O PsdeG de Vilagarcía invita a Durán a presentarse en Vilagarcía para adquirir a lexitimidade para opinar sobre política local
Está máis preocupado do Partido Socialista de Vilagarcía que de desenvolver o seu traballo. Valorando a súa actuación na Deputación, semella que Durán considera as campañas fanse comprando vontades.
Ante as declaracións públicas feitas dende o PP da provincia de Pontevedra, na voz de José Juan Durán, que atinxen a cuestións de Vilagarcía, e particularmente do PsdeG, este Partido Socialista quere transmitir a súa sorpresa pola aparición tan alegre do señor Durán en canto as súas aspiracións políticas e electoralistas se refire.
En primeiro lugar, Durán debería aclarar el mesmo onde se vai presentar nas vindeiras eleccións, xa que por todos é sabido que nin vive nin exerce en Vilanova, vila na que foi elexido concelleiro, e que as súas relacións co PP vilanovés non son as máis idóneas. Quizáis as súas frecuentes opinións sobre Vilagarcía sexan xustificadas porque está a interesarse polo seu futuro político nesta vila, e formar parte da lista electoral do PP vilagarcián está entre os seus proxectos próximos. Esa sería a decisión que mostraría, na realidade, se José Juan Durán ten a lexitimidade para falar de Vilagarcía.
Por outro lado, o señor Durán o que debe de explicar é a súa xestión pública. Dende a súa responsabilidade na Deputación, en vez de falar constantemente dos demáis, debería de presentar o balance das súas actuacións e as explicacións de todas elas. Os cidadáns están interesados en saber qué ocorre cos 14 millóns de euros que o seu superior, Rafael Louzán, gardou para libre disposición dentro do garrafal Plan Anticrise provincial. Tamén a cidadanía quere saber se o señor Durán, ou a Deputación, teñen algunha idea máis para a provincia que non sexa facer campos de fútbol, que sempre fan as mesmas empresas, e que están moi ben pero non de herba (artifical) comen as persoas. Por suposto, estamos esperando xustificación da medida anticrise que a Deputación tomou, contratando a 600 persoas na provincia, sen proceso de selección sen criterios previos e sen obxectivo específico definido, e dos que seguramente poderemos adiviñar que, casualmente, farán un traballo moi intenso para o seu partido político nas vindeiras eleccións municipais. Dende o Partido Socialista consideramos que certas actuacións están fora da ética, e mostran que a conciencia do señor Durán pasa por tentar de comprar calquera cousa con cartos, públicos claro.
Por todo esto, esperamos que o señor Durán aclare primeiro as súas sombras, que son moitas, busque os apoios dentro do seu propio partido (se os ten), e despois adquira a lexitimidade necesaria, por exemplo presentándose as eleccións das vilas sobre as que opina incesantemente. Dende o Partido Socialista seguiremos facendo traballo para propoñer ideas e desenvolver os proxectos que consideramos mellor para os cidadáns. Confiamos en que iso será un bo camiño para revalidar a Alcaldía de Vilagarcía, con Modesto Pose, e gañar a Deputación de Pontevedra.
Saúdos
Comisión Executiva Municipal de Vilagarcía
No hay comentarios:
Publicar un comentario