facendo aquel escándalo ridículo de simular que pasaba unha enquisa a comerciantes e veciños da que, por certo, nunca soubemos o resultado”, apuntou Tania García.

Tamén lembrou García que a reordenación de Ramón Cabanillas, para dotala de sentido único e facilitar, ademáis a parada de autobuses para o Instituto Castro Alobre, é unha iniciativa do grupo socialista ao Pleno.

En liña con estas aportacións tamén lembrou García Sanmartín que solicitaron a reclamación por parte do Concello do céntimo sanitario, co obxecto de obter fondos para investir en Servizos Sociais e fomento do emprego, e que agardan que as intencións iniciais de Fole, que indicou que valoraba positivamente a idea dos socialistas, non queden en meras palabras e se leven a cabo.


“Todo esto lévanos a reflexionar que, tendo un goberno con 11 membros, algúns deles liberados, e todo o equipo de traballadores do Concello, o Goberno Local non é capaz de sacar adiante propostas razonables se non é gracias ao traballo dos socialistas, con 5 concelleiros, sen traballadores a disposición e sen ningún liberado” apuntou Tania García, que aproveitou para reivindicar o traballo do seu grupo: “Somos o grupo municipal que máis iniciativas presenta ao Pleno, o que máis mocións con demandas veciñais introduce no debate, o grupo que maior número delas obtén aprobadas por unanimidade. Facemos o noso traballo de opoñer e tamén de proponer”. 

27/2/14

O PSdeG denuncia “defectos graves de seguridade” nas instalacións públicas nas que o Concello debe supervisar esta labor

Apuntan, particularmente, que os extintores de edificios públicos, incluídos os centros educativos, levan un ano de retraso na súa revisión.

Tania García lembra que xa no último Pleno Municipal houbo queixas da ANPA de A Escardia por temas de seguridade sobre a escalera de incendios.

Vilagarcía de Arousa, 27 de febreiro de 2014.- Os representantes do Partido Socialista de Vilagarcía alertaron hoxe, por boca da súa voceira municipal Tania García, que teñen detectado un defecto “grave” de seguridade en edificios públicos, incluídos os centros educativos, que é a falta de revisión dos extintores ubicados para os casos de emerxencia. Os socialistas detectaron que a ultima data de revisión foi de abril de 2012, cando a normativa indica que debe facerse unha vez cada ano, polo que xa hai un retraso considerable. Dende o PSdeG apuntan a “unha mostra máis dun Goberno que cre que as cousas se resolven soas” e sinalan á “inoperancia dun equipo que non ten criterio de actuación ningún”.

Este erro súmase a outros como o que o ANPA do CEIP A Escardia indicou ao Alcalde e á concelleira de Educación, Rocío Llovo, sobre o mal estado da escalera de incendios do seu centro. Especialmente grave consideran dende a formación socialista que estes erros se dean nos centros educativos, que estiman que son lugares especialmente sensibles e con condicións moi particulares. “Non queremos pensar en que suceda nada que ninguén desexe, pero parécenos sorprendente que os centros educativos non teñan en perfectas condicións os medios necesarios para situacións de emerxencia”.

Tania García afirmou sentirse “asombrada” polo feito de que exista un concelleiro específico de seguridade “nun equipo de Goberno de 11 persoas” pero que existan erros de seguridade tan graves. García Sanmartín tirou de retranca ao afirmar que “para facer o pacto de Goberno no que o PP comprou a lealdade de IVIL, Fole e Dorgambide foron moi rápidos. Logo para traballar, a cousa xa foi mais despacio”, e volveu a insistir en que “este é un Goberno empeñado en demostrar a súa incapacidade, pero todos pagamos as consecuencias”.

Os socialistas instaron a Tomás Fole a resolver esta cuestión “de maneira urxente”, e a facer unha revisión dos sistemas de seguridade e emerxencia de edificios que agora, “por culpa dun Goberno que non fai máis que xerar desconfianza” non é posible coñecer se están perfectamente preparados, como a biblioteca, o Concello ou o auditorio. “O Concello ten persoal perfectamente capacitado para ter esto controlado, únicamente é necesario que as persoas que o dirixan traballen un pouco”, en clara referencia a Dorgambide e ao Alcalde Tomás Fole.

“Resulta irónico que non estean revisados os extintores das instalacións municipais, cando temos un Goberno que está constantemente provocando incendios con cada persoa ou colectivo co que trata” apuntou Tania García, que engadíu “neste mantra que Fole repite constantemente de que non hai cartos para nada comprobamos como si os houbo para reformar as dependencias da Alcaldía, incluso facendo traballar en domingo aos operarios municipais, pero non para solicitar unha revisión técnica das medidas de seguridade”.

11/2/14

O Partido Socialista reclama explicacións da concelleira de deportes Elena Suárez sobre a súa nefasta xestión das instalacións deportivas

Os problemas xurdidos nos campos de A Lomba e Fontecarmoa evidencian unha “improvisación permanente da dirección do departamento” e son unha mostra máis da “incapacidade deste Goberno Municipal”.

Vilagarcía de Arousa, 11 de febreiro de 2014.- Os recentes problemas acaecidos nos campos de A Lomba e de Fontecarmoa, coa aparición de deportistas danados polo tratamento que a concellería da aos campos, e a xestión de horarios e usos dos terreos, supón para os socialistas unha “evidencia da incapacidade da concelleira Elena Suárez” para dirixir un departamento no que “debe dar solucións, e non problemas, aos clubes e entidades deportivas”, segundo declarou hoxe Miro Serén, secretario xeral dos socialistas de Vilagarcía e concelleiro membro do Consello Reitor da Fundación de Deportes.

Serén apuntou cara a xestión das instalacións deportivas, e particularmente para os campos de herba, para exponer que “hai clubes que toman decisión sobre onde entrenan sen que a concelleira diga nada, fanse intervencións no tratamento dos campos sen que a concelleira sepa o que se fixo, hai entidades supramunicipais como a Deputación que quere decidir sobre investimentos en instalacións municipais e a concelleira non di nada”. Para o concelleiro socialista, a responsable de deportes do Concello “non está dirixindo o seu área”.

Dende o PSdeG lembran que dende hai tempo veñen amosando a súa disconformidade co que consideran “falta de criterio” nas decisión tomadas, e critican tamén o ninguneo que está a sufrir o Conselleo Reitor da Fundación, do que sinalan que “o pasado ano reunímonos ordinariamente tres veces, dúas delas fora do tempo da competición dos clubes federados”. A pesares disto, os socialistas creen que o Consello é un órgano que pode axudar a dirixir a concellería, pois está composto por persoas que coñecen o eido deportivo ben e que teñen vontade de axudar. “O problema está en que non hai vontade nin sequera de consultar as cousas”.

Serén amosou a disconformidade coas maneiras actuais de dirixir a concellería, e plantexou que estamos observando como todo se desmorona e non hai ninguén que poña orde. Lembra Serén que “a concelleira Elena Suárez é obvio que non tiña intención de encargarse deste área, pero cando alguén ten que afrontar algo do que aínda non sabe moito o mellor que pode facer é pedir axuda e tentar de mellorar. É unha actitude moi propia do deporte, curiosamente”. Os socialistas din lamentar que “as liortas internas do PP e as discrepancias sobre os casos evidentemente polémicos e dubidosos que o Alcalde levou a cabo en termos deportivos levasen a desbaratar a concellería, pois dimiteu Garrigós que estaba preparado para esa labor e non tiveron a ben decidir que se encargase da concellería alguén para quen non fora un marrón”.


“Coma sempre, nós estaremos para botar unha man no que poidamos, e así o vimos facendo apoiando as medidas que cremos correctas e de interese nas poucas xuntanzas da Fundación de Deportes, pero difícilmente o podemos facer se non nos convocan”, dixo o secretario xeral dos socialistas, quen pediu que a concelleira convoque ao Consello Reitor para explicar toda a información dos casos que están rodeando aos campos municipais, as medidas que se van a tomar e a posición do Goberno Municipal sobre o que outras entidades parecen ter decidido sobre as instalacións municipais.

4/2/14

Os socialistas culpan á inoperancia da Xunta e á deixadez do Concello do estado dos centros de ensino

Son moitos os colexios que presentan serias deficiencias mentras os gobernos do PP tiran os cartos en actuacións innecesarias

Tania García: “Vintecatro mil euros nuns semáforos e máis de douscentos mil na balaustrada de Vilaxoán dan conta das prioridades do PP


Vilagarcía de Arousa, 04 de febreiro de 2014.-Os socialistas culpan á inoperancia da Xunta e á deixadez do Concello do estado dos centros de ensino de Vilagarcía. Son moitas as deficiencias que presentan os centros da nosa localidade que precisan de melloras urxentes: o CEIP de Rubiáns, que xa foi obxecto de debate plenario polo estado do súa aula de Educación Física, o pabillón de A Lomba-Arealonga, que presenta un estado de deterioro e insalubridade importante, as melloras necesarias no CEIP A Escardia, e moitas necesidades tamén de carácter urxente en outros centros de ensino de Vilagarcía.

Os socialistas queren coñecer de primeira man as actuacións previstas tanto pola Concellería de Educación como pola Xunta de Galicia nos centros de Vilagarcía e, para elo, Tania García esixiulle hoxe a Rocío Llovo unha xuntanza urxente na que explique as súas accións.

Esta inoperancia e deixadez da Xunta e o do Concello dá conta da preocupación do Partido Popular pola educación pública, cada vez máis deteriorada, mentras se manteñen as subvencións a centros privados que segregan por sexos.


Os socialistas critican ademais as prioridades do Partido Popular, e fan a comparativa: “O goberno local malgasta vintecatro mil euros nun semáforos de “deseño” ao tempo que non gasta un céntimo nas melloras dos colexios. A Xunta de Galicia vai gastar máis de douscentos mil euros nunha actuación absolutamente innecesaria cambiando a balaustrada do Preguntoiro en Vilaxoán, que está en bo estado e é dun material altamente resistente, por unha balaustrada de obra que require dun mantemento constante por parte do persoal e con medios municipais. ¿Son esas as prioridades do Partido Popular? Hai nenos que non poden realizar actividades porque están a pasar frío nas aulas, nunhas instalacións cada vez máis deterioradas e que precisan de actuacións urxentes. Non vale a excusa de que non hai cartos, simplemente a educación pública non está entre as súas prioridades”, reflexionou Tania García, voceira socialista.

25/1/14

Tania García tacha de “inasumible e incoherente” a intención do Goberno Local de limitar a presentación de mocións no Pleno

A voceira socialista salienta que o Goberno “entérase de tan poucas cousas que pon como exemplo unha moción que foi propia de Vilagarcía e que se avalou por 200 sinaturas de veciños de Castrogudín”

García cree que o Goberno pretende agochar as súas propias opinións ante unha cidadanía que se avergoña dos seus dirixentes

Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2014.- O anuncio do Goberno Local de Vilagarcía de limitar a presentación de mocións ao Pleno Municipal foi calificado hoxe pola voceira municipal socialista, Tania García, como “inasumible”, ao considerar que “non é posible aceptar que se nos diga o que se pode debatir e o que non”. García indica que “a responsabilidade dos representantes políticos é debatir e posicionarse sobre as cuestións políticas que afectan aos cidadáns. ¿Que sentido ten que un Goberno elexido polos cidadáns pretenda precisamente ocultarse deses cidadáns? Gobernantes como Fole son os que causan unha desafección cidadá comprensible ante estos casos”. García Sanmartín foi moi dura con esta decisión, e está segura de que tamén pesa na acción do Goberno que “eles mesmos, gobernando e con 11 ediles entre PP e IVIL, non son quen de presentar apenas ningunha iniciativa ao Pleno, e somos os socialistas os que levamos presentadas maior número de mocións, e o que maior número delas conseguimos aprobar por unanimidade”. “A única maneira que Fole atopa para discutir o noso traballo é tentar de impedilo”.

A voceira dos socialistas afondou no que considera unha “incoherencia supina” do PP, pois apuntou a que sendo oposición Fole adicou moitos esforzos a presentar mocións referidas a outras administracións. “Incluso sendo xa goberno, o PP presentou algunha moción cando os socialistas gobernaban no Estado. Debe ser que Fole solo quere que se presenten iniciativas que insten a administracións cando as goberna a esquerda”.


García Sanmartín quixo ejemplarizar o que os socialistas consideran “a evidencia da inutilidade do Goberno Local”, pois o exemplo posto pola voceira do Goberno, Rocío Llovo, ao anunciar esta medida foi o debate producido sobre o gando mostrenco. Tania García explicou que “efectivamente, os socialistas fomos quen presentamos unha moción sobre o gando mostrenco. Presentámola acompañada de 200 sinaturas de veciños e veciñas de Castrogudín, e fixémolo porque eran precisamente os mostrencos os que invadían o lugar destrozando colleitas e leiras. Fixémolo, tamén, porque estivemos alí cando non estaba o Goberno Local. Que Fole e Llovo vaian a Castrogudín a decir que o gando mostrenco non lles importa a ninguén e que é un debate estéril como o sexo dos anxos. E despois falamos”. “Este é o exemplo do que ocorre cando non se ten puñetera idea do que se fala. Con este nivel, a Fole xa solamente quédanos decirlle que non destroce moitas cousas nos 16 meses que lle quedan como Alcalde, aínda que se quere pode ir marchando antes. Facíanos un favor a todos.”, concluiu García.

18/1/14

Tania García explica a Llovo que os socialistas traballan na ordenanza de praias pero que tiveron que adicar moito tempo a "desvelar a corrupción dos concelleiros do PP e destapar as irregularidades urbanísticas de Fole"

En todo caso indícalle á concelleira que terá a proposta socialista para evaluar, xa que parece que non saben facer nada sen que llo faga o PSdeG

Sorpréndense que o Goberno Municipal adopte xa unha actitude de oposición cando aínda lles queda un ano e medio para saír do goberno

Vilagarcía de Arousa, 17 de xaneiro de 2014.- O Partido Socialista, por boca da súa voceira municipal Tania García Sanmartín, respostou hoxe ás declaracións feitas públicas por Rocío Llovo sobre o traballo do Partido Socialista con "estupor", aínda que asumindo que "é unha actitude propia dun goberno incapaz". García Sanmartín estrañouse de que a concelleira voceira do PP non sexa quen de reflexionar sobre que "o Goberno Municipal son 11 persoas, 3 delas liberadas entre as que está a propia Llovo, con todo o corpo de traballadores do Concello á súa disposición. No Partido Socialista somos cinco, menos da metade, e sen os medios e recursos que ten un Goberno". "Aínda así, reclámanos o traballo a nos, que entendemos como un recoñecemento de que eles non son capaces e que asumen que o PSdeG ten que tomar a iniciativa". Tania García lembrou que o seu grupo municipal é o que maior número de iniciativas presentou ao Pleno, e o que máis mocións conseguíu aprobar por unanimidade, dato que amosa xa a súa capacidade fronte á do PP a pesares de ser estes o Goberno Municipal con todos os recursos a favor.

Non entanto, a voceira municipal ironizou sobre as declaracións de Rocío Llovo e indicou que "os socialistas estamos ultimando unha ordenanza de praias adaptada á realidade de Vilagarcía, pero é que o PP andivo poñéndonos moitas tarefas e tivemos que destapar a corrupción, os desfalcos e as grandes eibas existentes no Goberno Local. E claro, son tantas cousas que tivemos que empregar moito esforzo". Lembrou a voceira socialista que o seu traballo levou á dimisión dun concelleiro por destaparse a súa apropiación de fondos públicos ("e o que aínda queda por saber dese caso", deslizou García). Tamén destacou a loita contra as irregularidades urbanísticas que promove o Alcalde Tomás Fole, a loita para que o bipartito conservador non permita que morran animais ás portas dun novo refuxio que non se abre porque Fole non quere ou o esforzo por sacar á luz a realidade das subas inxustas de impostos e taxas municipais, como se está a ver na rúa. 


En todo caso, García apuntou que "Llovo pode estar tranquila, que nós faremos o noso traballo, como xa fixemos coas anteriores ordenanzas. Incluso con alguna que o bipartito PP-IVIL votaron a favor pero dicindo que xa a ían cambiar porque estaba mal". Cree García que "o que a concelleira fai é, básicamente, expresar a incapacidade dun goberno que ten que pedir que os demais fagan o traballo". "Parece que, aínda que sexa goberno, a concelleira toma actitudes de oposición", sorprendeuse García Sanmartín, aínda que concluíu que "será que xa está practicando porque ten asumido o que todos sabemos: que en menos de ano e medio esa será a súa labor".