Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

17/8/12

O GOBERNO MUNICIPAL AFUNDE NUN CAOS ORGANIZATIVO Á HOSTELERÍA LOCAL NA FESTA DA AUGA E PROMOVE UN "TODO VALE" QUE DESTROZA O IMPACTO ECONÓMICO


Vilagarcía de Arousa, 17 de agosto de 2012.- Resulta obvio que a Festa da Auga, e a noite previa, supoñen unha das maiores oportunidades para os hosteleiros de Vilagarcía, senón a que máis. Por mor disto, semella incomprensible que nos días de maior actividade o Goberno Local teña decidido instaurar de maneira masiva unha competencia desleal a este sector no mesmo centro de Vilagarcía. A instalación do coñecido como “mercado Pirata” en Vilagarcía resultou ser unha burla aos comerciantes e hosteleiros locais. O Goberno Local favoreceu a instalación destes negocios no mellor espazo público posible, con todas as condicións a favor, e mentres a calquer negocio local se lle esixen (como é natural) medidas rigurosas en termos de hixiene, aforo, calidade, etc., no caso deste mercado obviamente non é así, chegando a darse o surrealista caso de que tanto clientes como os propios traballadores dos chiringuitos utilizaron constantemente os lavabos e servizos dos negocios de hostelería local mentres estes observaban a fuxida de clientes. Como guinda, a recollida dunha parte dos stands realizouse en metade da noite previa á Festa da Auga, con membros do propio mercado subindo a escadas e recollendo banderolas polo medio dos veciños e visitantes que desfrutaban da noite. Agora en Vilagarcía é máis proveitoso chegar os días de festa, nos que hai clientela, a facer un abultado negocio no mellor lugar da cidade e sen preocuparse da normativa, que ser un comerciante local que cumpra coas normas e pague os seus impostos.

A este desprecio mostrado cara os hosteleiros locais súmase a proliferación de chiringuitos móbiles que encheron as rúas do centro de Vilagarcía na Festa da Auga, e que se adicaron a vender bebidas e comidas durante a celebración da festa. Moitos comerciantes adican o seu negocio precisamente a eso mentras ven como calquera pode instalar un posto móbil que lle fai unha competencia total e que, como non ten que aterse ás normativas, pode rebaixar prezos ata chegar a unha competencia desleal.

A portavoz socialista no Concello, Tania García, anunciou hoxe xa que no vindeiro pleno municipal do día 27 preguntará ao Goberno Local polo estado dos permisos para estas actividades, e polas condicións do acordo que permitiu este tipo de negocios.

Fronte ás facilidades que o Goberno Local ofreceu para que comerciantes e empresarios de fora fixeran negocio libre na festa da auga, o trato aos hosteleiros locais non foi o mesmo. Existiu unha caótica planificación e ordeación da actividade hosteleira nesa noite, simbolizada pola xestión de permisos de barras exteriores aos locais. A última hora emitíronse unhas directrices que impedían a instalación destas barras exteriores, cando os hosteleiros xa tiñan montados os seus operativos, e sen embargo o Alcalde Fole non dubidou en desfrutar da noite nalgunha delas. Agora mesmo os hosteleiros non saben qué ocurrirá, se recibirán sancións ou non. Sen embargo, aqueles hosteleiros que respeitaron rigurosamente a prohibición viron como perderon asistencia de clientes de maneira radical.

Pero por se fora pouco, para rematar a faena, a escolla do concerto celebrado na praia Compostela semella estar feita polo pior enemigo do negocio local. Non se pode obviar que a acumulación de xente na praia Compostela na noite da auga necesita de ser enfocada con rigurosidade e reflexión. Fronte a isto, o Goberno Local decide fomentar esa acumulación de xente, que se prolongou toda a noite con DJs e máis música tras o concerto de Celtas Cortos. Un concerto, ademáis do obxectivo de ofrecer a oportunidade de ver a un grupo ou cantante en directo,  ten tamén a intención de atraer xente para que repercuta económicamente na cidade. ¿Qué repercusión se obtén cando se fomenta que a xente quede toda a noite na praia? Dende logo non se consegue que a xente visite o centro e faga gasto nos negocios locais.

¿Que mal lle fixeron os hosteleiros locais ao Goberno Local para maltratalos desta maneira? Este cúmulo de despropósitos na organización da noite e Festa da Auga necesitarán, segundo os socialistas, unha explicación rigurosa e clara das decisións tomadas por parte do Alcalde Tomás Fole. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario