Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes
Pablo Iglesias

30/4/11

POSE ANUNCIA A SÚA INTENCIÓN DE CONVERTIR A CASA DO DOUTOR CARÚS NUNHA GARDERÍA CON PRETO DE 60 PRAZAS


Daría asistencia a nenas e nenos de Cea, Rubiáns, Trabanca Badiña, A Torre e As Carolinas

O investimento sería menor: só o necesario para adaptar o edificio ás funcións de centro infantil e equipalo con novo mobiliario

Vilagarcía de Arousa 30 de abril de 2011.- O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Vilagarcía, Modesto Pose, visitou o parque do Doutor Carús, en Trabanca Badiña, para anunciar a súa idea de transformar a casa deste espazo, restaurada recentemente polo Concello, nunha gardería municipal.

Pose explicou que a vivenda cumpre cos requisitos de adaptabilidade que o decreto 329/2005 esixe para este tipo de centros e que as reformas necesarias suporían un mínimo investimento ao Concello. A isto só habería que sumarlle a incorporación do mobiliario para que Vilagarcía pasase a contar coa súa terceira gardería pública. “En canto sexa alcalde enviarei aos técnicos para estudar a adaptación da casa ao seu uso como gardería”, prometeu o socialista, que estivo acompañado polos membros da súa lista Manuel Rodríguez Cuervo, Tania García, Susana Camiño, Miro Serén, Lino Mouriño e Fernando Quintela.

A idea de Modesto Pose é que este centro acolla a preto de 60 nenas e nenos, co que se cubriría a demanda das poboacións próximas á finca do Doutor Carús: Rubiáns, Cea e Trabanca Badiña, A Torre e As Carolinas. Esta gardería pasaría a ser a que asistise á poboación do leste municipal, mentres que Carril e A Lomba cubrirían as necesidades de norte e sur, respectivamente.

Na actualidade a demanda de prazas de educación infantil en Vilagarcía excede á oferta, que son as 229 prazas da Lomba e as 80 de Carril. A isto hai que engadirlle que a taxa de nacementos da cidade arousá estímase nos 360 alumbramentos por ano.

Outra vantaxe desta localización é que o Concello dispón de terreos anexos que posibilitarían unha ampliación do centro, que podería crecer doadamente pola súa parte posterior, na que existe un patio ideal para empregar como zona de xogos infantís.

Modesto Pose tamén incidiu durante a súa visita na boa acollida que tivo a idea entre os veciños de Trabanca Badiña. Nunha recente reunión coa asociación veciñal, estes pediron ao candidato socialista que lle dera un uso práctico á casa e que así xerase actividade na zona. A iniciativa de facer desta vivenda unha gardería pareceulles especialmente atractiva, pois ademais resolvería un problema das familias do barrio: a falta de prazas en garderías e a distancia cos dous centros que existen a día de hoxe.

Antes de que esta proposta cristalice, Pose cre que sería unha boa idea darlle un uso inmediato e temporal á casa de Carús, para o que propuxo trasladar o local das Áreas de Rehabilitación Integral, que agora están nun baixo en aluguer (preto de 2.000 euros ao mes) na rúa Castor Sánchez.

Finalmente,  o número un da lista electoral do PSdeG-PSOE vilagarcián lembrou que a reforma integral do parque e a casa de Carús foi unha posibilidade que o Concello non puido deixar pasar e incluír nas obras do Plan E de 2009, xa que era o momento de adquirir estes terreos mediante un convenio que permitise que todas as vilagarciás e vilagarciáns puidesen gozar deles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario