Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

21/3/15

Alberto Varela manifesta a súa aposta decidida pola defensa e promoción do patrimonio cultural local

Varela destacou a necesidade de apostar por un sector capaz de aportar valor engadido a oferta turística de Vilagarcía

O candidato cualifica de “nefasta” a xestión de Fole en materia de patrimonio cultural, con varios dos máis importantes xacementos de Vilagarcía en serio perigo de desaparición



Vilagarcía de Arousa, 21 de marzo de 2015.- Alberto Varela, candidato do PSOE á Alcaldía de Vilagarcía, considera prioritario o desenvolvemento dunha política de protección, conservación e difusión do patrimonio cultural que reverta o actual estado de deterioro da meirande parte dos bens patrimoniais de Vilagarcía. “A lexislatura que está a piques de finalizar representa un claro retroceso en materia de conservación do patrimonio arqueolóxico de Vilagarcía”, sinalou Alberto Varela, quen advirte do serio risco que corren xacementos emblemáticos de Vilagarcía como os petróglifos de Os Ballotes, en Bamio. O candidato socialista visitou no día de onte este xacemento en compañía de membros da súa candidatura e do arqueólogo vilagarcián, Félix González, destacou que “os petróglifos de Os Ballotes presentan un estado de evidente de abandono que fai inapreciables os seus gravados, único a nivel de toda Galicia”. Neste sentido recalcou que “é unha mágoa que un xacemento de tan fácil acceso e sobre o que cada verán se realiza unha actividade de difusión patrimonial a que acoden moitos veciños, sexa totalmente ignorado polas autoridades municipais”. Alberto Varela tamén tivo palabras para os petróglifos de Xiabre “situados nun entorno privilexiado e que permanecen no esquecemento pola nula xestión en materia patrimonial do Sr. Fole”, remarcando que “as actuacións para a adecuación de este tipo de sitios non supoñen un elevado custe económico, senón simple vontade política, a principal carencia do Sr. Fole ao longo deste catro anos”.

Varela considerou inexplicable que a Diputación rexeitase un proxecto para a limpeza e posta en valor de Os Ballotes, mentres que gasta millóns de euros en escavacións de xacementos que non se atopan nun estado de conservación tan delicado como este. Neste sentido tamén subliñou a “incapacidade de Tomás Fole á hora de conseguir que a Diputación actuase sobre o Castro Alobre mentres se gastaba millóns en outros xacementos da comarca como A Lanzada en Sanxenxo, Monte de Castro en Ribadumia ou Igrexa Vella en Valga”.

Propostas para a revalorización do patrimonio cultural vilagarcián
Alberto Varela amosouse convencido de que “o patrimonio cultural pode xogar un papel moi importante á hora de actuar como atractivo turístico, contribuíndo á dinamización da economía de Vilagarcía e a consecuente xeración de emprego”. Segundo o candidato, “os pasos a dar comezan coa revisión do catálogo de bens a conservar do Concello, que culminaría coa elaboración dunha guía do patrimonio cultural de Vilagarcía que permita aos cidadáns e aos turistas a posibilidade dun achegamento aos principais bens patrimoniais do municipio, acompañado da limpeza e acondicionamento deses lugares”. Neste sentido, Alberto Varela avogou pola “ampliación das rutas de sendeirismo de Xiabre integrando espazos a revalorizar como os petróglifos de Fontefría ou o túmulo de Pinar do Rei, dotando de contido cultural eses percorridos”. Tamén propuxo o fortalecemento de rutas como a dos pazos, que “precisa un esforzo de difusión máis importante para acercala aos cidadáns”; ou a creación de outras novas como as das igrexas, destacando o rico patrimonio arquitectónico relixioso co que conta Vilagarcía e que a día de hoxe “atópase totalmente infravalorado e infrautilizado”. “As igrexas románicas de Vilaxoán e Fontecarmoa son dous exemplos”, concluíu Varela.  

En materia de protección do patrimonio, consciente de que a difusión do patrimonio é fundamental para que os cidadáns o valoren e polo tanto o protexan, Varela apostou por “unha campaña de educación patrimonial nos diferentes centros educativos do Concello, que teña como obxectivo que os rapaces sexan conscientes do valor e da importancia de protexer e conservar o noso patrimonio”, convencido de que “a educación e concienciación cidadán son as ferramentas máis eficaces para converternos nunha sociedade respectuosa cos elementos patrimoniais que son propiedade de todos os veciños”. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario