Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

28/3/15

Alberto Varela reclama que os trens con destino Madrid teñan parada en Vilagarcía

A instancias de Varela o Grupo Municipal Socialista rexistrou unha moción de urxencia para instar a Fomento a que reconsidere a súa decisión de marxinar  a Vilagarcía

Alberto Varela esixe que Fole “antepoña os intereses dos veciños de Vilagarcía aos seus propios intereses dentro do Partido Popular”

Vilagarcía de Arousa, 28 de marzo de 2015.- O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Alberto Varela, manifesta a súa fonda preocupación polas recentes declaracións da Ministra de Fomento, Ana Pastor, que pretenden marxinar a Vilagarcía no deseño das paradas na conexión entre Galicia e Madrid a través da Alta Velocidade”. Neste sentido Alberto Varela defendeu que “os veciños de Vilagarcía non deben ser considerados cidadáns de segunda categoría” e culpou directamente a Fole de “amosar unha completa despreocupación na defensa dos intereses de Vilagarcía e dos Vilagarciáns”, na medida en que “a conexión ferroviaria co resto de Galicia e con Madrid é fundamental para que Vilagarcía sexa unha cidade ben comunicada e polo tanto un lugar cómodo no que residir”. Varela engadiu que “a pasividade do Sr. Fole na defensa do intereses de Vilagarcía supón unha pedra no camiño das nosas oportunidades de desenvolvemento como cidade”.

A instancias de Alberto Varela, o Grupo Municipal Socialista, a través da súa voceira municipal e número 2 na lista de Varela -Tania García-, vén de rexistrar unha moción de urxencia destinada a conseguir o apoio de toda a corporación para, apuntou Varela, “canalizar as inquedanzas amosadas por moitos veciños que son usuarios habituais do transporte ferroviario e instar a Fomento a que non deixe sen acceso directo con Madrid a todos os veciños de Vilagarcía”. Neste sentido, Varela amosouse confiado “de que o Sr. Fole amosará unha actitude responsable, defendendo os intereses do veciños fronte os seus intereses persoais dentro do Partido Popular”. 


MOCIÓN DE URXENCIA POLA COMUNICACIÓN DIRECTA DE VILAGARCÍA DE AROUSA A MADRID A TRAVÉS DO FERROCARRIL

De acordo e ao amparo do previsto  no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Vilagarcía de Arousa desexa someter á consideración do Pleno Municipal a siguiente MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En días recentes, a Ministra de Fomento vén de anunciar as novas liñas de comunicación por ferrocarril coa Meseta, pola posta en marcha dos novos trazados do Eixo Atlántico. Vilagarcía de Arousa, segundo indicou a Ministra, queda sen acceso directo ao tren de longa distancia a Madrid.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE somete á consideración do Pleno da Corporación, a adopción dos seguintes acordos.

1. Instar ao Ministerio de Fomento e a RENFE a que Vilagarcía teña acceso directo por ferrocarril a Madrid.

2. Dar traslado deste acordo a todos os Grupos Parlamentarios do Congreso dos Deputados.

3. Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galicia e aos Grupos Parlamentarios do Parlamento de Galicia.


Vilagarcía de Arousa, 28 de marzo de 2015


Asdo. Tania García Sanmartín



AO ALCALDE/PRESIDENTE DA CORPORACIÓN DE VILAGARCÍA DE AROUSA

No hay comentarios:

Publicar un comentario