Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

3/9/11

Xuventudes critica improvisacións do goberno para trasladar concertos en caso de chuvia: pasou cos grupos locais e agora con Maldita Nerea

Preguntámonos por qué fixeron vir a Maldita Nerea noutra data se a opción de Fexdega, abandonada polo PP, xa era viable o pasado 14 de agosto
Marta Rodríguez amosou o seu desprezo ás bandas locais invitándoas a tocar baixo a chuvia logo de impedirlles actuar no Auditorio como estaba previsto nun principio
Vilagarcía de Arousa, 2 de setembro de 2011.- Xuventudes Socialistas de Vilagarcía non deixa de quedar abraiada ante a falta de previsión amosada polo goberno do PP en canto á organización dos concertos de San Roque 2011. Se a concelleira de Xuventude, Marta Rodríguez, xa amosara a súa incapacidade, deixadez e prepotencia no caso do concerto das bandas locais, o aprazamento da actuación estrela destas festas, a de Maldita Nerea, levouna ata o esperpento.
Xuventudes Socialistas de Vilagarcía pregúntase por qué o goberno local aprazou 20 días este concerto para finalmente celebrarse onte nun escenario, o recinto cuberto de Fexdega, que estaba tan dispoñible o día 14 de agosto coma o 1 de setembro. É ben sabido que para o PP o pavillón da Maroma é un solar inútil ata que instalen as canchas de baloncesto. Xuventudes aproveita para agradecer á banda o detalle de regresar a Vilagarcía a pesares da chapuza popular.
O feito de que sexan novatos en materia de goberno non exime a persoas tan veteranas na política local, como Marta Rodríguez (que botou 12 anos na oposición), que, como responsable da Concellería de Xuventude non só amosou as súas eivas, senón tamén a súa soberbia. Xuventudes Socialistas de Vilagarcía coñeceu da man dos propios grupos locais que ían actuar no Sanrock Festival cousas tan abraiantes como que a concelleira lles propuxo actuar baixo a chuvia, xa que o Auditorio, escenario alternativo apalabrado, non estaba dispoñible o día do concerto. Ante a falta de previsión, chulería.
O desprezo ós grupos locais foi absoluto. Lembramos que en 2010 a todos eles se lles pagou por actuar e non tiveron que facerse cargo dos gastos de montaxe. Nesta ocasión, todo foi pelado: tiñan que tocar gratis, asumir os gastos de produción e dar as grazas.
Outro detalle polo que moita xente protestou foi polo retraso de preto de media hora que houbo no concerto de Tamara, que a cantante atribuíu a un erro na organización. Estaría ben que o goberno local aclarase por qué varios centos de persoas tiveron que agardar 30 minutos de pé aquel día.
Da prepotencia do goberno non só se queixan os mozos que ían participar na xornada cancelada do Sanrock Festival, senón tamén outros grupos que se ofreceron a actuar gratis e segundo anunciaron nas redes sociais non recibiron nin unha triste chamada do Concello.
Hipocrisía coa mocidade
Tamén nos sorprende que o goberno local botase a culpa á mocidade dos residuos xerados durante a festas, particularmente durante a noite previa á Festa da Auga. Segundo o PP, os mozos foron os grandes culpables do lixo que había nas rúas, cando son eles e os visitantes os que dan verdadeiro sentido á celebración vilagarciá por excelencia. Chócanos que o goberno do PP apele á concienciación cívica cando en campaña Tomás Fole cualificaba ditas campañas de escusas, cando quen as defendía era o PSdeG. ¿Qué cambiou en tres meses? Soamente o goberno local. Agora gobernan eles e a culpa é dos mozos, di o PP.
Conclusión: Ningunha idea nova
Como balance da programación destas festas, consideramos que a concelleira tomou prestadas a maioría de ideas que xa existían en anos anteriores e o mérito real que tivo, ademais dos xa mencionados, foi o de suprimir algún evento que viña funcionando ben, como o Urban VGA. Xuventudes Socialistas afirma que, en xeral, as festas de San Roque 2011 tiveron unha programación moi pobre en comparación a anos anteriores, como demostra que tamén se eliminasen case por completo as orquestras ou que non se loitase por recuperar festivais exitosos como o Vilagarcía Blues Festival.
Agardamos que para o vindeiro ano, se ten tempo dabondo para dedicarllo á Concellería de Xuventude, Marta Rodríguez ofreza á mocidade vilagarciá unha programación máis variada e orixinal, xa que este ano o único realmente novidoso e de colleita propia que aportou foi a improvisación amosada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario