A Asemblea de militantes da agrupación de Vilagarcía, reunida de forma extraordinaria onte martes na sede da rúa Castelao, ratificou a proposta da Comisión Executiva de propor a Modesto Pose como candidato do partido á Alcaldía de Vilagarcía. Os militantes de Vilagarcía ratificaron a Pose como candidato con un 80% dos votos a favor, tras unha das asembleas máis multitudinarias que se recordan na agrupación.

Modesto Pose é a proposta que a Comisión Executiva fixo aos militantes, e que a Secretaria Xeral encargouse de ofrecer aos compañeiros, facendo un percorrido polas circunstancias que rodearon á renuncia do anterior candidato Carlos Guerrero, e expoñendo as razóns polas que a Executiva fixo esta proposta. Na súa intervención Tania García dixo que "Modesto Pose é un gran candidato, e será un gran alcalde". "Esta executiva trae aquí unha proposta a esta agrupación porque é a súa responsabilidade, e consideramos, tras un profundo e pausado debate, que traemos aquí a mellor proposta posible", insistiu. De forma breve, a Secretaria Xeral fixo un percorrido pola vida política de Modesto Pose, dende a súa militancia no partido na clandestinidade ata a súa situación agora como Deputado por Arousa no Parlamento de Galicia e a súa labor como Secretario Xeral da Provincia de Pontevedra, pasando pola súa experiencia municipal como concelleiro na súa vila natal de Malpica.
Modesto Pose recolleu a testemuña da Secretaria Xeral, e lembrou o proceso que levaron á celebración desta asemblea. Despois, nun discurso moi potente e ilusionador, Modesto deixou ben claro que "eu preséntome ás eleccións para gañar" e non dubidou en afirmar que "o Partido Socialista vai seguir gobernando Vilagarcía nos vindeiros catro anos. Algúns van ter que mercar un bo taco de papel, xa que os que están poñendo carteis de 104 días que faltan para o 22 de maio, dende ese día van ter que poñer 1457 máis que son os días que faltarán para as seguintes eleccións municipais". O candidato plantexou algunhas liñas básicas do que será o seu programa, que estará centrado na xeración de emprego, a pesares de que "non son os concellos, senón a Xunta, quen ten as competencias para implementar actuacións dirixidas a xerar empleo. Pero nós non podemos quedarnos sen facer nada, coma outros". Tamén arremeteu contra a xestión autonómica en sanidade, eido que coñece perfectamente pola súa condición de médico e portavoz socialista da Comisión de Sanidade, xa que "algúns non creen que Vilagarcía mereza un centro de atención primaria de calidade. Nós pelexaremos por él."
Tras as intervencións dos compañeiros que quixeron falar, a votación ofreceu o resultado de masivo apoio ao candidato que aproveitou unhas últimas verbas para agradecer o apoio e invitar a todos a traballar arreo para conquerir a tan desexada victoria o 22 de maio nas furnas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario