Pose dá prioridade absoluta ao emprego e á actividade económica para o futuro de Vilagarcía.
Vilagarcía de Arousa, 16 de febreiro de 2011.- O recentemente elixido candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Vilagarcía, Modesto Pose, inicia estes días unha rolda de reunións cos diferentes axentes sociais de Vilagarcía. Estas xuntanzas teñen a vontade de recoller as inquedanzas, reflexións e aportacións que dende as distintas organizacións e colectivos queren propor para o futuro da nosa vila.
A primeira destas entrevistas produciuse no día de hoxe coa Executiva de UGT, aberta tamén a todos os membros deste sindicato. Para Pose, “os sindicatos son un elemento fundamental da vida social da nosa vila. A súa perspectiva sobre a situación económica global, e a incidencia particular en Vilagarcía, é unha visión necesaria e imprescindible para poder tomar decisións no eido do emprego e a actividade económica”, valorou hoxe mesmo o candidato socialista.
Como xa sinalou en diferentes ocasións, Modesto Pose terá como eixo principal da campaña o emprego e a xeración de oportunidades para os vilagarciáns. A pesares de non ser os concellos quenes teñen competencias neste senso, senón a Xunta de Galicia, Pose quere centrar aquí a meirande parte do seu esforzo. “O fomento do emprego e de posibles novas posibilidades en Vilagarcía que xeren riqueza, activen a economía e reforcen o noso entramado social e empresarial ten que ser, e vai ser, o eixo principal das nosas propostas”, declarou.
O candidato socialista á Alcaldía, Modesto Pose, continuará este proceso que iniciou no día de onte, solicitando xuntanzas similares coas outras centrais sindicais, así como outros axentes sociais e colectivos e asociacións vilagarcianas, durante as vindeiras datas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario