O candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Vilagarcía trasladou aos empresarios que o aspecto principal do seu programa será a xeración de emprego e consolidación do emprego, para o cual considera fundamental a implicación das asociacións empresariais.
Vilagarcía de Arousa, 23 de febreiro de 2011.- Modesto Pose continuou hoxe coa rolda de contactos que está a manter cos axentes sociais, iniciada a semana pasada coa xuntanza con UGT, sostendo unha entrevista de traballo coa dirección da Federación de Empresarios da Comarca de Arousa. Nesta xuntanza, os empresarios trasladaron a Pose as súas inquedanzas e perspectivas sobre a situación económica e social de Vilagarcía.
O candidato socialista á alcaldía quixo expor aos membros de FECA o seu prioritario interese pola promoción económica e a xeración de actividade empresarial en Vilagarcía, que repercutirá inevitablemente na creación de emprego, aspecto que para Modesto Pose constitúe o principal e absoluto obxectivo nestes tempos. Pose declarou que “é preciso que dende todas as institucións, públicas e privadas, teñamos claro un rumbo común destinado a afrontar as dificultades nas que hoxe en día nos vemos inmersos. O futuro de Vilagarcía pasa por acoller novas iniciativas empresarias e fortalecer o tecido xa existente, de cara a conseguir xerar novo emprego e consolidar o xa existente, obxectivo para o que porei todo o meu empeño.”
Na súa perspectiva como deputado autonómico e secretario provincial de Pontevedra do PSdeG, Modesto Pose apuntou que “a superación dos momentos difíciles xorde da colaboración de todos os axentes sociais e representantes políticos, que temos a responsabilidade de dar resposta ás preocupacións dos cidadáns”. En conclusión, Pose recalcou: “todos estamos no mesmo barco da recuperación económica, e o meu empeño é aunar esforzos de todos para acadar, canto antes, ese obxectivo”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario