Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

1/4/15

Alberto Varela plantea a “necesidade urxente” dun debate público sobre a situación política de Vilagarcía e pregunta a Fole se está disposto ou vai seguir agochado

O candidato socialista sinalou que o Pleno Municipal deste pasado luns afondou na sensación de indefensión e desamparo da cidadanía fronte a un goberno e un Alcalde “á deriva”

Varela considera que Fole “non pode estar agochado detrás de inauguracións, visitas de Conselleiros e accións electoralistas” e demándalle que de a cara e ofreza a súa visión

Vilagarcía de Arousa, 1 de abril de 2015.- O candidato socialista á Alcaldía de Vilagarcía, Alberto Varela, valorou no día de hoxe o Pleno Municipal celebrado o pasado luns e que para Varela supuxo “unha nova constatación de que o clima político que promove o actual goberno é irrespirable”. Varela Paz apuntou que “novamente asistimos a unha presencia no Pleno de colectivos que demandan solucións aos seus problemas, e que ven como non son atendidos ata que a súa reclamación se fai visible e mediática. Ademáis,  a actitude do goberno local é de rexeitamento cara as reivindicacións, con confrontacións incluso persoais coas persoas que acuden ao pleno”.

Ante esta situación, Varela explicou que “os cidadáns perciben únicamente un Alcalde que está a recibir agora aos Conselleiros que levan anos sen vir a Vilagarcía a dar solucións, e que agora que chegan as eleccións veñen a prometer todas as cousas sobre as que antes estiveron caladiños”. Varela rexeitou uns modos que son “absolutamente electoralistas”, e que inclúen “organizar actos dende a Alcaldía para terminar por dar mítins encubertos” facendo referencia ás recentes imaxes de Fole subido ás encimeras da praza de abastos ou no púlpito da igrexa de Bamio. O alcaldable do PSdeG incidiu en que “mentres os cidadáns reclaman solucións para uns problemas, Fole faise o xordo e saca fotos”. “Fole desgobernou Vilagarcía de tal maneira que a sensación de fartazgo é inmensa, e agora pretende sacar adiante unha campaña electoral cos cartos de todos que tiña apartados”, criticou o candidato socialista.

Por todo o anterior, Varela considera que “non é de recibo que o Alcalde se parapete en Louzán e os Conselleiros, e se agoche na Alcaldía esperando que pasen as eleccións e discutindo con todo o mundo” e polo tanto concluiu que “é necesario e urxente que exista un debate público, aberto e claro sobre a situación de desamparo á que están sometidos os cidadáns”. Varela afirmou que está disposto a ter “os debates que sexan necesarios, no formato que sexa, no lugar que sexa”, porque a situación de Vilagarcía é de “estancamento e de crispación provocados por un goberno incapaz e desafiante cos veciños”. Alberto Varela destacou que “os socialistas estamos a plantexar as nosas alternativas, o noso modelo de cidade, a visión que temos da situación actual e como resolvela”, e quere comprobar se o actual Alcalde está “á altura das circunstancias” pois considera que a situación o ten superado. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario