Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

17/3/15

O Partido Socialista considera “vergonzoso” contratar persoal de campaña con cargo a fondos municipais

“Primeiro foron as obras electoralistas, despois os mitins dende o púlpito e agora a utilización de cartos públicos para costear o seu persoal de campaña”, sinalou Alberto Varela

Tania García pregúntase “se o rexeitamento de programas como o de alimentación infantil ou o plan de becas tiñan como obxectivo aforrar cartos para contratar asesores de prensa en campaña”

Vilagarcía de Arousa, 17 de marzo de 2015.- O Partido Socialista de Vilagarcía considera inadmisible e inxustificable a decisión de Fole de contratar un asesor de prensa con cargo ao erario público a escasos dous meses da celebración das eleccións municipais. “Despois de catro anos de inactividade o Sr. Fole sorprende aos cidadáns con obras cun marcado carácter electoralista, con anuncios dende o púlpito e agora coa contratación dende o Concello de persoal de prensa destinado a deseñar a súa campaña electoral”, denunciou o candidato á Alcaldía, Alberto Varela, seguro de que “os cidadáns non entenderán que con cartos públicos se trate de pagar unha campaña electoral”.

A voceira municipal socialista, Tania García, considera “indigno” este comportamento, cualificando de “patrañas” as afirmación de Fole durante catro anos de que non había cartos. “Fole leva repetindo catro anos que non existían fondos para levar a cabo actuacións imprescindibles para Vilagarcía e agora pretende financiar a súa campaña cos impostos de todos os cidadáns”, afirmou a voceira municipal. “Fole debe pedir desculpas á cidadanía de Vilagarcía agora que se demostra que a finalidade do incremento de impostos como o IBI era contratar asesores de prensa para un lavado de cara despois de catro anos de nefasta xestión”.

Neste senso, Tania García recorda que “ademais de subir taxas e impostos, Fole e seu grupo rexeitaron iniciativas como o programa de alimentación infantil ou o plan de becas para estudantes baixo o argumento da ausencia de cartos”. “Despois de catro anos de abandono, tanto dos cidadáns como da cidade, agora vemos para que gardaba Fole os cartos: para obras en período electoral sen consultar ao veciños e para aumentar o gasto de persoal de confianza a menos de dous meses das eleccións”. A voceira municipal tamén engadiu que “Fole é consciente de que nin con todo o asfalto do mundo, nin co mellor asesor de prensa posible, volvería a gozar da confianza dos cidadáns, cansados dun Alcalde instalado na mentira e sen escrúpulos a hora de pagar con cartos do Concello as súas aspiracións persoais de revalidar a Alcaldía”. “Se Fole necesita un asesor de prensa para emendar que Vilagarcía leva catro anos sen Alcalde, que o pague do seu peto o que o contrate o PP, pero que non asuman os custes uns veciños  ignorados e maltratados durante toda a lexislatura”. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario