Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

27/2/11

Modesto Pose continúa a súa rolda de xuntanzas cos axentes sociais entrevistándose coa directiva de FECA


O candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Vilagarcía trasladou aos empresarios que o aspecto principal do seu programa será a xeración de emprego e consolidación do emprego, para o cual considera fundamental a implicación das asociacións empresariais.

Vilagarcía de Arousa, 23 de febreiro de 2011.- Modesto Pose continuou hoxe coa rolda de contactos que está a manter cos axentes sociais, iniciada a semana pasada coa xuntanza con UGT, sostendo unha entrevista de traballo coa dirección da Federación de Empresarios da Comarca de Arousa. Nesta xuntanza, os empresarios trasladaron a Pose as súas inquedanzas e perspectivas sobre a situación económica e social de Vilagarcía.

O candidato socialista á alcaldía quixo expor aos membros de FECA o seu prioritario interese pola promoción económica e a xeración de actividade empresarial en Vilagarcía, que repercutirá inevitablemente na creación de emprego, aspecto que para Modesto Pose constitúe o principal e absoluto obxectivo nestes tempos. Pose declarou que “é preciso que dende todas as institucións, públicas e privadas, teñamos claro un rumbo común destinado a afrontar as dificultades nas que hoxe en día nos vemos inmersos. O futuro de Vilagarcía pasa por acoller novas iniciativas empresarias e fortalecer o tecido xa existente, de cara a conseguir xerar novo emprego e consolidar o xa existente, obxectivo para o que porei todo o meu empeño.”

Na súa perspectiva como deputado autonómico e secretario provincial de Pontevedra do PSdeG, Modesto Pose apuntou que “a superación dos momentos difíciles xorde da colaboración de todos os axentes sociais e representantes políticos, que temos a responsabilidade de dar resposta ás preocupacións dos cidadáns”. En conclusión, Pose recalcou: “todos estamos no mesmo barco da recuperación económica, e o meu empeño é aunar esforzos de todos para acadar, canto antes, ese obxectivo”.

20/2/11

O candidato socialista á Alcaldía de Vilagarcía, Modesto Pose, inicia unha rolda de contactos cos axentes sociais cunha xuntanza co sindicato UGT

Pose dá prioridade absoluta ao emprego e á actividade económica para o futuro de Vilagarcía.

Vilagarcía de Arousa, 16 de febreiro de 2011.- O recentemente elixido candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Vilagarcía, Modesto Pose, inicia estes días unha rolda de reunións cos diferentes axentes sociais de Vilagarcía. Estas xuntanzas teñen a vontade de recoller as inquedanzas, reflexións e aportacións que dende as distintas organizacións e colectivos queren propor para o futuro da nosa vila.

A primeira destas entrevistas produciuse no día de hoxe coa Executiva de UGT, aberta tamén a todos os membros deste sindicato. Para Pose, “os sindicatos son un elemento fundamental da vida social da nosa vila. A súa perspectiva sobre a situación económica global, e a incidencia particular en Vilagarcía, é unha visión necesaria e imprescindible para poder tomar decisións no eido do emprego e a actividade económica”, valorou hoxe mesmo o candidato socialista.

Como xa sinalou en diferentes ocasións, Modesto Pose terá como eixo principal da campaña o emprego e a xeración de oportunidades para os vilagarciáns. A pesares de non ser os concellos quenes teñen competencias neste senso, senón a Xunta de Galicia, Pose quere centrar aquí a meirande parte do seu esforzo. “O fomento do emprego e de posibles novas posibilidades en Vilagarcía que xeren riqueza, activen a economía e reforcen o noso entramado social e empresarial ten que ser, e vai ser, o eixo principal das nosas propostas”, declarou.

O candidato socialista á Alcaldía, Modesto Pose, continuará este proceso que iniciou no día de onte, solicitando xuntanzas similares coas outras centrais sindicais, así como outros axentes sociais e colectivos e asociacións vilagarcianas, durante as vindeiras datas.

10/2/11

Modesto Pose proclamado candidato do PSdeG á Alcaldía de Vilagarcía

A Asemblea de militantes da agrupación de Vilagarcía, reunida de forma extraordinaria onte martes na sede da rúa Castelao, ratificou a proposta da Comisión Executiva de propor a Modesto Pose como candidato do partido á Alcaldía de Vilagarcía. Os militantes de Vilagarcía ratificaron a Pose como candidato con un 80% dos votos a favor, tras unha das asembleas máis multitudinarias que se recordan na agrupación.


Modesto Pose é a proposta que a Comisión Executiva fixo aos militantes, e que a Secretaria Xeral encargouse de ofrecer aos compañeiros, facendo un percorrido polas circunstancias que rodearon á renuncia do anterior candidato Carlos Guerrero, e expoñendo as razóns polas que a Executiva fixo esta proposta. Na súa intervención Tania García dixo que "Modesto Pose é un gran candidato, e será un gran alcalde". "Esta executiva trae aquí unha proposta a esta agrupación porque é a súa responsabilidade, e consideramos, tras un profundo e pausado debate, que traemos aquí a mellor proposta posible", insistiu. De forma breve, a Secretaria Xeral fixo un percorrido pola vida política de Modesto Pose, dende a súa militancia no partido na clandestinidade ata a súa situación agora como Deputado por Arousa no Parlamento de Galicia e a súa labor como Secretario Xeral da Provincia de Pontevedra, pasando pola súa experiencia municipal como concelleiro na súa vila natal de Malpica.


Modesto Pose recolleu a testemuña da Secretaria Xeral, e lembrou o proceso que levaron á celebración desta asemblea. Despois, nun discurso moi potente e ilusionador, Modesto deixou ben claro que "eu preséntome ás eleccións para gañar" e non dubidou en afirmar que "o Partido Socialista vai seguir gobernando Vilagarcía nos vindeiros catro anos. Algúns van ter que mercar un bo taco de papel, xa que os que están poñendo carteis de 104 días que faltan para o 22 de maio, dende ese día van ter que poñer 1457 máis que son os días que faltarán para as seguintes eleccións municipais". O candidato plantexou algunhas liñas básicas do que será o seu programa, que estará centrado na xeración de emprego, a pesares de que "non son os concellos, senón a Xunta, quen ten as competencias para implementar actuacións dirixidas a xerar empleo. Pero nós non podemos quedarnos sen facer nada, coma outros". Tamén arremeteu contra a xestión autonómica en sanidade, eido que coñece perfectamente pola súa condición de médico e portavoz socialista da Comisión de Sanidade, xa que "algúns non creen que Vilagarcía mereza un centro de atención primaria de calidade. Nós pelexaremos por él."

Tras as intervencións dos compañeiros que quixeron falar, a votación ofreceu o resultado de masivo apoio ao candidato que aproveitou unhas últimas verbas para agradecer o apoio e invitar a todos a traballar arreo para conquerir a tan desexada victoria o 22 de maio nas furnas.

2/2/11

Comunicado de Prensa: Os socialistas invitan a J.J. Durán a presentarse as eleccións en Vilagarcía

O PsdeG de Vilagarcía invita a Durán a presentarse en Vilagarcía para adquirir a lexitimidade para opinar sobre política local
Está máis preocupado do Partido Socialista de Vilagarcía que de desenvolver o seu traballo. Valorando a súa actuación na Deputación, semella que Durán considera as campañas fanse comprando vontades.

Ante as declaracións públicas feitas dende o PP da provincia de Pontevedra, na voz de José Juan Durán, que atinxen a cuestións de Vilagarcía, e particularmente do PsdeG, este Partido Socialista quere transmitir a súa sorpresa pola aparición tan alegre do señor Durán en canto as súas aspiracións políticas e electoralistas se refire.

En primeiro lugar, Durán debería aclarar el mesmo onde se vai presentar nas vindeiras eleccións, xa que por todos é sabido que nin vive nin exerce en Vilanova, vila na que foi elexido concelleiro, e que as súas relacións co PP vilanovés non son as máis idóneas. Quizáis as súas frecuentes opinións sobre Vilagarcía sexan xustificadas porque está a interesarse polo seu futuro político nesta vila, e formar parte da lista electoral do PP vilagarcián está entre os seus proxectos próximos. Esa sería a decisión que mostraría, na realidade, se José Juan Durán ten a lexitimidade para falar de Vilagarcía.  

Por outro lado, o señor Durán o que debe de explicar é a súa xestión pública. Dende a súa responsabilidade na Deputación, en vez de falar constantemente dos demáis, debería de presentar o balance das súas actuacións e as explicacións de todas elas. Os cidadáns están interesados en saber qué ocorre cos 14 millóns de euros que o seu superior, Rafael Louzán, gardou para libre disposición dentro do garrafal Plan Anticrise provincial. Tamén a cidadanía quere saber se o señor Durán, ou a Deputación, teñen algunha idea máis para a provincia que non sexa facer campos de fútbol, que sempre fan as mesmas empresas, e que están moi ben pero non de herba (artifical) comen as persoas. Por suposto, estamos esperando xustificación da medida anticrise que a Deputación tomou, contratando a 600 persoas na provincia, sen proceso de selección sen criterios previos e sen obxectivo específico definido, e dos que seguramente poderemos adiviñar que, casualmente, farán un traballo moi intenso para o seu partido político nas vindeiras eleccións municipais. Dende o Partido Socialista consideramos que certas actuacións están fora da ética, e mostran que a conciencia do señor Durán pasa por tentar de comprar calquera cousa con cartos, públicos claro.

Por todo esto, esperamos que o señor Durán aclare primeiro as súas sombras, que son moitas, busque os apoios dentro do seu propio partido (se os ten), e despois adquira a lexitimidade necesaria, por exemplo presentándose as eleccións das vilas sobre as que opina incesantemente. Dende o Partido Socialista seguiremos facendo traballo para propoñer ideas e desenvolver os proxectos que consideramos mellor para os cidadáns. Confiamos en que iso será un bo camiño para revalidar a Alcaldía de Vilagarcía, con Modesto Pose, e gañar a Deputación de Pontevedra.

Saúdos
Comisión Executiva Municipal de Vilagarcía

31/1/11

Convocatoria Asemblea Extraordinaria

Dada a eventualidade producida pola renuncia do compañeiro Carlos Guerrero como candidato do PSdeG-PSOE ás eleccións municipais de maio-2011, a Comisión Executiva Municipal reproduce o procedemente designado para a elección de candidato á Alcaldía de Vilagrcía, polos medios, prazos e formas establecidos. A tal fin, convocámoste a:

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA
Data: martes 8 de febreiro
Hora: 20.00h en primeira convocatoria / 20.30h en segunda convocatoria
Lugar: Casa do Pobo, sede do partido. Rúa Castelao, 18, entrechán.

ORDE DO DÍA
  1. Elección de mesa
  2. Eleccións municipais
    1. Proposta/s de candidato
A Comisión Executiva Municipal, segundo regula o procedemente, presentará á militancia a súa proposta.
Poderá ser presentada á Asemblea calquera outra proposta que conte co 20% das firmas da agrupación local.
    1. Votación de proposta/s
    2. Resultados da votación e proclamación de candidato

Pola importancia dos temas a tratar, agardamos a túa asistencia.

Un saúdo,

Álvaro Carou García, Secretario de Organización
Vº Bº Tania García Sanmartín, Secretaria Xeral

Vilagarcía, 31 de xaneiro de 2011.

21/1/11

Carta de Carlos Guerrero

Reprodúcese literalmente a carta enviada por Carlos Guerrero á Secretaria Xeral Tania García, que se trasladou aos medios de comunicación.

A/a Secretaria Xeral do PsdeG de Vilagarcía de Arousa:

Ante as informacións ofrecidas por algúns medios de comunicación sobre a renuncia da miña candidatura ás próximas eleccións municipais, quero manifestarche o seguinte:

1)     Estou pasando por un proceso difícil de saúde, que me obriga a centrar todo o meu esforzo na súa resolución.
2)     Non tiña pensado renunciar como candidato, senón loitar pola superación desta situación e, en función das recomendacións facultativas tomar as decisións correspondentes nos tempos e formas que estas foran precisas.
3)     Dado que os acontecementos e os tempos e formas se precipitan por informacións non contrastadas coa miña persoa, o mellor para a miña saúde e tamén para o Partido Socialista de Vilagarcía é a miña renuncia como candidato. Non é esta a decisión que querería tomar, pero as circunstancias obríganme a esto.
4)     Quero expresar o meu profundo agradecemento e o meu cariño ao Partido Socialista, e moi especialmente á Comisión Executiva Local, a ti como Secretaria Xeral de Vilagarcía e ao Secretario Provincial Modesto Pose, por ter mostrado o voso sinceiro e total aprecio pola miña persoa. Por suposto, tamén quero facer extensivo este agradecemento aos militantes e simpatizantes socialistas, así coma a todos os veciños e veciñas de Vilagarcía que tanto aprecio me transmitiron dende sempre Lamento non poder pilotar este proxecto progresista para Vilagarcía, pero tamén quero trasladarche a miña completa identificación coas vosas decisións, pasadas e futuras, coas que me sinto plenamente representado e que sinto como miñas. Sabes que nunca fun amigo dos personalismos, e este proxecto que o Partido Socialista ten para Vilagarcía sigue sendo tan meu como antes, a pesares de non poder implicarme tanto como eu querería noutra situación.
5)     Sei que o Partido Socialista, e ti como Secretaria Xeral, teredes a comprensión que esta decisión merece e que seguiredes traballando polo que sempre o fixemos conxuntamente, por ofrecer aos vilagarciáns as mellores posiblidades para a súa cidade dende un ollar socialista.

Gracias por todo, unha vez máis, e recibe unha forte aperta socialista.
Carlos Guerrero Vázquez
     Vilagarcía de Arousa, 20 de xaneiro de 2011.

12/1/11

Reorganización das labores de goberno do Grupo Municipal

O Grupo Municipal Socialista de Vilagarcía ven de reformular as competencias delegadas dos seus concelleiros, finalizando un proceso iniciado pola dimisión do edil de Xestión do Territorio e Medio Ambiente, Marcelino Abuín, o pasado 31 de decembro. 

Aproveitamos dende este espazo para agradecer o esforzo e adicación que o compañeiro Marcelino Abuín tivo coas súas responsabilidades, desexándolle moita sorte e éxito nos seus vindeiros proxectos persoais e profesionais. O actual secretario de organización da agrupación de Vilagarcía, Álvaro Carou, será o novo membro do grupo municipal, e polo tanto do grupo de goberno, pola súa condición de seguinte membro da lista electoral que o Partido Socialista presentou nas eleccións municipais de 2007.

Despois da reordenación de competencias, a delegación de funcións do grupo municipal socialista queda da seguinte maneira:


- Dolores García GiménezAlcaldesa
Victoria Hierro LorenzoConcelleira das áreas de Igualdade e Deportes.
Manuel Rodríguez CuervoConcelleiro de Obras.
José Membrives RojasVoceiro do Grupo Municipal Socialista e concelleiro de Persoal.
Susana Camiño Pérez. Concelleira de Educación, Limpeza, Medio Ambiente e Parques e xardíns.
- Tania García Sanmartín. Concelleira de Xestión do Territorio.
- Álvaro Carou García. Concelleiro de Sanidade, Formación e Emprego.

Os compañeiros de goberno do Bloque Nacionalista Galego e as súas Concellerías seguen sendo:

- Xosé Castro Ratón. Teniente de Alcalde. Concelleiro de Cultura.
- Ana Lorenzo Fraga. Concelleira de Servicios Sociais.
- Rosa Abuín Rodríguez. Concelleira de Promoción económica, Turismo e Comercio.


Desexámoslle a todos eles que poidan desenvolver as súas funcións coa mellor das disposicións, e desenvolvan proxectos e ideas que repercutan, como sempre é vontade dos gobernos de progreso, en beneficio de Vilagarcía e dos seus veciños.